09 febreiro 2013

De mecos...

Un Entroido máis e van ... o noso creativo e xenial (haino que ir dicindo ben alto) compañeiro do Departamento de Plástica, Modesto Fernández,  deixounos a todos coa boca aberta coa creación do Meco deste ano, representando a un orixinal Pokemon, propio da súa factoría.
Bastante tempo atrás, nalgún curso de formación sobre a recreación da tradición, falábannos da recuperación, reutilización e recreación dos elementos tradicionais da nosa cultura para seren aproveitados como elemento didáctico e á  vez fixativo do que son as nosas raíces, adaptándoas aos novos tempos. Desde logo temos diante de nós un exemplo paradigmático do que eses cursos propuñan.
O Meco, elemento central destas tradicionais festas --ás veces un pouco descafeinadas--  que servía como eixo desa catarse comunitaria que significa o Entroido e no que todas as culpas e críticas recaían, gaña presenza ano tras ano, coas creacións imaxinativas deste noso compañeiro.
É mágoa ter que queimalo, aínda que aí a tradición imponse. 
Parabéns!

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.