21 febreiro 2013

Interior de Santa María de Silvela (I)

No interior é onde se aprecia con claridade a orixe románica da igrexa, en elementos como o arco de triunfo. Este é de medio punto dobrado de sección rectangular. O arco inferior descansa sobre columnas románicas encastradas no muro. 
O capitel dereito presenta unha decoración con entrelazo que acubilla, na parte superior, formas avultadas: a central lisa e de forma oval, e as laterais con incisións paralelas ou en cuadrícula, a modo de piña. Este último motivo, como destaca Varela Arias, aparece en edificios do camiño de Santiago, e ten filiacións coa arte islámica (non esquezamos o papel que artífices islámicos xogaron na creación de capiteis románicos no norte peninsular, caso ben estudado en Cataluña ou Silos). Seguindo a Varela Arias, este modelo de capitel aparece tamén en igrexas como San Salvador de Vilar de Donas e en San Xoan de Portomarín.

O capitel esquerdo tamén ostenta un entrelazo de cintas perladas que rodean tren formas avultadas raiadas na parte superior. Varela Arias compara este capitel cun semellante no arco triunfal da igrexa de Santiago de Ligonde (Monterroso), e suxire que poida ser do mesmo autor. Tamén ve semellanzas con capiteis de Sobrado ou de San Salvador de Vilar de Donas, apuntando a posibilidade dun mesmo taller. Nós, atopamos un capitel de factura moi semellante ós descritos no mesmo concello de Friol, na igrexa de Anafreita. De feito, o capitel dereito de Anafreita parece unha síntese dos aquí presentes.
Os dous capiteis rematan nun corpo rectangular a modo de ábaco, e sobre este o cimacio, que se prolonga no muro a modo de asento ó dobre arco.
As basas das columnas, parcialmente ocultas no pavimento, responden ó tradicional esquema ático. O toro superior está decorado con sogueado, e o inferior, máis expandido, presenta unha decoración de díficil descrición, pois presenta un claro desgaste e tampouco se conserva na súa totalidade.
Sobre o arco de triunfo ábrese unha pequena ventá románica con derrame interior. No lado esquerdo do mesmo muro, pódese apreciar unha fornela que debeu ser aberta posteriormente.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.