19 febreiro 2013

Un cruceiro en Silvela

Hai uns días achegámonos ata Silvela co obxectivo inicial de tirar unhas fotografías á igrexa parroquial. Na procura das súas chaves demos con este cruceiro, do que xa tiñamos información gráfica por unha reportaxe que nos pasara hai tempo a Asociación Cultural Cova da Serpe.
Un veciño, Celestino de 98 anos, home natural de Cumbraos, Sobrado, dos que 35 lévaos en Silvela, contounos a historia que el coñecía non por tela vivido en directo aínda que por idade si podía.
Pois ben, o que lembraba coincidía coa que tiñamos recollida nós, grazas a unha nova publicada no seu momento no diario lugués "El Regional".
Á historia de Celestino, engadímoslle as datas que, evidentemente tiramos da citada publicación.
Na corte da súa casa, unha rapaciña de 13 anos, Mercedes Cabado, coidaba "por orden de sus padres" unha vaca acabada de parir.
A prensa indica que un can penetrou na corte asustando de tal xeito á vaca que esta "enfurecida la persiguió corneándola". A rapaza quedou tan malferida que á noite do día seguinte faleceu.
Os feitos ocorreron rematando o ano 1923, concretamente o día 7 de decembro.A noticia apareceu publicada  no devandito xornal o día 12 dese mes.
A casa era á da Torra, orixe da familia que hoxe rexenta a Panadaría Casanova na vila friolesa. 
En memoria da alma da defunta decidiron erixir pouco despois o sinxelo cruceiro que ilustra a entrada e testemuña un feito ben tráxico para a familia e a comunidade veciñal.

1 comentarios:

Anónimo

Tráxica historia. Fai tempo que sei de este cruceiro por estar no lugar donde viven uns parentes, e nunca supe o seu significado hasta agora.
Graciñas por toda a labor que facedes.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.