28 abril 2013

A escola de Carballo

Esta escola, na actualidade local social da Asociación de Veciños do Carballo, foi inaugurada o 17 de xullo de 1959, coa presenza do Gobernador Civil do momento, D. Enrique Otero Aenlle (de raíces ribadenses e que foi, 1949-1957, alcalde de Santiago de Compostela e posteriormente Gobernador Civil de Salamanca) e as autoridades locais, presididas polo alcalde D. Manuel Andón Cebreiro ( de grato recordo no concello). A casa escola foi bendicida polo cura párroco de Carballo, D. Manuel Doel Fernández.
Di o diario "El Progreso" que nas proximidades da escola “se habían levantado arcos con expresivas salutaciones al señor gobernador” e que o vecindario fixo obxecto ao mesmo de “cálidas muestras de simpatía y cariño”.
Esta inauguración formaba parte dunha serie de actos que, ao longo da xornada, incluía outras inauguracións (a escola de Miraz entre elas) e actos protocolarios que o réxime artellaba ao redor das datas máis significativas para o franquismo imperante. O 18 de xullo, era sen lugar a dúbidas, unha data na que o sistema político imperante pretendía ter unha forte presencia mediática coa dobre finalidade propagandística e silenciadora das posibles críticas dos "desafectos".
A creación destas novas escolas entroncaba coa necesidade de adaptar ao novo sistema produtivo emerxente, un sistema escolar que preparase ás novas xeracións para a súa incorporación ao mundo laboral. 

Esta escola estivo en funcionamento ata ben entrados os anos setenta do pasado século, no que alumnado e mestra integráronse na Agrupación da capital do concello ao igual ca o resto de escolas unitarias espalladas polo mesmo, proceso que rematou definitivamente a fins dos anos 90 coa implantación da ESO e a conversión do colexio friolés no actual Colexio Público Integrado.
Rehabilitada polo concello, na actualidade, como a dixemos ao principio, é o local social dende onde a dinámica Asociación Carballo Vivo pon en marcha os múltiples proxectos que está a poñer a andar.
Na imaxe -- publicada na revista "Manda Carballo"-- aparece o alumnado acompañado pola mestra Cristina Trashorras.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.