01 maio 2013

A serpe da cova

Entramos no mes de maio e con el o mes que destinamos á presentación da montaxe anual que estes últimos anos facemos na Torre de San Paio.
Este ano no que o Día das Letras Galegas está dedicado a  Roberto Vidal Bolaño, representante xenuíno do mundo teatral galego, non podemos senón que aledarnos por compartir dedicación --evidentemente nunha esfera completamente distinta-- con este homenaxeado que levaba o teatro no seu sangue.
Nós dun xeito máis modesto, aínda que non menos intenso, argallamos este ano a reposición de "A Serpe da Cova", primeira montaxe do noso grupo ( maio 2009).
Aínda que o fío condutor da obra segue sendo a lenda emblemática do noso concello, introducimos pequenas variacións, novos personaxes e novas situacións que lle dan á montaxe un novo aire e que se non erramos nas nosas perspectivas van significar un salto cualitativo das nosas producións.
Aparte das habituais funcións destinadas aos compañeiros do noso centro, este ano representaremos a obra para o alumnado do CPI de Guntín -- repiten despois da experiencia do ano pasado-- e tamén para os do IES de Guitiriz, que será a primeira vez que asistan a unha nosa representación.
Por outro lado, o día 18 de maio --sábado ás seis da tarde-- Día Internacional dos Museos, faremos unha sesión aberta que estará dedicada especialmente para os asistentes ás 1ª Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural que empezaron a celebrarse este pasado sábado 27 de abril.
Agradecer a colaboración da Rede Museística e en especial ao persoal da Torre de San Paio. Sen a súa axuda e colaboración este conto non sería posible.
Esperámosvos !.
   
  

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.