28 maio 2013

A Sociedade Recreativa Deportiva Cultural de Friol (II)

Continuamos nesta entrada o iniciada nestoutra xa publicada hai algún tempo
A recuperación da actividade da antiga sociedade creada no ano 1932, aínda que a efectos legais está datada no ano 1949 (momento da autorización gubernativa) xa tiña algún camiño percorrido, pois inmediatamente despois de recibir o citado permiso, o primeiro domingo de abril do mesmo ano, lévase a cabo a bendición do campo da Reigosa, por parte do párroco da vila  D. Vicente Álvarez. Din as crónicas que as "señoritas Esther Álvarez y Felisa Corredoira eran las portadoras de la bandera nacional y de la sociedad" no acto no que se obsequiou, no propio recinto deportivo, aos asistentes cun "vino español y unas pastas".
Botan a andar as actividades deportivas o 17 do mesmo mes coa desputa dun partido de fútbol entre o Friol e un equipo de Teixeiro que serve como inauguración do campo deportivo. Ao final do mesmo celebrouse un baile e verbena. Dicir que este primeiro encontro saldouse cun 3-0 a favor do equipo friolés. Ese mesmo ano, o 15 de maio celebran o segundo encontro fronte a un equipo do antigo INP (Instituto Nacional de Previsión) co gallo do San Cidre. 
Excursións pola xeografía galega, festas campestres, carreiras ciclistas, concertos (falan as crónicas dunha "banda de esta villa"), concursos de bailes e vestidos "regionales"... actividade, en definitiva, lúdico-recreativas que de seguro foron dinamizando a vida social da capital friolesa. 
Estes briosos inicios, parecen minguar nos primeiros anos dos cincuenta, cando o correspondente do diario "El Progreso" pregúntase reiteradamente pola escasa actividade da sociedade e mesmo critica a falta de actividades culturais e deportivas.
Noméase nova directiva (1952) na que encontramos a D. Antonio López Díaz e D. Manuel Martínez Fernández de la Vega, reanudándose, sobre todo, o aspecto futbolístico da citada sociedade, aínda que sen esquecer as excursións (como a organizada a Portugal en maio de 1954) e os bailes de sociedade desenvoltos no Salón Friol.
Rematando a década dos cincuenta, en xuño de 1959 aparecen como presidente D. Ángel Martínez Puga e como vicepresidente D. José Fuciños Quiroga.
Estes son os datos que posuímos das actividades da Sociedade Recreativa. Supoñemos seguiría funcionando mais non sabemos nin como nin ata cando.
Seguro que algún de vós pode achegar algún dato que complete a vida deste referente socio-cultural de Friol.
Nota: A imaxe recolle a vivenda que ocupaba o Salón Friol nestes tempos dos que falamos na entrada

2 comentarios:

Anónimo

Por problemas técnicos tivemos que eliminar o anterior comentario que transcribimos a continuación:
H.M dixo...
Efectivamente, ao meu xuízo, a Sociedad Recreativa Deportiva Cultural de Friol tivo a súa importancia no desenvolvemento da vida social e deportiva de Friol nas décadas 1950-1960.
Aínda que o obxectivo da Sociedade era deportivo,cultural e recreativo, unha das principais actividades era o fútbol. Moitos domingos do verán, con este motivo, visitaban Friol bastantes persoas de outros Concellos próximos, e outros domingos frioleses ían co equipo a outras vilas, como por exemplo Guitiriz e Taboada na provincia de Lugo, e Teixeiro e Sobrado dos Monxes na provincia de A Coruña. Precisamente en Sobrado dos Monxes os partidos de fútbol tiñan lugar no campo que hai diante do Mosteiro, hoxe en día dedicado a xardín, pero entón nese campo onde se xogaba, había, ao menos, un carballo grande. Cóntase , eu non o vin,que un dos que defendía as cores era Celestino F. de la Vega,cuxa especialidade futbolística era o "regateo" ou caneo, o que provocaba que, máis dunha vez, o fogoso defensor contrario,como consecuencia do "regate", fose contra a árbore, e por iso, e ademais pola súa arte de sortear todo o que lle saíra ao paso, era coñecido en Friol por "O Cerimonias".
Cando eu era estudante de bacharelato, alá polos anos 50, o equipo de fútbol estaba formado por rapaces de Friol, reforzados por algún que outro xogador de superior categoría, como o que fora porteiro do Lugo e do Polvorín, Samuel, que paraba todo o que lle viñera. Outros reforzos,que agora recorde,foron Jirafa e García,que con posterioridade foi publicista.Todos eles estaban encantados de defender o equipo de Friol.
Tamén se organizaban probas ciclistas. Recordo algunhas polas Festas de Santa Isabel, que tiñan moito éxito e eran espectaculares. O percorrido Campo da Feira- Reigosa - Campo da Torre, con terminación no sitio de comezo, despois de varias voltas.
A S.R.D.C de Friol organizou excursións. Unha de bo recordo para os que foron foi a Portugal,sendo recibidos en Audiencia en Estoril por D. Juan,pai de El Rei D. Juan Carlos I.
Actualmente, e dende hai bastante tempo, a S.R.D.C de Friol está en letargo .
Sería desexable que recobrase o seu esplendor. A documentación está gardada en Friol.
No momento actual, non obstante, hai que destacar que Friol ten un dos mellores equipos de fútbol feminino de Galicia, o "Concello de Friol", que milita en 2ª División Nacional Feminina, o que leva consigo ,entre outras cousas, que o nome de Friol se pasee, moitas veces vitorioso, por varias provincias españolas, e que recibamos as súas visitas.
Por todo o dito,parécenos moi ben a recente creación da Asociación " Carballo Vivo" , na parroquia do mesmo nome, á que desexamos moito éxito e unha activa vida cultural e de dinamización do medio rural.
Tamén temos que felicitar polo seu labor cultural ao blog " Friol, algo máis que pan e queixo".

Carricoba

Grazas Higinio. Sería moi interesante botarlle unha ollada á documentación que dis que hai sobre a Asociación.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.