27 maio 2013

D Victorino Cobas: Un friolés membro correspondente da Real Academia Galega

Hai xa algún tempo, na procura de información para realizar as entradas sobre D. Vicente Devesa Jul, encontrámonos con este personaxe, do que buscamos información sen moito éxito, ata este curso no que coincidimos cunha 'sobriña neta' como compañeira no centro escolar que nos facilitou esta biografía que a continuación transcribimos:
O 17 de xaneiro do ano 1904, naceu na parroquia de Vilafiz, D Victorino Cobas García. É o maior de dez irmáns.
Con 11 anos, en outubro do 1915, ingresa para facer os seus estudos no Seminario de Lugo, estudos que remata no ano 1926 sendo destinado como ecónomo á parroquia de S Pedro de Villasinde do concello berciano de A Veiga de Valcarce; marchando a Santiago, en outubro do mesmo ano, para ampliar os seus estudos teolóxicos. 
Rematados estes, no ano 1928 marcha á Coruña, que vai ser a súa cidade de residencia ata o seu falecemento. Nesta cidade inicia o seu primeiro achegamento ao mundo da docencia no Sanatorio Marítimo de Oza; sendo nomeado no ano 1929 capelán do mesmo. 
En 1938 exerce como profesor de relixión no colexio que as “Josefinas” teñen na Coruña, para a partir do ano 1939 pasar a dar clase de Latín no colexio Dequit. Na década dos corenta, inicia a docencia da área de filosofía no Instituto Feminino da Coruña, actividade que comparte con outros centros escolares. Xa nos anos cincuenta aparece como profesor de relixión na Escola de Maxisterio da mesma cidade. 
En 1951 consegue a coenxía da Colexiata de Santa María do Campo ocupando desde esa data o posto de cóengo na citada colexiata. Membro consiliario da HOAC, fundador do Centro Interno “A Milagrosa, dependente da Acción Católica. 
Home de igrexa, participaba en todos os actos aos que era chamado, xa fose dar pregóns nas celebracións das Semanas Santas (Viveiro por exemplo) , como a elaboración de calquera artigo ou traballo para calquera publicación de corte eclesiástica. 
Foi ( ao igual que Celestino Fernández de la Vegamembro correspondente da Real Academia Galega, aínda que non sabemos desde cando e cal era exactamente a súa función
Faleceu o 27 de maio de 1980 na cidade herculina, sendo trasladados os seus restos ao cemiterio de Santa María de Vilafiz, anos máis tarde, concretamente o 30 de maio de 1989.
Agradecemos a achega de información á nosa compañeira Vanessa Cansino Devesa

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.