03 xaneiro 2014

Unha achega á toponimia menor da capitalidade do concello

Friol, a parroquia capitalidade do concello, baixo a advocación de S. Xiao, ten unha serie de microtopónimos que repasaremos nesta entrada coa que iniciamos o ano 2014.
Comezamos o percorrido pola Reigosa, lugar onde se encontra a medorra da que xa falamos noutra entrada e o campo de fútbol da vila; ten a súa orixe no latino "radicosus", abundancial de raíces.
Próximo está O Lobezao que provén do nome dun antigo posuidor "Lupicianus"de "lupino" que nos achegaría á idea relacionada co mundo dos lobos.Curioso que en Castela aínda se conserva o nome de Lupiciano na onomástica actual.
O Carballal é outro fitónimo: abundancial de carballos con orixe prerromana"carb".
A Ponte das Varelas -sobre o río que vén de Ramelle tería relación coa abundancia de varas pequenas, polo tanto do latín "vara",diminutivizado.
O Muíño de Serén, propiedade dun antigo propietario latino "Serenus". Facer mención aquí a concurrencia onomástica coa parroquia de Santa Cruz de Serén
A Eirexe que vén do latino "ecclesiae".
Paderne (que segundo nos informan Montse Castro e Angela Moreiras é o espazo a ambos lados do camiño que unen precisamente á Eirexe co Muíño de Serén); tería a súa orixe no xenitivo de "Paternus": "Paterni", antropónimo latino, posuidor deste espazo e como se pode deducir relacionado con "pater", pai. Casas da Noite sería as propiedade dun antigo posuidor xermánico "Nausti".
Os Castelos , lugar do que xa falamos  noutra entrada, sería o plural de "castellum", que vén sendo o diminutivo de  "castrum", castros. Agro de Fofe: Campo destinado ao cultivo, propiedade dun posuidor latino "Fofus". Encontramos documentación medieval nos que aparece o antropónimo reflectido. Tamén en Palas de Rei na parroquia de Albá hai un Vilafofe coa mesma orixe, e no Covelo (Pontevedra) unha parroquia S Miguel de Fofe. 
As Tenzas (espazo onde está o Polígono industrial) do latino "tenentia"( ter, posuír) serían cada unha das parcelas nas que se dividía un monte comunal para uso dun veciño, sen divisións e  dunha duración establecida ( o común eran dez anos).
Enfronte das Tenzas atopamos As Coutadas (do outro lado da estrada que vai a Lugo), nos dicionarios aparece como "terreo que se acouta para que medre o pasto", tamén existe a posibilidade de que fosen suxeitas a algún tipo de prohibición. 
A Ponte do río Grande e a Ponte do Río Pequeno son hodónimos --topónimos relacionados coas vías de comunicación--. Dependendo se permiten o paso polo Narla (río Grande) ou polo, cremos, Reboredo (río pequeno) reciben o adxectivo correspondente.
O Campo da Torre, ten nos latinos "campus" e en "turre" a súa explicación..
O Campo da Feira, centro das actividades da vida local na actualidade é un topónimo recente, pensemos que ata principios do século XX, non había feiras en Friol, polo que obviamente non existiría espazo destinado a tal fin: Dos latinos "campus" e "feria".
Do propio Friol xa falamos nunha entrada anterior.
A fotografía achegóunola Tato Sánchez Grande.

3 comentarios:

H.M.

En canto Os Castelos haberá unhos 60 anos, cerca da estrada que leva a Lousende, tiña localizadas 3 ou 4 mámoas, que en posterior visita non puiden ver. Nunha de estas medoñas penso que se desenrolou, en 1609, o episodio polo que Gabriel de Lamas fíxose con un tesouro, do que foi desposeido polos homes de armas de D. Alonso Ordóñez, señor da Fortaleza de S. Payo.
Según teño escoitado entre os penedos de Os Castelos tense encontrado algúns obxectos prehistóricos, e eu mesmo atopei cerámica castrexa.
Cando era pequeno e pasaba por ese lugar, sempre me impresionaban as rochas de Os Castelos, hoxe moi deterioradas, pois sacóuse moito granito para construir as casas de Friol.E non soamente sirviron para Friol. E así conforme recolle unha antiga tradición a igrexa gótico-renacentista de Guimarei, alá a fináis da Idade Media, foi construída con pedra de Os Castelos, e unha "xugada" de bois facía ela soa o acarreo da pedra, sen que ninguén a guiara, indo, unha e outra vez, da igrexa a canteira e da canteira a igrexa.

Mª José

Un pequeño agasallo virtual en mi blog TICS en FLE :)

Friol

Merci beaucoup!

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.