20 abril 2014

A Cova da Serpe: unha versión literaria

Portada e contraportada da publicación
Rematando o século XIX, na capital lucense, no ano 1891, convocouse un "Certamen literario y artístico" por parte da Asociación de Escritores e Artistas da cidade de Lugo.
A el concorren entre outros Aureliano J. Pereira cun longo poema no que narra unha das lendas máis espalladas do concello friolés e co que consegue un accésit.
Aureliano J. Pereira, lugués nacido no ano 1855 e falecido en Madrid no ano 1906, foi un xornalista autodidacta (Diario de Lugo, El Regional) de ideas rexionalistas, republicanas, federalistas, laicas, e xa naquelas datas defensor dos dereitos da muller; nos últimos anos da súa vida, en Madrid, ten mesmo contactos co movemento obreiro da época. Un home cunha interesante biografía, hoxe escurecida, pero que podemos repasar lendo este artigo de Anxo Tarrío, ou mesmo o libro de Mª José Rodríguez Valcárcel: Aureliano J, Pereira no Rexurdimento galego, co que a autora conseguiu o 10º Premio literario Ánxel Fole.
O título do poema é  A Cova d'a serpe, que como ben se indica na contraportada é "una leyenda en verso gallego" – situémonos na Galicia da derradeira década do XIX que está en pleno proceso de recuperación literaria da lingua galega-- ten unha pequena introdución na que fai unha evocación da tradición lendaria, solicitando inspiración para a acometer o traballo que se propón levar adiante. Feita esta declaración de intencións, vai narrando en sete apartados a historia que todos coñecemos e na que, nesta versión, o autor, remátaa coa figura espectral da protagonista vagando como ánima polos montes do cordal da Cova da Serpe.
O texto pódese ler neste enlace no que se accede ao libro publicado no 1892 e que aparece dixitalizado na web da Real Academia que tamén se pode visitar.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.