24 decembro 2014

Un acto protocolario no Friol de 1926

Dous piares empregados polo xeneral Primo de Rivera para manter o poder tras o seu golpe de estado, foron a Unión Patriótica (partido único no que se adscribían as clases dirixentes para poder seguir gozando dos dereitos e privilexios aos que estaban afeitos) e o Somatén. Ámbolos dous ían da man e reflectían a estrutura sociopolítica na que repousaba a ideoloxía "primo-riverista".
Inmediatamente despois do triunfo do golpe de estado o citado xeneral publicou un Decreto que estendía por toda España a institución creada en Catalunya moito tempo atrás: o Somatén. Esta institución de orixe medieval ( o nome provén do "som atents"-estamos atentos-) foi promovida co obxectivo fundamental de manter a  orde e estimular a colaboración cidadá co novo réxime. O Somatén era un corpo de xente civil armada encargada, en última instancia, de controlar a poboación.
Para impulsar o apoio social e animar ao alistamento aos somaténs, organizáronse multitude de actos por toda a xeografía española. Nos mesmos participaban as forzas vivas do lugar xunto coa presenza das autoridades civís e eclesiásticas da provincia correspondente. Dos máis efectistas, sen lugar a dúbidas, era a entrega e benzón da bandeira.
O que aquí traemos é o acto celebrado en Friol o domingo 11 de xullo do ano 1926. Segundo contan as crónicas a vila encontrábase decorada con arcos vexetais á entrada e a saída nos que se podía ler: "Los Somatenes de Friol a las Autoridades Luicenses" e " El Somatén de Friol a la Madrina de su bandera". O acto -unha misa campal-- celebrouse no chamado Souto da Castiñeira onde se levantou un pequeno altar ( a fotografía que ilustra a entrada está feita nese espazo). A ambos lados instaláronse dous estrados para invitados e autoridades por un lado e para a Madriña e a súa corte de Honor polo outro. Colocados de xeito ordenado estaba o alumnado cos seus mestres D. Francisco Balufer, D. Manuel Bóveda e Dª Encarnación Ulloa; estaban presentes tamén os membros do Somatén friolés, autoridades e público en xeral.
O Somatén de Friol
Celebrada a misa levouse a cabo a benzón da bandeira por parte do prelado Rey de Lemos que dirixiu unha pequena prédica aos presentes destacando a importancia do Somatén no desenvolvemento da vida diaria. A continuación foi a Madriña a que tomou a palabra para rematar o acto cos consabidos vivas regulamentarios e posterior entrega da  bandeira ao cabo de distrito.
Rematado o acto, aproveitouse a presenza do bispo da diocese para bendecir as obras do edificio do que é hoxe a Casa do Concello.
Na primeira fotografía (empezando pola esquerda) vemos aos tres representantes frioleses: o alcalde D. José Casanova Cobas que ao tempo era o cabo do Somatén do concello, Dª Sagrario González Rosón, madriña do acto que recibiu moitas felicitacións -segundo conta a crónica-- polo seu labor artístico pintando a bandeira e D. Ángel González Rosón, irmán da madriña e abandeirado no acto, que como podemos observar ao fondo está presidido pola imaxe da Santa Isabel.
Os outros tres persoeiros son o bispo da diocese lucense D. Plácido Rey de Lemos, D. Eduardo Rosón López , daquela alcalde da capital da provincia e cabo de partido do Somatén e por último D. Nicanor Zornoza Lledó, comandante auxiliar do Somatén na provincia.

2 comentarios:

H.M.



Curiosas e históricas fotografías. E a primeira vez que vexo a figura do Alcalde Casanova.

Carricoba

Nós levamos unha boa alegría ao dar con estas fotografías. fundamentalmente por poñerlle cara tanto ao alcalde como a algún membro dos Rosón.
Un saúdo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.