22 febreiro 2015

Carnaval en Friol

Rematado o ciclo festivo de  Entroido aproveitamos  para completar a entrada anterior relacionada coas actividades da Sociedade Sport-Club de Friol por un lado, e, polo outro, render o tributo anual que este blog se autoimpuxo coa publicación da fotografía do meco deseñado e producido polo Departamento de Plástica e o alumnado de 3º e 4º de ESO do colexio de Friol.
Achegamos aquí a nova publicada no xornal El Progreso no ano 1933 que dá conta da celebración o martes de Entroido do baile de Carnaval que a partir das cinco da tarde ( como mudaron os costumes horarios) tivo lugar no "Salón de Fiestas" que segundo a crónica estaba completamente abarrotado e "adornado esmeradamente"
A sociedade, que previamente "había adquirido varios regalos" para premiar a "las parejas de máscaras mejor ataviadas", formou un xurado para a concesión dos  premios, composto este por "dos socios, dos señoras y el presidente".
Os premios foron gañados polas parellas formadas por "don José Bóveda y la Srta Carmucha Morandeira y don José Carballal con su hermana Maruja, los que se presentaron delicadamente vestidos". Para contentar ao resto da concorrencia repartíronse tamén "diversos premios entre las señoritas asistentes".
Puro carnaval vilego e fina descrición que transcribimos entre comiñas para ser fieis transmisores do que a nova achega.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.