18 abril 2015

Xornadas de Carballo Vivo ( I )

Hoxe pola mañá no marco das 3ª Xornadas de Dinamización do Medio Rural, desenvolvéronse as sesións relacionadas coa escola en tempos pretéritos.
Nas mesmas perfilamos as características sobranceiras  que explican desde unha perspectiva socio-política o contexto no que se desenvolveu o mundo da educación,  facendo sobre todo fincapé no período da II República , a sublevación militar franquista e os primeiros anos da posguerra coas súas tráxicas consecuencias.Por outro lado realizamos unha andaina pola escola friolesa dende mediados do século XIX ata mediados do século XX.
Falar deste período é falar entre outras cuestións da innumerable presenza das escolas de ferrado: Á sociedade friolesa cumpríalle unha instrución básica á que a escola pública era incapaz de darlle resposta; de aí a proliferación de escolantes de ferrado. Escolas que coexistiron coas públicas ata ben entrado o século XX.
Non seriamos capaces de facer un listado das citadas escolas: temos referencia da d'A Laxe e o Albeiro na parroquia do Carballo; a de Samede, Torre de San Paio, Torre da Luz, Caspardo, Suouteiro e Rétede, na parroquia de Xiá; Macedo en Condes,e tantas e tantas outras que multiplicaron con seguridade as doce primeiras que aparecen recollidas no "Diccionario geográfico" de Pascual Madoz do ano 1845.
En próximas entradas deixaremos colgadas as presentacións que serviron de apoio ao exposto, pero nesta deixamos unha pequena entrevista feita a María Penas Varela- veciña na actualidade de Paredes (Carballo)- que nos relatou a súa experiencia como mestra de ferrado alá pola década dos corenta e primeiros anos dos cincuenta do pasado século, cando María era unha mociña alentada pola mestra da escola pública de Xiá ,Vicenta Puga Castro.
Cremos paga a pena pararse dez minutos e escoitala. 


Nota: As fotografías que ilustran a entrada foron feitas por Xesús Rodríguez e Ana Isabel Castro

5 comentarios:

H.M


Moi interesante.
Oín falar de moitos mestres do ferrado de pan polo Concello de Friol, pero que me de conta, só coñecín un. Recordo un rapaz sobre unhos 30 anos, e unhos catro maior ca mín, que a principios dos anos 50,e con formación elemental, ensiñaba,con bastante concurrencia, en Friol.
Era fillo de Rufina e o seu padrastro era Carricoba, e na sua casa daba clases. O qoe non recordo se cobraba o ferrado de pan ou doutra forma.

Carricoba

E sabes onde poñía a escola?

H.M

O local onde facia escola era na casa dos pais. Entrabase pola plazuela o lado da Casa Peruchelas, no mesmo Campo da Feira. O nome do mestre creo que era Manolo,

Carricoba

Ah! Ese Carricoba debía ser un tal Salvador, creo, que ou vivía ou tiña casa en Lugo na rúa San Pedro ou en río Navia non me acordo ben.
Graciñas Higinio

H.M


Esta escola pouco durou. Non estou seguro pero quizais 1 ou 2 anos.
Non me soa o nome de Salvador, senón mais ben o de Domingo.
En Friol tiveron un comercio de tecidos e mercería. Logo trasladaron a sua residencia a Lugo, onde puxeron unha colchonería na Rúa de S. Pedro.
Pouco mais sei desta familia, integrada polo matrimonio e 4 fillos ( 3 homes e 1 muller), 3 deles do primeiro matrimonio de Rufina, e do maior, Manolo, é do que teño menos noticias. O segundo, Suso, emigrou a Uruguay, onde en principio íballe moi ben, pois veo 2 veraos a disfrutar da fortuna A Friol. O terceiro Víctor (Tico) foi camionero

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.