18 febreiro 2016

O viaxeiro radical

No mes de xuño deste pasado ano a editorial Galaxia publicaba a última creación de Xerardo Quintiá "O viaxeiro radical". Despois da súa lectura nos afastados meses de lecer estival, tiñamos pendente a publicación desta entrada no blog que fomos adiando ata hoxe. Aí vai.
Neste coidado relato atopámonos cunha biografía novelada de Manfred Gnädinger, o que para nós sempre fora o "Alemán de Camelle", personaxe enigmático que na nosa mocidade foi motivo de visitas iniciáticas a esa parroquia de Camariñas a bordo dun vello 2CV, e por suposto orixe de controversia polas diferentes opinións que a vida e obra deste home xeraban.
Chegado a principios dos sesenta a esa parroquia camariñá, en plena Costa da Morte, despois dun seu periplo europeo --detallado na novela-- Man, como tamén era coñecido, decidiu asentarse en Camelle, no que creu lugar idóneo para levar adiante os seus proxectos artísticos, que en definitiva, non eran outra cousa ca representación en pedra da súa filosofía vital resumida nunha comuñón plena co medio natural magnificamente plasmada na obra de Quintiá.
Moitos foron os atrancos cos que se encontrou este artista, pois era de difícil comprensión para a poboación lugareña aquilo que para el era a súa vida. Esta incomprensión, que mesmo o levou a ter que facer fronte a denuncias, non deixa de ser elemento recurrente en sociedades pechadas como a nosa que cre que o seu -no máis cativeiro do sentidos- é o único que ten validez e polo mesmo trata de impor esas súas crenzas cun aquel de prepotencia bastante achegada á ignorancia ( lembramos --conto ou non-- o que nos relataron tempo atrás arredor duns comentarios dirixidos a uns nenos  - polo visto non nativos-- que xogaban no parque infantil da nosa vila e que foron escorrentados  con frases semellantes a "en Friol non queremos hippies"). 
O texto de Xerardo permite achegarnos á historia deste home, que como símbolo do que significou para o medio natural a traxedia do Prestige, morreu poucos días despois da mesma, sobrecollido polo desastre mediambiental producido  polo vertido das miles de tonelada de petróleo que arrasaron as costas galegas a fins do ano 2002.
De lectura amena e empregando un léxico enriquecedor e ben coidado --o habitual na narrativa de Xerardo-,  este viaxeiro radical ben merece unha lectura sosegada para gozar da pluma deste home que a cada pouco nos demostra a todos que Friol é algo máis que pan e queixo.
Grazas Xerardo.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.