18 decembro 2016

A toponimia da parroquia de Santa María de Carlín

Xa estamos rematando o percorrido toponímico iniciado cos comezos deste blog. Hoxe tócalle á parroquia de Santa María de Carlín que na actualidade (segundo datos do INE do 2015) ten 46 habitantes de dereito.No ano 2000 as mesmas fontes rexistraban a 74 habitantes. O descenso é claro, pero imos ao noso.
Do nome que leva a parroquia escribimos xa hai tempo ao falarmos da romaría do Ermo e da igrexa parroquial
De Argá de Arriba e de Argá de Abaixo falamos tamén outrora nestoutra entrada.
A Cabana, topónimo que coincide con outro existente na parroquia de Nodar, ten a súa orixe na latina 'capanna' choza.
A Pena do Muíño referente nidio ao latín  "penna" e "molinum" que non necesita aclaración. 
Taín  é un topónimo non moi frecuente (atopámolo nos concellos ourensáns de Coles e Allariz e nos pontevedreses da Cañiza e Lalín); seguindo  a N. Ares Vázquez tería a súa orixe nunha "Uilla Tagini"  ( Taginus/i sería un antropónimo celta derivado de  tagus “río , charca, lodo". No século XIII xa hai referencia a este lugar nos Tombos do Mosteiro de Sobrado "Dominicus Iohannis clericus de Sancti Mammetis ts., Petrus Petri de Taim ts., Iohannes de Sancti ts., Dominicus qui notuit."
Indicar só como curiosidade o feito de que en Carlín, no Ermo celébrase todos os 25 de marzo unha romaría da que xa falamos e casual ou non tan casualmente nesa data na mitoloxía céltica celébrase a festa da Deusa Nai, Cailleach, Caléac ou "Gyre-Carlin"( ollo paroxítona-grave-); curioso!; pero máis aínda se temos en conta que esta Deusa Nai está caracterizada como unha muller vella e sapientísima, con grande forza e múltiples poderes,( o prototipo de moura ou bruxa do noso lendario) capaz de levar na súa cabeza grandes penas e proferir terribles ameazas. Non vos soa á lenda das próximas Pena Bicuda ou Pena Castrexa ?
Pero aínda hai máis, falamos tamén nesta entrada do lugar de Taín e lembramos a orixe céltica que propón don Nicandro Ares: nas frías terras de Escocia atopámonos con outro Tain, aínda que tamén aquí como palabra grave..
Non deixan de ser casualidades pero o que si é certo é, que na actualidade, hai estudosos que están reformulando a orixe de moitos topónimos da nosa xeografía galega  --entre eles o noso autor de cabeceira Cabeza Quiles, atopando moitas máis referencias etimolóxicas ao mundo céltico das que os estudos clásicos de toponimia acreditaban ata o momento.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.