13 setembro 2018

13 de setembro de 1936

Tal día coma hoxe, hai exactamente 82 anos, levábase a cabo nas escolas e, por extensión, na vila friolesa, un acto a semellanza dos que se estaban a realizar en moitos puntos da xeografía española dominada e atemorizada polas forzas sublevadas contra o poder legalmente instituído, no mes de xullo de 1936.
Desbotando a idea que se tentou instalar na maioría silenciosa do municipio de que “aquí non pasou nada” ( en referencia á sublevación franquista e posterior posguerra ) si que pasou, si. Outra cousa foi o interese dos que espallaron a consigna de que Friol, pouco menos, fora unha balsa de aceite nese período.
Das correrías dos falanxistas frioleses queda constancia na memoria da xente de idade que, como no caso de Castrodá (Vilalvite), aseveran que “aquí os falangistas nunca se atreveron a entrar”; do que se pode tirar facilmente a idea de que noutros núcleos si o fixeron,… e con total impunidade (aseveramos nós).  Como exemplo nidio o asasinato do que fora alcalde do concello de Vilasantar ( A Coruña) a mediados de agosto do citado ano 1936; e dicimos total impunidade porque ese falecemento foi inscrito no xulgado friolés como morte producida pola "fuerza pública", cando é ben sabido o oufanos que chegaron á vila despois de teren cometida a vileza, o grupo de fascistas que executaron, na parroquia de Miraz, a este home: Antonio Iglesias Corral.
Curiosamente un dos participantes na cacería e posterior asasinato, presentárase nas eleccións municipais dese ano na lista gañadora da Fronte Popular e fora arrestado xunto cos compañeiros de candidatura nos primeiros días do golpe militar sendo axiña liberado sen cargos).
Pois ben; volvendo ao principio hai que dicir que desde que a sublevación franquista se producira, ao tempo falanxistas e a igrexa iniciaron o que deron en chamar a reposición do crucifixo e da bandeira bicolor nas escolas da España nacional. A idea comeza a desenvolverse en Navarra nos primeiros días de agosto e foise estendendo aos poucos pola España franquista.
A República instaurara unha laicidade e aconfesionalidade na escola que moi pouco gustaba á igrexa e ás forzas máis reaccionarias da vila. Así que o 13 de setembro de 1936, domingo, desenvolveuse un acto que seguindo as pautas establecidas polos golpistas “ consistió en la reposición de la bandera bicolor como enseña de la patria , la unión del clero, ejército y pueblo en fraternal abrazo y la entronización del crucifijo en las escuelas” (El Pueblo Gallego 22/09/1936) no mesmo participaron o párroco, Francisco Varela Seoane, o alcalde, Segismundo Grande,  representantes da Garda Civil, o secretario do concello, Juan Prado e os mestres. 
Na nova non se citan pero de seguro estaban presentes as forzas falanxistas friolesas (se facían acto de presenza en actos doutras localidades de concellos próximos (ver: El Progreso 19 de setembro de 1936), non ían estar presentes no seu!).
Con toda seguridade , quizás non con tanta solemnidade –ou si-- , noutras escolas do municipio ben seguro que se realizaron actos semellantes ao longo dese mes de setembro.
Estes actos tiñan unha carga que transcendía o puramente simbólico para transmitir á sociedade quen tiña o poder e como debía procederse a educar na submisión e aprendizaxe de consignas nacionalcatólicas, ás xeracións vindeiras.
Por casualidade, e cun signo manifestamente oposto, outro 13 de setembro nacía este blog, pero diso falamos nestoutra entrada.


Nota: A fotografía reflicte o acto de reposición dos que falamos pero non pertence a Friol senón que é da localidade de Fresneda de la Sierra (Burgos) obtida da páxina Fresneda y los fresnedinos

2 comentarios:

Algalia

Artigos deste tipo cobran enorme valor nun país que impuxo silencio con argumentos pouco sostibles.

Mª José


Estaban en todas partes , pequeñas aldeas como San Pedro de Soñar (tierra de mi abuela)

Y estos actos de "reposición" ... ya sabeís , con o sin crucifijo la ultraderecha avanza a pasos que dan miedo.

Gracias por el post y perdonad que no escriba en gallego , no domino el gallego escrito y por respeto no suelo utilizarlo

Un fuerte abrazo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.