01 novembro 2018

Nova representación de Unha escola en branco e negro...

Dentro da VI invernada de cine organizada pola Asociación de Veciños  de Cabreiros (Xermade), convidados pola organización, o próximo día 17 de novembro, sábado ás seis da tarde o Grupo de Teatro Accidental Carballo Vivo representará "Unha escola en branco e negro" montaxe estreada no mes de maio en Carballo (Friol).

Este divertimento recrea o día a día dunha escola pública do rural galego, no que se intercalan monólogos cargados do mesmo humor crítico que impregna toda a representación.

Tanto os diferentes cadros como os monólogos repasan o que foi unha escola tradicional ben aproveitada polo nacional-catolicismo imperante ao longo da ditadura franquista.
Achéganos ao que foi, para moitos, un ensino xerador de súbditos no que importaba máis o memorístico e a repetición de consignas que agradasen ao réxime, cá formación de verdadeiros cidadáns e cidadás con capacidade crítica.
A relixión, a lingua, o leite americano, os cánticos patrióticos, o desleixe co próximo na aprendizaxe, o desigual trato do alumnado, o patriarcado presente na educación das nenas,… mestúranse coa frescura dunhas alumnas que non esquecen o seu e, sen seren conscientes, defenden unha cultura deturpada polo réxime a través de xogos e cancións de noso. Exemplo claro do proceso dialéctico que acabou derrubando os muros desta escola anquilosada.
Distinguir o real do ficticio é un exercicio que o grupo deixa na man dos espectadores. É a primeira experiencia interpretativa fóra do ámbito municipal (haberá máis) e esperamos acadar a mesma acollida e o mesmo éxito que tivemos nas nosas anteriores actuacións.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.