24 xullo 2023

Dúas feiticeiras

Nun ambiente lúdico coa participación de moitos veciños e veciñas do concello, guiados pola man das dúas feiticeiras encargadas de dirixir o Roteiro, este sábado pola mañá abríronse moitos arquivos da memoria que axudan a entender o devir da comunidade friolesa e que axudan a conforman a pequena historia desta vila.

Despois dos diferentes encontros organizados por Raquel Queizás e Alba Grandes ao longo da semana coa veciñanza do concello, argallaron un percorrido pola localidade que nos permitiu viaxar no tempo cuns chimpos ben artellados que tiveron como colofón unha espectacular actuación de Jesús Fagil e un non menos entretido baile diante da casa Peruchelas lembrando filloas, callos e chipiróns... prrtéritos de moita sona na contorna.

Iniciouse o paseo na praza Andón Cebreiro e nun continuo ir e vir pasamos pola casa das Calcetadoras, o Campo da feira, a casa Terrón, o antigo cine (que tivemos a oportunidade de ver por dentro e escoitar cousas que , para nós descoñecidas, achegadas por Tato), foise ata a presa do Grande, lugar de encontro de lavandeiras e bañistas, para rematar cos xa citados bailes.

Percorrido que tivo a súa parte lendaria, e que ben puidemos ter feito nun seiscentos escoitando historias de mulleres rompedoras que seguen co ánimo e alegria de sempre e tivo tamén a súa parte emotiva como foi contar coa presenza de Maruja de Terrón, sei que afastada da tenda desde hai tempo e que se animou desta a baixar e saudar a comitiva.

Quedan moitas cousas no tinteiro, que seguramente publicarán na páxina do proxecto.

Desde estas páxinas só queda reflectir a satisfacción de ter participado nesta emotiva andada.

Xa para rematar a modo de reflexión dúas cousiñas.

Unha: no  traxecto, algunha persoa de idade comentaba que era unha mágoa que tivese que vir xente de fóra  a sacudir as alfombras da memoria. Sería bo pensar en organizar obradoiros máis ou menos lúdicos para intercambiar lembranzas das que tirar proveito. Non cremos sexa moi complicado. Modelos de actuación hai e houbo, mesmo tempo atrás, no propio concello.

Dúas: xa sabemos que non era o obxecto desta xira, pero non estaría mal desempoar tamén pasaxes (do que xa temos escrito, e moito, neste blog ) da Memoria Histórica local. Hai materia, sábemolo porque non está todo publicado. Sería unha homenaxe merecida a aqueles que coa súa vida, co seu silencio, co cárcere ou co seu exilio axudaron a construír unha sociedade democrática que necesita de pílulas recordatorias para evitar caer nos mesmos erros do pasado.

Hai futuro! 

Neste enlace tedes un monte de fotografías e un relato máis polo miúdo do roteiro

Nota: A segunda fotografía está recollida do muro de facebook de Merce Freire 

2 comentarios:

xmsg

Foi realmente unha fermosa mañá e unha oportunidade de coñecernos un pouco máis. Parabéns pola entrada, moi bó resumo dunha mañá moi activa.

Anónimo

Friol,e moito mais que eso.
Friol e Terra de xente con neoronas..Xente que sabe historias de outros seculos...
Perdón...pero pido mais
Cultura para Friol
Unha aperta!!

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.