Amosando publicacións coa etiqueta Arte románica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arte románica. Amosar todas as publicacións

21/02/13

Interior de Santa María de Silvela (I)

No interior é onde se aprecia con claridade a orixe románica da igrexa, en elementos como o arco de triunfo. Este é de medio punto dobrado de sección rectangular. O arco inferior descansa sobre columnas románicas encastradas no muro. 
O capitel dereito presenta unha decoración con entrelazo que acubilla, na parte superior, formas avultadas: a central lisa e de forma oval, e as laterais con incisións paralelas ou en cuadrícula, a modo de piña. Este último motivo, como destaca Varela Arias, aparece en edificios do camiño de Santiago, e ten filiacións coa arte islámica (non esquezamos o papel que artífices islámicos xogaron na creación de capiteis románicos no norte peninsular, caso ben estudado en Cataluña ou Silos). Seguindo a Varela Arias, este modelo de capitel aparece tamén en igrexas como San Salvador de Vilar de Donas e en San Xoan de Portomarín.

O capitel esquerdo tamén ostenta un entrelazo de cintas perladas que rodean tren formas avultadas raiadas na parte superior. Varela Arias compara este capitel cun semellante no arco triunfal da igrexa de Santiago de Ligonde (Monterroso), e suxire que poida ser do mesmo autor. Tamén ve semellanzas con capiteis de Sobrado ou de San Salvador de Vilar de Donas, apuntando a posibilidade dun mesmo taller. Nós, atopamos un capitel de factura moi semellante ós descritos no mesmo concello de Friol, na igrexa de Anafreita. De feito, o capitel dereito de Anafreita parece unha síntese dos aquí presentes.
Os dous capiteis rematan nun corpo rectangular a modo de ábaco, e sobre este o cimacio, que se prolonga no muro a modo de asento ó dobre arco.
As basas das columnas, parcialmente ocultas no pavimento, responden ó tradicional esquema ático. O toro superior está decorado con sogueado, e o inferior, máis expandido, presenta unha decoración de díficil descrición, pois presenta un claro desgaste e tampouco se conserva na súa totalidade.
Sobre o arco de triunfo ábrese unha pequena ventá románica con derrame interior. No lado esquerdo do mesmo muro, pódese apreciar unha fornela que debeu ser aberta posteriormente.

Seguir lendo...

Igrexa parroquial de Santa María de Silvela

 A igrexa de Santa María de Silvela é un exemplo máis da enorme difusión da arquitectura románica no rural. Esta enorme actividade construtora concentrouse durante a segunda metade do S. XII e primeiros anos do S. XIII, datas nas que se debeu realizar a igrexa que nos ocupa, hoxe moi transformada pero con visibles trazas románicas no interior. Se ben a construción da catedral de Santiago debeu ser un impulso importante na formación de canteiros, e polo tanto, na difusión do románico, a fórmula máis repetida no rural tende a ser o máis económica posible desde o punto de vista construtivo. Deste xeito, os grupos de canteiros da época repiten receitas eficaces e simples, sendo a máis habitual a de nave única con cabeceira rectangular, como é o caso de Santa María de Silvela. Esta simplicidade arquitectónica non esixe máis cuberta que a de madeira a dúas augas. Esta fórmula ten os seus antecedentes en exemplos prerrománicos ou do románico inicial, como Santo Antoliño de Toques, e tivo tanto éxito que é o que se repite en dous terzos das igrexas románicas galegas. 
O exterior debeu sufrir profundas transformacións, pois xa non son perceptibles as trazas románicas. Non conserva ningún resto no exterior de figuración ou de canzorros. A austeridade decorativa predomina na actual fábrica, de corte planimétrico e acorde con gustos académicos (Neoclasicistas) que arrasaron coa liberdade creativa de séculos anteriores. A portada principal é rectangular e con enmarque liso, acorde cos postulados académicos de finais do XVIII e do S. XIX. A fachada remata en peineta de dobre van con pináculos superiores de ecos barrocos. É probable que moitas destas igrexas, dada a nosa climatoloxía, tiveran primitivos pórticos de madeira que se perderon. Para salvar o desnivel de terreo, o acceso ao interior da igrexa desde a portada principal, resólvese con tres peldaños no interior. Pallares Méndez ("El monasterio de Sobrado: un ejemplo de protagonismo monástico en la Galicia medieval", A Coruña, 1979, páx.207, nota 53) recolle o dato de que a igrexa de Silvela é adquirida polo mosteiro de Sobrado no seu apoxeo (1160-1220). Tamén figura nos Tumbos do mosterio de Sobrado en diversas doacións e vendas en favor de dito mosteiro (recollido por Elena Varela Arias, en "Igrexas románicas de la provincia de Lugo. Papeletas arqueológicas).

Seguir lendo...

15/09/11

Románico rural: Anafreita (I)

O baleiro documental da actividade construtora durante o Románico galego, así como as sucesivas transformacións que as obras románicas experimentaron ó longo da historia, dificultan unha sistematización no estudo do noso Románico. Pilar Carrillo e Ramón Ferrín ("Planimetría de las iglesias románicas de la provincia de A Coruña") apuntan que o Románico galego foi o gran descoñecido ata décadas recentes, e que se daba por suposto que todo el emanaba da influencia exercida pola catedral de Santiago.
En efecto, son moitos os exemplos do noso románico rural afastados dos grandes centros creadores e sen vinculación evidente con outras igrexas do Camiño de Santiago. Os seus anónimos construtores están, polo tanto á marxe de calquera encadramento. Moitas veces eran familias de canteiros que aprenderon o oficio e que se desprazaban en busca de traballo chegando a lugares afastados, como Anafreita, onde o máis habitual era economizar recursos e adoptar solucións eficaces e sinxelas, sen complexidades arquitectónicas e ornamentais. Case sempre, este tipo de igrexas presenta un románico residual, con restos fragmentarios, obxecto de reformas varias e amputacións inimaxinables.
O gran impulso construtor do románico parte de fins do S. XI, intensifícase no XII e continúa con forza no primeiro cuarto do XIII, favorecido por unha conxuntura de estabilidade e prosperidade. A maior parte das nosas igrexas románicas, constrúense na segunda metade do S. XII.
O caso de San Pedro de Anafreita é tamén un exemplo de sucesivas metamorfoses. Perrín ("La arquitectura románica en Lugo". Fundación Pedro Barrié de la Maza) propón unha cronoloxía entre 1225 e 1230. Trátase, polo tanto, dun románico tardío de transición ó gótico, como se aprecia nalgúns elementos que xa analizaremos. Tamén Perrín relaciona este exemplo con outro próximo, como a igrexa de Samede de Nodar.

Seguir lendo...

Románico rural: Anafreita (II)

A solución arquitectónica de Anafreita é de gran sinxeleza: nave única e ábsida rectangulares cubertas con teito de madeira, unha solución que tivo enorme difusión no románico galego e que xa se consagrara durante o prerrománico. Perrín fai fincapé en que a primitiva fábrica románica está case intacta, con aparello de cadeirado granítico de calidade disposto en ringleiras horizontais.
A porta principal presenta un arco de medio punto formado por dúas arquivoltas de sección rectangular, a exterior disposta a pano co muro, e a interior perfila un tímpano liso que descansa sobre mochetas decoradas con figuración humana e das que xa falamos.
No muro sur, ábrese outra porta de arco de medio punto con doelas, que descansa sobre unha imposta de nacela. O tímpano liso susténtase sobre dúas xambas lisas.
A ábsida, parcialmente oculta polo engadido posterior da sancristía, está adornado con canzorros de motivos xeométricos. No ángulo superior do tellado da nave, pódese apreciar unha cruz de Malta con entrelazos cruciformes. Vázquez Saco ("Iglesias románicas de la provincia de Lugo. Papeletas arqueológicas: Santa María de Camporramiro, San Pedro de Anafreita, San Victorio de Ribas de Miño, Santiago de Losada". Boletín de la Comisión provincial de monumentos históricos y artísticos de Lugo. nº 13, 1945. Deputación Provincial de Lugo) ve semellanzas cos entrelazados esculpidos nos tímpanos de Albán, Samos, Friolfe... (un entrelazo semellante atopámolo en Roimil).
Baixo a cruz ábrese unha pequena ventá coroada por un arco semicircular. Outras ventás semellantes iluminaban o interior: unha no muro sur e dúas no muro norte.

Seguir lendo...

Románico rural: Anafreita (III)

A transición ó gótico é visible no arco de triunfo apuntado que dá acceso á ábsida, dobrado e de sección rectangular. O arco interior descansa sobre columnas de fuste liso e basas áticas (segundo Perrín, co esmagamento dos toros típico das obras de cronoloxía avanzada). Os capiteis están decorados e teñen un astrágalo sogueado. O tipo de desbastado aproxímaos ao gótico, cun resultado máis esvelto que nos capiteis de desbastado cúbico do románico clásico.
O capitel da esquerda presenta unha ornamentación de follas estilizadas, polas que, na parte superior, asoman catro cabezas humanas (dúas na cara central e unha en cada unha das laterais). O capitel da dereita adórnase con lazos entrecruzados e perfilados cunha cenefa de pequenas bólas. As esquinas superiores decóranse con avultadas follas con incisións, como un afastado eco do prototipo corintio que durante o románico transforma os acantos en follas que parecen bólas.
Segundo Perrín, capiteis semellantes aparecen en mosteiros do Císter, como Meira e Oseira.

Seguir lendo...

10/02/10

Reciclaxe arquitectónica en Roimil.

Ás veces, unha simple intervención sumada ás sucesivas intervencións do pasado, poden converter unha vivenda nun 'puzzle' histórico. Proba disto é esta casa situada en Roimil. O lintel que decora a porta reproduce un entrelazado tipicamente románico. Sobre como chegou este relevo aquí, é un misterio que tal vez nunca poidamos resolver. Actualmente a vivenda pertence a unha familia de labregos. O membro máis ancián di que o relevo ("polo que lle contaron") procede de Anafreita. En Anafreita, a igrexa parroquial afunde as súas raíces no S.X, pero tamén foi "reciclada". Sucesivas reformas foron transformando as súas orixes, ata tamén ela converterse nun 'puzzle', no que aínda son visibles as trazas románicas. Procederá este relevo da igrexa, de cuxos avatares metamórficos coñecemos só os resultados?.
O lintel en cuestión está claramente reutilizado; de feito está descentrado. O cicelado inferior do lintel rebaixa a aresta e remata cara o lado superior en forma de pico (lembranza de ornamentos arquitectónicos do S.XVI?... aínda que seguindo a filosofía de moitos dos nosos informantes.... "vaia usted a saber". É o que ten sentirse libres á hora de decorar a casa). Ademais, o cicelado inferior do lintel non encaixa coa anchura da porta. A súa vez, a porta ten unha xamba no lado esquerdo, pero non no lado dereito.
Todo un exemplo de collage, que é visible tamén no resto da casa, como veremos na seguinte entrada.

Seguir lendo...

25/01/09

Igrexa de San Martiño de Prado

Igrexa de orixe románica ou tardorrománica con sucesivas reformas na época barroca, sobre todo no S.XVII. Está construída en sillería granítica regular. A cuberta é de lousa e a dúas augas. No exterior, a porta principal é alintelada, pero os ecos románicos obsérvanse no arco de medio punto tapiado sobre impostas e xambas lisas. Sobre a porta ábrese unha ventá alintelada. O conxunto da fachada remata en aleróns curvos no tellado e nunha espadaña con dous vans para as campás e un terceiro van superior. Os remates decorativos resólvense con pináculos de perfil curvo típicos do barroco. Na porta sur tamén se aprecian restos románicos no lintel pentagonal decorado cun entrelazo cruciforme moi erosionado. Igualmente son románicos os canzorros, case todos eles ornamentados con motivos xeométricos, algúns con rollos, e un, situado no muro sur, debeu ser figurativo, pero está moi deteriorado. Tamén no exterior, fronte á fachada, consérvase, aínda que roto e sen a tapa, un sartego antropomorfo medieval.
No interior, a fábrica románica consérvase en parte das naves e nas columnas sobre as que se alza o arco triunfal. Estas columnas teñen o fuste liso e decoración vexetal moi estilizada nos capiteis. Para Yzquierdo Perrín, estes capiteis son máis propios do gótico, e de feito sitúa este exemplo no primeiro cuarto do S.XIII, cando do románico só perduraban os seu ecos.
A capela maior, segundo consta na inscrición, foi restaurada en 1696. Os retablos laterais son barrocos, do S.XVIII.

Seguir lendo...

23/11/08

San Pedro de Anafreita

Templo románico do S.XIII pero con orixes no S.X. A pesar das reformas posteriores conserva bastante ben a fábrica románica, cunha sillería granítica de calidade. O exterior é moi austero e apenas conserva decoración. Con todo, a portada principal aínda ostenta unha mostra figurativa románica. Dúas figuras humanas decoran as mochetas sobre as que descansa o tímpano. Estas aparecen mostrándose mutuamente os seus órganos sexuais. Este tipo de iconografía erótica románica non deixa de sorprendernos, e son moitas as interpretacións que se barallan.
Para algúns, partindo da idea de que a arte era a Biblia dos iletrados, estas representacións tiñan unha intención moralizadora, un recordatorio para quen entra nun espazo sagrado, de que o pecaminoso había que evitalo. Para outros, o que hoxe vemos como obsceno, era visto con naturalidade naquel contexto, onde se incidía na representación do ciclo vital: nacemento-morte-resurrección. Tamén hai quen relaciona estas representacións como unha forma de incentivar a reprodución nunha época na que a mortalidade era moi alta.

Seguir lendo...

03/11/08

San Paio do Seixón

Templo románico do S.XII, aínda que con reformas posteriores. Sabemos que foi feita polo mestre Xoan no ano 1140. Algún autor, como Yzquierdo Perrín, apunta a influencias do románico castelá, e máis concretamente de Ávila. Estas influencias son palpables na decoración das archivoltas con rosetas da porta principal. Esta é de arco de medio punto formada por dobre archivolta. A archivolta menor descansa sobre xambas, e a maior, sobre columnas con capiteis de decoración vexetal que parecen evocar ó prototipo corintio, no caso do capitel esquerdo, e ó prototipo xónico, no caso do capitel dereito. É probable que a porta estivera baixo cuberta dun pórtico de madeira, solución que foi frecuente en Galicia.
A ventá do testeiro tamén se conserva bastante ben. É de arco de medio punto con archivolta axedrezada, e descansa sobre columnas lisas con capiteis de motivos vexetais moi estilizados.

Seguir lendo...

19/10/08

Curiosidades románicas

A igrexa de San Pedro de Narla é un exemplar do románico rural do S.XIII, se ben as súas orixes son máis remotas. Hoxe as trazas románicas están moi diluídas debido a reformas posteriores. Nos beirados, a igrexa mostra dous curiosos canzorros románicos que a moitos lles pasa desapercibidos. Era habitual que a fantasía medieval se manifestase con certa liberdade nos lugares máis inaccesibles á vista. No caso de Narla, as alusións sexuais son explícitas: nun caso, unha figura humana sostén as pernas nas mans para mostrar os seus órganos sexuais; no outro caso, a decoración fálica é evidente. Exemplos semellantes podedes velos en toda a xeografía do norte peninsular.

Seguir lendo...

07/10/08

Mostras románicas: Sta Mª de Anxeriz, S.XII.

No muro sur da igrexa vemos un tímpano decorado de difícil interpretación. Na parte central observamos unha cruz de brazos iguais ensanchadas nos extremos, da que parten dúas cruces similares máis pequenas. Podería ser unha alusión ás tres cruces do Calvario. Á esquerda, vemos a posible representación dunha árbore con mazás alusiva a árbore do Paraíso. Ao pé da árbore, un rectángulo podería ser a porta pechada polo pecado que esixe a redención efectuada na cruz. Na parte dereita do tímpano podemos ver unhas incisións moi sumarias que poderían aludir a algún tipo de construción. Tal vez, esta se trate dun castelo, que segundo a iconografía tradicional, era como se representaba á Xerusalén celeste, á que finalmente se accede a través da redención.
No mesmo muro sur, hai dous canzorros, un decorado cunha cabeza humana, e outro que parece ser un oso (segundo os bestiarios medievais símbolo da ira). Igualmente é medieval o sartego antropomorfo situado fronte ao muro sur.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.