Amosando publicacións coa etiqueta Historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Historia. Amosar todas as publicacións

12/11/24

Casanova no...


En entradas anteriores temos comentado grazas a achega de Higinio Martínez F. de la Vega a pintada que nos anos trinta se fixera en contra do alcalde José Casanova Cobas.

Esa pintada foi posteriormente borrada pero, grazas ao fondo fotográfico da familia de Tato Sánchez Grande, podemos publicar unha foto da casa onde aínda se poden distinguir restos da citada proclama. 

A fotografía cremos é de finais dos anos sesenta ou principios dos setenta do pasado século ( aparece na imaxe un seat 1500, fabricados en España entre 1963 e 1972)


Higinio M. F de la Vega, facianos chegar a seguinte mensaxe:
"Creo que na casa de Terrón, no Campo da Feira, aínda se intúe unha pintada feita no 31, que poñía inicialmente: "CASANOVA NO" feita polos partidarios de Segismundo Grande. A pintada, outra noite, foi completada polos partidarios de Casanova que lle engadiron: "...PERDERÁ" modificando completamente o significado incial da mesma
9 de xaneiro de 2011.
Daquela aínda contabamos coa presenza e grande colaboración de Higinio.
Hoxe só queda agradecer a outro bo colaborador deste blog, como é Tato a súa achega fotográfica. 

Seguir lendo...

03/04/24

Alcaldes frioleses do século XX

Casa do concello nos anos 60. Foto de J L Vega,.Arquivo Histórico Provincial de Lugo

O século XX iniciouse con cambios continuos na alcaldía friolesa que xa fora nota característica das corporacións no XIX.
Esta situación de inestabilidade era debida unhas veces a destitucións por parte da autoridade gobernativa, outras a alcaldías accidentais, corporacións bicéfalas (1)... todo, produto dos intereses enfrontados duns e outros que chegaban mesmo a actitudes obstrucionistas, a continuos recursos de alzada que se prolongaban no tempo (2) e á actitude revisionista de cada corporación con respecto ao feito pola anterior (3).
No diario "El Regional" de 3 de novembro de 1901 ( cando xa Jacinto Rodríguez García e a súa corporación fora destituída - outubro dese ano- "por irregularidades na contabilidade municipal" e mesmo "abandono no control da mesma" e ían celebrarse novas eleccións)  publica un solto que exemplifica a situación de enfrontamento na que participan todas as "forzas vivas" do concello con intereses encontrados:
"Nos dicen de Friol que las elecciones municipales se presentan allí muy reñidas. Con tal motivo, varias personas influyentes del distrito recorren las casa de los electores. Esto no tiene nada de particular, pero entre esas personas hay una que ejerce autoridad, la cual amenaza con la mayor persecución a los que él cree sus adversarios.
Confiamos en que dicha autoridad, en vista de esta queja de sus administrados, dejará de ejercer coacción, dedicándose sólo a administrar justicia, que es la misión que en aquel distrito tiene, sin mezclarse en la contienda electoral" 
Por aquelas datas exercía como xuíz municipal Genaro González-Rosón Neira.
Polo que sabemos non só eran os xuíces municipais os que tomaban partido por uns ou outros; secretarios tanto do xulgado como do propio concello, non quedaban atrás, ( algún de xeito prolongado e destacado) sen esquecer, claro está, a opinión dos diferentes párrocos que desde os púlpitos impartían doutrina ( falaremos disto nunha proóxima entrada que temos pendente) 
Neste clima Manuel Carballido Casanova volve ser alcalde, posto que ocupara xa anteriormente; falece exercendo como tal en outubro de 1902.
No ano 1903 é nomeado Ángel Martínez Neira (4) da parroquia de Xiá. Este alcalde é o que permaneceu máis tempo presidindo o concello ata ese momento, redondeando os vinte anos. Casado en segundas nupcias coa mestra Vicenta Puga, promoveu, xunto cos mestres e párrocos, festas da árbore ( ver ligazón). No verán do ano 1923 por motivos de saúde abandona a alcaldía progresivamente, sendo substituído en outubro polo mestre  Celestino Gallego da parroquia de Guldriz, pero por pouco tempo, xa que en 1924 accede á alcaldía José Casanova Cobas. 
Baixo o seu mandato construíuse o edificio do concello: o actual (ver entradas anteriores) o que xerou grande polémica  que acabou co seu cese en xullo de 1928 por parte da autoridade gobernativa.(5)
Vaino substituír Segismundo Grande Varela ( aparece por primeira vez este home que vai asumir posteriormente a primeira alcaldía da ditadura en 1936 xa nos primeiros días do golpe de estado fascista). Nesta primeira andaina estivo no concello desde este 1928 ata o ano 1931. 
En maio dese ano foi reposto como presidente da corporación José Casanova Cobas; pero as augas baixan revoltas Narla abaixo e o 1932 comeza co nomeamento de Domingo Antonio Carballido Casanova en xaneiro ( que tamén exercera anteriormente  de xuíz municipal, cargo que volverá ocupar anos máis tarde), para posteriormente, en febreiro, e por renovación de parte dos concelleiros,  estes novos deciden nomear a Jesús Corral Vigo
Durou pouco esta bicefalia, pois no verán volveu coller Casanova Cobas as rendas do concello que xa non abandona ata o seu falecemento en marzo de 1935 (6).
O período que vai desde esa data ata xullo de 1936; o cargo asúmeo José Gonzalez-Rosón Losada.
No tráxico verán do 36 é destituída toda a corporación e expedientada con algunhas sancións gubernativas por parte das autoridades do novo réxime (7).
É o momento en que Segismundo Grande cos parabéns das forzas máis reaccionarias do concello volve á alcaldía; está no cargo ata mediados dos anos cincuenta, falece no 1960 (8) 
Algún dos alcaldes frioleses do século XX

Os anos 1956 e 57 é Enrique Camoiras García o que ocupa a alcaldía (tócalle presidir a inauguración do novo cuartel da Garda Civil -  ver ligazón- ).
Inauguración do Cuartel da G Civil. 1956

En outubro de 1957 nomean alcalde  a Manuel Andón Cebreiro que preside o concello ata o seu falecemento en setembro de 1975. Cremos que non hai ninguén no concello que non lle recoñeza o  grande labor que fixo e a súa bonhomía (ver entradas). Coma homenaxe a praza máis importante do concello leva o seu nome. 
Casa de Manuel Andón na praza citada, hoxe destinada a hotel
 
Vacante a alcaldía, ésta é ocupada polo, naquel momento, director do colexio friolés, Jose María Varela Guerreiro ata o ano 1979 no que se celebran as primeiras eleccións democráticas.
A partir dese momento (abril dese ano) falaremos noutra entrada 

Listado de alcaldes do século XX


Notas 
(1) Exemplo témolo no ano 1932 como xa quedou indicado. 
(2) Os recursos de alzada por parte dos concelleiros destituídos estaban á orde do día. Sinalar que cando o cesamento de Jacinto Rodríguez non só se interpuxo o recurso senón tamén deu orixe a unha pregunta parlamentaria no Congreso por parte do deputado lugués Vázquez de Parga.
(3) As revisións do feito pola anterior corporación era o pan de cada día e enche actas das diferentes sesións municipais nos Boletíns Oficiais da Provincia
(4) Pai de Manuel Martínez Mendoza propietario fundador da Casa de Neira no Campo da Feira do concello e no seu momento xefe local do Movemento e mesmo xuíz municipal e posteriormente de paz.
(5) Dentro das tirapuxas entre os partidarios de Casanova e Grande, relata un comentarista anónimo do noso blog que "na casa de Terrón, no Campo da Feira, aínda se intúe unha pintada feita no 31, que poñía inicialmente: "CASANOVA NO" feita polos partidarios de Segismundo Grande. A pintada, outra noite, foi completada polos partidarios de Casanova que lle engadiron: "...PERDERÁ" modificando completamente o significado inicial da mesma."
(6) Nos anos do 1934 a xullo do 36 actúa con relativa frecuencia como alcalde accidental Manuel Grande Penas , ben por ausencias por enfermidade de Casanova ou por ausencia por atender asuntos na capital de Rosón Losada.
(7) Recomendable a lectura que a Friol dedica  María Jesús Souto Blanco no seu traballo "La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940)" amén de diferentes entradas sobre ese periodo neste blog.
(8) Sendo alcalde as propias autoridades franquistas de "Abastecimientos y transportes" sancionan a Segas (como era coñecido na vila) con unha multa de 5000 pesetas no ano 1940 por  "compra y transporte clandestino de ganado" El Correo Gallego 31 de xaneiro de 1940.
A sanción só aparece publicada neste xornal santiagués e o certo é que non sabemos como acabou a cousa. 

Seguir lendo...

28/02/24

Friol: alcaldes do s XIX

Selo do Concello 1876

O século XIX marcado polos continuos vaivéns que o zarandearon, entre golpes de estado, pronunciamentos, constitucións de distinto signo, alternancia entre liberais e conservadores, diferentes tipos de sufraxio, continuas modificacións electorais...  ao tempo vai aos poucos deixando atrás o sistema xurisdicional do Antigo Réxime e impoñendo un sistema liberal, cunha clara aposta pola división "formal" dos poderes, non sen os consabidos contratempos e reticencias por parte dos sectores máis conservadores da sociedade decimonónica hispana.
Friol non queda á marxe destas continuas novidades, avances e retrocesos apoiados sempre no vento que soprase de Madrid a través dos delegados ou xefes gubernativos que ocupasen o sillón, en cada momento, na capital provincial.
Na primeira metade do século coa creación no 1833 das provincias, posteriormente a creación dos partidos xudiciais (1834), logo no 1837 coa supresión das xurisdicións e   por último a conseguinte creación duns novos concellos e eliminación das funcións xudiciais das que gozaban con anterioridade os vellos alcaldes impostos pola monarquía (1840), póñense os alicerces para construír a rede municipal que interesaba ao sistema. 
Antiga casa do concello das Terras da Orde (Guntín, Carballo)

Neste contexto polo que atingue a Friol, suprímense os vellos concellos que conformaban estas terras ( Terra da Orde, San Paio de Narla, Friol , S Pedro de Narla e Torredez) que quedaron unificados no concello friolés, o actual poucas variacións sufriu.  
No 1845 xa o concello está conformado polas trinta e dúas parroquias que coñecemos a día de hoxe
A relación de alcaldes que ocuparon a presidencia das primeiras corporacións constitucionais iniciámola no bienio 1844-45. 
De antes non fomos quen de atopar datos, ao igual que hai algún ano do que carecemos de datos documentais que acrediten a presenza dun determinado alcalde.
Lembremos que o 6 de agosto de 1874 o pobo  amotinouse cando se estaba realizando o sorteo da quinta extraordinaria ( mozos para iren ao exército) e queimou os arquivos municipais co que se perdeu unha grande parte dunha boa fonte de información (ver entradas sobre o carlismo)
O que quedou da queima do 1874 


A lista de alcaldes do século XIX é a seguinte



Notas:
Indicar que se observa como hai anos que se solapan os alcaldes e mesmo algún ano como hai un continuo baile de sillóns : as denuncias interpostas polos que perden as eleccións xeran suspensións cautelares que son aproveitadas polos adversarios para ocupar a alcaldía.
Nalgún caso podemos deducir que algún dos ocos pode estar ocupado por algún mandatario ( caso de 1860 por exemplo) que xa estaba e seguiu estando os anos anteriores ou posteriores. Deixamos o ano en branco porque non demos con ningún documento asinado que nos dese pé a ter esa seguridade.
Do único  alcalde que non demos coa parroquia con seguridade é o do bienio 1865, 66 José García   

Seguir lendo...

23/02/24

O Museo Provincial de Lugo: O neno arqueólogo

José María Pérez Longarela no Museo de Lugo

En novembro de 2008 cando o Museo Provincial de Lugo estaba rematando a celebración do seu  75 aniversario e este blog estaba dando os seus primeiros pasos, publicamos unha entrada facendo referencia aos achados atopados nas terras friolesas que estaban depositados no citado museo (ver ligazón)

Foi o inicio dunha relación fluída coa Rede Museística Provincial que desde sempre facilitou grandemente as actividades que tiñamos previstas desenvolver baixo o paraugas de "Friol:algo máis que pan e queixo". Choveu algo.

Do inxente labor que está realizando a citada rede museística para integrar o mundo dos museos na contorna social e o aproveitamento dos seus recursos para desenvolver infinidade de proxectos nos que implicar a todo o tecido social, nada temos que engadir máis ca os nosos parabéns; basta con botar unha ollada á web dos museos e os seus muros nas diferentes redes sociais. 

Un luxo para a provincia contar cun equipo de profesionais tan implicados e activistas con todo aquilo que ten que ver coa cultura no seu amplo espectro.

Pois ben , días atrás desenvolveuse no Museo Provincial de Lugo unha actividade na que volve estar presente Friol ( lembramos con cariño a participación do noso grupo de teatro na revista oral  "O pazo das musas").

O museo invitou ao veciño de Cotá que sendo neno deu, ao se abrigar da choiva na Pena e Cova dos Malreiros ( na memoria do pobo) ou Merleiros,  cun molde bivalvo hoxe no fondo do Museo.

Compartimos aquí a nova publicada en instagram pola rede museística:

Molde bivalvo de Cotá. Museo de Lugo
"Os machados de talón foron ferramentas metálicas difundidas durante o Bronce Final na Península Ibérica. 

Falamos de pezas de hai máis de 2.800 anos cunha función descoñecida. Quizais votiva, para faceren ofrendas, ou tal vez enxeñosa fórmula para acumular metal, é probábel que tamén se empregaran como moeda de cambio. Non se sabe. 

Impórtanos que os machados chegaron a Galicia dende o arco Atlántico, Francia ou Inglaterra, e que, quen aquí viviron, desenvolveron a súa propia tecnoloxía para fundir cousas moi semellantes. Crearon moldes de fundición de bronce coma o que vedes. Moldes bivalvos para encaixar, verter a aliaxe de metal líquido, a uns 1.200 graos de temperatura, e producir machados en cadea, en serie, de entre 15 e 50 reutilizacións.

O Molde Bivalvo de Cotá, o único conservado en Galicia, está exposto no Museo Provincial de Lugo. 

Xa figuraba sinalado como “artefacto curioso” na primeira guía do museo, editada o ano 1947. 

Na Arqueoloxía resulta crucial o contexto físico das pezas atopadas. Na Historia social, e na memoria, tamén. 

O molde foi achado o verán de 1944 no lugar da Pena, cabo do río Narla, na parroquia de San Martiño de Cotá, concello de Friol. Hoxe tivemos de visita ao neno que o descubriu hai 80 anos. 

José María Pérez Longarela paseaba o gando Cotá adiante cando rompeu a chover. A tormenta de estío levouno a buscar acubillo baixo unha árbore. Fitou o chan e distinguiu un brillo. Coa mesma vara de lle afalar ás vacas sacou á luz o molde. 

Ingresou no Museo naquel ano, a cambio de dez pesetas, pois, dixemos, os machados foron moeda de cambio, no Bronce Final e na Posguerra. 

Nós quixemos corresponderlle ao vello que sendo neno levou o gando de excursión arqueolóxica. 

Atopaches unha excepción de bronce, querido José María! 

Grazas de corazón pola túa historia".

Participamos do agradecemento ao que sumamos ao Museo polas facilidades que nos deu para a publicación desta actividade no noso blog. 

Grazas

Seguir lendo...

08/02/24

Tres novas, algún considerando e unha addenda


Hoxe xoves de comadres, sen orde de prelación ningunha, facémonos eco de tres (boas)  novas ás que engadimos uns considerandos e unha addenda como reza o título. 


En primeiro lugar celebrar a esperada proxección do vídeo que resume as actividades de “Cóntame un mundo” realizadas na vila friolesa o pasado mes de xullo, da man de Raquel Queizás e Alba Vales e que tan boa acollida tiveran (ver ligazón).
Poderase ver o próximo sábado dezasete de febreiro no centro sociocultural, aínda sen rematar de dixerir o Entroido e en plena xornada de reflexión ( lembrade que o domingo dezaoito podemos optar por seguir co desmantelamento dos servizos públicos ou non. Somos nós quen decidimos).

En segundo lugar celebrar o traslado da feira para o centro da vila. Aínda que máis ben habería que dicir que a feira volve ao lugar de onde nunca debeu saír. 
Corre a lenda entre a veciñanza que fala que o anterior alcalde gabábase de non facer gasto no comercio local. Nós non sabemos se sería certo, pero se cadra ese desleixo foi o que orixinou o desterro da feira ás aforas da vila, deixando esta orfa dun mercado que animaba ao pobo friolés a achegarse e facer algo de gasto nos locais comerciais (que nestes tempos toda achega é pouca). 
Pois ben, aínda que tardou máis do desexado ( este goberno municipal está na súa terceira lexislatura) e non sabemos se aproveitando a coxuntura electoral, devolven a feira á vila.
O que en tempos foi "feira do catro”, (ver ligazón) que no 2006 pasou a celebrarse o primeiro domingo de mes, e que desde hai máis de dez anos levábase a cabo no Mercado gandeiro volve ao seu. 

Por último unhas palabras para o cocido e posterior corrida do Entroido que se desenvolverá este sábado dez de febreiro. Organizada desde tempo atrás pola asociación Carballo Vivo vai collendo xa ton tradicional. Como todos os anos o punto de encontro é o seu local social ( antiga escola de Carballo). Á actividade está convidada toda a veciñanza, non só @s soci@s. 
Cremos que chegou o momento de propoñer un estudo serio e pormenorizado do vello Entroido friolés. Algunha entrada hai neste blog con información textual e mesmo gráfica tanto do Entroido nalgunha parroquia, como do carnaval vilego. Porén, é necesario recoller, revisar e recuperar toda a información que de seguro as persoas de idade teñen na súa memoria dos Entroidos da súa mocidade, ou da dos seus antepasados. 


Entroido 2006

No colexio friolés en tempos de Pepita Regueiro, Teresa Vila, Ana Núñez, Carlos Veiga,... desenvolvéronse actividades no propio centro co correspondente desfile pola vila. 
Nós mesmos temos participado elaborando unidades didácticas sobre este ciclo festivo onde non faltaba as coplas tan típicas destas festas.
O entroido xa está aquí 
darémoslle volta a todo!
Se quedase algo a dereitas 
dirían que estamos tolos. 
Das coplas do Entroido 2001 

Por non falar dos mecos ( xa tradición) elaborados polo alumnado de 4º da ESO na área de Plástica
Devecemos por ver a creación deste ano! 
Meco do Entroido 2007


Pois iso: alguén debería animarse a completar o estudo. 
Dicimos isto porque observamos como en moitos lugares da xeografía galega estase a facer esta recuperación, ben a través dos propios concellos ou pola diferentes asociacións culturais, e pensamos: por que en Friol non ? 
Mercado, Colmeiro

E vai a addenda:
O cartel anunciador do cambio de lugar da feira ( védelo nesta entrada) ) indica “A feira do mes volve ao pobo” 
Ao pobo non pode volver, porque o pobo é a alma máter da feira! Sen el non hai feira! 
Explicámonos: Como temos unha lingua moi rica, pobo en galego é exclusivamente o grupo humano,... de persoas cunhas características propias que o identifican , así falamos (pouco) do xenocidio do pobo palestino, do pobo galego chamado ás urnas, e mesmo podemos falar dun pobo friolés ben guiado. 
Porén se nos queremos referir a unha entidade de poboación, sexa a que sexa, debemos empregar outros substantivos e non trasladar o “pueblo” castelán ao noso “*pobo”.
Así podemos falar da vila de Friol, do concello de Friol, da parroquia de Carballo, da aldea de San Martiño, do barrio da Milagrosa,... Sería máis correcto, entón, que o citado cartel fixese gala de que 
“A feira do mes volve á vila”

Bo Entroido!

Seguir lendo...

28/11/23

Viva Friol !

Ponte romana de Lugo a principios do s XX
O instalarse no Lugo extramuros (que se dicía entón) por parte; dalgúns veciños e veciñas de orixe friolesa que preferían o arrimo da capital ás leiras do seu lugar, era algo frecuente que aínda segue producíndose na actualidade.
No século XIX, unha das entradas á cidade amurallada facíase pola, chamada hoxe, Estrada vella de Santiago que desembocaba na ponte romana; para subir despois ata a Porta de Santiago e entrar no centro histórico.
No barrio da Ponte deberon de asentarse algúns frioleses ( chamounos a atención, no seu momento, como veciños deste barrio vello lugués acudían ao san Benito de Carballo con asiduidade o que nos daba pé para intuír a presenza dalguén de Friol que animase a participar na citada romaría).
Relacionado coa presenza de frioleses no barrio da Ponte e o fielato existente na entrada da ponte romana vai esta entrada.
Antigo fielato nunha das portas da muralla romana de Lugo

Pero que eran os fielatos
Os concellos, xa desde moi atrás buscaron o xeito de se financiar a través do cobro de arbitrios, taxas, impostos... que no Antigo Réxime denominábanse alcabalas e que a partir da segunda metade do século XIX (1845) empezaron a chamarse consumos e que eran cobrados nos chamados fielatos que baixo o rimbombante nome de "Estacións sanitaria de abastos" situábanse nas entradas das cidades e vilas a xeito de alfándega e nos que aqueles que traían determinadas mercadorías tiñan que abonar as correspondentes taxas.
Carne, ovos, leite, gando, peixe, viños, aceite, xabón, trigo, panos,.. estaban sometidos a tributo, mentres que outros estaban exentos como era o caso do carbón vexetal e a leña con destino á industria; os cereais, grans e legumes secos, destinados á sementeira; os aceites medicinais e os olorosos obxectos do comercio de perfumaría; tamén os alcoholes e augardentes destinadas ó encabezamento dos viños e á fabricación de licores e bebidas espirituosas...
O nome de fielatos, precisamente provén dos fieis das balanzas que había nas citadas casetas para realizar a pesada dos produtos que traían canda si os que entrar querían na cidade.
Moitos foron os desencontros entre os produtores e os consumeiros ( persoal dos fielatos encargado do control).
Graves foron os enfrontamentos ocorridos en Ourense no ano 1892, ou o máis grave aínda producido no mesmo ano na cidade de Pontevedra.
Episodios de menor entidade eran o pan de cada día: fronte ao interese dos consumeiros por rexistrar as mercadorías entrantes, xurdíu a picaresca daqueles que querían introducir de "matute" os produtos e así evitar o imposto correspondente.
Por suposto isto viuse reflectido na literatura popular do momento: os contos de Avelino Rodríguez Elías recollidos no seu "Contos do turreiro" titulados O estudante matuteiro e A carne de porco (1921); ou coplas como:
"Una señora formal
compró un conejo barato 
y al pasar por el fielato
lo escondió en el delantal”.
Estes fielatos estiveron en plena vixencia ata 1912, ano no que foron abolidos por Canalejas.
De todas formas continuaron coa súa función os anos sesenta (en Lugo encontramos que no ano 1957 "se aprueba adquisición de muebles para las nuevas oficinas del fielato central que está instalado en el Campo de la Feria" sinal de que seguían funcionando).
En resumo: aqueles pequenos edificios alfandegueiros controlaron o paso dos xéneros desde 1845, en tempos de Isabel II, cando se implantou o imposto de consumos dentro da reforma tributaria levada a cabo polo Ministerio de Facenda, ata o comezo da década dos sesenta do século XX.
Feira de san Froilán, 1954


Imos ao gran
A noite do catro de outubro ( reparemos que o día seguinte era o día da feira do san Froilán en Lugo) de 1885, chegaron ao fielato da Ponte Vella catro xinetes da cabalo resistíndose a seren rexistrados polos consumeiros,... co conseguinte balbordo que serviu de chamada á veciñanza próxima.
Os consumeiros víronse ameazados polos gritos e voces que procedían do xentío:  
¡Viva Friol !
Si hubiera otros cuatro como vosotros, 
esos pillos, irían de cabeza al río !
As voces parecían proceder da boca de Rafaela Pacios que xunto co seu home José Lópezforon denunciados polos consumeiros á xustiza local.Ao final o caso quedou en nada por falta de probas inequívocas. (A noticia do xuízo pode lerse nesta ligazón).

Notas:
As ilustracións son
1 Ponte romana dunha colección de postais antigas
2 Collida da rede
3 Fotografía de JL Vega . Arquivo Histórico Provincial de Lugo

Seguir lendo...

04/10/23

De Friol á Patagonia

Tempo atrás Ana Reverter Perdiz, (ver ligazón) neta do creador do Alpinche (mítico no mundo automobilístico galego) marchou cunha bolsa de investigación en ciencias do medio ambiente á Patagonia chilena.

Aparte do aventureira e epopeica da viaxe, que unha rapaza con orixes en Muíños, Ourense, chegue á Patagonia ten o seu aquel entre o  romántico e novidoso. Certo que hoxe no mundo global no que nos desenvolvemos non deixa de ser algo habitual, andar dun punto ao outro do planeta por mor de estudos, investigacións ou traballo.

O conto vén acó, porque hai pouco caeu nas nosas mans o traballo de Luísa Cuesta: La emigración gallega a América.

De Luísa Cuesta dicir que foi a derradeira directora republicana da Biblioteca Nacional e que na súa estadía en Santiago, esta valisoletana, foi colaboradora do Seminario de Estudos Galegos , institución que celebra este ano o seu centenario e aproveita a ocasión para visibilizar a presenza e o traballo das mulleres que pertenceron ao SEG ou,como foi o caso, colaboraron con el.

Pois ben, Luisa Cuesta Gutiérrez,  no seu traballo de investigación achéganos un estudo pormenorizado do interese das autoridades a fins do século XVIII por poboar a Patagonia arxentina, poboamento no que maioritariamente participan familias galegas que partían do porto da Coruña e que mesmo levaban arados do país para o seu asentamento naquelas afastadas terras. (ver ligazón) Corría o ano 1788. 

Temos xa a razón do argumentario que nos trae ata aquí.

Curiosamente, estes días no muro de facebook "Parladoiro de Friol" colgaron unha fotografía de antigos emigrantes frioleses que no 1912 emigraron á Patagonia arxentina.

Descendentes destes emigrantes viven na actualidade en Cipollete, provincia de Río Negro, situada no norte da citada Patagonia.

Non sabemos se acudiran á chamada de anteriores emigrantes frioleses xa asentados alá ou foron, ben a principios do XX, por iniciativa propia,  iniciar unha singradura lonxe da súa terra. 

O que si sabemos é que os seus descendentes seguen amando esta terriña que viu nacer os seus antepasados e non só a terra senón tamén a súa cultura e a súa lingua.

Como non temos dereitos para publicar as fotos das que falamos (quedan pendente os permisos) ilustramos a entrada cunha fotografía do coñecido como O galego Soto líder que foi das primeiras folgas rurais na Patagonia arxentina.

Tamén deixamos estoutro enlace cun interesante artigo de Freixanes falando doutros galegos na terra dos patagóns  .

Posteriormente á elaboración desta entrada Montse Castro Rodríguez fai a seguinte achega que completa este texto: 

"A colación de todo isto, en Chile hai unha rexión cara ao sur, antes de chegar á rexión Austral na que están as Torres de Paine, está unha rexión que se chama Chiloè (nome que os aborixes deron a estas terras pero que tamén foi coñecida co nome de Nova Galicia... 

Dende o punto de vista da paisaxe, é moi similar a Galicia. Parece ser que en toda esa zona hai tradición de emigración europea e ese apelativo pode estar relacionada coa presenza galega alí (hipótese) 

En todas esas terras austrais non é demasiado difícil encontrar xente de orixe española e en concreto galega polo que me comentaron por alí. 

Nesa zona a mobilidade entre Arxentina e Chile polo sur é "relativamente" doada".


Seguir lendo...

08/08/23

O que agochan os nomes das casas: un mundo

Antes de meternos en fariña imos facer uns apuntamentos. 
Unha nota definitoria do rural galego é a importancia da casa como unidade de convivencia que identifica á familia con máis claridade ca os apelidos convencionais.
A maioría das casas arrastran nome de ben atrás e serven, como diciamos, como claro elemento que diferencia os seus moradores en relación coa veciñanza próxima, do lugar, da parroquia e mesmo do concello. 
Por outro lado, actividades como as que desenvolveron na vila friolesa tempo atrás ao longo dunha semana moi intensa, Raquel Queizás e Alba Grande, non é algo que quede no baleiro que pasa e rematou. Non serve aquí o de pasou o día pasou a romaría... 
Ao contrario, xa o comentamos: esta xira de Cóntame un mundo, levantando alfombras e quitando arañeiras das memorias permite que a veciñanza ( polo menos a parte máis interesada e activa no relacionado coa oralidade) tome conciencia de que saben, sabemos, máis do que cremos saber e algúns e algunhas están dando o paso seguinte que é contar iso que se sabe. 
Estupenda pegada que seguro xera máis intercambios enriquecedores.
Vén isto a conto porque estes días no facebook, unha veciña decidiu poñer negro sobre branco os seus pensamentos sobre a historia da súa casa, o que lle contaron e conta.
Así, comezaba unha anterior entrada que nos vimos na obriga de facer desaparecer pois non todo o mundo concorda niso que comentabamos anteriormente de partillar as historias que agochan os nomes das casas. 
Somos respectuosos e queda a historia da veciña no caixón. Mágoa!

Lembramos, nun centro escolar polo Entroido, (non era Friol... aclaramos para evitar suspicacias) que había unha mestra que non quería que o seu alumnado lle fixese copla ningunha. Lémbranse as coplas de Entroido que a rapazada elaboraba no curso correspondente con maior ou menor enxeño e que poñían, como debe ser, o mundo ao revés.
Pois ben a esta profesora respectámoslle o seu mandado e non se lle fixera copla ningunha... 
Pero como, por outra parte o Entroido non é época de prohibicións e censuras, cumprimos escrupulosamente coa negativa da docente e co que esixía a tradición do seguinte xeito:
"Hai unha mestra no cole
que dixo non quere copla
como somos obedientes
a Marga non se lle toca"
E seguimos cos nomes da casas. 
Se collemos  as guías telefónicas elaboradas no Colexio de Friol en diferentes cursos escolares, veremos que son moitos e moitas as casas que manteñen, entre outros, nomes de antigos oficios :"Zarralleiro" "Muiñeiro" "Zapateiro"."Carteiro"... e por suposto Ferreiro.
Non creo se teña que facer esforzo ningún para situar moitas destas casas: En Carballo, en Cotá, en Guimarei, mesmo na capital do concello, en Miraz,... e mesmo tamén hai a súa variante feminina.
Paramos neste nome de casa porque falabamos na outra entrada suprimida dun antepasado dedicado á ferrería e ligabamos esta ocupación ao interese que nas guerras carlistas tiña tales casas por ser recurso para ferrar cabaleirías, amañar ferramentas e mesmo armas de fogo,  polo que supuña de gran importancia para os facciosos ter de man estes centros artesanais.
  
Cando escribiamos aquela acordamos de "A Gavilla" relato publicado por X María Álvarez Blázquez nun pequeno libriño da colección O Moucho,: "A pega rabilonga"no que fala tamén das vicisitudes dun ferrador que vivíu na mesma época que se enfrontaban entre si os apostólicos e os do trágala trágala; paga a pena botarlle unha ollada. 
Xa para rematar lembrar tamén que na literatura popular a presenza do ferreiro é abondosa.
Deixamos aquí como remate aquela copla que di

Non te cases cun ferreiro
que ten moito que lavare
Casate cun mariñeiro 
que vén limpiño do mare

Seguir lendo...

02/08/23

Mulleres do Narla de onte a hoxe

Tempo atrás o grupo de teatro Carballo Vivo representou a montaxe "Mulleres do Narla, cambiemos o conto" , unha análise da presenza da muller nestas terras ao longo da historia. Tomaramos como elementos sobre os que xirar a obra , a lenda da Dona da Torre, a conquista do voto das mulleres na II República, a incorporación do pantalón á vestimenta feminina e o perigoso uso do móbil entre a mocidade como elemento controlador dentro das relacións de parella.
Despois do paso polo concello de Raquel Queizás e Alba Grande, caemos na conta que este caderno tiña moito publicado pero pouco relacionado coas mulleres destas terras. Estabamos en débeda...

A procura de datos, certamente, iniciárono estas titiriteiras e é a partir do recollido por elas do que se nutre esta entrada, con algún apuntamento engadido.

Tiñamos nos arquivos unha noticia publicada na desaparecida "Hoja del lunes" editada pola Asociación da prensa de Lugo, concretamente a do día 2 de decembro de 1963 que falaba da única muller na provincia luguesa presente nunha corporación municipal, tratábase dunha friolesa da que xa falamos por outras lerias aquí, pero que hoxe aparece no primeiro lugar da longa lista de Mulleres do Narla: trátase de Maruja Bóveda Ulloa, mestra que era da escola de nenas por aqueles negros tempiños e que nalgún momento chegou a exercer a dirección do colexio creado anos máis tarde. 

Hoja del lunes 3-XII-1963
  O tratamento da nova na prensa provincial amosa o rancio dunha sociedade que aínda vivía baixo a bota franquista, onde a muller ocupaba o lugar que tiña que ocupar segundo os criterios da Sección Femenina da Primo de Rivera e aquelas que tiña a ben o réxime de permitir participar na vida pública eran tratadas co ton paternalista que daquelas se podía esperar.

Aproveitamos a ocasión tamén para citar unha súa irmá, Amparo que dedicou a súa vida á docencia sendo doutora en psicoloxía educativa pola Universidade de Washington e que publicou unha chea de traballos e traducións.

Pero ao que iamos, descubrimos estes días pasados a presenza de mulleres pioneiras nunha sociedade pechada como podía ser calquera vila ou concello galego dos anos sesenta.

Por un lado, xa falamos noutras ocasións do agradecidos que estabamos cos traballos de costura para as obras de teatro que fixo sempre que o pedidmos, Angelines das Calcetadoras. Hoxe vén aquí por ser a que guiaba por estas terras friolesas o seiscentos do que falamos nunha entrada anterior. primeira muller de toda a contorna en sacar o carné de conducir e ter coche (segundo indicou, xa tiña o vehículo antes de aprobar o carné). Arredor do 1968.

Outra pioneira que queremos mencionar é a Esther de Reción. Tamén sobre  o mesmo ano , sen poder precisar, deciciu mercar en Almacenes San Marcos, na capital, uns pantalóns e converterse así na primeira muller friolesa en engadir a citada prenda ao seu vestiario

Cando fixemos a montaxe que antes citabamos, descoñeciamos tal sucedido. Estivemos procurando información pero non falamos con quen debiamos falar. 

Curiosamente no ano 1970 , dúas deputadas francesas, Denisse Cacheux, e Michèle Alliot-Marie presentáronse na Asemblea en París e os conxerxes prohibíronlle o paso, provocando que esta última indicase que se o problema eran os pantalóns , que os sacaban... deixáronas pasar.

Poderíamos seguir citando moitas outras que co seu labor profesional en San Paio: Paquita da Torre; coa súa sabedoría popular: Carmiña da Torre; coa súa afouteza: Concha de Bértolo... foron e van abrindo camiño a futuras xeracións.

Paramos xa para rematar citando unha cociñeira (a da casa Peruchelas) Angelines tamén, e unha lavandeira, polo que din a derradeira que usou a presa dos Grande para lavar a roupa: Evangelina.

Nomes da historia pequena que axudaron co seu día a día a chegar ata onde estamos,    




Notas: non sabemos se a Evanxelina estará nesta fotografía achegada por Carmiña do Grande

A fotografía de Esther de Reción é do Roteiro da memoria

Seguir lendo...

09/01/20

Madialeva (II)


O sábado pasado presentouse en Miraz, como xa dixemos, e con gran afluencia de público, a novela gráfica Madialeva de Ana Moreiras
O libro recolle diferentes historias locais contadas desde esta parroquia friolesa e nas que aparecen os diferentes personaxes que conforman e conformaban a sociedade tradicional. Así aparecen as figuras de dúas mestras de distinto e distante proceder, caciques, señores, curas, veciñas afoutadas, a emigración, os primeiros pasos de Inditex, a ilusión xerada pola República, o drama da guerra e por último como algo novidoso o empoderamento da muller.
Todo isto que a autora recolle en Miraz reflicten, coas variantes que cada lector teña a ben segundo a súa propia novela persoal, historias que ben puideron suceder en Mondriz (Castro de Rei), Ove (Ribadeo) Ferreira ( Guntín) Palmeira (Ribeira),…ou en calquera outro punto da nosa xeografía.
Coa lectura deste texto, nós lembramos as tardes que, dentro do proxecto Algo máis que pan e queixo, dedicamos á escoita da veciñanza que se xuntaba no local social de Carballo e que debullaba historias, esas pequenas historias que non aparecen nos libros de texto e que conforman o noso ser e estar, e que neste caso quedaron recollidas neste blog.
Animamos á lectura desta novela sobre todo á veciñanza friolesa pois de seguro que nomes e historias, con certo grao de implicación faranse facilmente recoñecibles e, aínda que hai pingas de ficción, permítesenos percorrer e acompañar a xeografía humana da parroquia e do concello e lembrar outras contadas da citada freguesía das que nestas páxinas temos dado conta. 
En hora boa á autora.
En Lugo os exemplares, que nós saibamos, pódense adquirir nas librerías Trama e Totem

Seguir lendo...

26/12/19

Madialeva

O próximo día 4 de xaneiro ás 12 da mañá, no local social de Miraz, terá lugar a presentación da novela gráfica Madialeva, creación de Ana Moreiras que reflicte o rural galego a través das narracións recollidas ao longo do tempo pola veciñanza desta parroquia friolesa. 
A autora, de orixe friolesa, é licenciada en física e actualmente profesora de tecnoloxía dun instituto de Boiro; ten un perfil poliédrico o que a leva a estar implicada en múltiples proxectos tanto educativos coma creativos. Olloboi é un exemplo
Madialeva pretende fixar esas historias cotiás que forman parte da nosa colectividade e que, en definitiva, estruturan a forma de ser e pensar da mesma. Hoxe que se está a crebar o elo da transmisión oral avós-netos, textos como o que se vai presentar este primeiro sábado de xaneiro, son achegas que pretenden que o que se transmitiu de xeración en xeración non quede perdido na memoria da xente de idade.
Como di a propia autora: "O amor pola miña terra e a nosa lingua levoume a emprender esta aventura. Unha especie de chamada de socorro para alertar da grave crise que sufre o noso rural, que está esmorecendo".
Un bo xeito de comezar o ano e, un bo xeito de desexarvos unhas boas festas é animarvos a acompañar á Ana Moreiras no acto de presentación

Seguir lendo...

14/05/17

Punto e aparte

Este sábado dentro das V Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural de Carballo participamos no emotivo acto de recoñecemento ao proxecto que baixo o paraugas ben coñecido de "Friol: algo máis que pan e queixo" botou andar xa hai algún tempo e no que foron protagonistas fundamentais o alumnado de ESO do CPI Dr. López Suárez e a veciñanza; dúas pezas claves sen as que o citado proxecto estaría eivado.
No citado acto fíxose un percorrido rápido sobre o que significou este andaina, percorrido que foi acompañado pola presentación que xa temos publicada nestoutra entrada.
O segundo bloque consistiu na presentación dunha montaxe audiovisual que en breve estará a disposición na rede e que vén ser un pequeno paseo iniciático polo concello friolés.
No último apartado fíxose fincapé no que queda por facer en relación aos eixos que vertebraron esta actividade: patrimonio material, inmaterial e natural. Dun xeito directo, imaxinativo e sobre todo vindicativo expuxéronse as necesidades urxentes que o pobo friolés debería afrontar en relación aos temas citados cunha perspectiva de investimento de futuro.
Deixamos aquí a presentación que se empregou nesta derradeira intervención.

     

Seguir lendo...

30/04/17

Un merecido recoñecemento

Alá polo ano 1934 –oitenta e tres anos atrás- catorce dos docentes destinados no concello de Friol propuxéronse e conseguiron levar adiante unha proposta –daquela—completamente innovadora: levar o alumnado ao mar.
Foi durante a II República cando agromaron cantidade de iniciativas escolares semellantes á que nos ocupa, inspiradas na filosofía que presidía a Institución Libre de Enseñanza.
Pois ben, o alumnado das escolas de Carballo, Xiá, Roimil-Nodar, e da Covariza-Silvela, 28 en total, marcharon un 6 de xuño de 1934 camiño do Ferrol --aínda non era do funeralísimo-- na que case con seguridade foi a primeira excursión escolar programada neste concello.
Ver o mar, visitar os arsenais e estaleiros, subir a un acoirazado, sucar o mar ferrolán nunha pequena embarcación a vapor... ( gustaríanos ver as caras dos discentes neste bautizo mariño: seguro que os seus ollos reflectirían por igual alegría e abraio, satisfacción e temor).
Completouse a xornada cunha comida realizada nas cantinas escolares que funcionaban daquela en moitas localidades; coa asistencia --seguro que tamén primeiriza-- á proxección dunha película no Teatro Jofre, para posteriormente cear no hotel Concepción Arenal  e poñer rumbo cara a Friol ás últimas horas da tarde. Se somos quen de situármonos no primeiro terzo de século XX, podemos imaxinar as dificultades organizativas que seguro tivo que afrontar a organización da excursión: recollida do alumnado ao punto de partida, solventar as dúbidas familiares, horario de chegada, medos, seguro que algunha crítica máis ou menos agachada… e se a isto lle engadimos as deficitarias infraestruturas viarias e os medios de comunicación dispoñibles, non podemos máis que recoñecer a valentía e afouteza que amosaron este grupo de mestres decididos a emprender unha verdadeira odisea coa fin de que o coñecemento do mar fose algo máis cá cor azul dos atlas escolares.
Á fronte da expedición ían Dª Vicenta Puga Castro, mestra de Xiá,  Dª Elena Refojo Freire ( Carballo), Emiliano Manrique Gallardo ( Covariza, Silvela) e Luís Ángel Lafoz López (Roimil-Nodar). Do resto de docentes podemos facer conxecturas pero non sabemos con seguridade quen participou.
Con esta entrada queremos manifestar o noso máis que merecido recoñecemento a este grupo de comprometidas mestras e mestres que foron quen de xerar ilusión por estas terras en tempos ben difíciles.

Nota: As fotografías que ilustran a entrada de esquerda a dereita son do Teatro Jofre, da antiga escola de Xiá e do acoirazado visitado polo alumnado

Seguir lendo...

20/04/15

As Xornadas de Carballo ( III )

Dentro das Xornadas de Carballo presentouse tamén, baixo o título "A escola do concello: un achegamento" un pequeno percorrido polo concello friolés tendo como referente a creación de unidades escolares publicas a partir da posta en vigor da Lei Moyano de 1857.
Iniciamos o citado percorrido cos datos recollidos por Pascual Madoz no seu Diccionario geográfico publicado no ano 1845 que é o primeiro documento que se atopou que faga mención ás escolas nas diferentes parroquias do concello. 
A partir de aí e rematando o camiño no ano 1950 fíxose un paseo acompañados pola memoria dun bo número de mestres e mestras que puxeron escola nestas terras ao longo deses cen anos.
Deixamos aquí a presentación que serviu de soporte gráfico para a citada exposición.


Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.