Amosando publicacións coa etiqueta Audio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Audio. Amosar todas as publicacións

08/01/13

Severiano: Un gaiteiro universal en Friol ( II )

Noutra entrada  publicada xa hai tempo e redactada polo compañeiro José Fariñas, facíase unha lembranza poética deste gaiteiro nacido en Malpica, parroquia da Rocha, no ano 1917. Coñecido por todos como Severiano, veu ao mundo como Severino Santos Sancosmed.
Este gaiteiro foi obxecto, o 30 de abril de 1995, dunha homenaxe auspiciada pola Asociación Cultural Cova da Serpe, que deu pé para recoller ( por parte de Xosé Luís Rivas, Mini ) tres pezas tocadas por este gaiteiro que están incorporadas ao APOI --Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade--  e que podemos escoitar premendo nos seguintes enlaces: (xota1), (gaita) e (xota 2).
Bastante tempo atrás (11-xullo-1970) no diario provincial “El Progreso” recóllese unha pequena entrevista que lle fixo Siso--Narciso García Fernández-  con motivo das festas patronais friolesas. Nela, nun ton non excesivamente respectuoso, ao noso entender; o xornalista comenta as habelencias do citado Severiano non só no mundo das gaitas senón tamén como "compoñedor" de reloxos dun xeito totalmente artesanal.
Faleceu en xuño do 2002, sendo enterrado no cemiterio da igrexa parroquial de S Cosmede da Rocha, onde esta tarde ao visitar a súa tumba, soaba de lonxe unha gaita...
Nota: As dúas entradas dedicadas a Severiano, están ligadas na portada do blog a unha foto do gaiteiro facilitada por Javier Hermida Meilán

Seguir lendo...

20/04/11

Muiñeira de Anafreita

No tempo que levamos publicando neste blog, observaredes que, aos poucos ,imos colgando romances e parrafeos tradicionais que forman parte do acervo cultural do noso concello. Unhas veces, aproveitando o traballo realizado pola asociación "Foliada Friolense" que tanto ten traballado e tantos éxitos ten colleitado, naqueles dourados anos oitenta-noventa; outras veces a través da voz anónima, ou non tan anónima ,dalgún veciño ou veciña, e outras grazas a información recollida pola A. C. Cova da Serpe.
Levamos tempo detrás do folclore musical destas terras, pois desde Miraz a Ramelle, pasando por Carballo, Anafreita,... sabemos da existencia de diferentes melodías propias de cada un destes lugares.
Hoxe achegamos aquí a muiñeira de Anafreita, interpretada polos grupos de gaitas das Asociacións Culturais Donaire da Coruña e Santa María de Torás da Laracha. Estas dúas agrupacións gravaron un disco no ano 2001 baixo o título "Cantos vellos pra rapaces novos" e nel aparece esta muiñeira que poderedes oír aquí.

Seguir lendo...

06/02/10

O cura está malo.


A recuperación do folclore popular foi un dentro da infinidade de campos nos que traballou a fondo a Asociación Cultural Cova da Serpe.Recuperar vellas cantigas tentando non perder o elo que impedise que as xeracións vindeiras carecesen desta fonte, tamén forma parte da nosa idea polo que 'aproveitando o traballo de campo da citada Asociación, publicamos aquí unha cantiga extendida por toda a provincia; neste caso as relatoras son as irmás Laxe Morandeira. De Carmen xa temos falado noutras entradas e Dolores incorpórase nesta.
O tema leva por título: "O cura está malo". Dentro do noso cantigueiro a figura do cura sempre foi branco de moitas coplas. Neste caso unha cantiga que tamén se escoita ,aínda hoxe, nas terras limítrofes coa nosa comunidade, da provincia de León. A verdade é que está moi espallada e podemos escoitala en calquera parte da península coas diferentes tonalidades e versións.
Antes da letra, deixamos un audio coa cantiga, interpretada por Xosé Álvarez da Casa Sabelo de Donís, no ano 1992; recollido no traballo de investigación: "A cultura popular dos Ancares (A cultura popular de tradición oral nas parroquias de Donís e do Pando)" feito para o Consello da Cultura Galega, grazas a unha bolsa da Consellería de Cultura e Xuventude, por X. Mª Carricoba.


A letra que transcribimos aquí, foi editada pola mencionada Asociación Cultural nun tríptico en colaboración co colectivo cultural "Rogas da Torre". A portada e contraportada do mesmo é a imaxe que ilustra esta entrada
Cantar do cura
O cura está malo, o cura está malo,
moi maliño en cama
chirimbín,chirimbaina,
moi maliño en cama.
Pola media noite, pola media noite
chamou á criada,

chirimbín, chirimbaina,
chamou á criada
Faime o chicolate, faime o chiculate,
pero non hai auga
chirimbín, chirimbaina,
pero non hai auga.
Colle o cantarillo, colle o cantarillo
e vai a buscala,
chirimbín, chirimbaina
e vai a buscala
Ó chegar á fonte, ó chegar á fonte
picouna unha rana
chirimbín, chirimbaina
picouna unha rana
La picó con gusto, la picó con gusto
la picó con gana
chirimbín, chirimbaina
la picó con gana.
A los cuatro meses, a los cuatro meses
barriguiña inchada,
chirimbín, chirimbaina
barriguiña inchada
A los cinco meses, a los cinco meses
ya daba patadas
chirimbín, chirimbaina
ya daba patadas.
A los siete meses, a los siete meses
xa lle rebrincaba
chirimbín, chirimbaina
xa lle rebrincaba.
E ós nove meses , e ós nove meses
pariu a criada,
chirimbín, chirimbaina
pariu a criada.
E trouxo un meniño, e trouxo un meniño
de pucha e sotana
chirimbín, chirimbaina,
de pucha e sotana.
Que para ser cura, que para ser cura
non lle faltou nada,
chirimbín, chirimbaina,
non lle faltou nada.

Seguir lendo...

14/12/09

Loito no C.P.I. Dr. López Suárez

No día de hoxe vítima dun fatal accidente, deixounos a compañeira M. José Carballal López.
Todas as mortes xeran desacougo, pero as producidas sen 'preaviso' , as que chegan sen se saber moi ben a razón, provocan un estado de incerteza que é difícil de definir.
Moitos fomos os que pasamos polo lugar do suceso, e todos pensamos --no momento, con alivio-- que non era un coche coñecido, que a traxedia parecía térmonos esquivado. Non foi así: Pasadas as horas recibimos a noticia e quedamos mudos, baleiros, fondamente consternados.
Desde esta páxina queremos unirnos á dor da familia.
"Marcharei ,
deixarei o meu camiño;
pero sei que nalgures,
alguén me lembrará.
Entón saberei
que aínda non marchei de todo"

Aquí podemos escoitar un fragmento do Requiem de Mozart

Seguir lendo...

11/11/09

Copla dos guardias de Guitiriz (II)

Nunha entrada anterior fixemos a transcrición do texto destas Coplas dos Gardas Civís, quedando pendente o acadar a pertinente autorización dos que realizaron o traballo de campo e posterior publicación da mesma.
Unha vez solucionada a cuestión , incorporamos por un lado a partitura das citadas coplas e por outro o audio recollido da Recopilación de Mini e Mero :"Cantos, Coplas e Romances de Cego. (I)".
Agradecemos as facilidades para a incorporación desta gravación aos autores do traballo, membros como é público e notorio do grupo "A Quenlla" e loitadores incansables na recuperación e defensa do noso patrimonio etnográfico.
Para oír a gravación clica aquí

Seguir lendo...

17/04/09

Responso de San Antonio ( II )

Na entrada anterior puidemos comprobar como o rezo do responso producira os efectos desexados polo dono do rabaño.
Era frecuente, aínda o é, o botar man deste responso para a procura de cousas perdidas ou animais extraviados.
Hai quen di que para que realmente produza os efectos aos que se destina, ten que "correr sen atrancos". Se xorde algún problema no rezo do mesmo (trabucarse, saltarse unha parte, ou cousas semellantes) a posibilidade de resultados positivos desbarátanse. Polo que o rezo esixe máxima atención e concentración.
O creador deste responso crese que foi San Boaventura , alá polo século XIII. Por suposto o latín é a lingua do mesmo. Co paso do tempo o responso pasou ás linguas vulgares. En Galicia por empregar a igrexa católica a lingua castelá, o responso recítase nesta lingua. 
Achegamos un audio co responso, recitado por Manuel Cabado, de 83 anos, veciño da Rexidoira na parroquia de San Martiño de Cotá.  A continuación vai a transcrición. 
AUDIO: 
>

RESPONSO
Señor San Antonio
Si buscas milagros mira
muerte error de los desterrados
Miseria y demonio , leprosos
Huidos, enfermos y sanos
El mar sosiega su ira
redímanse los encarcelados
miembros y bienes perdidos
recobran mozos y ancianos.
Al peligro se retiran
los pobres van remediados
cuéntanlo los socorridos
díganlo los paduanos
Gloria al Padre, gloria al Hijo
Gloria al Espíritu Santo
El mar sosiega su ira
redímanse los encarcelados
miembros y bienes perdidos
recobran mozos y ancianos
Al peligro se retiran
los pobres van remediados
Cuéntanlo los socorridos
díganlo los paduanos
Roga Cristo por nosotros
Antonio divino santo
Para que sea digno de sus promesas.
(...)

Hai que facer notar que a última parte do responso - da que non poñemos a trancrición-- está recitado en latín.

Seguir lendo...

01/04/09

Romance do Xan Guindán

No cantigueiro popular galego, un dos romances máis coñecidos é, sen lugar a dúbidas, o de Xan Guindán ou Xan Quintán. Reproducimos nesta entrada unha versión recitada por Mª Paz Viña de 65 anos, recollida por Estefanía Núñez na parroquia de Prado.

Romance do Xan Guindán
Audio
Xan Guindán queríase casar, 
e tiña a muller sin buscar, 
e ándalle facendo o amor 
á filla da tía Xoana.

--Boas noites tía Xoana,
onde lle vai a rapaza?.
--Vai buscar o gas pa' noite,
xa me parece que tarda.

Logo chegou a rapaza
pola porta pa' dentro.
--Boas noites Xan Guindán,
tráigote no pensamento.

--Pois ti diralo de risas,
pero eu dígocho de veras.
Eu queríame casar
e véñoche facer o amor.

--Pois eu tamén che hei de dicir
eu tamén che hei de contar,
quero facer unha saia
e teño a la por fiar,

--Teño unhos zapatos rotos
e o pano todo furado,
se tes cartos cómprame outro
casémonos de contado.

Fixéronse as municións
como uso acostumbrado.
Lévanllas ao señor cura
que as lea de contado.

O cura leu as municións
no ofertorio da misa
e a xente que as oíu
tamén lle servíu de risa.

Ao cura e ó sancristán
ca risa que lles deu
caeulles o libro da mao.

Xan Guindán quedouse teso
coma as varas dun caínzo,
deu a volta e camiñou,
tan siquiera adios lles dixo.

A nena sentiu vergonza
e afellas sentiuse doída
e así que chegou alí
díxolles que non quería.

Outra versión podemos lela nesta páxina
Aquí podemos escoitar o romance cantado neste audio: 
Recollido en Taboada no ano 1.996

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.