Amosando publicacións coa etiqueta Fontes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fontes. Amosar todas as publicacións

02/02/10

A Fonte das Pardellas.

Nas Pardellas hai unha fonte, a que aquí reproducimos, que segundo a crenza popular, é moi boa para a curación das verrugas. Somos testemuñas indirectas dalgún doente que curou as súas, coas augas da mesma.
Outras moitas fontes espalladas por Galicia teñen o mesmo poder curativo. Unha delas a fonte de Santa Mariña de Xerdiz no concello de Ourol, outra a de S. Pedro Fiz en Vilarmide, na Pontenova. Precisamente é este o santo o avogado das verrugas.
Pois ben , cando iamos fotografar a fonte milagreira, para facer esta entrada, demos cun emigrante retornado da Suíza – xa non é o primeiro co que topamos nas nosas andainas polo concello--. Contounos de vagar o antes e o despois dunha vida que se desenvolveu entre o aló e o acó.
Ese estar e non-estar, permite mirar o mundo dunha maneira que só os emigrantes son quen de facer. Ver os perfís que matizan a vida dun e doutro sitio só o poden facer aqueles que estiveron dos dous lados e, claro está, non se encontran nesa chamada maioría silenciosa da que tanto botan mans algúns. Non é ese o grupo ao que pertence este home.
Puxo enriba da fonte as súas dúbidas no momento de tomar a decisión de quedar aló ou virse definitivamente . Na decisión, o elemento principal a ter en conta: o fillo e a familia. Volveron . Aínda lembra con morriña a súa vida –32 anos—alá.
Hoxe que nos atopamos nunha sociedade cunha presenza importante de inmigrados, non deberiamos perder a referencia de sabérmonos dun país , ata hai ben pouco, xerador de emigrantes.
Ás veces cando oímos comentarios, abondo superficiais, sobre o mundo da inmigración, ou cando vemos o trato que se lles dá a certos colectivos de inmigrantes, dános en lembrar o noso pasado e acordar , moi ao noso pesar, o dito “ Non pidas a quen pediu, nin sirvas a quen serviu”.
Procuremos non caer nos tópicos deshumanizadores e sexamos solidarios cunha xente que se está aquí é, ben seguro, ao seu pesar; que se por eles fose non deixarían o seu país que os viu nacer.

Seguir lendo...

08/12/08

A fonte de S. Xiao do Carballo: Un exemplo de patrimonio arrasado

O patrimonio cultural vese continuamente atacado por unha especie de vaga vandálica que sen ningún respecto arrasa con todo o que atopa no seu camiño. Un exemplo recente témolo na fonte da igrexa de S. Xiao do Carballo.

A fotografía da esquerda foi tomada no mes de maio deste ano e podemos observar como a fonte está adornada con dous pináculos de bóla sobre unha ménsula. Na fotografía da dereita, feita no mes de outubro, pódese ver como -descoñecemos a razón- desapareceron os dous pináculos e parte da ménsula. Iso si os restos do pináculo da esquerda aparecen rodeados por unha cinta de protección.

Certo é que o paso dos anos e o abandono case total do patrimonio, deixado practicamente nas mans e na boa vontade do vecindario , non axuda ao mantemento destes elementos arquitectónicos, pero non é menos certo o desinterese que algúns particulares amosan polo mesmo.

Non debe ser moita a preocupación por tal estrago pois, que nós saibamos, non houbo nin queixas nin denuncia pública dos feitos.

Mentres non tomemos conciencia da necesidade do apoio por parte da administración e respecto e valoración por parte da sociedade do noso patrimonio, vai ser difícil que lle cheguen ás xeracións vindeiras o legado cultural que si chegou ata nós.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.