Amosando publicacións coa etiqueta Carballo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carballo. Amosar todas as publicacións

03/05/24

Hoxe 3 de maio seguimos falando do san Benito de Carballo

S  Benito de Carballo
Hoxe celébrase, como todos os 3 de maio, a romaría do san Benito do Carballo. 
Xa temos publicado diferentes entradas (ver ligazón) en relación á festa e mesmo temos publicado un vídeo, gravado hai xa quince anos, e que podemos ver ao final desta entrada.
O caso é que en data tan sinalada para Carballo, decidimos subir a este blog unha das múltiples achegas que no seu momento ( curso 2011/12) fixo ao blog da rapazada No Campo da Feira, a daquela alumna Bibiana Díaz Fernández veciña da propia parroquia.
Esta entrada publicaba un milagre deste santo, narrado pola avoa de Bibiana, Trinidad Rodríguez Argerey que sen máis preámbulos pasamos a relatar: 
"Un bo día, un fregués da parroquia de Carballo foi á igrexa. Dende o remate da misa, este home dixo: 
-Quédate santo mouro, que eu non te vou volver visitar tan rápido. 
Acto seguido, marchou da igrexa e foi a unha taberna próxima. Alí, entrou aparentemente san e cando quixo saír, non podía camiñar porque se quedara teso. 
Despois, un home que se atopaba no establecemento foi ata onde o cura a pedirlle axuda. O cura foi ver ó enfermo e díxolle que se quería volver camiñar tiña que ir visitar ó santo e pedirlle desculpas polo ocorrido, arrepentirse de corazón. 
O cura botoulle a bendición á devoción de San Benito ao enfermo e entón este púxose a camiñar. Sen perder tempo, foi visitar ao santo e deulle un bico, e prometeulle que iría todos os domingos que puidera á misa. Así foi como este home volveu á igrexa case todos os domingos ao santuario e nunca máis estivo enfermo e morreu moi vello.
O blanquieiro visto desde fóra

Deixamos tamén ligazón a outra das  achegas de Bibiana, relacionadas con Carballo e moi ligada tamén ao día de hoxe. Se a ledes entenderedes o porqué. Ler aquí 
O vídeo, do que falamos na cabeceira, vai  a continuación.
Bo día e boa romaría !



Seguir lendo...

18/05/18

Estreamos as Xornadas e a montaxe teatral

Onte, 17 de maio, botaron a andar as 6ª Xornadas de interpretación e dinamización do mundo rural cunha sesión vespertina intensa.
Despois da consabida presentación das mesmas e entre a lectura de fragmentos da obra da autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, Mª Victoria Moreno a cargo do alumnado do CPI Dr. López Suárez e a actuación musical do grupo de Monterroso "25 xastres", tivo lugar a representación teatral "Unha escola en branco e negro" a cargo do grupo de teatro da propia asociación que promove estas xornadas.
Cun local social ateigado, estreouse a montaxe na que o grupo leva traballando arreo desde hai tempo.
A actuación se a temos que valorar pola entrega do público, foi todo un éxito; pero non era para menos pois o desenvolvemento da obriña foi levada con verdadeiro entusiasmo e bo facer por parte de todas as actrices que saíron a escena.
"Unha escola en branco e negro" é unha análise crítica da educación dos tempos da ditadura franquista, con diferentes escenificacións dunha escola daqueles tempos en clave de humor e pequenas reflexións críticas das que se poden tirar ensinanzas válidas para o tempo presente.
Só queda agradecer a todas as persoas que, dun ou doutro xeito, fixeron que esta montaxe fose posible, sen esquecermos dar as grazas pola agarimosa acollida do público presente.

Nota: Lembrar que as Xornadas continúan este sábado 19, coa mañá dedicada a unha charla sobre saúde e a tarde á homenaxe a Celestino Fernández de la Vega e a actuación do narrador oral Lois Pérez

Seguir lendo...

30/04/18

Grupo de teatro Carballo Vivo

Entramos nun maio cargado de actividades no concello friolés. 
Á tradicional romaría do S Benito do Carballo, co correspondente Domingo das Poxas ( 3 e 6 de maio), incorporóuselle xa hai anos as Xornadas que desenvolve a asociación Carballo Vivo na mesma parroquia os días 17, 19 e 26 do mesmo mes.
Por outra parte este ano incorpórase a celebración do 2º Friulio ( celebrado o ano anterior no mes de marzo) na fin de semana do 12 e o 13.
Polo que a nós toca realizaremos a estrea da montaxe teatral “A escola en branco e negro” o mesmo 17 dentro do programa das Xornadas de Carballo.
Tomando o testemuño iniciado o pasado ano por Carballo Vivo, (lembramos a éxitosa representación da Galiña Azul de C. Casares) preparamos unha montaxe "traxicómica" que reflicte a escola duns tempos escuros, cuns monólogos en clave de humor que repasan os feitos nunha hipotética escola de primeiros dos anos sesenta.
Cunha nutrida representación feminina o grupo de teatro leva ensaiando esta montaxe desde primeiros de xaneiro coa mirada posta no Día das Letras Galegas.
Posteriormente faranse máis representacións das que iremos informando no seu momento.
O grupo está formado por Rocío del Río, Marta Fernández, Lucía Cabado, Mar Pérez, Jennifer Morandeira, Antía Iglesias, Ánxela Maneiro, Silvia Loureiro, Ana Hermida, Mª José Lamas e Silvia Cabado.
Esperamos contar coa vosa presenza o 17 de maio.

Seguir lendo...

23/04/18

O 3 de maio na memoria dos nosos maiores

Xa falamos noutras entradas do S. Benito, das Cruces de maio e do S. Marcos da Frieiría.
Deixamos aquí agora uns retallos da sesión do Obradoiro da Memoria celebrado en maio do 2014 en Carballo, e no que a veciñanza da parroquia fai lembranza destas celebracións.
Estes rituais que veñen de antigo e evidentemente foron cristianizados no seu momento, desenvólvense por toda a xeografía galega baixo diferentes advocacións.
Acordamos desta sesión do Obradoiro, que tiñamos arquivada, ao sermos coñecedores dun ritual que se leva a cabo en Laza ( concello ben coñecido polo seu Entroido e os seus peliqueiros) baixo a epígrafe do Santo Cristo que cun gran valor etnográfico seguen a celebrar nestes tempos e que xira sempre ao redor do día 3 de maio, como o noso S Benito, aínda que os tempos actuais obríganos a achegalos á fin de semana máis próxima a esta data.



Nota: A fotografía que ilustra a entrada é da romaría celebrado no ano 1964 e é dun grupo de amigos do barrio da Ponte de Lugo no S Benito dese ano. ( fotografía publicada no diario El Progreso o 3 de maio de 2014

Seguir lendo...

17/04/18

6ª Xornadas de interpretación e dinamización do mundo rural

Un ano máis e van polo 6º, a asociación friolesa Carballo Vivo, propón outros tres días de actividades nas que se mesturan temas relacionados co sector agrogandeiro, co mundo propiamente cultural da vila e por extensión da comunidade galega, sen deixar de lado os temas estrela das xornadas como veñen sendo o lobo e os aspectos sociosanitarios da poboación rural.
Desenvolveranse no local social de Carballo os días 17, 19 e 26 de maio, agás a tarde do 19 no que as actividades trasládanse ao Centro Sociocultural de Friol, e claro está a saída nocturna do día 26 que percorrerá o monte da parroquia,
Queremos destacar este ano a figura homenaxeada : Celestino Fernández de la Vega, filósofo friolés maiormente ignorado na súa vila natal, e que recibirá da man desta activa Asociación a homenaxe que se merece con, cremos,  algunha sorpresa agochada. Nesta sesión contarase coa presenza de estudosos da súa figura e mesmo algún familiar.
Indicar tamén que seguindo coa proposta teatral iniciada o pasado ano, a asociación presenta a montaxe "Unha escola en branco e negro" que seguro non vai deixar a ninguén indiferente.
O lobo, a saúde mental, actuacións musicais, monólogos a cargo de Lois Pérez , especialistas na xestión do lobo, coñecedores da agricultura ecolóxica, e mesmo alumnado do colexio do concello, completan unhas xornadas que coma sempre seguro acadan o éxito que se merecen.

Seguir lendo...

04/12/17

Obradoiros da memoria (I)

Dentro do proxecto desenvolvido estes anos atrás, fixeramos un oco para escoitar a voz dos nosos maiores, contando coa colaboración da Asociación Carballo Vivo
En sesións distendidas nas que se mesturaban cafés e lembranzas, a propia veciñanza da parroquia de Carballo foi achegando os seus recordos e vivencias que foron recollidos e serviron para documentar algunha das sesións das Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural e nalgún caso para publicar pequenos vídeos no blog Ao pé do Carballo.
A día de hoxe consideramos que estes vídeos deben ocupar un  espazo neste caderno pois , sen dúbida son parte importante da memoria do concello.
Hoxe incorporamos este primeiro que no seu momento foi publicado baixo o título de "O meu outono" ( publicado o 28 de marzo de 2014)

Seguir lendo...

03/05/15

As cruces de maio: un costume perdido?

Chegou maio e canda el, no noso concello, a romaría do San Benito do Carballo; precisamente falando desta celebración chegou a nós o coñecemento dun ritual que algún dos nosos veciños asóciano ao propio tres de maio –día da romaría— e outros de xeito impreciso ao mes de maio pero sen poder indicar data exacta, nin se a había.
É coñecido, dentro do ciclo festivo tradicional, o denominado “ciclo de maio” que en principio lévanos a lembrar as festas dos maios celebradas o día un ou tres deste mes que, sobre todo, nas provincias de Ourense e Pontevedra gozan de sona e tradición.
Pois ben, este ciclo festivo, seguindo a Clodio González Pérez, comezaría xa a mediados do mes de abril e continuaría ata os primeiros días de xuño. A orixe das celebracións para algúns pérdese na noite dos tempos e para outros estaría máis relacionada co mundo clásico latino. En calquera dos casos mantense presente e, nos casos dos que imos falar, é o resultado do sincretismo que a relixión católica foi facendo das antigas festividades rituais.
Existe constancia de rituais agrarios que en época romana e coincidindo co 25 de abril levábanse a cabo na honra da deidade, Robigo, protectora dos cereais e encargada de evitar parasitos e mofo que impedisen o seu crecemento –as chamadas Robigalia-- nos que se procedía a diferentes cerimonias protectoras dos cultivos que unha vez cristianizados convertéronse nunha especie de bendición dos campos.
Aínda hoxe, no concello, trasladada a honra ao San Marcos celébrase na capela da Freiría (O Carballo) unha minguada romaría con procesión ritual ao redor dun cruceiro improvisado para a ocasión. Lembran os veciños unha festa á que se achegaban dous carros –un deles de Higinio “Pallota”—con algo de bebida e comida ata o lugar, e mesmo levábase orquestra. Este ano pouco máis de vinte persoas se xuntaron o domingo 26 para a dita celebración.
Rematado abril, o 3 de maio ( que na antiga Roma era o derradeiro día das Floralia, festas dedicadas á deusa Flora) que en Carballo na actualidade está monopolizado polo San Benito de Palermo, era o día no que se adoitaba colocar nos campos de cereal, predominantemente centeo, unha cruz no medio das leiras feita de sabugueiro (sambucus nigra) e colocada a mesma sobre unha vara da mesma árbore, para que fose vista aínda despois de medrar o cultivo. A mesma era recollida ao tempo de recoller o cereal. Hai quen lembra que tamén se empregaban ramalliños de oliveira –en Carballo habíaa en Guntín e na Fraga— Hoxe é un costume perdido pero veciños e veciñas das parroquias de Condes, Carballo e Xiá lembran da súa nenez e mocidade. Mesmo hai –como xa dixemos-- quen a asocia ao día de San Benito:“acordo ao meu pai deixar do día anterior preparadas as cruces, e antes de marchare ao San Benito, ir aos campos colocar as cruces”.
O 3 de maio nalgunhas zonas de Galicia aínda se celebra a festa da Invención da Santa Cruz e queda a citada data recollida no noso refraneiro:
 “Pola Santa Cruz de maio 
pastores deixade o gado.
 Se non o quereis deixar 
ide con el todo o ano" 
Recollido en Donís (Cervantes) fai referencia a que por estas datas os veciños comezaban a subir o gando ás malladas da Serra dos Ancares.
A fotografía que ilustra a entrada é recollida do libro "Festividades Cíclicas em Portugal" de Ernesto Veiga de Oliveira por non termos outra referencia gráfica e aínda que reflicte unha cruz de flores a súa intencionalidade ritual é a mesma da que falamos nesta entrada. En concreto a fotografía foi tomada en Condeixa no distrito de Coimbra.

Seguir lendo...

20/04/15

As Xornadas de Carballo ( III )

Dentro das Xornadas de Carballo presentouse tamén, baixo o título "A escola do concello: un achegamento" un pequeno percorrido polo concello friolés tendo como referente a creación de unidades escolares publicas a partir da posta en vigor da Lei Moyano de 1857.
Iniciamos o citado percorrido cos datos recollidos por Pascual Madoz no seu Diccionario geográfico publicado no ano 1845 que é o primeiro documento que se atopou que faga mención ás escolas nas diferentes parroquias do concello. 
A partir de aí e rematando o camiño no ano 1950 fíxose un paseo acompañados pola memoria dun bo número de mestres e mestras que puxeron escola nestas terras ao longo deses cen anos.
Deixamos aquí a presentación que serviu de soporte gráfico para a citada exposición.


Seguir lendo...

19/04/15

Xornadas de Carballo Vivo (II)

Continuando co traballo presentado nas Xornadas na mañá de onte, hoxe deixamos o bloque correspondente á análise sociapolítica dunha época esperanzadora para a sociedade española e para o mundo da educación en particular, como foi a II República --cando menos nos seus primeiros pasos-- e as dramáticas consecuencias do golpe militar franquista do 36.
Con esta presentación  que aquí deixamos, explícase con claridade a evolución xeral desde os primeiros anos da República ata os primeiros anos da posguerra cunha sinxela reflexión sobre a evolución do sistema educativo ata chegarmos aos noso días que, despois de percorrer as diapositivas da presentación, dá a impresión que se quere volver ao escurantismo tan beneficioso para algúns e tan prexudicial para a maioría da sociedade.
Esperemos tiredes proveito deste traballo.
  

Seguir lendo...

18/04/15

Xornadas de Carballo Vivo ( I )

Hoxe pola mañá no marco das 3ª Xornadas de Dinamización do Medio Rural, desenvolvéronse as sesións relacionadas coa escola en tempos pretéritos.
Nas mesmas perfilamos as características sobranceiras  que explican desde unha perspectiva socio-política o contexto no que se desenvolveu o mundo da educación,  facendo sobre todo fincapé no período da II República , a sublevación militar franquista e os primeiros anos da posguerra coas súas tráxicas consecuencias.Por outro lado realizamos unha andaina pola escola friolesa dende mediados do século XIX ata mediados do século XX.
Falar deste período é falar entre outras cuestións da innumerable presenza das escolas de ferrado: Á sociedade friolesa cumpríalle unha instrución básica á que a escola pública era incapaz de darlle resposta; de aí a proliferación de escolantes de ferrado. Escolas que coexistiron coas públicas ata ben entrado o século XX.
Non seriamos capaces de facer un listado das citadas escolas: temos referencia da d'A Laxe e o Albeiro na parroquia do Carballo; a de Samede, Torre de San Paio, Torre da Luz, Caspardo, Suouteiro e Rétede, na parroquia de Xiá; Macedo en Condes,e tantas e tantas outras que multiplicaron con seguridade as doce primeiras que aparecen recollidas no "Diccionario geográfico" de Pascual Madoz do ano 1845.
En próximas entradas deixaremos colgadas as presentacións que serviron de apoio ao exposto, pero nesta deixamos unha pequena entrevista feita a María Penas Varela- veciña na actualidade de Paredes (Carballo)- que nos relatou a súa experiencia como mestra de ferrado alá pola década dos corenta e primeiros anos dos cincuenta do pasado século, cando María era unha mociña alentada pola mestra da escola pública de Xiá ,Vicenta Puga Castro.
Cremos paga a pena pararse dez minutos e escoitala. 


Nota: As fotografías que ilustran a entrada foron feitas por Xesús Rodríguez e Ana Isabel Castro

Seguir lendo...

04/03/15

Carballo Vivo: Obradoiro da memoria

O próximo venres día 13 ás catro e media da tarde, no local social (antiga escola de Carballo) terá lugar unha nova sesión dos Obradoiros da Memoria que a Asociación Carballo Vivo puxo en marcha tempo atrás.
Xa en marcha a organización das próximas III Xornadas que se desenvolverán ao longo do mes de abril, e cara a elas, nesta ocasión falarase dos tempos das vellas que agochan nos seus muros, lembranzas e inquedanzas que se pretenden recuperar nesta sesión.
Todos nós lembramos con maior ou menor fidelidade pasaxes da nosa infancia escolar que ás veces saen a relucir cando os fillos ou netos contan as súas vivencias da escolaridade presente.
Desde aquí convidamos a todos e todas as que queiran participar na sesión do próximo venres na que, coma sempre, Carballo Vivo asegura o café, algunha lambetada e un par de boas historias.
Vémonos.

Seguir lendo...

28/02/15

Jesús Rodríguez: Unha homenaxe merecida

Hoxe pola tarde no Centro de Convivencia Maruxa Mallo de Lugo, tivo lugar o acto no que se levou a cabo o nomeamento de Suso Rodríguez como colexiado de honra do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Ceesga.
Nun acto público presidido polos colexiados de honra da citada organización, Ana Iglesias, Xosé M. Cid e Mariló Candedo,  foille entregada a acreditación de tan merecido premio.
Cremos que non é necesario abondar na cantidade de proxectos, nin citar as múltiples responsabilidades asumidas tanto no eido profesional como social por parte deste chairego de Cabreiros, con vinculación afectiva ( e non só) con estas terras friolesas.
Falar da  Facultade de Ciencias de Educación, de Nova Escola Galega, da Revista Galega de Educación, da Asociación de Veciños de  Cabreiros (Xermade), e desde a súa creación na que tivo parte activa, de Carballo Vivo,... é falar de Suso; dunha persoa chea de ideas, de actividade, puro dinamismo, cheo dunha desbordante paixón que contaxia  por todo aquilo que propón e que considera importante no seu compromiso de facer País.
Dicíase na presentación do acto que era quen de enredarse en calquera silveira pedagóxica, e seguro que é certo, pero como ben quedou demostrado no resto do emotivo acto, este interese pedagóxico transcende ata o social e fai que sexa un verdadeiro e entusiasta activista da ruralidade.
O seu dinamismo e as súas inquedanzas que hoxe foron motivo de agasallo serán, non o dubidamos, motor para continuar cun camiño iniciado hai moito tempo.
Os nosos parabéns!

Seguir lendo...

13/04/14

Remataron as Xornadas de Carballo Vivo

Onte remataron as "2ª Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural" que por segundo ano organizou a Asociación Carballo Vivo da parroquia friolesa de S. Xiao do Carballo.
As actividades foron un éxito de participación,  cousa nada doada neste tipo de actividades; éxito debido ao esforzo, dedicación e interese da directiva da citada Asociación que cada ano que pasa sorpréndenos polo seu dinamismo, implicación e entusiasmo. Habería que tomar boa nota dos seus feitos.
Como sabedes nós achegamos o noso gran, coa intervención o pasado sábado día 5 na sesión "Obradoiro da Memoria: iniciando o camiño" na que fixemos unha presentación que servise como encadre dunha época que se corresponde coa infancia e mocidade dos participantes no citado obradoiro, botado a andar nas Xornadas do ano pasado. Deixamos aquí a citada presentación. 
Só queda felicitar aos organizadores, aos diferentes relatores e relatoras e por suposto, cremos o máis importante, a todas e todos os que asistiron ás mesmas.Haberá que ir pensando nas próximas.


Seguir lendo...

12/04/14

Foliada Friolense ( I )

Hoxe, dentro das "2ª Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural" de Carballo, desenvolveuse unha actividade baixo o título: "Lembranza do que foi Foliada Friolense" que, da man de Pepita Regueiro, contou cunha exposición sobre a historia desta asociación e a interpretación dunhas pezas musicais recollidas nos anos noventa no Albeiro.
A fins dos setenta e principios dos oitenta do pasado século, a escola galega era un fervedoiro de ideas a prol da recuperación de todo o que significase cultura tradicional e apoio indiscutible á presenza da lingua galega no currículo educativo.
O Colexio de Friol non quedou á marxe desta forte ondada vindicativa e enlazando o propiamente académico e o lúdico, puxo en marcha unha actividade que a partir do estudo pormenorizado do ciclo festivo anual chegou a concretarse na creación dunha asociación cultural de estudo e recuperación das tradicións , usos e costumes frioleses. Nace así Foliada Friolense.
Seguindo o publicado por Pepita Regueiro no Programa de Festas de Santa Isabel do ano 1989, “no outono de 1986 xorde (…) a idea de fomentar a creación (no centro escolar) dunha aula de Música e Danzas, como actividade extraescolar…” coa mesma, contrátanse dous profesores e comeza a compra do material musical necesario".
A actividade leva canda si a creación dunha asociación que lle dea amparo legal; deste xeito legalízase "Foliada Friolense" en xullo do ano 1988, presidida polo director do centro escolar Carlos Veiga. O nome é proposto polo alumnado da daquela segunda etapa de EXB (6º,7º e 8º) o equivalente aos primeiros anos da actual ESO.
O obxectivo desta asociación, seguimos a Pepita Regueiro, era “ fomentar o desenvolvemento cultural,preferentemente de ámbito galego,coa meirande proxección social posible, estando aberta a todo tipo de suxestións encamiñadas ao progreso cultural e social”.
Ata aquí a presentación. Do traballo desenvolto hai que dicir que propulsou unha dinámica de investigación de todo o relacionado coa cultura tradicional, facendo especial fincapé no musical e na literatura popular de tradición oral. Este traballo achegou moitísimo material que foi publicado no xornal escolar “Lume Novo”-- aquilo que tiña que ver coa oralidade— e a recolleita musical servía de base para as clases e posteriores actuacións do grupo.
No programa de festas antes citado, fálase de setenta e sete rapaces e rapazas de diferentes idades que participaban como alumnado desta asociación e recóllese tamén o número de asociados que eran 59 – dato do ano 1989--. Isto reflicte a implicación activa das familias, eixo fundamental para o desenvolvemento das actividades.
Participar nas festas das distintas parroquias e, por suposto, nas da vila, ir cantar os reis por diferentes aldeas, realizar intercambios con agrupacións semellantes de outros concellos ( Cospeito por exemplo), bailar nos festivais en lugares tan distintos e distantes como Noia, A Fonsagrada, Portomarín, Triacastela,… formaban parte da axenda de traballo de Foliada.
Non se pode esquecer as múltiples viaxes culturais: Cataluña, Asturias, Cantabria, Santiago, Santa Tegra, Muxía,…No ano 1993 afrontaron o Camiño de Santiago, a pé desde O Cebreiro.
Desde a asociación e sempre en colaboración co centro escolar realizáronse tamén mostras de artesanía local e de aparellos de labranza. Por último xa a fins de século achegáronse á Emisora da Ser en Lugo para participar nos programa para escolares convocados pola mesma (aquí deixamos o enlace para escoitar as gravacións dos mesmos)
Meses atrás, coa entrega dos instrumentos musicais (de percusión) da Asociación ao centro escolar “Dr. López Suárez” dáse por extinta a mesma e desde este caderno queremos deixar constancia do que foi un traballo recuperador, enriquecedor e divulgador do patrimonio cultural e artístico do concello.
De feito, sirva esta entrada coma homenaxe a un labor intenso do que seguramente moitos e moitas dos que leades isto teredes boas lembranzas e seguro cousas que achegar, comentar e mesmo discutir.
Na próxima entrada deixaremos unha pequena montaxe videográfica que quede como testemuño do que foi “Foliada Friolense

Seguir lendo...

03/04/14

Foliada Friolense ( II )


Aquí deixamos a montaxe que percorre as actividades de Foliada...

Seguir lendo...

02/04/14

Foliada Friolense ( III ) : O Farruco

Tempo atrás achegada por unha alumna tiñamos publicada nestoutra entrada esta copla de cego, que como ben di o informante, aprendérona coas follas que nas feiras levaban canda si os cegos que ían contando as historias.
Neste caso achegamos a versión recollida no Albeiro (Carballo) por "Foliada Friolense" na década dos noventa. O informante foi Paco Rodríguez-- Paco Damil-- ao que lle podemos escoitar cantar esta versión que transcribimos a continuación.
Preme aquí para escoitalo


"--Boas tardes miña sogra
véñolle pedir a filla,
se ma dá séntome un pouco
senón marcho máis axiña.
--A miña filla, Farruco
é moi nova pra casare,
sólo ten corenta anos
e pódese destragare´.
--E alabado sea Diose
o que dixo miña sogra:
que vai destragar a filla,
xa non ten dentes nin moas!
--Pois a filla non cha doue,
non teño que che facere,
que ti es un folgazanhe
non a vas poder mantere.
--Eu téñolle un bon oficio,
xa sabe que son gaiteiro,
Sempre ando de festa en festa
e gano moito diñeiro.
(..................................)
--Pois pa poñela tranquila
debe deixala casare
que despois de casadiña
gaita non lle ha de faltare.
Y aquí termina el relato
deste famoso gaiteiro,
que pra engañar a rapaza
tocoulle a gaita primeiro."

Seguir lendo...

01/04/14

Foliada Friolense (e IV ): material musical recollido pola Asociación

Dentro do traballo de recollida por parte de Foliada Friolense deixamos aquí a partitura e melodía da muiñeira do Albeiro interpretada por Paco do Albeiro e Emilio do Campo. A transcrición musical foi feita por Efraím Díaz e a achega do material sonoro é de Pepita Regueiro.
Premendo aquí escoitarás a melodía 




Nestes enlaces que deixamos aquí podedes achegar ás diferentes pezas recollidas por Foliada e transcritas por Efraím Díaz 
1) Xota danzarica 2) Xota do Paco 3) Xota das Corredoiras 
4) Rumba do Albeiro, 5) Pasodobre de Paco e 6) Pasodobre Campeiro 
Xa para rematar deixamos o enlace ás partituras destas pezas  

Seguir lendo...

04/05/13

Unha pequena ampliación á toponimia da parroquia de Carballo

Na revisión que lle fixemos á entrada sobre a toponimia desta parroquia para a sesión que sobre "A historia de Carballo" desenvolvemos dentro das "Iª Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural", encontrámonos con novo material que achegamos nesta entrada e que serve de ampliación a estoutra publicada anteriormente.
De San Xiao do Carballo hai referencia documental nos Tombos da Catedral de Lugo, a mediados do século VIII, no testamento do bispo Odoario.Falamos do ano 747 e cita a unha “…ecclesia Sancti Iulianis de Carualio…”, alusión directa a esta parroquia friolesa. Anos máis tarde, nos séculos XII e XIII hai referencias á mesma nos Tombos dos Mosteiro de Sobrado, así podemos ler “… in territorio Nallare, uilla Gudini et ecclesie sancti Iuliani ambo episcopi…”. No século XVIII atopámolo no Catastro de Ensenada como S Julián de Carvallo (sic) o que é hoxe dende o proceso normativo da Xunta de Galicia, S. Xiao do Carballo.
Lembremos que S. Xiao (o Iulianis latino) santo hospitaleiro, protector dos camiños foi no seu momento o substituto cristián dos lares viales. Podemos apuntar a referencia ao carballo ( *carba ) como árbore indicativa dun cruzamento, dun límite,... pero sempre relacionado coa existencia de antigos camiños primitivos.
Esta existencia, permítenos pensar que A Laxe faría referencia ao pavimento dun treito lamaguento, cunha "*lagina" ,laxe ou lastra que facilitaría o paso aos camiñantes.
Tamén relacionado co camiño temos o Porto de Cas. A primeira parte do topónimo lévanos a falar dun paso onde era obrigado facer un pagamento un "portorium" (dereito de paso)
E por último, Barallobre. Ao indicado na entrada citada anteriormente teriamos que lle poñer un matiz que cremos  importante: A primeira parte do topónimo tería a súa orixe nun *varalia -- valado vexetal, de varas--   que ninguén discute. Referiríase a un cercado non precisamente defensivo senón máis ben como elemento delimitador e mesmo distintivo.
A terminación “bre”, lévanos ao prerromano *-brigo/briga ( altura, terreo elevado, mesmo castro). Esta era a proposta explicativa clásica.  Coñecendo a situación de Barallobre é difícil encaixar esta explicación.
Na actualidade hai autores que falan que a terminación “bre” faría referencia a algúns primeiros poboamentos en “aberto” que se foron creando na nosa xeografía co progresivo abandono dos antigos castros fortificados, a raíz da maior presencia romana nestas terras.
Curioso é que se afirma como estes novos asentamentos eran preparados a escasos metros do antigo castro abandonado. Levaríanos isto a pensar no castro de Guntín, aínda que dada a distancia parece máis acaído pensar no castro de Carregal, moito máis próximo. Esta proposta está en proceso de estudo e tirámola do traballo de J. C. Sánchez-Pardo: Castros y aldeas galaico-romanas: Sobre la evolución y transformación del poblamiento indígena en la Galicia romana

Seguir lendo...

28/04/13

A escola de Carballo

Esta escola, na actualidade local social da Asociación de Veciños do Carballo, foi inaugurada o 17 de xullo de 1959, coa presenza do Gobernador Civil do momento, D. Enrique Otero Aenlle (de raíces ribadenses e que foi, 1949-1957, alcalde de Santiago de Compostela e posteriormente Gobernador Civil de Salamanca) e as autoridades locais, presididas polo alcalde D. Manuel Andón Cebreiro ( de grato recordo no concello). A casa escola foi bendicida polo cura párroco de Carballo, D. Manuel Doel Fernández.
Di o diario "El Progreso" que nas proximidades da escola “se habían levantado arcos con expresivas salutaciones al señor gobernador” e que o vecindario fixo obxecto ao mesmo de “cálidas muestras de simpatía y cariño”.
Esta inauguración formaba parte dunha serie de actos que, ao longo da xornada, incluía outras inauguracións (a escola de Miraz entre elas) e actos protocolarios que o réxime artellaba ao redor das datas máis significativas para o franquismo imperante. O 18 de xullo, era sen lugar a dúbidas, unha data na que o sistema político imperante pretendía ter unha forte presencia mediática coa dobre finalidade propagandística e silenciadora das posibles críticas dos "desafectos".
A creación destas novas escolas entroncaba coa necesidade de adaptar ao novo sistema produtivo emerxente, un sistema escolar que preparase ás novas xeracións para a súa incorporación ao mundo laboral. 

Esta escola estivo en funcionamento ata ben entrados os anos setenta do pasado século, no que alumnado e mestra integráronse na Agrupación da capital do concello ao igual ca o resto de escolas unitarias espalladas polo mesmo, proceso que rematou definitivamente a fins dos anos 90 coa implantación da ESO e a conversión do colexio friolés no actual Colexio Público Integrado.
Rehabilitada polo concello, na actualidade, como a dixemos ao principio, é o local social dende onde a dinámica Asociación Carballo Vivo pon en marcha os múltiples proxectos que está a poñer a andar.
Na imaxe -- publicada na revista "Manda Carballo"-- aparece o alumnado acompañado pola mestra Cristina Trashorras.

Seguir lendo...

01/04/13

Contos da avoa Matilde (III)

Na aldea onde nacín e naceron os meus ancestros --relata Quiroga--, contaba miña avoa, dun coetáneo dela, un pouco máis vello se cabe, que tiña fama de ser un bo gadañeiro. O mellor sen dúbida de toda a  contorna. Tal home era coñecido polo tío José de Guntín. 
Deuse o caso de que o cura da parroquia tiña un prado moi bo e, chegado que foi o tempo de segar a herba seca, falou con el e chegaron ao seguinte acordo: 
--Se es capaz de segar o prado ti só, los denorios! (dito que adoitaba dicir o cura) en só un día, apóstoche tres olas de viño. 
O tío José que non lle facía ascos ao viño, aceptoulle á primeira.
Chegou o día da faena, e pola mañá a criada do cura, foille levar a 'media mañá' dándose conta que empezara a segar en círculo, elevando unha boa xeira de herba segada. De tal xeito que de volta na casa, comentou co crego, que polas trazas ía perder a aposta; entón o crego pouco amigo de perder a aposta díxolle á criada: 
--Los denorios!.Cando lle leves o xantar mestúralle unha pouca de herba do rato, para que "ande lixeiro”. 
Dito e feito. A menciña fixo o efecto esperado, mais o tío José, lonxe de arredrarse, tirou de pantalón, e "renca de herba, renca de merda", ganando a aposta sin ningún problema.
A fotografía que ilustra esta entrada correspóndese co antigo Mesón dos Quiroga ao pé da igrexa de Carballo

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.