Amosando publicacións coa etiqueta Vilalvite. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vilalvite. Amosar todas as publicacións

09/08/23

O que agochan os nomes das casas: un mundo ( II )

Seguimos falando dos nomes das casas. Elaborando a entrada anterior, lembramos esta magnífica achega que fixera Vanessa Blanco Cruz, alumna do CPI Dr L Suárez a fins do ano 2014 para o blog irmán pequeno deste "No campo da feira"
Transcribimos literalmente a entrada con pequenas notas explicativas que se cadra nin eran precisas. 
Poñémola como exemplo de memoria agochada que cremos debe ser contada e escoitada para que non quede esvaída co paso do tempo e se rompa o elo da oralidade tan en perigo nestes tempos.
Certo é que non en todas as partes son da mesma opinión, o que respectamos pero non compartimos.

Velaí vai:

"No lugar de Gonce, parroquia de Vilafiz, encóntrase a casa da Pena. O último dono que viviu nela foi Don Manuel Bóveda Ulloa. ( falamos dunhas súas irmás nestoutra entrada )

Don Manuel era mestre e puxo escola na súa propia casa. Chegou a ter moitos nenos que viñan doutros lugares de arredor e tamén xente que xa era maior e que querían aprender a ler e a escribir.

No lintel da entrada hai unha inscrición coa data 1474 (case con seguridade o ano en que foi construída); ten unha aira cercada cun muro de máis de 4 metros de altura; a aira comunica co balcón mediante unha pasarela.

Tamén ten unha galería subterránea que mide uns 200 metros de largo, na que se agochaba a xente no tempo da guerra(cremos que tamén se empregaba para agochar os quintos --soldados- que non querían ir servir o exército, pero iso é outra historia) 
Ten tres carballos ao lado do pendello, máis ou menos da idade da casa. 
Na actualidade está arrendada (2014) por un veciño de 81 anos que ten a súa casa ao lado, aínda que, practicamente xa está en ruínas.

Informante:Victorino e Cándido
Idade:78 e 81 anos
Relación:avó e veciño
Nome da casa:Casa de Arrieiro e Casa Vella
Lugar, parroquia:GonceVilafiz
Traballo feito por Vanessa Blanco Cruz"

Seguir lendo...

07/02/14

Máis avistamentos no ceo friolés: 1954

Tempo atrás publicamos unha entrada sobre o avistamento de un OVNI, alá polo ano 1996, no concello friolés; concretamente na parroquia de Vilalvite. Hoxe continuamos con esta achega bastante anterior no tempo.
Remataba o ano 1954 e finalizaba con el o Ano Mariano instituído por Pío XII  na encíclica Fulgens Corona que determinaba o ano que nos ocupa como Ano Mariano Universal, conmemorando o Centenario da definición dogmática da Inmaculada Concepción (xa falamos desta celebración nestoutra entrada). Os xornais europeos, españois e locais empezaron a facerse eco de diferentes avistamentos en sitios tan distantes e distintos como Arxentina, Francia,...e por suposto España. Galicia non quedou á marxe deste fenómeno mediático --diriamos hoxe-- e así a prensa recolle avistamentos preto da Coruña e no concello lugués de Becerreá, por exemplo.
Friol no quedou á marxe e así na tarde-noite do 26 de novembro dese ano (noticia recollida por El Progreso e mesmo aparecida tamén no diario ABC, na súa edición de Sevilla, e La Vanguardia, de Barcelona, tres viaxeiros que volvían de regreso á capital luguesa avistaron, a uns cinco quilómetros de Friol, un "platillo volante" que a gran velocidade se desprazaba en dirección Norte-Sur.
Os tres, desprazábanse nun coche oficial da "Jefatura Provincial del Movimiento", concretamente un Fiat Balilla ( interesante e instrutiva a lectura explicativa sobre o nome do vehículo) e puideron observar como o artefacto deixaba ao seu paso un rastro de luz  "intensamente rojo". 
Os protagonistas, aínda que falaban de "platillo volante", matizaban a forma do mesmo que, segundo lles parecía, tiña máis  ben forma de "cigarro puro muy grueso" ( apreciación xa recollida en anteriores novas sobre anteriores avistamentos).
Os feitos producíronse sobre as oito da noite --falamos de novembro-- e o avistamento realizouse con perfecta nitidez a pesar de "la mucha nubosidad que existía como consecuencia del régimen de lluvias" que levaba sufrindo a provincia naquelasa datas.Os ocupantes do vehículo fixeron o final do traxecto co nerviosismo lóxico despois de tal encontro.
Os viaxeiros non eran outros que o Sr. Tomé -chofer da citada Jefatura-, o axente comercial D. Manuel Naveira e o oficial maior do citado organismo, D. Alfredo Mosteirín Valiño ( pai de D. Alfredo Mosteirín Castañer, que foi presidente durante bastante tempo da Cámara de Comercio de Lugo ata o seu falecemento producido a fins de outubro do 2010).
Desde a propia capital da provincia tamén se recolle que algúns veciños que paseaban a esas horas polos Cantóns, tamén observaron dito fenómeno.

Seguir lendo...

28/09/11

4 de agosto de 1935

Nos anos trinta do pasado século a actividade política e cultural da sociedade galega adquiriu un grao de participación que só podería ser equiparable aos derradeiros anos do franquismo e primeiros da Transición.
Nese contexto – estamos falando do período da II República-, concretamente en decembro do ano 1931, fúndase o Partido Galeguista que vai tratar de espallar por toda a xeografía galega as súas propostas de país, ben a través da súa publicación de cabeceira A Nosa Terra, ben a través da mobilización das masas ás que ían dirixidas as súas arengas nos centos e centos de actos políticos que foron organizando por todas as localidades nas que tiñan presenza. Ben é certo que a provincia de Lugo ía na cola desta paixón autonomista, pero non por iso deixou de participar de tal onda nacionalista.
Vén isto a conto, porque no ano 1935, hai constancia documental do intento de celebración dun mitin na carballeira de Santa Marta (Vilalvite) o propio día 29 de xullo –domingo- aproveitando a romaría da citada santa. Este intento propiciado por Fole -don Ánxel-, Gómez Aller e Ramón Piñeiro foi prohibido por orde do Gobernador Civil, daquelas Artemio Precioso García, dado o Estado de Prevención vixente ao abeiro da Lei de Orde Pública de 28 de xullo de 1933.
Porén, días máis tarde, aproveitando a feira do catro da capital do concello, no propio Friol e diante dun numeroso público disertaron os propios Ánxel Fole, Servando Gómez Aller e o estudante Teolindo Corredoira.
Hai que indicar que en Friol, concretamente na parroquia de Cotá hai –había neses días -- unha pequena Agrupación Galeguista propiciada por D. José Vilela Pena – empresario da citada parroquia-.
De Fole xa falamos noutras entradas, Servando Gómez Aller, era avogado e ao tempo un dos fundadores en Lugo das Mocidades Galeguistas, morreu a fins dos setenta en Vigo e Teolindo Corredoira, do que cremos tiña orixes friolesas, faleceu na Guerra Civil no ano 1938.
Neste días nos que A Nosa Terra deixa mesmo a súa edición dixital, quixemos aproveitar esta entrada e facerlle unha pequena homenaxe a unha cabeceira de forte 'raigame' no xornalismo galego, e á que o impredicible momento histórico que estamos a vivir fai desaparecer; esperando que este silencio sexa pasaxeiro e nun futuro próximo podamos vela novamente na rede e nos quioscos.
A imaxe que acompaña esta entrada é a portada de "A Nosa Terra" publicada o día 10 de agosto de 1935, onde se recolle o mitin antes citado.
Só queda agradecer ao blog "Publicacións Galegas" por ternos achegado o citado xornal.

Seguir lendo...

03/01/11

Toponimia de S. Pedro de Vilalvite

Na parroquia de S. Pedro de Vilalvite atopámonos cunha serie de topónimos que teñen como orixe un antropónimo:Así o propio Vilalvite, que dá nome á parroquia, provén de uilla Alviti--a vila de Alvitus-- sendo este Alvitus un posible posuidor xermánico.Castrodá, que como a primeira parte do topónimo indica, é un antigo castro que tería como propietario un "Atane",Adá -antropónimo xermánico-.
Con Bedús --seguindo a Nicandro Ares-- estaríamos diante da evolución do antropónimo latino Vetunius ou Bitunius. No século XV, xa hai referencias ao lugar como Veduus e Beduus.
Co Vento, aínda que nos leva a asocialo co fenómeno meteorolóxico , do latín "ventus", máis ben habería que referencialo cun posible Bento- Benedictus- ou --seguindo a Ares-- cunha pequena "vendita" -a venta castelá--.
Atopámonos con dous fitónimos: Carballal e O Rebolo, os dous relacionados co carballo.O primeiro é un abundancial, e o segundo un carballo de tronco pequeno e groso.
A Penalonga e As Penelas son dous orónimos relacionados co latín penna, nun caso longa e no outro pequenas.
Santa Marta é un haxiónimo que tería a súa orixe na capela alí existente dedicada á citada santa.
As Donas proviría do latín "domina", señora, no senso nobiliario do concepto.
As Ferrerías,do latín ferraria - que poderían ser terras con abundancia de ferro , aínda que poderían facer referencia a unha ferraría, como obradoiro relacionado co mesmo metal.
A Retorta, de retorta,"cambio pronunciado na dirección dun camiño", sendo este lugar, o límite do couto do bispo de Lugo.
O Sobrado faría alusión a un edificio con planta alta,
Co topónimo Corra, temos as nosas dúbidas. Ares o relaciona cunha posible corda ou cunha especie de cercado,curro. No Dicionario Galego de Ir Indo fálase dunha corra como unha vara fina e retorta ou como sinónimo de mulida.
Das Camoiras, dicir que Nicandro Ares fala de que nos Tombos do Mosteiro de Sobrado, aparece unha villa Camauria no século X, que podería ser a orixe deste escuro topónimo.
E deixamos para o final Cerracín. Este topónimo de orixe árabe, atopámolo tamén na parroquia de Mazoi --concello de Lugo--, e pola península adiante en máis lugares Asturias, Salamanca, Burgos ( como Sarracín), Valladolid ... A orixe segundo N. Ares, viría de "Sarracinus, nome persoal frecuente entre os servos de Sobrado dos Monxes". Sarracinus viría de sarraceno, do latín sarracēni e este de sarq[iy]īn, que en última instancia fai referencia aos habitantes do deserto arábigo, e por extensión aos árabes. Este termo emprégase como sinónimo de mahometano ao facer igualdade entre o practicante desta relixión e o pobo árabe.

Seguir lendo...

08/10/10

De exoplanetas e extraterrestres

Días atrás saiu publicada nos xornais, unha noticia que falaba do descubremento por parte dun grupo de astrónomos da NASA, dun novo planeta extrasolar “Gliese 581g” cunhas características semellantes ao noso.
Deixando voar a imaxinación non é difícil aventurar que na infinidade de galaxias descoñecidas por nós, exista a posibilidade de atopármonos nun futuro vindeiro con outras formas de vida intelixente da que de momento non somos quen de intuír forma e estado.
Publicamos isto neste blog, porque no ano 1996, aquí no concello de Friol, máis concretamente na parroquia de Vilalvite, nas Ferrerías, uns veciños foron testemuñas dun suceso do que hai constancia documental e fotográfica e mesmo un atestado levantado pola Garda Civil ata alí desprazada.
Bruno Cardeñosa ( presentador do programa radiofónico "La Rosa de los Vientos" --Onda Cero--), no seu libro El misterio OVNI : Un alto secreto al descubierto: investigaciones y evidencias, relata polo miúdo  o acontecido.
Nel deixa constancia da peregrinaxe de investigadores e medios de comunicación ao lugar,na procura de información de primeira man. Os feitos ocorreron a noite do seis ao sete de marzo do ano citado e os veciños que avistaron "os alieníxenas" e a súa nave, foron Mª Fe Pena Ceide e Jose Manuel Castro.
Na mesma publicación aparece unha fotografía das pegadas dos supostos visitantes ( a que acompaña á entrada).
No enlace que vos deixamos podedes ler con detemento os feitos. A nós quédanos a dúbida de se estas personaxes marcharon ou houbo algunha que quedou entre nós.
A fotografía da esquerda está recollida do libro citado de Bruno Cardeñosa

Seguir lendo...

09/05/10

Cruceiro de Santa Marta.

O cruceiro está situado no campo da festa da capela de Santa Marta (parroquia de Vilalvite). Aséntase sobre plataforma de tres chanzos. O fuste é monolítico, de sección cadrada nos extremos e no resto coas arestas rebaixadas. Ten un capitel troncopiramidal invertido que remata en tres pequenos banzos que serven de base á cruz. Esta é de sección cuadrangular coas arestas rebaixadas, excepto na base. É unha cruz florenzada, pois os extremos rematan en lóbulos.
No anverso represéntase a Cristo cun inxenuísmo parecido ó que tamén aparece en Vilafiz. Como todos os cruceiros, está concibido para 'disfrute' colectivo, e aínda que comporten unha forte carga espiritual ou simbólica, buscan a funcionalidade inmediata. Por iso prevalece o contido sobre a forma, resultando unha imaxe elemental portadora dunha mensaxe recoñecible por toda a comunidade. Eliminado o superfluo, chegamos a un esquema universal, neste caso a unha imaxe naif, marcadamente frontal e hierática, coas palmas das mans abertas, con nula expresividade no rostro, e con desproporcións anatómicas evidentes (a pesar dun intento torpe de resaltar a musculatura do torso). E con todo, a imaxe resulta enormemente atractiva.
Na base non figura inscrición que nos permita datar a obra, e a atemporalidade da arte popular dificulta calquera datación, se ben o fuste e o capitel parecen relativamente recentes. A nosa proposta, ben ampla, iría desde o último terzo do S. XIX ata o primeiro terzo do XX.

Seguir lendo...

12/02/09

O Entroido en Friol ( I )

Achégase o Entroido, mellor dito xa está aquí. Hoxe é propiamente o "xoves de compadres". Certo que no noso concello realmente o ciclo festivo circunscríbese principalmente ao Domingo e ao Martes de Entroido.
Estas fotos de Valentín Roldán recollen uns momentos do Entroido celebrado en S. Pedro de Vilalvite ao principio dos anos oitenta.
Festa na que os disfraces xogaron sempre un papel esencial, onde o mundo volvíase do revés: Mulleres disfrazadas de homes, homes de mulleres, novos de vellos,... Farrapos vellos, palla, puchos, tisnar a cara, todo valía para cambiar a personalidade ,mesmo procuraban non falar para non seren recoñecidos. Ían polas casas facendo bo estarabouzo cos zocos de madeira, tarteiras vellas para facerse notar. Eran convidados a chourizos, a viño e , como non ! aos doces típicos do entroido friolés: chulas ( fritos), filloas, orellas,rosquiñas...
Cantos e bailes eran acompañamento necesario. Dependendo dos lugares había fogueiras, facían fachucos de palla anoados para lles dar con eles aos veciños, botábanse auga, no Seixón sei que levaban unha caixa cun meco dentro, a modo de enterro, e na mesma ían metendo o que os veciños lles daban. Non era raro que rematasen na casa dalgún veciño xogando ás cartas.
Agradecemoslle ao autor das fotografías a súa autorización para publicalas.

Seguir lendo...

03/10/08

O Carballo de Cerracín

Este carballo que está no lugar de Cerracín na parroquia de Vilalvite é uns dos carballos máis antigos de Galicia.
O curso pasado fixémoslle unha visita e este ano sería ben empezar unha campaña para intentar que a árbore sexa incorporada ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Que vos parece?

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.