Este blog naceu froito do compromiso co galego, compromiso que inicialmente reflectiamos como un dos obxectivos dentro do proxecto "Friol: algo máis que pan e queixo" que deu orixe a este caderno, xa hai dezaseis anos(2008).
Naquel momento aínda estaba vixente a Lei de Normalización lingüística do 2004, que coas súas eivas, permitía a presenza da nosa lingua no ensino, de xeito completamente normalizado.
Dous anos despois o goberno do Partido Popular do señor Feijóo, no seu ánimo de recortar os dereitos lingüísticos dos galegos, publicou o decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que pouco menos que trataba a nosa lingua como se dunha estranxeira se tratase.
Polo medio, o sr Rueda ( actual presidente da Xunta) asistía como representante do PP á manifestación convocada por Galicia bilingüe en contra dos dereitos que como lingua minorizada ten o noso idioma.
Daquela enxurrada vén a situación á que agora nos enfrontamos. Os resultados da enquisa do IGE sobre o coñecemento e uso do galego son devastadores (ver ligazón), por primeira vez na historia o castelán é a lingua máis falada na nosa comunidade.
A deriva destrutiva que mantén a Xunta co galego empeza a dar os resultados que se esperaban ( tristemente para nós).
Como escribe o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, é Agora ou nunca. O proceso ou o damos parado ou a desaparición do galego estará próxima.
Desde Queremos Galego convócase un gran acto este domingo 17 de novembro ás 12 da mañá na praza da Quintana, en Compostela, baixo o lema Mudemos de rumbo. Polo futuro do galego.
Deixamos aquí o acceso ao manifesto convocante e esperamos que sexamos quen de mudar o rumbo pois como di o lema da convocatoria o galego si ten futuro.
0 comments:
Publicar un comentario