Amosando publicacións coa etiqueta Torre de San Paio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Torre de San Paio. Amosar todas as publicacións

19/05/17

Entre Torres

Onte celebrouse o Día internacional dos Museos e a Rede Museística Provincial confeccionou un programa para todos os da provincia nos que se inclúe o de San Paio de Narla. Este museo que na actualidade xoga un papel clave na dinamización sociocultural de Friol, como ben sabemos, desenvolve a súa actividade na fortaleza que foi dos señores das Seixas.
Pois ben, no ano 1926 sae á luz a "Guía de Galicia" de Ramón Otero Pedrayo, obra reeditada posteriormente nos anos 1945, 1954 e 1980 (que nós saibamos); e en todas elas aparece unha pequena referencia a Friol (páx 179 da edición do 1945) na que cita a Pena de Gonce, Guimarei e textualmente referíndose á Torre de Xiá : "cerca de Friol ruinas de la torre de San Payo" (sic).
Don Ramón faleceu no 1976 e evidentemente non puido testemuñar a rehabilitación feita pola Deputación Provincial de Lugo e sobre todo o papel que cumpre na actualidade a citada fortaleza. A actuación sobre este edificio poderiamos poñela como exemplo de respecto e recuperación do noso patrimonio.
No ano 2014 o guitiricense José María Díaz Castro foi o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas. A súa casa foi legada pola familia do poeta á Agrupación Cultural "Xermolos" que  nestes días realiza unha campaña de "crowfunding" para tratar de conseguir os fondos suficientes para afrontar o amaño da cuberta da citada vivenda. Iniciativa que amosa o cariño e defensa dun ben cultural en perigo.
Neste ano que estamos, o concello de Cartelle, lugar de nacemento dun dos pioneiros do cine galego: Carlos Velo, foi promotor da creación da Fundación do mesmo nome e, ao tempo, adquiriu a casa natal do cineasta. Convén lembrar que Cartelle é un concello ourensán da marxe esquerda do Miño cunha poboación semellante á do concello friolés e do que é alcaldesa Carmen Leyte (PP).
Exemplos públicos e privados que manifestan o interese na defensa do noso patrimonio.
Agora podemos facernos as preguntas: 
Cando seremos conscientes en Friol  do valor que temos na capitalidade do concello e que  estamos deixando caer a cachos? 
Tan desinteresada está a administración e os propietarios do Pazo Torre no seu coidado?
Exemplos como o primeiro que citabamos debían ser paradigma para calquera institución interesada na defensa do noso patrimonio.
Urxe intervir.         

Seguir lendo...

04/06/13

Hortipintura

Este pasado sábado desenvolveuse na Torre de San Paio, como estaba previsto, o obradoiro de Hortipintura coordinado polo profesor de Educación Plástica do C.P.I. Dr. López Suárez, Modesto Fernández.
Unha vintena larga de rapazas e rapaces entre os tres e os doce anos, participaron no mesmo, coa ilusión e interese que só eles son capaces de achegar a calquera actividade.
Realizaron unha visita guiada á exposición de acuarelas que daban pé ao obradoiro, para despois recibir unhas sinxelas explicacións para iniciar a dinámica da actividade co que xa se pasou directamente á fase creativa co que a rapazada púxose "mans á obra" e foi creando froitas e verduras imaxinativas ás que daban ganas de lles meter o dente.
Xa como remate Paquita e Ana agasallaron aos participantes cunhas lamberetadas moi agradecidas pola concorrencia.
Só queda felicitar ao artista e esperar que se repita a experiencia.

Seguir lendo...

23/03/13

Castronela nº 2

Hoxe, na Torre de San Paio, como estaba previsto, desenvolveuse o número 2 da revista oral  "Castronela". 
Cunha nutrida asistencia de público interviron Mª Rosario Fernández :"Para matar a sede: utensilios da auga", Higinio Martínez Fernández de la Vega: "Medicina popular: o mal do sartego" e Fernando Arribas: "O cruceiro de Cotá".
Concha Blanco presentou dun xeito lúdico e instrutivo uns cantos poemas da súa produción e Ángel Buján Zas e J. Manuel Iglesias Espiño presentaron a nova asociación Carballo Vivo que botou andar hai  un par de meses na citada parroquia. Na mesma intervención presentaron as I Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural que se celebrarán na Antiga Escola de Carballo os sábados 27 de abril e 11 e 18 de maio.
Todo isto acompañado da música do grupo de pandeireteiras do CPI Dr. López Suárez que coordina Branca Nazaré Guerreiro e que desmostraron a súa calidade e mellora nas técnicas de percusión e canto.

Seguir lendo...

13/05/12

Non o creo!

Xa pouco falta para a estrea da montaxe que, este curso, o grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo" está preparando, cumprindo co seu compromiso anual. 
Este ano o título da montaxe "Non o creo!", ao contrario do que sucedía en cursos pasados, non dá moitas pistas sobre o seu contido. 
Podemos dicir, que respectamos a norma por nós autoimposta de ser un guión propio, basado en feitos históricos ou lendarios que teñan que ver coas terras friolesas. 
Pois ben, "Non o creo!" cumpre este perfil, ao mesturarmos feitos reais con feitos da memoria popular todos ocorridos nestas terras e --este ano -- nas terras de Guntín de Pallares. 
Explicámonos: Os feitos ocorren a fins do século XIX, concretamente no ano 1873. Neses tempos, os enfrontamentos entre liberais e carlistas tocaron de cheo a Galicia, e por suposto non quedaron á marxe estas terras, que sufriron a presenza das partidas dos carlistas, das que hai recollidos testemuños dos seus feitos -vía hemeroteca-. 
A montaxe, posteriormente dá un chimpo de cen anos e aproveita a publicación dunha nova recollida no diario provincial "El Progreso" que dá conta do achado dunha cazola con máis de oitocentas moedas de ouro e prata que permitiron --diso somos sabedores por un demanchiño que nolo achegou á orella-- a adquisición dun tractor da máis alta gama daqueles momentos-- estamos falando de 1973-. 
Pois ben, todo isto mesturado con algo de imaxinación, e da man dun trasno ao que non lle afecta, claro está, o paso do tempo, deu como resultado esta obra que estrearemos o 23 de maio no lugar habitual para estas montaxes. 
Este ano faremos unha representación extra para o alumnado de ESO do CPI Tino Grandío de Guntín, que se achegarán á Torre de San Paio o día 24 de maio. Nos enlaces que vos deixamos podedes completar a información histórica na que se apoia a montaxe para ter unha comprensión máis doada da mesma. 
Xa por último, indiar que agochamos algunha que outra sorpresa que non desvelaremos pero que seguro vai dar que falar.
Neste enlace da Rede Museística Provincial tedes unha pequena sinopse da montaxe.
Vémonos!.

Seguir lendo...

28/03/12

Castronela: Revista oral en San Paio de Narla

Este sábado día 31 de marzo ás 7 da tarde, ponse en marcha a revista oral "Castronela" que cunha periodicidade anual vaise desenvolver no Museo de San Paio.
Esta revista oral inicia os seus andares coa presenza de persoas coñecidas e recoñecidas no ámbito local como é o caso do avogado Higinio Martínez Fernández de la Vega -- que falará dun personaxe moi interesante dentro da historia local como foi o farmacéutico Julio Castro Ves-- e o escritor Xerardo Quintiá --que nos achegará un relato moi vencellado á escola e uns cantos poemas--entre outros. O envoltorio musical correrá da man de Mini e Mero, que non necesitan presentación.
Proxectarase o vídeo do programa da Tve "Vivir cada día" dedicado a Friol no ano 1979 (que temos colgado no noso blog) e a responsable do Departamento de Artes decorativas e etnografía do Museo Provincial, Rosario Fernández González falará dos fondos do museo de S. Paio.
Tamén haberá unha pequena participación do grupo de pandeireiteiras do CPI Dr. López Suárez e falaremos nós da presenza de Friol na rede a través desta experiencia blogueira.
Neste enlace podedes consultar polo miúdo o Sumario da Revista.
Esperámosvos.

Seguir lendo...

28/03/11

VII Xornadas Interxeracionais Rurais. Cabreiros(Xermade)

Un ano máis, esta é a VII Edición, en Cabreiros, concello de Xermade, celebraranse as Xornadas Interxeracionais Rurais, baixo o título "Aprendendo cos nosos maiores".
Este entusiasta e traballador colectivo, decidiu realizar este ano, unha das sesións no noso concello friolés. Concretamente o día 11 de xuño, na Torre de San Paio, desenvolverase o peche das mesmas en sesións de mañá e tarde.
No transcurso da xornada, estamos convidados para facer a presentación deste blog, e ao tempo, xa pola tarde, o Grupo de Teatro "Algo máis que pan e queixo" representará a obra "De serpes e segas" que é a que se está preparando para a celebración das Letras Galegas deste ano.
Nesta obra, que completa a triloxía lendaria dedicada ao noso concello, mestúrase unha das versións da lenda da Cova da Serpe, co fenómeno histórico da emigración galega ás segas, as incomprensións que esta xerou, e o paralelismo coa inmigración presente nas nosas terras na actualidade.
Cun plantel anovado ( deixaron "Algo máis que pan e queixo", por razóns de estudos, algunha das iniciadoras do grupo) as novas incorporacións, seguro non han desmerecer o traballo das súas predecesoras.

Seguir lendo...

02/05/10

A Torre de San Paio estrea iluminación

O pasado día 20 de abril inaugurouse á noitiña a iluminación exterior da Torre de San Paio.
Se xa o continente é por si unha marabilla, tanto por fóra como por dentro, que dicir agora que, ás noites, e grazas á luz acolledora e cálida que a ilumina, vainos permitir gozar dunhas imaxes nas que luz e sombra vanse entremesturar permitíndonos deixar voar á nosa imaxinación coa única limitación que nós queiramos autoimpoñernos. Felicidades pola iniciativa e polo resultado.
A fotografía tomámola prestada do blog de Encarna Lago

Seguir lendo...

12/04/10

D. Alonso Ordóñez das Seixas ( IV): As súas traducións

Este Señor de San Paio, que así asinaba as súas producións, non só dedicaba o tempo ás composicións poéticas. O ser bo coñecedor das linguas clásicas, tanto do latín como do grego, permitiulle ser tradutor de obras de Aristóteles e Tomás de Aquino.
Estamos diante dun verdadeiro humanista. D. Alonso Ordóñez é o primeiro en traducir á lingua romance a Poética do filósofo grego, baixo o título de  Poética de Aristóteles dada a nuestra lengua castellana” –1626--. A tradución faise directamente do grego, aínda que parece que das seis partes das que se compón a obra, as dúas últimas, máis que dunha tradución, no sentido estrito do termo, tratase máis ben das propias opinións do autor sobre a mesma, pero que non resta mérito ningún ao seu valente e recoñecido traballo.
Por outra parte D. Alonso traduciu do latín a obra de Tomás de Aquino o seu Tratado de goberno dos príncipes: "Tratado del gobierno de príncipes del Angélico Doctor Santo Tomás de Aquino" -1625-.
Segundo opinión de Elías de Tejada, "la obra iba dirigida al Conde- Duque” (estas palabras recollidas do libro de Emilio Gónzalez López (1.969): Los políticos gallegos en la corte de España.).
A referencia ao Conde Duque refírese claro está a D. Gaspar de Guzmán, coñecido como Conde Duque de Olivares.
Rematamos estas entradas indicando que a data de falecemento de Alonso Ordóñez non a temos moi clara, pero segundo parece é o 1630 o ano máis probable da súa morte. Quedan entre nós as súas obras.

Seguir lendo...

Alonso Ordóñez das Seixas ( III ): As exequias da raíña Margarita.

Cando morría algún Rei ou alguén da Casa Real (mesmo se o falecido era algún personaxe de moita relevancia social), era frecuente a realización do que se coñecían como Exequias Reales, que eran uns actos laudatorios con grande monumentalidade.
A comezos do s.XVII, no ano 1611, falece a raíña Margarita de Austria, sendo moi nova --26 anos— (esposa do rei Filipe III ) o que produce unha forte conmoción en toda a península; se engadimos a isto, a boa relación que a raíña tiña cos nobres galegos de Lemos e Altamira, e o seu parentesco directo co arcebispo de Santiago (curmán da raíña) daquel tempo, entenderemos que as honras fúnebres desta dama na nosa terra desen que falar. 
A Real Audiencia de Galicia, daquelas na cidade da Coruña, manda organizar unhas exequias especialmente solemnes e ostentosas. Ao tempo, convocouse unha especie de certame poético ( ao que se presentaron obras en latín , castelán e galego). Ao ano seguinte, imprimíronse baixo o título de “Relación de las exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galiçia á la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria” que editou Ioan Gómez Tonel --crese que letrado da citada Audiencia-- responsable e organizador das mesmas.
Neste libro, D. Alonso Ordóñez das Seixas y Tobar publica unha composición poética co título de "Elegía española". Ao longo de vinte oitavas reais – estrofa italiana introducida na peninsula no Renacemento—glosa e lembra á boa da falecida D. Margarita.
Como mostra deixamos aquí unha das oitavas que reflicten a calidade estílistica do Señor, por aquelas, de San Paio.
"O dura y firme ley de los humanos,
estatuto que á todos nos ygualas
tratas las Choças de los Aldeanos
de la manera que las Regias Salas.
No distingues los flacos de los sanos,
ni el bajo paño, de las ricas galas,
que como varia turba de pescados
á caer en tu red vamos mezclados"
E non é que sexamos nós os que chufemos os versos do poeta; anos máis tarde Lope de Vega nunha especie de catálogo dos poetas do momento, na súa obra Laurel de Apolo ,fai mención expresa da obra de D. Alonso destacando a calidade da mesma. Lope de Vega escribe isto:
"Supla tan gran lugar pues le merece
de Don Alonso Ordóñez la eminencia,
pues con tanta virtud,nobleza y ciencia
las castellanas musas enriquece,
y tu, filosofía,
abraza en sus estudios la poesía,
probando, que sin ella
no es pluma la que escribe, sino estrella"

O cadro da Raíña Maragarita é de Bartolomé González y Serrano pintado no ano 1.609( Museo do Prado). Á dereita a reprodución facsimil da portada do libro citado de Gómez Tonel.

Seguir lendo...

D. Alonso Ordóñez das Seixas ( II )

Xa hai tempo que tiñamos interese no personaxe que nesta entrada tratamos. Xurdiu este, por un comentario que Siro López (no seu libro sobre Celestino Fernández de la Vega) facía sobre un traballo que o filósofo friolés fixera sobre Alonso Ordóñez das Seixas. Recoñece o propio Siro e, recoñecemos nós, que aínda non demos localizado o citado traballo. Co que si demos, foi con diferentes publicacións que tratan sobre diferentes aspectos do século XVII e nos que aparece mencionado D. Alonso Ordóñez das Seixas, ao que xa fixemos referencia noutras entradas e do que, co atopado, podemos definir como un verdadeiro expoñente do humanismo que impregnaba a época deste D. Alonso.
Xa quedaramos intrigados diante da inscrición que na capela de San Xoán, do Mosteiro de Sobrado ( onde estaría enterrada a Dona da Torre ) se podía ler: “ESTA CAPILLA, DE SUS ANTEPASADOS, RESTAURO DON ALONSO ORDOÑEZ DAS SEIXAS Y TOBAR, SEÑOR DE LA FORTALEZA DE SAN PAYO Y SUS TIERRAS, PARA SI Y SUS SUCESORES. AÑO DE 1613”. Pois ben, Don Alonso Ordóñez de Villaquirán das Seixas y Tobar foi un home do seu tempo, interesado no mundo do coñecemento e versificador recoñecido, como a continuación veremos.
Este D. Alonso – nacido en Zamora-- sería o froito do matrimonio de Dona María de Andrade (filla de D. Fernán Pérez das Seixas) e don Luís Ordóñez de Villaquirán y Vivero, señor da “casa solar de su apellido en la Rúa de los Francos, en la ciudad de Zamora”, (Vázquez Seijas,M: "Fortalezas de Lugo y su provincia" Tomo I, pax.123) rexedor desta cidade e paxe de El Rei .
D. Alonso Ordóñez casaría coa súa curmá Dª Brianda das Seixas Andrade y Tobar, que lle achega o Señorío de San Paio ao seu home, que no ano 1621 era procurador en Cortes por Zamora.
Sendo señor de San Paio, segundo Emilio González López, a súa residencia habitual tíñaa na cidade da Coruña, o que terá a súa importancia para o que na entrada seguinte trataremos.

Seguir lendo...

08/04/10

A Cova da Serpe ( outra versión)

A riqueza de matices nos relatos, é unha das características básicas da literatura de tradición oral. Mantendo o fío argumental, a ampla gama de detalles e adxectivos que poden aparecer na narración, fai que estas historias adquiran diferente carga emocional dependendo do sentimento co que o informante relate o sucedido.
No ano 1.967, D. Vicente Devesa Jul, publicou no diario "El Progreso" o 6 de agosto, unha variante da coñecida Cova da Serpe.Reproducímola a continuación, indicando que fixemos unha pequena adaptación do texto, sen modificar o sentido da lenda.
"Vivían hai moitos anos uns señores con moito poder e riqueza, que eran os donos da fortaleza. Din que cando o Señor da Torre chamaba a calquera para que fose velo , non era para cousa boa; se non accedía ao que lle pedía , que podían ser fanegas de pan de renda ou outra obriga parecida, que o tiraba a un pozo e que alí morría sen que ninguén o soubese.
Estes señores da Torre tiñan unha filla moi ben feita, recatada, xeitosa, boa, que lle chamaban Relinda. En certa ocasión , encontrándose de caza un aposto mozo, labrego el, cadroulle pasar por diante do Castelo, no momento en que a garrida rapaza se asomaba a unha das ventás. O galán saudouna con moito donaire e emprendeu a conversa con ela. Despois dunha longa parola, quedaron citados para se veren en días vindeiros, cumprindo as súas citas. Chegou a tal punto o asunto, que se namoraron perdidamente un do outro. Sabedor o Señor da Torre dos tales amoríos, privoulle á súa filla de saír ás ventás, para que non puidese parolar co descoñecido galán, xa que segundo estaba informado, non era do avoengo do tal señor. 'Destonces' vendo como se poñían as cousas, entre os dous rapaces, acordaron de se escapar, e para levar a fuga a cabo, viría o rapaz unha mañá de madrugada dacabalo e ela estaría preparada para saír. Así o acordaron e así o fixeron. Unha mañá cediño apareceu o galán motado nun bravo cabalo, e collendo á moza, púxoa diante súa e fuxiu; mais ao darse conta o pai da rapaza, mandou a varios criados a perseguir ós fuxitivos. Estes galoparon polos termos de Ramelle, Roimil e Anafreita, co fin de pasar a serra e meterse na provincia da Coruña, pero, véndose alcanzados polos perseguidores, e xa no alto do monte, metéronse nunha cova que viron debaixo dunha pena , deixando á besta na boca da cova. Ó meterse máis para adentro, atopáronse cunha gran serpe ou cobra que coa boca aberta trataba de os degolar; mais o rapaz era moi valente, quitando un coitelo de dous fíos, emprendeu a loita coa tal cobra, dándolle morte, pero o pobre do rapaz tamén morreu ao pé dela, e a moza que tal cousa viu, quedou desmaiada. Nestes intres chegaron os que viñan no seu seguimento e entraron na cova , encontrándose con aquel cadro de dor. Trouxeron á rapaza para o castelo de San Paio de Narla , e axiña que lle volveu o sentido, pediulle ao seu pai que lle trouxeran o galán para o enterrar nos termos da súa casa. Así o fixeron e, aos poucos días, morreu tamén a pobre da mociña de sentemento, e seu pai ao ver tal cousa, mandou que a enterrasen ao lado do pobre mozo.
Desde entonces aquel monte leva o nome de Cova da Serpe."

Seguir lendo...

19/01/09

Escenarios dunha guerra

En 1895 publicábase O castelo de Pambre, de Antonio López Ferreiro, no que se narran os enfrontamentos entre Gonzalo Ozores de Ulloa e Vasco Gómez das Seixas no S.XIV. Nesta obra, López Ferreiro demostra o profundo coñecemento que tiña da historia de Galicia. Despois da batalla de Porto de Bois (en Ponte Campaña), na que é derrotado Fernando de Castro, conde de Lemos, fronte ó primeiro conde de Trástamara, a casa de Ulloa derrúmbase, e os seus dominios son repartidos: D. Pedro Enríquez, sobriño do rei Enrique II, queda con toda a Ulloa e Monterroso, e Vasco Gómez das Seixas apodérase dos demais estados que estaban ó norte do río Ulla, entre Sobrado e Palas de Rei.
Disposto a recuperar os seus dominios, Gonzalo Ozores de Ulloa mobiliza ós seus aliados de Camba, Deza, Sobrado, Melide, a Vasco Fernández (señor de Vilar de Mella), a Pedro Fernández de Sonar, a Ares Vázquez de Vaamonde, e a Álvaro Páez de Soutomaior, todos eles partidarios da causa de D. Pedro.
Pola súa banda, Vasco das Seixas tiña como aliados a aqueles que apoiaran a causa de D. Enrique: D. Pedro Enríquez, Fernán Pérez de Andrade, e afíns procedentes de Lugo, Narla, Vilalba e Trasparga.
Seguindo a obra de López Ferreiro, os enfrontamentos entre os dous nobres resólvense en catro campañas que resumimos a continuación:
1ª Campaña. Gonzalo Ozores de Ulloa ataca a fortaleza que Vasco Gómez das Seixas tiña no alto da mámoa de Losoiro (Melide, parroquia de Meire), nun punto estratéxico de ampla visibilidade. Os homes de Ares Vázquez de Vaamonde atacan dende o lado Norte da montaña (parroquia de Érmora), Gonzalo Ozores de Ulloa dende o Sudoeste (parroquia de Meire), e o resto das forzas dende o lado leste (cara Cuíña). Ó solpor inician o ascenso. A fortaleza apenas tiña homes que a defendesen, polo que é fácilmente tomada e demolida. En represalia, Vasco Gómez ataca o Pazo de Vilar de Mella.
2ª Campaña. Toma de Curbián. En Curbián estaba o castelo máis simbólico dos Ulloa, agora en mans de Vasco Gómez das Seixas. Nun monte cercano á igrexa de Pambre reúnense preto de mil homes, mentres dende San Xusto de Repostería chegaban os homes de Álvaro Páez de Soutomaior, os de Camba e os de Deza (algo máis de 500 homes). O castelo estaba defendido por uns 40 homes. Aproveitando un pasadizo subterráneo que comunicaba coa torre de homenaxe, algúns homes conseguen entrar na fortaleza, mentres o resto inicia un ataque por todos os flancos. A rendición foi rápida. Ulloa recupera Curbián.
3ª Campaña. Batalla no Castro de Ambreixo. Informado Vasco Gómez do acontecido, recluta máis de 3.000 homes en Castro das Seixas e diríxese cara Curbián. Gonzalo Ozores pretendía atacar San Paio de Narla para obrigar a Vasco Gómez a abandoar o Castro das Seixas e tomalo. Pero decide saír ó encontro do seu inimigo dando un rodeo para sorprendelo pola retaguardia. O choque entre as dúas forzas ten lugar no Castro de Ambreixo. Os besteiros de Álvaro Páez inician o ataque mermando as forzas de Seixas, mentres os homes de Gonzalo Ozores conseguen rodealos. O saldo foi demoledor para Seixas: vence Ulloa e Nuño, fillo de Vasco Gómez, morre. Vasco Gómez das Seixas refúxiase en Cuíña.
4ª Campaña. Asedio de San Paio de Narla. A vitoria de Ulloa anima a máis partidarios a unirse á súa causa, polo que chegaría a contar con máis de tres mil homes. Dous días despois do choque en Ambreixo, os partidarios de Ulloa chegan pola noite a San Paio. Vasco Gómez das Seixas decide poñerse en marcha desesperadamente para protexer a súa fortaleza máis emblemática. Durante o asedio, un grupo capitaneado por Ozores encamíñase cara a fortaleza de Castro das Seixas, coa seguridade de que quedara totalmente indefenso, como así foi. A fortaleza é fácilmente tomada e de inmediato retorna a San Paio. Vasco Gómez das Seixas tíñao todo perdido. Non quedaba máis remedio que negociar. O conflito resólvese firmando a paz e un xuramento polo cal, Vasco Gómez das Seixas devolve os territorios usurpados a Gonzalo Ozores de Ulloa, e este renuncia á toma de San Paio.

Seguir lendo...

14/01/09

Conflitos na Idade Media

A historia dos Seixas está ligada á dos Ulloa, con quen estaban emparentados, o cal non impedíu o enfrontamento entre eles. Para entender estas disputas debemos remontarnos ó S.XIV, cando ten lugar unha guerra civil entre Enrique de Trastámara (futuro Enrique II de Castela) e o seu irmán Pedro I. A nobreza galega divídese entre os partidarios dunha facción ou de outra. Así pois, a casa de Ulloa únese á causa de D. Pedro, e os Seixas á de D. Enrique. O conflito remata coa vitoria de D. Enrique na batalla de Montiel, no ano 1369, na que morre Pedro I.
Nesta batalla participa Gonzalo Ozores de Ulloa e cae prisioneiro de Beltrán Duguesclín, quen intervira na campaña en apoio de D. Enrique. Gonzalo Ozores de Ulloa é levado á Rochela, Francia, onde permanece preso varios anos. Este tempo é aproveitado por Vasco Gómez das Seixas para apoderarse das posesións dos Ulloa, como o castelo de Curbián, en Palas de Rei. Cando Gonzalo Ozores de Ulloa regresa, permanece refuxiado no mosteiro de Sobrado, onde vai preparar a reconquista dos seus dominios. Estes enfrontamentos aparecen recollidos por Antonio López Ferreiro na súa obra O castelo de Pambre (do que falaremos en futuras entradas). A campaña definitiva ten lugar no Castro de Ambreixo, onde Vasco Gómez é derrotado. Gonzalo Ozores de Ulloa recupera Curbián e demais dominios, e destrúe algunhas posesións de Vasco Gómez das Seixas, chegando incluso a sitiar o castelo de San Paio de Narla. Finalmente chegan a un acordo de paz e Vasco Gómez devolve as terras da Ulloa ó seu antigo dono. Rematados os enfrontamentos, Gonzalo Ozores de Ulloa inicia a construción do castelo de Pambre (na foto).

Seguir lendo...

27/12/08

A Dona da Torre. Comentarios (e V)

Despois da información exposta nas anteriores entradas, queda por facer uns comentarios aclaratorios para rematar con esta lenda .
Foi D. Á. del Castillo o primeiro en facer unha recreación literaria da citada lenda: A Dona das Torres.Lenda galega relatada por Ánxel del Castillo López ( A Coruña:Lar.1925) á que lle incorpora comentarios e aclaracións para poder relacionar mellor os feitos cos lugares nos que ocorreron os mesmos.
Tamén debemos indicar que, sabendo estivo enterrada a dama da torre na capela da Madanela, do mosteiro de Sobrado, e nesta atoparse unha tumba -- a que ilustra esta entrada-- que ten esculpida unha estatua xacente dunha dona coas mans en actitude orante, nalgúnhas narracións da lenda e mesmo nalgunha publicación ( chégase a facer unha composición fotográfica coa torre de Xiá e a tumba que nos ocupa) dan por enterrada a D. Catalina no citado sartego. Pola información que manexamos a dona foi soterrada en terra na mesma capela e os sartegos que hoxe a ocupan- dous- serían colocados nesa capela con posterioridade e debido ás obras realizadas na igrexa do mosteiro. Os sartegos serían de D. Ares Vázquez de Vaamonde e o da súa dona.
Relacionada con esta lenda e mantendo a mesma tradición, aparecen tamén na comarca da Ulloa relatos que fan referencia aos enfrontamentos de Vasco das Seixas ( torre de Xiá e castelo situado nas Seixas) con Gonzalo Ozores de Ulloa (castelo de Pambre) pero iso xa é outra historia.

Seguir lendo...

26/12/08

A Dona da Torre. Achegamento histórico ( IV )

Como lenda histórica que é, ten a súa base en feitos reais dos que quedaron constancia nos Tumbos de Sobrado e que nós recollemos a continuación seguindo a Vázquez Seijas no seu traballo “Fortalezas de Lugo”
Así , considérase a Vasco das Seixas como home de corazón duro e altivo, máis que respectado, temido polos seus vasalos que contrastaba coa xenerosidade da súa esposa dona Catalina de Santirso—filla de D. Sancho Lopez, nobre asturiano con casa en San Tirso de Abres.
Desde a súa chegada ao castelo de San Paio, Catalina espertou afectos e cariño daquelas pobres xentes maltratadas polo seu home. Esta actitude xenerosa e protectora fíxolle perder a súa tranquilidade e saúde, para morrer prematuramente e dun xeito estraño. O seu corpo foi trasladado ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde recibiu sepultura.
Na igrexa do mosteiro, existe a capela de San Xoán, que é a antiga da Madalena. En tres liñas sobre a entrada da devandita capela podemos ler:
“ESTA CAPILLA, DE SUS ANTEPASADOS, RESTAURO DON ALONSO ORDOÑEZ DAS SEIXAS Y TOBAR, SEÑOR DE LA FORTALEZA DE SAN PAYO Y SUS TIERRAS,PARA SI Y SUS SUCESORES, AÑO DE 1613”.
En copia manuscrita do Cronicón, recompilado por Frei Mauricio Carbajo (s. XVIII) refire a morte alevosa e a novidade e prodixio que se puido admirar no enterro de dona Catalina de San Tirso, nestes termos: "Se sabe de cierto por testigos de oídas a los de vista, que en medio de dicha capilla (la de la Magdalena), en la misma tierra, sin piedra ni epitafio, iace sepultada D.a Cathalina de Sn. Tirso, muger de Vasco das Seixas, Señor de Sn. Payo y mayorazgo de la casa de su Ilustre apellido. Cuéntase en el Tumbo de este Monasterio de Sobrado, por relación de Fr. Simón Coello, de Nación Portugués, Monje profeso de este Monasterio, que cuando murió tenía 66 años de hábito y 90 de edad, sujeto muy íntegro y religioso, que fué testigo de visto, que en el año 1543, Jueves día primero de Noviembre en que Nra. Sta. Madre Iglesia celebra la fiesta de todos los Santos, Vasco das Seixas ya mencionado, Sr. de la casa de Sn. Payo distante tres leguas de Sobrado, estaba casado con Doña Cathalina de Sn. Tirso, gran sierva de Dios y muy noble, la cual era hija de un Caballero de Asturias llamado Sancho López de Sn. Tirso . Vasco das Seixas aborrecía a su muger por parecerle que no era de tan ilustre sangre como él y tanto odio la tuvo, ya fuese por este motivo o por ceguera de otras pasiones, que la procuró la muerte deseando quitarle la vida y la honra a un tiempo, porque publicando motivo falso de adulterio, la dió veneno, pero no aviendo ten ido esto su efecto y poseído el cada día más y más del Demonio, executó el por si mismo la atrocidad en el referido día de todos los Santos, en que la devota y Santa Señora avía comulgado y confesado. En la tarde de dicho día le dió dos mortales puñaladas de las quales murió la inocente Señora. Estuvo su cuerpo en su casa cuatro días hasta el Domingo quatro de Nobiembre que casi de noche trajeron su cuerpo para enterrarlo en la capilla arriba mencionada. Para hacer honras a una Señora que por tantas prendas y virtudes también las merecía, salió del convento, no sin inspiración particular en honor de la sierva de Dios, a recibir su cuerpo al Estanque de la casa (cosa que si no fuese por el motivo insinuado, para cuerpo Real era mucho) y la enterraron de noche en el sitio referido de la Capilla. A la sazón era abad de este Monastt.° Fr. Lorenzo, hijo del mismo Monastt.°, el qual cuidadoso de la salud de sus Monges, hizo quemar hiervas y otras cosas odoríficas para precaver el contagio, que presumió podría suceder por causa de la corrupción del cuerpo de aquella señora, porque no avía sido embalsamado y avía estado quatro días sin enterrar, era de presumir que estuviese corrompido en medio (digo yo) que en el tiempo que duraron los oficios y se trajo desde el estanque a Sobrado su cuerpo, pudo, si existió, advertir la corrupción, si la avía, o no. Es verdad que los officios se hicieron con mucha solemnidad en el lunes cinco de Noviembre, después de enterrado el cuerpo; pero en el transporte de él, no podía menos de dar señas de su co­rrupción, si la tuviera.­El padre de esta señora aviendo sabido la muerte de su hija, que le dió su marido violentamente, y que éste se avía escapado a Portu­gal, refugiado en la casa del Duque de Verganza, acudió a la Real Audiencia de La Co­ruña, y se proveyó que viniesena la averiguación el Licenciado Briviesca, uno de los Al­caides mayores de dha. Audiencia. Llegó este Señor a este Monastt.° acompa­ñado de Ministros y Alabarderos, miércoles 21 del mismo mes de Noviembre del mismo dho. año, estando la Comunidad en víspera. Decretó que se desenterrase el cuerpo, y aviéndose executado, vieron y admiraron todos los que presenciaron este acto, que tenía el rostro tan hermoso, tan blanco y colorado como leche y rosa, y tan sereno, que parecía que dormía, sin rastro de olor malo, en medio de aver pasado 21 días debajo de tierra.- Después de visto esto, descubriénrole el pecho i vieron que sobre él tenía los brazos cruzados para cubrir las heridas de las mortales puñaladas, que su marido la dió; las quales con particular advertencia estaban embutidas con estopas. Sacaron las estopas para reconocer las heridas, y al mismo punto que las sacaron, corrió tanta cantidad de sangre, tan fresca y colorada como si al sacar las estopas fuera lo mismo que sacarle el puñal, luego que la hirió.- Este prodigio o este milagro, calificó la inocencia, la castidad y la virtud de aquella señora cuio cuerpo con mucho respeto y veneración, volvieron a la misma sepultura, consoló a los cincunstantes y condenó de inhumano y traidor a su marido Vasco das Seixas, el qual no quedó sin el pago de su alevosía; porque un mes después que el executó esta maldad con su muger, le mataron a estocadas algunos de los del Duque de Verganza, donde se avía acogido” ( Tumbos de Sobrado)

Seguir lendo...

A Dona da Torre ( III )

No concello limítrofe de Palas de Rei contan unha lenda que é unha recreación desta que tratamos nestas entradas. Coñecemola ao tráves do traballo Narracións orais do concello de Palas de Rei(1.995) de Xerardo Pereiro e que leva como título O conde e a condesa. Resumindo os feitos, son dous condes que viven en castelos próximos e que sempre están enfrontados polas súas posesións. Un día o conde logra acceder á alcoba da condesa inimiga para cravarlle dous puñais, abandonando a continuación o castelo sen ser descuberto.
Varias horas despois os criados da condesa , como esta non chamaba , entraron forzando a porta do cuarto e encontrarona cos brazos cruzados sobre as feridas e “producidas por un puñal en las cuales tenía un tipo de hierbas desconocidas que no le permitían perder sangre después de varios años de su muerte, por cierto, por ciertas razones había que trasladarla a su sarcófago a otro lugar, pero se sorprendieron al encontrar a la mujer perfectamente conservada”. Ao ver que tiña os brazos cruzados abríronllos e observaron que as feridas botaban sangue, polo que colocaron novamente os brazos como estaban e pensando que sería unha santa.

Seguir lendo...

A Dona da Torre ( II )

No concello de Friol tamén circula unha versión máis beatífica: Hai moito tempo na Torre de San Paio de Narla había un home chamado Federico que estaba casado cunha muller chamada Catalina.

Federico, matou a Catalina. Cando a foron enterrar puxéronlle algodón para que non perdera sangue e levárona a enterrar a Sobrado dos Monxes.

Catalina tiña uns irmáns en Italia. Tres anos despois de que ela morrera viñeron a Galicia os seus irmáns e foron a Sobrado dos Monxes a desenterrala. Cando a desterraron, sacáronlle os algodóns que tiña metidos onde lle cravaran o puñal. Os irmáns sorprendéronse ao ver que a súa irmá non podrecera. Entón eles déronse conta de que ela era unha virxe e por iso agora lle quedou o nome de a “Virxe Catalina”.

Recollidas por alumnas do C.P.I. Dr. López Suárez de Friol en marzo de 2.005.

Informante : Herminia Varela

Seguir lendo...

A Dona da Torre ( I )

A Dama da Torre , xunto coa Cova da Serpe, é a lenda máis representativa do concello de Friol.
O Señor Vasco das Seixas, señor da Torre de Xiá, casou cunha dama de orixe asturiana chamada Catalina de San Tirso. Esta muller era moi apreciada polos súbditos do seu home, pois diante da violencia e maltrato deste con respecto aos seus vasalos , Catalina mostrábase sempre amable e trataba por tódolos medios de favorecelos en todo canto podía. Isto xerou, co paso do tempo, un afecto e cariño especial dos campesiños cara a súa benfeitora, o que lle provocaría a Catalina, co paso do tempo, un destino insospeitado.
O déspota Vasco das Seixas non podía soportar tal situación, pois cos seus actos, a súa dona, púñao en evidencia diante dos seus vasalos; co que deu en cismar que a súa muller era unha adúltera e polo mesmo propúxose envelenala , cousa que non conseguiu.
Ao final , cravoulle unha chea de coiteladas que acabaron coa vida da infortunada Catalina que foi soterrada no mosteiro de Sobrado.
Cando soubo da noticia, o pai da dama presentouse cos seus vasalos no citado mosteiro e, mandando desenterrar o corpo da defunta, puido comprobar, ao lle quitar as vendas que tapaban as feridas, como aínda manaban sangue pese a pasar 21 días do aciago asasinato. Dona Catalina foi soterrada novamente .
O señor das Seixas despois do seu infame acto marchara a Portugal. Un mes despois dos feitos aquí narrados foi abatido e morto a espada co que se cumpriu a merecida vinganza

Seguir lendo...

16/12/08

A Torre de San Paio na actualidade


No ano 1.939 a Deputación de Lugo adquire a propiedade da torre de San Paio, evitando así a súa desaparición, pois os novos propietarios adquirírana para demolela e reutilizar os seus materiais.
A proposta de adquisición provén do entón Interventor da Deputación Provincial ao tempo que Secretario da Xunta do Museo de Lugo, don Manuel Vázquez Seijas. 
Ata fins dos anos 70 a institución provincial non decide darlle unha utilidade concreta á Torre. 
No ano 1.980 apróbase que a torre de San Paio sexa reformada e adaptada para servir de complemento ao Museo Provincial. 
Así, no ano 1.983 abre as súas portas como Museo Etnográfico e de Historia; concretamente o 25 de maio. A partir desta data recibe cantidade de grupos de escolares ao longo de todo o curso e está aberto ao público en xeral tódolos días da semana , agás os luns.
Xa no ano 2.003 realizáronse pequenas reformas para mellora-lo servizo museístico.
Nesta  páxina do propio museo podemos ler con máis detalle as seccións e coleccións da Torre de San Paio.
Nestes últimos tempos a Torre  é aproveitada para a realización de obradoiros e talleres relacionados coa Historia e a Etnografía.
Aproveitamos esta entrada para agradecer á actual responsable da mesma as facilidades dadas para a obtención de fotografías para o noso blog.   

Seguir lendo...

15/12/08

Heráldica en San Paio de Narla


Sobre a porta de entrada vemos un escudo con coroa marquesal soportado por dous leóns rampantes. Estes aparecen sempre de perfil, erguidos sobre as patas traseiras, coa pata destra apoiada sobre o escudo, coa boca aberta e a lingua fóra, e coa cola levantada co borlón cara adentro. Ten catro cuarteis en cruz nos que se reproducen os blasóns de outras liñaxes que emparentaron cos Seixas. No cantón destro do xefe figuran os Tovar (dous castelos), no cantón sinistro do xefe os Seixas (catro pombas), no cantón destro da punta os Sarmiento (ramo), e no cantón sinistro da punta os Ordóñez (nove roeis).
Un segundo escudo situado sobre unha ventá alta, reproduce en sotuer (aspa) as cinco pombas dos Seixas.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.