23/03/11

Máis novas sobre a romaría do Ermo

Este venres, celébrase na parroquia de Carlín,a romaría da Virxe do Ermo, da que xa demos conta en anteriores entradas.
Este ano incorporamos por unha banda unha nova que descoñeciamos, e pola outra un romance que recollemos do libro de J. A. Fidalgo Santamarina: Antropología de una parroquia rural.
Segundo temos contrastado polas informacións aparecidas no diario "El Progreso",no ano 1943, nos albores da postguerra, a romaría trasladouse da súa data tradicional -25 de marzo- ao 1º de maio. A época histórica do cambio dá pé para elucubracións varias, pero como descoñecemos as verdadeiras razóns e aí quedamos.
Non debeu ser ben acollida a decisión, pois no ano 1953, recupera a romaría a súa data habitual,mantendo o 25 de marzo - a Encarnación da Virxe-- o día da festa. Deixamos constancia gráfica dos recortes do citado diario como testemuña do que aquí comentamos.
En canto ao romance recollido por Santamarina transcribímolo tal como aparece no seu traballo:
Leva por título "A tradición da Virxe do Ermo":
Toda a xente da terriña
conoce a Virxen do Ermo
todos, enfermos e sanos,
pequenos, mozos e vellos.
Todos lle rezan devotos
todos lle cantan contentos
e hasta van á procesión
como viñan noutros tempos.
Cando iban a Compostela
e pasaban polo Ermo
alí todos acampaban
nun hospital que fixeron
donde ahora está a capilla
do Santuario do Ermo.
Esta Virxen era norte
daqueles santos romeiros
que o tino dela a Santiago
chegaban desde moi lexos.
Eles sabían que a Virxen,
era "salud dos enfermos"
por eso aquel Hospital
baixo os seus ollos puxeron.
A devoción foi tan grande
que aqueles pobres enfermos
convertiron o Hospital
nun famoso monasterio.
Inda agora os vellos contan
tradicións dos seus abuelos
acerca deste santuario
que merece moito credo.
Unha delas é que a Virxe
un día baixou do Ceo
cando xa no'había nada
daquel vello monasterio.
E indicou que se fixesen
naqueles vellos cimentos
unha capilla adicada
á Madre de Dios do Ceo.
Tamén din que alí había
un olmo tan alto e dreito
que á vista del camiñaban
peregrinos de moi lexos.
Pero o árbol veu á terra
anque non conviña eso
non saben si o cortaron
ou caeu por propio peso.
O feito foi que ao caer
chegou coa punta moi lexos
e unha hermosa cruz de plata
de señal alí puxeron.
Quíxoa roubar un ladrón
que non tiña moito medo
e unha noite de luar
alí se achegou moi ledo.
Colleu a cruz do seu sitio
con moitísimo atrevemento
pensou que ninguén o vía
pero veono Dios do Ceo.
Ó pasar polas Tabarcas
que non dalí están moi lexos
aquel ladrón tan valente
de repente quedou cego.
Reconoceu o delito
demandou perdón do Ceo
e guiado de rodillas
devolveo a cruz ó Ermo.
En señal desto hoxe chaman
"agro de cruz" un terreo
donde estaba posta a Cruz
e así parece ser certo.
E por hoxe, peregrinos
xa nos damos por contentos
anque non digamos máis
que ese pouco que dixemos.
Porque inda vou empezar
os estudios moi en serio
acerca da historia enteira
do Santuario do Ermo
vinde pelegrino, vinde
vinde devotos romeiros
vinde ofrecer oracións
á Virxe santa do ERmo.
A que deu fortuna ós sanos
conxolou ós aflixidos
e curou enfermedades
que nn contaban remedio.
ela salvou moitas vidas
dos que se lle ofreceron
desde os frentes de batalla
e de casas máis adentro.
Ela garda os nosos campos
cando nós o merecemos
das xeadas e pedriscos
dos malos vraus e invernos.
Tamén coida as nosas reses
de peste e malos sucesos
das malignas epidemias
e doutros males anexos.
Pero sana máis as almas
que é do que máis padecemos
mentras somos deste mundo
que está do ceo tan lexos.
vállanos esta Señora
que tanto ben leva feito
a todos que en corpo e alma
sempre a ela se ofreceron

4 comments:

Marta

Parece ser que a cambiaron porque o 25 de marzo chovía sempre, e á virxe non lle debeu gustar moito porque o 1 de maio tamén chovía, jaja, e volvérona á súa data inicial. Isto contaba meu avó.

Ah, encántame o blog! Non deixedes de escribir!

Carricoba

Interesante. Grazas!

Luis Díaz.

Simplemente darvos a norabóa pola excelente páxina que facedes.
Un saúdo desde Sarria,

Carricoba

Hoxe, día da romaría, achegáronse ata Carlín unha produtora de Pontevedra para realizar unha gravación que posteriormente-- xa avisaremos cando o saibamos-- será emitida no programa divulgativo da TVG "Actualizad@s".

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.