Amosando publicacións coa etiqueta Guldriz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Guldriz. Amosar todas as publicacións

05/03/24

Os nomes das casas: A Libureira da Pena de Cotá

Lebre ©Shutterstock
A raíz da publicación da entrada na que falamos de J. María Longarela veciño do barrio da Pena de San Martiño de Cotá (ver ligazón) e vía Brais Rodríguez Romero, soubemos do nome da casa deste veciño friolés:A Libureira. Sonoro nome que nos chamou a elaborar este texto. 
Segundo nos comentou Brais, o da Libureira vén de vello, pois segundo o Longarela xa a súa bisavoa era coñecida pola Libureira ( e estamos falando dun informante cos noventa anos ben sobrepasados).
É curioso que nas guías telefónicas do concello feitas pola rapazada do colexio friolés a fins dos noventa ( nós posuímos as dos cursos 1996/97 e 1999/2000) non apareza referida a citada casa con ese nome: nunha delas só aparece o nome do propietario e na máis recente aparece como Casa do carpinteiro; porén a veciñanza recoñece axiña a casa pola Libureira ( comprobámolo estes días).
Xa dixemos noutro lugar que os nomes das casas agochan verdadeiras historias e tesouros. 
Códice Calixtino (Arquivo Catedral de Santiago)
Tendo en conta que A Libureira, Libureira, O Libureiro, Leboreira, A Liboreira , Leboreiro e O Liboreiro comparten todos o étimo "Campus Leporarium" xa citado no Códice Calixtino no século XII , e que vén sendo "monte de lebres". No Códice faise referencia a Santa María do Leboreiro no Camiño de Santiago ao seu paso por Melide. 
A nosa Libureira podemos pensar que é derivación polo peche tanto do “e” como do “o” pasando de leboreira a libureira. 
Fenómeno vocálico que tamén está presente na parroquia de Narla.
Casa do Tuxaleiro
Todos, na fala, facemos referencia á *Purreira cando citamos a casa do Tuxaleiro ( hoxe no candeeiro, polo traballo de Cristina Barreiro ao que facíamos alusión na entrada anterior, por ter elementos arquitectónicos renacentistas).   Pois ben, *A Purreira como abundancial de porros (allium porrum) os allos porros, aclaramos, debería ser, e así o recolle o Nomenclátor, A Porreira.
Ao igual co nome da casa Tuxaleiro que para ben ser deberiase falar de Toxaleiro pois aos toxos fai referencia. 
O por que do nome na Pena? Pois calquera hipótese é posible.
Casa de Mantelle (Miraz)
Noutras parroquias da xeografía municipal atopamos nomes de casas co topónimo dun lugar de outra parroquia ( casa Mantelle en Miraz por exemplo: casa que inicialmente foi vivenda de veciños que viñeran do lugar de Mantelle de S Mamede de Nodar
Existe a posibilidade que esta Libureira da Pena fose casa de alguén que se asentou en Cotá  vindo dunha outra Leboreira (por exemplo da de Guldriz ( a poucos quilómetros) ou doutras que atopamos no concello de Palas de Rei ( Augas Santas e A Repostería). 
Pero só é unha hipótese, a verdade que imos quedar sen saber a orixe do nome ( polo menos de momento) 
Só queda agradecer a Brais Rodríguez polo fío!

Seguir lendo...

19/02/11

Os encantos da Rodela

Rodela do Castro de Guldriz
Do castro de Guldriz e das lendas a el asociadas, xa deixamos referencias neste blog. Agora publicamos unha nova que baixo o suxerente título dos "Encantos da Rodela" achegounos Rubén Ceide Cruzado, alumno de 1º A de ESO do noso centro: 
"Contaban os vellos de antes, que había unha muller chamada Carmiña en Guldriz que era moi pobre. Un día, ía cunha porca para levala á feira por ver se facía uns cartos. No camiño, atopouse cunha muller da rodela que lle propuxo cambiarlle a porca por unha toga na que envolvía unha bolsa. Díxolle tamén que se non a abría ata chegar á súa casa --esa era a única condición-- que de seguro a quitaría de pobre.
Carmiña decidiu cambiarlle a porca e, cando ía camiño de Guldriz, e se afastaba da muller, esta volveuse para recordarlle a condición..., pero Carmiña non lle fixo caso. Cando estaba chegando á súa casa, a curiosidade levouna a abrir a toga e desatar a bolsa. Nesta só había carbón. Carmiña enfadada, botou un berro e maldiciu o nome da muller da rodela e tirou todo o carbón no chan.
Cando chegou á casa sacudiu a bolsa e a toga e delas caeron unhas pedriñas de carbón que cando rozaron o chan convertéronse en ouro e pedras preciosas.Carmiña saíu correndo da casa en busca das outras pedras pero xa non estaban alí. Foi á rodela na procura de aquela muller que facía aquelas marabillas,pero non a encontrou.
De regreso á casa contoulles o sucedido e todos tiveron perda daquela riqueza perdida.
Isto demostra que nin a curiosidade nin a cobiza son boas para ninguén.
Hai moitas lendas sobre este lugar e esta é unha delas".
A lenda recolleuna Rubén da súa avoa Mercedes Salgado Carreira de 84 anos, veciña de Guldriz de Arriba.

Seguir lendo...

21/12/09

Guldriz (II). O castro na memoria

Perfectamente visible co perímetro aínda perfectamente definido, do castro de Guldriz contan os máis vellos que lembran como no propio castro víanse claramente os restos das vivendas e os muros que defendían o recinto "e disto que haberá? corenta anos?". Máis tarde utilizouse toda esa pedra na construción de novas vivendas e valados e ese patrimonio perdeuse para sempre.
O que si que o tempo non deu conseguido facer desparecer son as historias e lendas que o castro xerou desde antigo.
Mesturando feitos reais cos lendarios temos noticia dos seguintes relatos que pasamos a expoñer a continuación :
"O que si é certo é que se atoparon moitas moedas. Cando levabamos o gando ata alí arriba, entre os toxos e a nada que removeses no 'suelo' aparecían moedas amarelas, non de ouro, non sei de que serían pero moedas téñoas vistas. Das outras cousas, de que se os mouros,... que as pitiñas... iso xa serán contos pero as moedas, aínda sei dalgunha persoa que seguro as ten" . O que así fala é Antonio da  Casa De Mera citada na entrada anterior.
Outra historia fai referencia tamén aos cartos atopados no castro e din que un home atopou un saquete de moedas de ouro . Foi vendelas a Lugo e cos cartos mercou dous becerros. Non lle dixo nada a súa dona. Cando esta, despois de moito insistir, conseguiu que o home lle contase o sucedido, os becerriños apareceron mortos.
Contan tamén que "ao pé do castro había unha fonte onde de cando en vez aparecían uns pitiños cunha galiña  pero cando os querías ver desparecían, non se sabe como" . Este relato xa o escoitamos e publicamos nunha entrada anterior relacionada coa parroquia de Cotá.
Núñez Jato e Rodríguez Varela no seu traballo citado noutra entrada, recolleron tamén estes dous:
"Un señor de S. Martiño de Condes chamado  Cacharelo ía vender viño á rodela. Os veciños deste pagábanlle ben coas moedas que atopaban no castro. Con este negocio o Cacharelo medraba moito pero non podía dicir de onde lle viña o diñeiro. A súa muller estrañada co benestar que disfrutaban, pedíalle arreo explicacións ó marido. Tanto e tanto porfiou que un día o Cacharelo contoulle a verdade. A próxima vez que foi levar o viño ó Castro, os veciños dixéronlle:
-- Bueno home, dixeches de onde sacas ti os cartos pero como somos amigos, matar non te hemos matar pero temos que facerche sangue.
E cortáronlle dous dedos dunha man"
A segunda relata que "os veciños de Guldriz querían abrir a rodela porque pensaban que alí estaba a riqueza da parroquia. Dixéronllo ao cura e un bo día foron todos ata o Castro co cura diante. Ó chegar alí, o cura empezou a ler un libro e a terra abriuse, saíndo da greta toda clase de bichos, encantos, cabalos con pés de rodas, o demo cuns cornosmoi grandes e outras cousas. A xente berraba:
--Señor cura, mire, mire !
O cura mirou e quedou cego. toda a xente escapou, quedando só o cura que tivo que desler o que lera para poder saír de alí"
Contos vellos que se repite con pequenas variacións na nosa xeografía e que de xeración en xeración foron pasando de pais a fillos. Hoxe co risco de que todo este patrimonio quede no esquecemento, nós desde estas páxinas tratamos de fixar esta parte da nosa historia --real ou non que máis dá?-- para que os netos dos nosos netos non sexan uns desleigados e descoñezan a rica cultura que nos permitiu chegar a onde chegamos.

Seguir lendo...

19/12/09

Guldriz ( I ). Toponimia

A parroquia de Santiago de Guldriz xa aparece citada nos Tumbos do Mosteiro de Sobrado no ano 971 como Gulderiz, "in valle Nallare villa Gulderiz et ecclesiam Sancti Jacobi apostoli". Trátase das terras dun posuidor gótico -- xermánico-- Guldericus; do xenitivo Gulderici deviría o actual Guldriz. No 1232 aparece como Goldriz nos Arquivos da Catedral de Lugo.
De pedra (saxum) e branca (album) sae O Seixalbo, lugar da parroquia cunha pequena capela dedicada a S. Antón, na que se seguen celebrando misas todos os 13 de xuño. Ata non hai moitos anos había mesmo romaría e festa.
A Abelleira é outro lugar; a presenza de colmeas orixinaría o topónimo. A non ser como indica D. Nicandro Ares se referíse á abundancia da herba abelleira ( ou ben a Melilotus oficcinalis ou a Ophrys apifera).
Outro lugar, A Leboreira faría alusión á abundancia das lebres ( leporaria).
As Veigas, plural da verba prerromana "baika" ou "vaika", que  é "lugar á beira dos ríos sempre húmido".
Por último, A Boleta ( diminutivo de bóla). Di  D. Nicandro Ares que "podería aludir  a algunha pequena bóla ou mámoa prehistórica de forma semiesférica, a carón da cal nacería unha vila , que perdurou na aldea actual".
Moitos outros son os topónimos presentes nesta parroquia, como A Costa da Mera ( néboa mesta , miúda e baixa) na que se atopan restos de antigas medorras e topónimo que dá orixe á, segundo din os propietarios, a primeira casa da parroquia, así chamada "Casa de Mera" propietaria da capela antes citada, e que segunda a inscrición feita na lumieira da porta principal data do ano 1.436.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.