Amosando publicacións coa etiqueta Condes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Condes. Amosar todas as publicacións

16/04/24

Notas musicais

Concerto da Banda das escolas mancomunadas en Friol

Esta entrada xorde ao sermos coñecedores do concerto que a Banda das escolas mancomunadas de música de Rábade, Outeiro de Rei, Begonte e Friol, desenvolveu o pasado domingo día 7 de abril na praza friolesa de Andón Cebreiro con notable éxito.(As fotografías que acompañan esta entrada foron facilitadas por Melani Coedo).
Solo de trombón
O interese pola creación de bandas de música municipais e mesmo parroquiais no derradeiro terzo do século XIX e primeiro do XX propiciou con seguridade que o concello friolés tentase a creación da "Lira de Friol" banda que deu os seus primeiros pasos en abril de 1936.
O 18 e o 19 dese mes celebráronse unhas festas que serviron de estrea para a citada formación ( no Diario de Galicia "Alborada" de 16 de abril de 1936 dábase cumprida conta das festas organizadas con motivo da constitución da citada Banda).
Polo que intuímos deberon ser os primeiros  pasos e tamén os últimos. Achegábase o golpe de estado franquista, a destitución da corporación municipal impulsora da posta en marcha da agrupación musical e entendemos que non foi posible continuala. (Non atopamos de momento máis referencias á Lira  de Friol, mágoa! 
As bandas de música eran un elemento fundamental nos tempos en que eran de necesaria presenza nas festas co protocolario pasarrúas que iniciaban as mañás festeiras. Pouco a pouco foron desprazadas polas orquestras ( menos numerosas e máis fáciles de desprazar). Resisten algunhas e estanse recuperando e creando outras. Esperemos que esta Banda das escolas de Rábade teña permanencia no tempo o que sería de agradecer para axudar a lle facer fronte a certos tipos de ritmos invasores e invasivos que agriden o bo gusto musical.
Nerea Cobas nunha das súas actuacións na TVG
Por outro lado, nestes últimos meses, Nerea Cobas Loureiro participa como recanteira no concurso Recantos (sección do lonxevo Luar da TVG) e con moito éxito se damos creto ás cualificacións acadadas ata o momento. Se non estamos errados vai en cabeza. Esta antiga e moi boa alumna con orixes na parroquia de Narla está dando que falar coa súa voz, ferramenta básica do citado concurso.
Gran Teatro ( La Voz de Galicia)
Tempo atrás, moito tempo atrás, cando a “Cadena Ser” promovía concursos musicais provinciais para novos talentos da canción, a fins do cincuenta do pasado século, outro friolés “Jesusín” de San Martiño de Condes, concretamente d’As Pardellas, gañaba o “Micrófono de oro” concurso desenvolto na capital lucense no demolido Gran Teatro e auspiciado pola emisora local Radio Lugo.

Jesusín, nome artístico de Jesús Iglesias Torres, era un rapaz de dez anos que bordaba as cancións de Joselito, o seu ídolo, e en xeral calquera canción das chamadas "españolas". Tal foi o éxito acadado que con ocasión da entrega de premios, digamos que como contraprestación ( tan usual naqueles tempos) levárono ata o Goberno Civil onde lles cantou ás fillas do propio gobernador (segundo recolle a prensa provincial).
O triunfo no Micrófono de Oro abría as portas , sobre todo aos gañadores a poder participar en diferentes festivais artísticos que ben a a propia Radio Lugo ou o citado Gran Teatro organizaban con relativa frecuencia.

Seguir lendo...

24/05/18

Unha visión profana das aparicións das Pardellas (1949)

Continuando coa incorporación a este blog das achegas dos Obradoiros da Memorias desenvoltos na parroquia de Carballo, hoxe achegamos a peculiar visión que sobre as aparicións marianas nas Pardellas (Condes) precisamente a finais do mes de maio do ano 1949.
Aquí a tedes

Seguir lendo...

03/05/15

As cruces de maio: un costume perdido?

Chegou maio e canda el, no noso concello, a romaría do San Benito do Carballo; precisamente falando desta celebración chegou a nós o coñecemento dun ritual que algún dos nosos veciños asóciano ao propio tres de maio –día da romaría— e outros de xeito impreciso ao mes de maio pero sen poder indicar data exacta, nin se a había.
É coñecido, dentro do ciclo festivo tradicional, o denominado “ciclo de maio” que en principio lévanos a lembrar as festas dos maios celebradas o día un ou tres deste mes que, sobre todo, nas provincias de Ourense e Pontevedra gozan de sona e tradición.
Pois ben, este ciclo festivo, seguindo a Clodio González Pérez, comezaría xa a mediados do mes de abril e continuaría ata os primeiros días de xuño. A orixe das celebracións para algúns pérdese na noite dos tempos e para outros estaría máis relacionada co mundo clásico latino. En calquera dos casos mantense presente e, nos casos dos que imos falar, é o resultado do sincretismo que a relixión católica foi facendo das antigas festividades rituais.
Existe constancia de rituais agrarios que en época romana e coincidindo co 25 de abril levábanse a cabo na honra da deidade, Robigo, protectora dos cereais e encargada de evitar parasitos e mofo que impedisen o seu crecemento –as chamadas Robigalia-- nos que se procedía a diferentes cerimonias protectoras dos cultivos que unha vez cristianizados convertéronse nunha especie de bendición dos campos.
Aínda hoxe, no concello, trasladada a honra ao San Marcos celébrase na capela da Freiría (O Carballo) unha minguada romaría con procesión ritual ao redor dun cruceiro improvisado para a ocasión. Lembran os veciños unha festa á que se achegaban dous carros –un deles de Higinio “Pallota”—con algo de bebida e comida ata o lugar, e mesmo levábase orquestra. Este ano pouco máis de vinte persoas se xuntaron o domingo 26 para a dita celebración.
Rematado abril, o 3 de maio ( que na antiga Roma era o derradeiro día das Floralia, festas dedicadas á deusa Flora) que en Carballo na actualidade está monopolizado polo San Benito de Palermo, era o día no que se adoitaba colocar nos campos de cereal, predominantemente centeo, unha cruz no medio das leiras feita de sabugueiro (sambucus nigra) e colocada a mesma sobre unha vara da mesma árbore, para que fose vista aínda despois de medrar o cultivo. A mesma era recollida ao tempo de recoller o cereal. Hai quen lembra que tamén se empregaban ramalliños de oliveira –en Carballo habíaa en Guntín e na Fraga— Hoxe é un costume perdido pero veciños e veciñas das parroquias de Condes, Carballo e Xiá lembran da súa nenez e mocidade. Mesmo hai –como xa dixemos-- quen a asocia ao día de San Benito:“acordo ao meu pai deixar do día anterior preparadas as cruces, e antes de marchare ao San Benito, ir aos campos colocar as cruces”.
O 3 de maio nalgunhas zonas de Galicia aínda se celebra a festa da Invención da Santa Cruz e queda a citada data recollida no noso refraneiro:
 “Pola Santa Cruz de maio 
pastores deixade o gado.
 Se non o quereis deixar 
ide con el todo o ano" 
Recollido en Donís (Cervantes) fai referencia a que por estas datas os veciños comezaban a subir o gando ás malladas da Serra dos Ancares.
A fotografía que ilustra a entrada é recollida do libro "Festividades Cíclicas em Portugal" de Ernesto Veiga de Oliveira por non termos outra referencia gráfica e aínda que reflicte unha cruz de flores a súa intencionalidade ritual é a mesma da que falamos nesta entrada. En concreto a fotografía foi tomada en Condeixa no distrito de Coimbra.

Seguir lendo...

26/02/15

De meigas

De todo o concello temos recollido ben no noso blog ou "No Campo da Feira", que é onde publica o alumnado do colexio, unha chea de retallos da literatura de tradición oral aínda viva por estas terras. 
Da parroquia de Condes traemos hoxe aquí esta lenda recollida no ano 2008 cando aínda andabamos remoendo na idea do que foi, é, "Friol: algo máis que pan e queixo". Foi recollida por Ana Fariñas Rodríguez ( alumna daquela de 2º de ESO que na actualidade cursa estudos na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago). Di así:
"Hai moitos anos había meigas que liñaban de noite, en sitios que non as visen, enriba duns penedos, no medio do monte… Cada vez que pasaba xente , elas empezábanlles a insultar, botábanlles meigallos e se lles respondían, maldicíanos e agoirábanos de que lles ía pasar algo malo. As meigas metíanse en sitios escuros para que non as visen e non as recoñecesen . Adoitaban ter uns sitios fixos para reunirse de noite para liñar. Un deles era o muíño da Calzada. Case sempre ían vestidas de negro. Din que saían polos montes sobre todo os días de lúa chea.
O muíño hoxe non se chama así senón que é coñecido como o muíño de Santa Eufemia".
A fotografía precisamente é Santa Eufemia (Condes) e se queredes ver e completar a información sobre o muíño da Calzada tedes aquí o enlace á entrada feita polo alumno Juan Manuel Sobrado o curso pasado sobre o mesmo.

Seguir lendo...

23/04/14

De San Martiño de Condes ao rueiro da Coruña

O 4 de marzo de 1887 nace en San Martiño de Condes, filla de Bartolomé Blanco Ludeiro (sic) e de María Pérez Cobas, a nena María Ángela Blanco Pérez, á que bastantes anos máis tarde, no barrio coruñés dos Castros, sería coñecida como 'Doña Angelita'.
Esta rapaza, como tantas outras friolesas da época, marchou a servir á cidade da Coruña. Non sabemos cando chegou á capital herculina, pero no ano 1918 entra a servir na casa do enxeñeiro D. Manuel Soto que tiña residencia e traballo na Granxa Agrícola Experimental de Galicia fundada en 1888  na coruñesa zona dos Monelos.
Falecida a dona do citado enxeñeiro, este casa en segundas nupcias con Ángela Blanco Pérez.A partir de aquí é cando esta muller, co apoio do seu home, inicia o seu labor asistencial e benéfico, facéndose cargo dunha pequena escola da zona. O labor benfeitor desta muller podemos testemuñala nestes dous enlaces nos que se fala da citada Dona Angelita: "Mujeres en A Coruña" e "Blog callejero"
O seu labor viuse concretado na construción do colexio  "Anxo da Garda" na coruñesa rúa de Monte das Moas, institución que nos seus primeiros tempos cubría tamén as necesidades alimentarias da poboación infantil mesmo fóra do calendario escolar, como testemuña a fotografía que ilustra esta entrada --feita no día do Nadal do ano 1962-.
Como recoñecemento ao seu labor humanitario nuns tempos nos que predominaba a escaseza, o concello da Coruña, xa no ano 1964, decidiu dedicarlle unha rúa que na actualidade leva o nome de Rúa de Ángela Blanco de Soto. Anos máis tarde, en decembro de 1975, faleceu sen descendencia, sendo soterrada no cemiterio coruñés. 
Nos anos oitenta o citado centro escolar pasou a pertencer á rede pública e hoxe é coñecido como "CEIP plurilingüe Anxo da Garda". 
Temos que agradecer ao seguidor deste blog, José Antonio Insua Ferreiro, por darnos a coñecer a historia desta friolesa, e á directora do CEIP citado, Cristina Culebras Yáñez , que foi quen nos facilitou a fotografía --entre outras-- que acompaña esta entrada e na que aparece remarcada a propia Dona Angelita.

Seguir lendo...

13/05/12

Non o creo!

Xa pouco falta para a estrea da montaxe que, este curso, o grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo" está preparando, cumprindo co seu compromiso anual. 
Este ano o título da montaxe "Non o creo!", ao contrario do que sucedía en cursos pasados, non dá moitas pistas sobre o seu contido. 
Podemos dicir, que respectamos a norma por nós autoimposta de ser un guión propio, basado en feitos históricos ou lendarios que teñan que ver coas terras friolesas. 
Pois ben, "Non o creo!" cumpre este perfil, ao mesturarmos feitos reais con feitos da memoria popular todos ocorridos nestas terras e --este ano -- nas terras de Guntín de Pallares. 
Explicámonos: Os feitos ocorren a fins do século XIX, concretamente no ano 1873. Neses tempos, os enfrontamentos entre liberais e carlistas tocaron de cheo a Galicia, e por suposto non quedaron á marxe estas terras, que sufriron a presenza das partidas dos carlistas, das que hai recollidos testemuños dos seus feitos -vía hemeroteca-. 
A montaxe, posteriormente dá un chimpo de cen anos e aproveita a publicación dunha nova recollida no diario provincial "El Progreso" que dá conta do achado dunha cazola con máis de oitocentas moedas de ouro e prata que permitiron --diso somos sabedores por un demanchiño que nolo achegou á orella-- a adquisición dun tractor da máis alta gama daqueles momentos-- estamos falando de 1973-. 
Pois ben, todo isto mesturado con algo de imaxinación, e da man dun trasno ao que non lle afecta, claro está, o paso do tempo, deu como resultado esta obra que estrearemos o 23 de maio no lugar habitual para estas montaxes. 
Este ano faremos unha representación extra para o alumnado de ESO do CPI Tino Grandío de Guntín, que se achegarán á Torre de San Paio o día 24 de maio. Nos enlaces que vos deixamos podedes completar a información histórica na que se apoia a montaxe para ter unha comprensión máis doada da mesma. 
Xa por último, indiar que agochamos algunha que outra sorpresa que non desvelaremos pero que seguro vai dar que falar.
Neste enlace da Rede Museística Provincial tedes unha pequena sinopse da montaxe.
Vémonos!.

Seguir lendo...

06/03/12

Xerardo Quintiá: Hotel Cidade Sur

A Editorial Galaxia, vén de publicar o mes pasado, un novo libro de relatos do autor friolés Xerardo Quintiá: "Hotel Cidade Sur". con esta publicación retorna á narrativa, logo do seu "Fornelos&Fornelos" co que acadou, o pasado ano, o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, convocado pola Agrupación Cultural Ergueitos e o Concello de Sarria.
Se o poemario reflicte unha permanente nostalxia dunha infancia perdida que lle serve de eixe para a súa creación literaria, neste libro de relatos recóllense, oito historias que teñen como elemento aglutinador a súa relación co Hotel Cidade Sur.
Non é difícil localizar o escenario dos oito relatos, nunha pequena cidade onde conflúe o rural e o urbano nun continuo difícil de desmestar. Relatos entrañables e sempre narrados por un perdedor ou "desubicado"personaxe que, ao tempo que relata o seu presente, volve --sempre--á infancia para tentar explicarse o que lle ocorre. Para o noso gusto, maxistrais o "Romeu & Xulieta" ou "The Poporrubio's Band" sen desmerecer por suposto os outros relatos.
Lecturas ambas que non deixan a ninguén indiferente, e que veñen a consolidar, se non o estaba xa, a un autor que desde o seu "Finísimo po nas ás" achega cunha prosa cargada de lirismo recreacións dun mundo que é o noso e que demostra que Friol, desde Fornelos, e moito máis que o pan e o queixo.
Realmente, temos un veciño, que cunha chea de publicacións tanto na literatura "adulta" como na "infantil" fíxose un oco no difícil mundo literario. Só queda felicitalo e esperar á súa, ben seguro, próxima publicación.

Nota: A fotografía foi feita na visita que o autor fixo en maio de 2011 ao CPI Dr. López Suárez.

Seguir lendo...

14/11/11

As Aparicións das Pardellas. Relato dunha testemuña.

Relacionado cunhas entradas anteriores, nas que demos conta das chamadas “Aparicións nas Pardellas”, chegounos este relato dunha testemuña dos feitos que comentamos. Respectando o seu anonimato, transcribimos a súa versión persoal do sucedido:
“No mes de xuño de 1949 acababa de facer 13 anos. Terminara con éxito un dos cursos de bacharelato e encontrábame de vacacións en Friol. Falábase que a uns nenos de As Pardellas aparecíaselles a Virxe María, e con este motivo ía moita xente a dita aldea. Un día dese mes, creo que era domingo, organizouse unha visita ó mencionado lugar e eu fun co meu pai, e polo tanto son un dos vinte pequenos que cita a crónica da prensa ( El Progreso 15-06-1949). Chegamos ó sitio de día, pero á tardiña. Recordo unha rocha granítica bastante grande, partida en dúas partes, na que no medio medraba un carballo, pouco desenvolvido, polo lugar en que prendera. Chamoume a atención que das ramas colgasen diversos obxectos relixiosos, destacando os crucifixos que, segundo me explicaron, servían para esconxurar ó demo, por se se lle ocorría achegarse. Estaban presentes algúns curas das parroquias próximas e creo recordar que se rezou algunha oración; tamén se atopaban gardas civís do posto de Friol. A partir da rocha o campo era bastante pendente, en subida cara ás casas da poboación. Na parte máis alta e afastada do lugar, colocáronse as persoas maiores e na parte de baixo os vinte nenos, máis ou menos, incluídos os catro que se dicía que se lles aparecera a Virxe, ós que eu terminaba de coñecer. A nós, os cativos, puxéronnos detrás dun pequeno valado, que se encontraba a uns poucos metros da pena indicada. Alí pasamos máis dunha hora. Eu tiña os ollos ben abertos por se vía algo e xa empezaba a estar canso. Era xa de noite. De repente os nenos videntes gritaron que alí estaba a Señora. E, como relata o cronista, os maiores,que se encontraban máis arriba, e que tamén querían ver a aparición, botáronse a correr costa abaixo. Recordo que os pícaros, eu tamén, estabamos, tirados no chan, mesturados coas pedras do muro, e que non pasou nada, nin tan sequera houbo rabuñaduras.
E eu vin ou non vin?. Aínda que permanecía moi atento non vin aparición algunha sobre a mencionada rocha, pero no intre en que a xente maior se abalanzaba sobre nós, os nenos, vin como un raio saía da rocha en zigzag cara o ceo, como se un SER Superior quixese fuxir da impaciencia e irresponsabilidade dos humanos. Impresión, a do lóstrego, que me quedou gravada na mente para sempre. Logo penso que o acontecemento, polo que fora, non contou co apoio da Autoridade eclesiástica e foise esmorecendo. Eu non volvín na miña vida a aquel campo”.
Ata aquí o relato, nada máis indicar que aínda hoxe, é frecuente a presenza de xente foránea, que na rocha citada, fan investigacións relacionadas co aquí recollido.

Seguir lendo...

23/12/10

Os misterios das Pardellas

Xa hai algún tempo( xaneiro 2009),publicamos baixo o título de "Unhas aparicións nas Pardellas" a referencia  a uns feitos ocorridos no ano 1949 e nos que os xornalistas do momento, relatan como a posible aparicición da Virxe neste lugar da parroquia de Condes.
A fins de novembro deste ano observamos como se achegaban ao noso blog visitantes de diferentes puntos da península, interesados na entrada que comentamos. Chamounos a atención, pero non prestamos maior atención ao feito.
Días atrás,deixaron na mesma un comentario facendo alusión ao programa "Cuarto Milenio" dirixido e presentado polo xornalista especializado no mundo do descoñecido, Iker Jiménez.
Efectivamente en youtube, están colgados un par de vídeos nos que o citado xornalista xunto con Marcelino Requejo e Carlos Ollés estudosos do mundo "OVNI", falan do feito xa mencionado e das súas investigacións ao longo destes últimos dez anos.
Aquí deixamos os dous enlaces por se queresdes botarlle unha ollada aos citados vídeos que reproducen a parte do programa destinado ás Pardellas.O segundo recolle a participación de Requejo e Ollés.
Constatar tamén o desinterese manifesto que as cadeas de ámbito estatal teñen coa toponimia oficial galega.

Seguir lendo...

05/12/10

Os muíños

Os muíños foron lugar de encontro da mocidade e, en xeral, dos veciños que a eles chegaban a moer o gran. O que nun principio era tan só facer a espera para que o muiñeiro só quedase coa maquía que lle correspondía, pasou a ser o lugar e o tempo no que se intercambiaba información, se escoitaba os últimos contos do lugar e, en definitiva, un lugar que mantiña viva a tradición oral, vía contos e lendas. Nestas xuntanzas nocturnas, non faltaban cantos e bailes entre os mozos, que preludiaban fugaces relacións baixo o manto protector da escuridade.
Non é de estrañar, que as autoridades eclesiásticas, tan preocupadas elas, pola moral da súa xente, tentasen prohibir estas festas, sen acadar o éxito desexado.
Quedan pegadas no cantigueiro popular que recollen o sentir destes xuntoiros. Como exemplo deixamos estas dúas:
"Unha noite no muíño,
unha noite non é nada:
Unha semaniña enteira
iso si que é muiñada"

"Eu non sei que pasou no muíño,
eu non sei que debeu pasar.
Dende entón Maruxiña está triste,
dende entón non fai máis que chorar"
Hoxe estas xuntanzas remataron, como remataron abandonados a meirande parte dos muíños, noutrora testemuñas mudas de rexoubas e amoríos.
O noso concello non foi alleo a este costume --xa falamos da sona do muíño dos Rosón-- e así testemuñamos como nun muíño de Roimil, a principios do s.XX algún pai tivo que ir na procura do fillo en máis dunha ocasión, pois o rapaz, moi afeccionado ao xogo, malgastaba o que o pai lle tiña destinado e que tanto traballo e penalidades lle custaba conseguir. Certo que o mozo viña a desgana para a casa, pero viña, que daquela aínda a voz do pai era lei.
Na parroquia de Condes, en plena postguerra, algún muiñeiro había, que tiña sacos de figos --no tempo-- e pelellos de viño para acompañalos (o muíño cumpría función de taberna). Contan como nunha ocasión uns rapaciños achegáronse ao muíño a comer uns figos e estando nesas, chegaron o Curuxás e algún outro escapado-- dos que xa falamos noutras entradas-- e os rapaces co medo ( pensemos na imaxe que podían ter dos fuxitivos, estes meniños) quedaron quedos ata que marchou o Curuxás, iso si, despois de trasfegar no viño e pagalo coma calquera fregués.
A fotografía que acompaña á entrada vemos o muíño do Pedrouzo, na parroquia de Cotá, hoxe empregado como vivenda de recreo polos seus propietarios.

Seguir lendo...

15/10/10

Cruceiro de San Martiño de Condes.

Está situado ao pé da igrexa parroquial. Érguese sobre unha plataforma de tres chanzos cadrados e unha base cúbica. O fuste é cilíndrico, labrado en peza única, con lixeira éntase e estrías, salvo nos extremos. O fuste e o cicelado das estrías segue un esquema moi semellante aos cruceiros Anxeriz, pero é moito menos esvelto. De feito, hai unha acusada desproporción entre o fuste, e o capitel e a cruz, que resultan demasiado pesados. Con todo, o esquema xeral é moi clásico.
O capitel aséntase sobre un sobresaínte collarino e presenta tres corpos ornamentais: o inferior en molduras abertas en abanico, o medio decorado con follas de acanto, e o superior con volutas nas esquinas e cabezas de anxos no medio.
A cruz ten sección cilíndrica e decoración de nós nas arestas. No anverso represéntase a Cristo seguindo a iconografía tradicional: pés cruzados e cabeza ladeada sobre o seu lado dereito. Presenta unha plástica moi elemental, apenas se traballan os detalles anatómicos. No reverso aparece a Dolorosa, que tamén segue un esquema de formas básicas: rasgos elementais no rostro, e mans entrelazadas á altura do peito e que resultan demasiado grandes e pesadas. Está feita en dúas pezas (pódese observar o corte da pedra á altura da cintura). Viste cun manto que lle cobre a cabeza e que debuxa dúas ondas no perfil, e saia longa con pregamentos.
Supoñemos que o cruceiro é do S. XVIII, resultando unha adaptación popular das formas barrocas.

Seguir lendo...

18/09/10

San Martiño de Condes: A súa toponimia

A parroquia de San Martiño de Condes é unha das máis poboadas do concello ( 386 habitantes –censo 2009--). A súa poboación repártese en  vinte e seis lugares, entre os que está  As  Pardellas, que cos seus 128 habitantes é o  segundo asentamento máis poboado do concello despois da capital do mesmo.
Na súa toponimia atopámonos con catro fitónimos: Abeledo, O Aciveiro, A Hedreira e Macedo que correlativamente fan alusión aos abundanciais de abeleiras (corylus avellana), acivos (ilex aquifolium) , hedras (hedera) e mazás (mattiana).
Arriba, lugar no alto, contraposto ao Fondoso, no fondo (Moralejo Laso relaciónao cunha "Fonte do oso" e comenta Nicandro Ares: "o que non di Moralejo é que Oso ( Ursus) --foi tamén nome persoal--").
Falando de fontes, outro topónimo é A Picha, -cano dunha fonte--, e Fonte do Can - que a pesar do que parece relacionado co mellor amigo do home, podería vir dun antigo posuidor Canis --nome latino de persoa--.
Do topónimo A Devesa xa falamos noutra entrada.
Foxaco, derivado de foxo, cun sufixo despectivo. Faría referencia a un pequeno foxo para cazar animais?.
As Pardellas derivaría do plural de "parietella"—parede pequena, muro—.
Do Rodo do Muíño di Nicandro Ares que “aludiría a un remuíño ou perímetro circular, semellante a unha “rota” roda de (saxum) molinum".
San Martiño e Santa Eufemia son dous haxiónimos. O primeiro --documentado no século XIII-- dá nome á parroquia.
A Torre, do latín turris, fai referencia a unha antiga torre hoxe desaparecida da que hai constancia na memoria dos veciños e restos dos seus basamentos no propio lugar.
Bustelo: Sería o diminutivo de "busto" --terra dedicada ao pasto do gando--. En Bustelo, fálase tamén doutra torre que aínda está en  pé pero moi deteriorada.  
A Cancela, da que por outras razóns falamos xa noutra entrada, viría dun "cancellus"-- porta pequena formada por unha grade de táboas--
Do Castro, nada hai que dicir pois queda a referencia arqueolóxica como testemuña do antigo poboamento.
Cos Fornelos, existe a posibilidade de que sexa o diminutivo do "fornus" --que mantén N. Ares--, ou que faga referencia aos fornelos, como espazos ocos rebaixados nunha parede. Cremos que en calquera dos dous casos levaríanos a pensar en pequenas covas.
De orixe xermánica atopámonos con Arxerei (do antropónimo Argeredus), Racamonde (de Recamundus) e Ximondriz (da redución de Gemundu e Munderice). En calquera dos casos, fan alusión aos propietarios visigodos das terras correspondentes.
De outro antropónimo, neste caso  --en principio latino-- viría QuintiáVilla Quintiana. Vila de Quintus.
Por útimo quedan Xul e Xulacasa. O primeiro sería a evolución dun Iulius latino. No segundo caso transcribimos o que Nicandro Ares informa sobre o topónimo: De Xul "... sairía tamén Xulacasa 'a casa de Xul' se non foi "sub illa casa". Precisamente dun Xoán Xul fala a inscrición da ventá desta casa da Torre. A outra fotografía é da Casa do Escribano no propio San Martiño.

Seguir lendo...

24/06/10

Un cabeceiro na Torre (Condes)

Na procura dunhas pedras, achegámonos ata A Torre ( S. Martiño de Condes) e a casualidade, levounos a dar cun cabeceiro que non responde ás normas arquetípicas deste tipo de construcións adxectivas ( non queremos con isto  dicir que sexa peza única, pero si ben escaso, cando menos na actualidade).
Apoiado nunhas padias, a súa estrutura rectangular , ben estreita, está formada por pólas entrelazadas--corras-- e que, debido ao paso dos anos, está axudada por algún arame enferruxado. A cuberta vexetal está reforzada por plástico agrícola tan abondoso no noso agro. Unha pequena porta dá acceso ao interior. Na actualidade parece que o tempo vaino vencendo e vaino tirando cara á dereita sen disimulo ningún.
Aínda está en uso. Felipe Rebolo, o noso informante e tío da propietaria, indicounos "que aínda onte sacaron o maíz".
Este tipo de construcións con data de caducidade, é unha mágoa que se perdan, e cando menos, pretendemos, no camiño iniciado por A Ulloa en fotos, deixar constancia virtual do que foi, e polo que comentamos aínda é, elemento complementario dunha forma de vida.

Seguir lendo...

08/06/10

O couto de San Martiño de Condes: unha titularidade complexa (III)

A práctica das usurpacións en coutos eclesiásticos, ás veces a través de encomendas máis ou menos encubertas, mantense no S. XV. Unha das casas nobiliarias que máis atropelos e usurpacións cometeu foi a dos Ulloa. Xa desde principios do S. XV, os Ulloa tiñan aforados os coutos de Perbaes, San Martiño de Condes e Ferreira de Negral, e a casa forte de Naya (García Oro: Galicia na Baixa Idade Media. Igrexa, señorío e nobreza. Toxosoutos, páx 77).
Na liña do arrepentimento mostrado polo donante da entrada anterior, figura tamén un documento de desembargo firmado por don Lope Sánchez de Ulloa. No seu testamento, de 1457, dispón desembargar á Orde de Santiago a terra de Rocha de Narla, couto usurpado pola casa de Ulloa e que sen embargo volve a estar en mans do seu fillo, don Sancho Sánchez de Ulloa (1465-1505). Este, en 1480, redacta un testamento na mesma liña de arrepentimento polos bens e rendas usurpadas, e desembarga, unha vez máis, a terra de Rocha de Narla. O arrepentimento durou pouco, pois volve a ocupala e a inclúe como propia no testamento de 1505.(Véxase Arcaz Pozo: Nobleza y órdenes militares en la Galicia medieval. Páx. 138).
D. Sancho Ulloa tiña tamén usurpados os coutos de San Martiño de Condes e de Ferreira de Negral. En tempos do bispo D. Pedro Ribera, deixa á Igrexa os coutos ocupados. O documento de desembargo está firmado en Melide, no 24 de febreiro de 1502 (pódese consultar en España Sagrada, páx. 147-148. Tamén aparece recollido por López Ferreiro: Galicia no último terzo do século XV. Tomo II. Toxosoutos, páx. 85): "O conde de Monterrei D. Sancho Ulloa tiña xurisdicción civil e criminal, mero e mixto imperio dos coutos de San Martín dos Condes e de Ferreira de Negral; pero avisado polo Bispo que aquela xurisdicción era propia da súa dignidade e mesa episcopal, e sabendo que o seu pai o conde don Lope Sánchez de Ulloa fixera desembargo dos referidos coutos en favor do bispo de Lugo, conveu logo en cedelos".
Con esta cesión, o bispo decide deixar o couto en mans do seu irmán, D. Gonzalo, que era merino de Lugo e recibe señorío civil e criminal, xurisdición dos coutos desembargados "para que pudiese exercer en todo aquel territorio a mesma potestade que exerceu o Conde e os seu antecesores".
En futuras entradas falaremos da presenza dos Seixas en San Martiño de Condes e da torre de Bustelo (na fotografía).

Seguir lendo...

O couto de San Martiño de Condes: unha titularidade complexa (II)

Un documento do S. XIV referido ó couto de San Martiño de Condes, reflicte a confusa situación de titularidade da que falabamos na entrada anterior. O documento está datado en 2 de Abril do ano 1362 (pódese consultar en España Sagrada, páx. 118; ou o texto completo en Documentos da catedral de Lugo. Século XIV. Vol. II, de Mª José Portela Silva). Nel, Vasco Pérez, fillo de Pedro López Rodeiro, fai escritura de doazón ó bispo de Lugo, D. Fr. Pedro López, de todas as súas herdades no couto de San Martiño de Condes e en Santo Estevo da Mota. O donante di: "Outorgo et connosco que dou a a Iglesia de Lugo en doaçon para sempre valedeyra por iur de herdade et en corrgementos et enmenda de moytos maes e dapnos et queyxumes de paes et de cassas, et roubos que eu fige et cometi por minna autoridade, enno seu couto de Lugo, contra a dita iglesia et os vassalos della sen sua culpa et sen culpa do bispo et do cabidoo da dita iglesia, non no meresçendo elles nen algun delles, nen me fascendo erro algun porque o devesse faser. Conven a saber que dou, a dita iglesia de Lugo, por estas rassoes sobreditas, todos quantos herdamentos et voses eu aio enno couto de San Martino dos Condes por parte do dito meu padre et por Eynes Lopes, minna hirmaa, et por outra maneira calquer, con todas suas dereituras et pertenenças cassas, arvores et formaes, igleiario et leygario, et couto et sennorio, a montes et a fontes, per ut quer que vaa, sub signo de San Martino dos Condes. (...)
Et vos, o dito sennor obispo, et cabidoo da vossa iglesia, que me leyxedes teer en toda minna vida os herdamentos et couto et igleiario de San Martino dos Condes, que vos dou, et que leve para min ho husso et froyto et rendas et dereituras del por vos et en vosso nome enno dito tempo da minna vida, et a meu finamento que fique livre et desenbargado a a dita iglesia de Lugo con todos los boos paramentos et melloramentos que y foren feitos (...).
Como vemos, no documento o donante recoñece a propiedade episcopal do couto, sobre o que exerce señorío por herdanza do seu pai (dereito de usos inmemoriais dos que falabamos na entrada anterior), e mostra arrepentimento polos abusos nel cometidos. Estas actuacións foron habituais, e son frecuentes os documentos de desembargo e arrepentimento por usurpacións, como veremos na seguinte entrada. (Na fotografía, a torre de Bustelo).

Seguir lendo...

O couto de San Martiño de Condes: unha titularidade complexa.

Reconstruír a xeografía fiscal do reino de Galicia na Baixa Idade Media e boa parte da Moderna, resulta moi complicado, debido ao baleiro documental co que nos atopamos. Por iso, establecer os límites das distintas xurisdicións coas súas unidades fiscais, segue a ser un tema pendente, así como un estudo a fondo das múltiples situacións de dependencia señorial que se dan no noso territorio. Para complicar a situación, era habitual que nunha mesma poboación se superpuxeran dúas ou máis xurisdicións diferentes, e determinados membros da nobreza local detentaban a xurisdición de cotos e freguesías pertencentes á Igrexa (Amparo Rubio, La Hacienda Real en Galicia en tiempos de Juan II, páx. 415).
En tempos dos Reis Católicos fíxose un intento por establecer os límites dos señoríos para mellorar os ingresos da facenda real. Así, en 1455, os señoríos do bispado de Lugo tasáronse en 210.000 mrs., pero non é posible establecer cales eran eses señoríos e quen os seus titulares (páx. 416-417, Amparo Rubio).
Esta confusión está presente tamén no couto de San Martiño de Condes, que era propiedade episcopal, se ben aforado en diferentes mans. As referencias documentais de San Martiño de Condes, dan conta desta situación, na que laicos exercían dominio sobre o couto a través de mecanismos diferentes (encomendas, foros, usurpacións; estas últimas habituais despois da contenda dinástica castelá do S. XIV, cando proliferan cabaleiros rapaces e desaprensivos que se sobreimpoñen en coutos eclesiásticos (ver García Oro, Galicia na Baixa Idade Media. Igrexa, señorío e nobreza. Toxosoutos, páx 264-265).
Esta apropiación de laicos das propiedades episcopais, tiña moito que ver coa protección que supostamente os seglares viñan prestando á Igrexa, pero cando as autoridades eclesiásticas intenten recuperar a súa autoridade, van chocar co rexeitamento daqueles que consideraban que o disfrute deses bens respondía a usos "inmemoriables", uso que de feito, se herdaba. (Ver Ana Mª Framiñán Santas: Intervención monárquica en los señoríos gallegos a través del nombramiento de corregidores mayores del reino de Galicia, 1404-1476. Páx. 179).
Nas seguintes entradas publicaremos dous documentos que nos falan desta situación. (Na fotografía, a torre de Bustelo).

Seguir lendo...

19/05/10

Un lugar na historia: San Martiño de Condes, S. XIII

A importancia histórica de San Martiño de Condes reflíctese non só no propio topónimo, senón tamén na súa presenza en documentos que parten desde a Idade Media. Son, sen embargo, referencias documentais fragmentadas que nos impiden facer unha reconstrución histórica completa. A presenza de vestixios medievais, como a Torre de Bustelo (na fotografía esquerda), espertan unha innegable curiosidade, e chama a atención a nula referencia que hai desta torre na historiografía da Idade Media.
Dos documentos conservados hai un de enorme interese, por estar firmado polo propio Afonso IX, rei de León, e por probar a estancia deste monarca en San Martiño de Condes. Durante o seu longo reinado (1188-1230) percorreu o seu reino despachando diversos asuntos. De feito, segundo Julio González (Alfonso IX, 2 vols, Madrid: CSIC, Instituto Jerónimo Zurita, 1944), foi o monarca menos sedentario, polo que tiña dispersos moitos palacios propios (tamén en Galicia). De feito, en moitos dos seus documentos aparecen expresións como "in camino", pois as estancias nun determinado lugar adoitaban ser breves.
De todos os territorios, o galego foi o máis visitado polo monarca, especialmente nos anos centrais do seu reinado. Pero tamén foi un quebracabezas, pois os señores galegos desafiaban a súa autoridade con frecuencia. Con todo, tiña un vínculo importante coa catedral de Santiago, pois o patrón Santiago como respaldo á súa autoridade, formaba parte da propaganda real. En 1197, en cerimonia solemne celebrada na catedral de Santiago, foi armado cabaleiro (segundo Julio González, fixo entrada na catedral precedido do seu tesoureiro repartindo cartos polas rúas). En 1211 acudiu en peregrinación a Santiago. E tamén á catedral trasladou os restos do seu pai, Fernando II, e el mesmo acabaría recibindo sepultura nela.
Pero volvamos ao documento que nos ocupa. No Tombo antigo núm. 73 da catedral de Lugo está esta carta enviada por Afonso IX á cidade de Lugo. Está datada no 14 de abril do ano 1225, en tempos do bispo Don Ordoño, e como dicíamos, escrita durante a súa estancia en San Martiño de Condes. Recolle a orde real de que "todos os veciños fosen vasalos do bispo, e non puidesen recoñecer outro Señor, pena de non vivir na cidade e de 'sequestrarsele' todos os bens" (pódese consultar en España Sagrada, Tomo XLI, De la Santa Iglesia de Lugo. Páx. 58. Ou tamén, o texto completo en latín, en Antología de textos forales del Antiguo Reino de Galicia, SS XII-XIV, De Faustino Martínez Martínez, páx. 292-293).
Nesta época, Lugo comezaba a despuntar como núcleo urbano, e a través de diversas ordenanzas os reis mostraron o seu interese polo desenvolvemento das cidades. Son numerosos os documentos emitidos por Afonso IX nos que se recollen obrigas de lealdade dos vasalos aos señores nas incipientes cidades do seu reino. Pero ademais, as revoltas ocorridas en Lugo tempos atrás (1159), evidencian as dificultades que os bispos lucenses tiñan para facer valer a súa condición de señores de sés episcopais:
Por unha banda, o control dos seus habitantes era disputada tanto polos bispos como polos nobres, que promovían constantes revoltas contra prelados para encubrir as súas rapinas (López Ferreiro). E todo isto, nunha época na que aumentaba o número de campesiños xuridicamente libres e que contribuíron a poboar as cidades e ó nacemento dunha burguesía urbana. Esta, inevitablemente, tiña que chocar co señorío episcopal, pois as aspiracións desta burguesía irían encamiñadas a tecer o seu propio espazo político.
Por outra banda, o poder dos monarcas víase fortalecido a medida que as cidades se consolidaban como entidades libres de señoríos feudais. Por iso exerceron un interesado condominio cos bispos nos asuntos urbanos, pero tamén un control sobre estes que non sempre estivo exento de tensións.
A carta enviada por Afonso IX desde San Martiño de Condes, é unha proba desa complicada tensión vivida en Galicia nos anos centrais da Idade Media. Nela non só se dita a orde de ser vasalos do bispo, senón que vén reafirmada pola expresión "non puidesen recoñecer outro señor". A intervención dos monarcas nos señoríos episcopais dábase en todas as esferas (lexislativa, executiva e xudicial), e así, no documento, breve pero contundente, establece a pena de desterro e requisamento de bens.
No documento non figuran máis nomes, pero indubidablemente o rei non viaxaba só. Polo xeral, era acompañado dunha ampla representación de bispos do seu reino (como Bernardo, arcebispo de Santiago), o infante don Pedro (mordomo do rei), outros membros da alta nobreza (como o poderoso conde Gómez González de Traba), e por suposto, para o outorgamento de diplomas, Pedro Pérez (titular da súa chancelería) e varios scriptores. Non sabemos quen o acompañaba na súa estancia en San Martiño de Condes, pero sen dúbida debeu crear unha expectación enorme.
En seguintes entradas falaremos de documentos posteriores referidos a San Martiño de Condes, e por suposto, tamén da Torre de Bustelo.

Seguir lendo...

01/05/10

Palabras para un baleiro



Onte na Libraría Trama de Lugo, ás oito da tarde, tivo lugar a presentación do libro Palabras para un baleiro de Baldo Ramos. Fomos convidados ao acto pero problemas de última hora impediu a nosa presenza no mesmo. E ben que o sentimos.
O poemario foi o vencedor, no 2009, do IX premio “Fiz Vergara Vilariño” que convoca o Concello de Sarria e a Agrupación “Ergueitos”.
Este celanovés, ligado a Friol, desenvolve a súa creatividade mesturando poesía e pintura e, como ben di de si mesmo concibe "a poesía como plástica verbal e a pintura como escritura visual”.
O libro reflicte a filosofía deste profesor interesado non na realidade que ven os seus ollos senón na “realidade que aínda non saben comprender”.
De lectura amena, os poemas xeran un desacougo provocado pola expresión nidia e clara duns pensamentos tan persoais, fondos e nus. Poderíamos dicir que a existencia está en xogo.
Deixamos aquí uns versos destas Palabras para un baleiro, libro dedicado á súa filla Aldara.

esperarás un tempo.
asentarás a credulidade.
entrarás nos ollos do teu fillo sen esperar resposta.
aprenderás a brir as portas que sempre estiveron aí.
pechadas.
quizais pola indiferenza.
quizais polo medo.
un outono máis.
non sei quizais un outono menos.
este outono.
/no que non se cumpren os propósitos que dignifican
a confianza
que nos impide comprender a tempo.
respiras o espazo circunscrito á memoria estéril.
da que nunca se retorna.
a memoria que nos fará esquecer.
/este outono.

Seguir lendo...

19/03/10

A Guerrilla antifranquista en Friol (III)

Relatamos aquí as dúas accións recollidas por Carlos Parrado no seu libro citado anteriormente: "Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco".A Feira de Guimarei, era daquela unha das feiras de máis sona da contorna; celebrábase todos os 26, sendo a de outono a de máis importancia do ano, onde se facían grandes transaccións de todo tipo de gando, a pesares de que as mulas eran os animais con máis demanda.
"O día 25 de outono do ano 1994, a partida guerrilleira fora quedar á taberna que en Guimarei tiña Benigno Cobas Díaz"(xa citado na entrada anterior). "Ao día seguinte, Ánxel Castro Fernández, un mozo de vinte e dous anos da aldea da Cancela (Condes), que se dedicaba a vender roupa polas feiras, acudira a Guimarei para , na Feira das Mulas, vender as súas mercadorías. Contra o remate da feira e de volta cara a súa casa, Ánxel Castro, acompañaba a Carme Fernández Varela, filla do matrimonio formado por Juan de Ramil ( Juan Fernández Blanco) e a curmá do Curuxás (Ramón Rodríguez Varela), María Manuela Varela García, en cuxa casa de Ramil, Vilar de Donas (Palas de Rei), a guerrilla tiña unha das súas bases máis seguras".
Aínda cun cachiño de día, saíronlles ao camiño dous homes encarapuchados e armados con cadansúa pistola do nove longo que baixaron dun altiño que había á beira do camiño, no que quedaron outros tres ou catro homes máis. Os encapuchados mandaron marchar a Carme, e a Ánxel Castro Fernández sacáronlle ao pé de cinco mil pesetas (sic), o importe do que ven
dera na feira.
Ese día, os mesmos protagonistas atracaron a catro ou cinco feirantes máis. Foi Manuel da Blanca, do Rodo do Muíño (Condes), alcumado 'o Volante', o máis desafortunado; xa que, ademais de lle quitaren os cartos que levaba, botáronlle un tiro nunha perna. Proceder que, segundo o que comentaba a xente da zona, obedecía a unhas labazadas, que por lle coller unhas castañas, presuntamente, lle dera o Volante a Domingo de Cancela, cando este era un rapazote."
Días máis tarde , o 1 de novembro, celébrase a Feira de Santos en Monterroso; de regreso da mesma, viña cara á súa casa de Condes, "o tratante de gando Ánxel Blanco Carregal, acompañado polo seu veciño 'o Carpazo', que así alcumaban na zona a Pedro Villar da Blanca. Cerca de Vilamourel (Palas de Rei) os feirantes foron sorprendidos por varios encapuchados armados queq lles esixiron a entrega dos cartos que levaban. A Ánxel Blanco, polo que acudiu Domingo de Cancela, deixárono marchar sen quitar carto ningún; pero ao 'Carpazo'leváronlle algo máis de catrocentas pesetas"
O Curuxás, Ramón Rodríguez Varela, militante da C.N.T. integrante das guerrillas que andaron por estas terras por aqueles anos , non chegou a ser detido polas forzas franquistas, morrendo no seu agocho na casa do Ramiro o Zarato en Irago de Abaixo (Toques) o 14 de maio de 1967. Dada a súa interesentante traxectoria perfectamente descrita por Carlos Parrado, desde estas páxinas aconsellamos a súa repousada lectura.

Nota)A primeira fotografía é da casa natal do Curuxás, a incorporamos hoxe día 13 de xaneiro de 2012, grazas a Castelo de Pambre ao que lle agradecemos a fotografía.

Seguir lendo...

18/03/10

A Guerrilla antifranquista en Friol. ( II )

A III Agrupación do Exército Guerrilleiro estaba "dirixida daquela por Manuel Castro Tellado, militante comunista que loitara na resistencia francesa contra os alemáns", aínda que a dirección máxima da mesma, por actuar na provincia de Lugo e ser man executora das directrices do Partido Comunista, recaía na valorosa militante comunista Enriqueta Otero.
Nesta Agrupación desenvolvía as súas actividades Domingo da Cancela, e un dos labores prioritarios, que recaeu no lombo deste friolés, foi a de crear unha pequena infraestrutura para poder realizar as súas accións: tiña que ter enlaces, informadores e ao tempo contar con lugares "seguros" onde se poder agochar.
Segundo o publicado no libro de Carlos Parrado, citado na anterior entrada, a cobertura das actividades da guerrilla na zona de Condes e Guimarei estaba ben desenvolta. Así podemos ler: "na Casa das Mulas, na aldea de Condes, Xosé Miranda Ares --que fora compañeiro de traballo de Domingo de Cancela nas minas de Fabero--, xenro de Manuel Villar Núñez, o propietario das casas e que descoñecía a situación, nun edificio no que estaba instalado un tear que xa non se usaba, lle facilitara á Guerrilla un lugar no que se acubillar; igual que fixeran , na aldea de Cancela, Manuel Cardeiro e Manuel Castro Ascariz, coñecido por 'Pampallín', ou Josefa e Lola, dúas irmás alcumadas 'as Caravelas', e o taberneiro Benigno Cobas Díaz, fixérano en Guimarei".
Esta era a cobertura e dúas foron as accións desenvoltas pola Guerrilla nesta bisbarra, no outono do ano 1.944, no que participa o "Curuxás" mencionado no comentario que 'Algalia' deixou noutra entrada e que abriu este camiño. Desta dúas accións damos conta na seguinte entrada.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.