O 4 de marzo de 1887 nace en San Martiño de Condes, filla de Bartolomé Blanco Ludeiro (sic) e de María Pérez Cobas, a nena María Ángela Blanco Pérez, á que bastantes anos máis tarde, no barrio coruñés dos Castros, sería coñecida como 'Doña Angelita'.
Esta rapaza, como tantas outras friolesas da época, marchou a servir á cidade da Coruña. Non sabemos cando chegou á capital herculina, pero no ano 1918 entra a servir na casa do enxeñeiro D. Manuel Soto que tiña residencia e traballo na Granxa Agrícola Experimental de Galicia fundada en 1888 na coruñesa zona dos Monelos.
Falecida a dona do citado enxeñeiro, este casa en segundas nupcias con Ángela Blanco Pérez.A partir de aquí é cando esta muller, co apoio do seu home, inicia o seu labor asistencial e benéfico, facéndose cargo dunha pequena escola da zona. O labor benfeitor desta muller podemos testemuñala nestes dous enlaces nos que se fala da citada Dona Angelita: "Mujeres en A Coruña" e "Blog callejero"
O seu labor viuse concretado na construción do colexio "Anxo da Garda" na coruñesa rúa de Monte das Moas, institución que nos seus primeiros tempos cubría tamén as necesidades alimentarias da poboación infantil mesmo fóra do calendario escolar, como testemuña a fotografía que ilustra esta entrada --feita no día do Nadal do ano 1962-.
Como recoñecemento ao seu labor humanitario nuns tempos nos que predominaba a escaseza, o concello da Coruña, xa no ano 1964, decidiu dedicarlle unha rúa que na actualidade leva o nome de Rúa de Ángela Blanco de Soto. Anos máis tarde, en decembro de 1975, faleceu sen descendencia, sendo soterrada no cemiterio coruñés.
Nos anos oitenta o citado centro escolar pasou a pertencer á rede pública e hoxe é coñecido como "CEIP plurilingüe Anxo da Garda".
Temos que agradecer ao seguidor deste blog, José Antonio Insua Ferreiro, por darnos a coñecer a historia desta friolesa, e á directora do CEIP citado, Cristina Culebras Yáñez , que foi quen nos facilitou a fotografía --entre outras-- que acompaña esta entrada e na que aparece remarcada a propia Dona Angelita.
2 comments:
É un feito que moita xnte do Concello de Friol buscou a súa vida na cidade de A Coruña, e no seu rueiro, cerca de a Avenida de Hércules, existe unha rúa que leva o nome de Friol, teño entendido porque foi de Friol o primeiro que construio unha casa nela.
O que non coñecía e que outra rúa de A Coruña levase o nome da ilustre friolesa Angela Blanca, que pola súa labor social e humanitaria ten ben merecido ese reconocemento.
Tamén do concello, era unha muller natural de Miraz que servía na casa da filla de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, Gala Murguía de Castro na cidade coruñesa... e seguro que tantas outras...
Un saúdo
Publicar un comentario