Amosando publicacións coa etiqueta Arte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arte. Amosar todas as publicacións

02/03/24

Cristina Barreiro Abuín, nova doutora

Onte na Facultade de Humanidades, Campus Terra de Lugo, tivo lugar a defensa da tese doutoral  "La huella renacentista en las edificaciones del obispado de Lugo. Autores y obras" por parte de Cristina Barreiro Abuín.

Esta tese na que a autora leva investigando unha década toca de cheo algúns dos edificios emblemáticos do concello friolés. Desde a Torre de S Paio ata a igrexa de Guimarei o civil e o relixioso entrecrúzanse neste extenso traballo.

Como petisco xa leramos o traballo gañador do primeiro premio de investigación de Friol: "A arquitectura renacentista de índole civil e relixiosa en Friol. Posta en valor e dignificación" que alborexaba os inicios do que posteriormente foi este traballo de investigación.

Desde este caderno dixital só quedar felicitar á nova doutora e desexar que canto antes poidamos fincarlle o dente na segura publicación desta tese que sen dúbida ha ser referente para estudos que se poidan desenvolver nun futuro.

Parabéns Cristina!   

Notas

As ilustracións están collidas do muro de facebook de Jesús Rodríguez Rodríguez 

Por outra parte felicitar tanto a J. Antonio Barreiro ( o noso compañeiro de fatigas adolescentes) e Paquita Abuín ( compañeira de múltiples aventuras creativas) como pais da nova doutora.

Seguir lendo...

23/02/24

O Museo Provincial de Lugo: O neno arqueólogo

José María Pérez Longarela no Museo de Lugo

En novembro de 2008 cando o Museo Provincial de Lugo estaba rematando a celebración do seu  75 aniversario e este blog estaba dando os seus primeiros pasos, publicamos unha entrada facendo referencia aos achados atopados nas terras friolesas que estaban depositados no citado museo (ver ligazón)

Foi o inicio dunha relación fluída coa Rede Museística Provincial que desde sempre facilitou grandemente as actividades que tiñamos previstas desenvolver baixo o paraugas de "Friol:algo máis que pan e queixo". Choveu algo.

Do inxente labor que está realizando a citada rede museística para integrar o mundo dos museos na contorna social e o aproveitamento dos seus recursos para desenvolver infinidade de proxectos nos que implicar a todo o tecido social, nada temos que engadir máis ca os nosos parabéns; basta con botar unha ollada á web dos museos e os seus muros nas diferentes redes sociais. 

Un luxo para a provincia contar cun equipo de profesionais tan implicados e activistas con todo aquilo que ten que ver coa cultura no seu amplo espectro.

Pois ben , días atrás desenvolveuse no Museo Provincial de Lugo unha actividade na que volve estar presente Friol ( lembramos con cariño a participación do noso grupo de teatro na revista oral  "O pazo das musas").

O museo invitou ao veciño de Cotá que sendo neno deu, ao se abrigar da choiva na Pena e Cova dos Malreiros ( na memoria do pobo) ou Merleiros,  cun molde bivalvo hoxe no fondo do Museo.

Compartimos aquí a nova publicada en instagram pola rede museística:

Molde bivalvo de Cotá. Museo de Lugo
"Os machados de talón foron ferramentas metálicas difundidas durante o Bronce Final na Península Ibérica. 

Falamos de pezas de hai máis de 2.800 anos cunha función descoñecida. Quizais votiva, para faceren ofrendas, ou tal vez enxeñosa fórmula para acumular metal, é probábel que tamén se empregaran como moeda de cambio. Non se sabe. 

Impórtanos que os machados chegaron a Galicia dende o arco Atlántico, Francia ou Inglaterra, e que, quen aquí viviron, desenvolveron a súa propia tecnoloxía para fundir cousas moi semellantes. Crearon moldes de fundición de bronce coma o que vedes. Moldes bivalvos para encaixar, verter a aliaxe de metal líquido, a uns 1.200 graos de temperatura, e producir machados en cadea, en serie, de entre 15 e 50 reutilizacións.

O Molde Bivalvo de Cotá, o único conservado en Galicia, está exposto no Museo Provincial de Lugo. 

Xa figuraba sinalado como “artefacto curioso” na primeira guía do museo, editada o ano 1947. 

Na Arqueoloxía resulta crucial o contexto físico das pezas atopadas. Na Historia social, e na memoria, tamén. 

O molde foi achado o verán de 1944 no lugar da Pena, cabo do río Narla, na parroquia de San Martiño de Cotá, concello de Friol. Hoxe tivemos de visita ao neno que o descubriu hai 80 anos. 

José María Pérez Longarela paseaba o gando Cotá adiante cando rompeu a chover. A tormenta de estío levouno a buscar acubillo baixo unha árbore. Fitou o chan e distinguiu un brillo. Coa mesma vara de lle afalar ás vacas sacou á luz o molde. 

Ingresou no Museo naquel ano, a cambio de dez pesetas, pois, dixemos, os machados foron moeda de cambio, no Bronce Final e na Posguerra. 

Nós quixemos corresponderlle ao vello que sendo neno levou o gando de excursión arqueolóxica. 

Atopaches unha excepción de bronce, querido José María! 

Grazas de corazón pola túa historia".

Participamos do agradecemento ao que sumamos ao Museo polas facilidades que nos deu para a publicación desta actividade no noso blog. 

Grazas

Seguir lendo...

24/05/13

Hortipintura: Unha proposta creativa de Modesto Fernández

Desde este martes día 14 de maio, a Fortaleza de San Paio de Narla, acolle unha colección de acuarelas do noso compañeiro Modesto Fernández, profesor de E. Plástica do CPI Dr. López Suárez..
Baixo o suxestivo título de "Hortipintura", o autor xoga con diferentes formas , todas relacionadas co mundo vexetal, para a xeito de estudo creativo, formar hipotéticos vexetais que non son máis que a sucesión 'interevolutiva' dos elementos escollidos en cada caso.
Unha mostra que ben merece achegarse ata San Paio, e máis nesta Semana na que a Rede Museística Provincial está celebrando as Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos.
Pero a proposta non remata aquí. O próximo 1 de xuño, sábado, ofértase un obradoiro no propio Museo de San Paio, para a partir destas acuarelas os e as asistentes -- rapaces e rapazas de 3 a 16 anos-- creen novas figuras e mesmo  lle inventen un nome.
Este obradoiro está destinado ao alumnado do CPI Dr. López Suárez de Friol.
 

Seguir lendo...

21/02/13

E rematamos coa análise da igrexa de Silvela

No muro norte hai un retablo de calidade que precisa dunha urxente restauración. Dentro da categoría dos retablos, responde ó modelo de retablo cadro, no que todo el se estrutura en torno a unha pintura ou relevo que articula o conxunto. Neste caso, o cadro central é un relevo no que se representa a Sagrada Familia, presidida polo Neno Xesús, que focaliza a mirada do espectador, flanqueado polos seus pais, a Virxe e San Xosé, e nun nivel inferior, figuran os seus avós, Santa Ana e Xoaquín. Sobre o Neno Xesús, nun ceo aberto entre nubes, asoma a pomba do Espíritu Santo (reforza a idea da orixe de Xesús por intervención divina), e culminando a escena, Deus Pai coa bóla do mundo, símbolo da soberanía sobre este e tamén preludio da futura Redención feita por Cristo. Deste xeito, faise fincapé nas dúas Trinidades, a terrenal (Xesús cos seus pais) e a celeste (co Pai eterno e co Espíritu Santo).
Trátase dunha iconografía que cobra forza a partir da Contrarreforma, para reafirmar a dobre natureza de Cristo, humana e divina, e foi ampliamente representada no barroco. Este tipo de iconografía trinitaria preséntase cun aspecto solemne que contrasta con outras escenas máis íntimas e familiares da infancia de Xesús. Todo un dogma feito en relevo escultórico.
Os estípites que enmarcan a escena foron o soporte máis usado na década dos 40 do S. XVIII. Este detalle, unido á profusa decoración vexetal (flores, cintas, guirnaldas) e á rocalla que coroa o conxunto e delimita os estípites, fainos pensar nunha obra rococó (anos centrais do S. XVIII).
O ouro debeu cubrir case a totalidade do retablo. A policromía das figuras con estofa, é tamén de calidade, así como o tratamento expresivo dos rostros e mans, ou os finos pregamentos das teas.
Desde logo, urxe unha restauración desta pequena xoia para recuperar o brillo orixinal que debeu ter.

Por último, un pequeno apunte sobre a decoración do teito. Se nos fixamos na súa factura, case non alberga dúbidas de que por aquí pasou o mesmo taller que traballou en Carballo ou en A Rocha, aínda que con menos decorativismo (pagaríanlle menos?). Nótase un acabado máis apresurado e menos detallista. Non obstante, o estilo é o mesmo (e por tanto, da mesma época, S. XIX) e nacido dunha empresa que se adapta ás posibilidades do cliente.

Seguir lendo...

Iconografía do retablo maior de Santa María de Silvela

Dado que a igrexa está baixo a advocación de Santa María (a que máis parroquias ten dedicadas en Galicia), a súa imaxe é a que preside a fornela central. Aparece representada como Asunción, cuxa representación tradicional é en ascenso ó ceo sobre un trono de nubes con cabezas de anxos, e coa mirada mística cara as alturas. A diferencia da Inmaculada, coa a que ás veces se confunde, ten os brazos extendidos e as mans abertas cara o ceo, en actitude de entrega. Na Inmaculada as mans están unidas en actitude de oración (unha pequena talla da Inmaculada coroa o ático do retablo: ver foto da entrada anterior). Como é habitual, leva vestido vermello e túnica azul. A expresividade e o dinamismo do conxunto remite a modelos do S. XVIII, se ben nos parece moi posterior, aínda que é difícil de datar con precisión, pois parte de prototipos que se repetiron no tempo ata datas moi recentes (aínda hoxe). Ademáis, o material no que está feita (escaiola) delata unha industrialización da factura (moldes que permitían unha produción en serie).
Nas fornelas superiores represéntanse dúas virxes mártires: Santa Catarina á esquerda e Santa Lucía á dereita, ámbalas dúas coa mirada dirixida cara a Asunción. Aparecen de medio corpo e son altorrelevos tallados en madeira, polo que se deduce coetáneos ó retablo.
Santa Catarina forma parte das santas e santos auxiliadores. É invocada contra a morte súbita. Aparece acompañada dos seus atributos habituais: palma de martirio, espada (morreu decapitada), roda arpada (coa que foi sometida a un tormento fallido por intervención divina), a coroa en alusión á realeza, e o libro, símbolo da sabedoría (capacidade de persuasión, pois converteu ó cristianismo a innumerables pagáns). Como filla de nobres viste ricos atuendos. É patroa de artesás e artesáns que utilizan rodas no seu oficio (afiadores, alfareiros, fiandeiras...), e tamén de mestres, educadores, rapazas novas, solteiras, estudantes...
Santa Lucía é tamén santa especialista, de ollos, e mártir virxe. Por proceder de familia nobre tamén exhibe ricos atuendos. Recoñecémola polo seu atributo máis coñecido, os seus ollos sobre un prato (arrincados no martirio), ademáis da palma. En ocasións tamén leva espada (morre decapitada). É patroa da vista, dos cegos, dos pobres e dos nenos e nenas enfermas. A súa festa celébrase o 13 de decembro, o que dá lugar ó refrán "Santa Lucía baixa a noite e medra o día".
Na fornela inferior esquerda figura o único varón do retablo, neste caso de vulto redondo. Pola súa vestimenta, queda claro que se trata dun diácono: dalmática sobre a alba. Pensamos que se trata de San Antolín, patrono de cazadores, coa palma de martirio na man dereita e o libro dos evanxeos na esquerda. O libro simboliza a difusión e defensa da fe que nunca rexeitou. Tivemos dúbidas na súa identificación, pois hai outros diáconos mártires, como San Esteban ou San Lourenzo. O primeiro adoita levar como atributo as pedras da súa lapidación, e San Lourenzo, a grella do seu martirio. No caso que nos ocupa non hai alusión ó tipo de martirio sofrido. San Antolín morre mutilado cunha espada, polo que se lle representa cunha coitela cravada nos pescozo ou no ombreiro, aquí ausente. Pensamos que podería ser San Antolín porque na dalmática aparecen flores de lis (era francés, aínda que sobre isto hai controversia: consultar aquí ou aquí), e así aparece nalgúns exemplos de Palencia.
Na fornela inferior dereita, tamén de vulto redondo, figura a Anunciación na súa representación máis simplificada, en posición erguida e sen o arcanxo San Gabriel. Chegamos a esta conclusión pola súa vestimenta (vestido vermello e manto azul), cabeza sen cubrir (mulleres novas e solteiras), e o libro na man esquerda. Tradicionalmente, a Virxe da Anunciación recibe a noticia do arcanxo cando estaba inmersa na lectura dun libro de oracións. O libro representa, na iconografía cristiá, a criatura orante, e é tamén icono da vida silenciosa de oración. A man dereita aparece en lixeiro movemento para exteriorizar a emoción (ausente no rostro).
Pensamos que todas as tallas (exceptuando a figura central, que non é talla) deberon saír dun mesmo taller. Comparemos a economía de trazos nos rostros, o mesmo tipo de cellas, a encarnación das meixelas, a ausencia de emocións, e, no caso de San Antolín e da Anunciación, a mesma base.

Seguir lendo...

Retablo maior da Santa María de Silvela

O retablo central está dividido en tres rúas, a central con oco único e as laterais con dous ocos superpostos. A factura do retablo parécenos dunha obra tardía, do S. XIX, pero con claros ecos barrocos do século anterior. Nel observamos unha mestura de elementos barrocos con detalles que son máis propios do eclecticismo do S. XIX, nos que se conxugaban elementos do pasado coa contemporaneidade. Ás veces con éxito (o eclecticismo en si mesmo era tamén unha xenialidade creativa), outras sen el, dando lugar a unha obra fallida e pouco crible, como é o caso deste retablo, que non responde a unha obra nacida da creatividade, senon da copia de modelos coñecidos. É dicir, o retablo parécenos froito dun taller que aprendeu o seu oficio para cubrir demandas locais, pero carente dun selo diferenciador, creativo, e propio de quen entende a Arte como unha actividade que tamén é intelectual.
Con isto non queremos dicir que careza de valor e que haxa que queimalo. Ó contrario. A peza ten un valor en si mesma polo que nos conta, e debería ser restaurada e exhibida con orgullo. Forma parte da nosa historia e contribúe a reconstruila e entedela. Non é unha peza que teñamos que desprezar: é unha peza histórica. Os elementos barrocos que apreciamos son as columnas centrais e certos detalles decorativos. As dúas columnas que enmarcan a fornela central son salomónicas, con acios de uvas petiscadas por pombas. Exemplos semellantes vémolos en Carlín, dos que xa fixemos un amplo análise, pero sen o mesmo vigor expresivo. Tamén son máis esveltas, como se se adecuaran ó rigor academicista que se vai impoñendo desde finais do S. XVIII. Pola súa esveltez tamén nos remiten ás xa analizadas en Miraz, máis tardías que as de Carlín, pero tamén de calidade.
Outros elementos barrocos son os motivos decorativos de sartas de froitas (nacidas da escola de Andrade) que enmarcan as fornelas laterais (terzo superior). Estas tamén aparecían en Carlín, pero cunha calidade claramente superior.
Que detalles nos fan pensar nunha obra posterior, do S. XIX? Pois non só a visión de conxunto (sen movemento en planta e sen efectividade visual), senon os remates superiores de liñas rectas: frontóns triungulares para as rúas laterais, ático na central, e sen ningunha unión entre elas, cunha disonancia absoluta no perfil de liñas. No barroco era habitual unha unión con formas curvas e contracurvas en tensión, con elementos efectistas como as volutas, que introducían sensación visual de movemento e vigor expresivo, pero que á vez creaban un conxunto harmonioso. Aquí, en cambio, a disonancia dos remates superiores das tres rúas son evidentes e non teñen ningún sentido.
Tamén, as nosas sospeitas de obra tardía, vémolas en pequenos detalles, como eses pequenos pináculos de perfil recto (curvo no barroco) que coroan o ático central. Ou a basa da fornela central, en rectángulos de recheo que flanquean o sagrario, que xa non ten o tratamento de protagonismo decorativo que tiña no barroco. Case parece unha exposición de materiais de cores diversas por encher cando non se nos ocorre que poñer.
Con todo, repetimos, debe ser restaurado e exhibido co orgullo de ser peza histórica.

Seguir lendo...

Interior de santa María de Silvela (II)

Entre os elementos de interese que figuran no interior, cabe destacar o conxunto de lápidas sepulcrais, algunhas máis nítidas e outras máis desfiguradas polo paso do tempo. Todo un sinal de que a igrexa tivo unha importancia histórica aínda sen estudar. Non cabe dúbida de que era unha honra ser enterrado aquí, como lugar reservado para personaxes ilustres. Estes, como aínda hoxe, gozaban de lugar preferente, neste caso próximo ó centro litúrxico. Se ademáis temos en conta que a igrexa tiña vinculacións co mosterio de Sobrado, a honra de ser enterrado aquí, cobraba especial relevancia para as élites locais.
Entre as lápidas, cabe destacar, non só polo seu estado de conservación, senón tamén polo escudo de armas que nela figura, a que está situada ó lado esquerdo da ábsida. A lápida foi descrita tamén por Varela Arias. Presenta un escudo dividido en catro cuarteis: nos dous superiores figuran as pombas dos Seixas (apelido íntimamente unido á historia de Friol e ó seu lugar máis emblemático, como é a fortaleza de San Paio de Narla), e nos dos cuarteis inferiores figuran as rodas de carro vinculadas ó apelido Camba. Estas rodas, parecen ser cruces patadas inscritas en círculo, emblema vinculado ós Camba, polo que Varela Arias seguramente non estea desacertada. Nós propoñemos unha segunda hipótese (só por especular e abrir novas portas): poderían ser as rodas de Santa Catalina vinculadas ó liñaxe dos Varela?.  Isto decímolo por apuntar unha posibilidade máis, pois se dá a circunstancia de que no retablo maior figura unha imaxe de Santa Catalina co seu emblema tradicional (a roda do seu martirio, aínda que esta sexa de factura diferente: non é cruz patada, é cruz radial). 
Quen está enterrado ou enterrada aí? Non o sabemos. E de momento, non hai ningún estudo que nolo aclare. A inscrición que rodea a lápida é para nós ilexible (e non só para nós, pois tampouco aclara nada a publicación de Varela Arias, única da que temos noticia sobre a igrexa, ademáis da publicación de Jaime Delgado: El románico de Lugo y su provincia, Tomo III, na que nada novo aporta). Se nos le algún ou alguna experta en paleografía e epigrafía, que nolo faga saber, polo interese común de quen segue a nosa historia.

A publicación de Varela Arias tamén fai mención de outra lápida sepulcral no pavimento da nave (metade dereita desde a entrada), na que segundo a autora, de novo figuran as rodas dos Camba. Un novo enigma por resolver entre tantos da historia de Friol (tema pendente entre os grandes "popes" da nosa historia aínda esquecida, e que desde a nosa pequena aportación pretendemos abrir portas).

Seguir lendo...

Interior de Santa María de Silvela (I)

No interior é onde se aprecia con claridade a orixe románica da igrexa, en elementos como o arco de triunfo. Este é de medio punto dobrado de sección rectangular. O arco inferior descansa sobre columnas románicas encastradas no muro. 
O capitel dereito presenta unha decoración con entrelazo que acubilla, na parte superior, formas avultadas: a central lisa e de forma oval, e as laterais con incisións paralelas ou en cuadrícula, a modo de piña. Este último motivo, como destaca Varela Arias, aparece en edificios do camiño de Santiago, e ten filiacións coa arte islámica (non esquezamos o papel que artífices islámicos xogaron na creación de capiteis románicos no norte peninsular, caso ben estudado en Cataluña ou Silos). Seguindo a Varela Arias, este modelo de capitel aparece tamén en igrexas como San Salvador de Vilar de Donas e en San Xoan de Portomarín.

O capitel esquerdo tamén ostenta un entrelazo de cintas perladas que rodean tren formas avultadas raiadas na parte superior. Varela Arias compara este capitel cun semellante no arco triunfal da igrexa de Santiago de Ligonde (Monterroso), e suxire que poida ser do mesmo autor. Tamén ve semellanzas con capiteis de Sobrado ou de San Salvador de Vilar de Donas, apuntando a posibilidade dun mesmo taller. Nós, atopamos un capitel de factura moi semellante ós descritos no mesmo concello de Friol, na igrexa de Anafreita. De feito, o capitel dereito de Anafreita parece unha síntese dos aquí presentes.
Os dous capiteis rematan nun corpo rectangular a modo de ábaco, e sobre este o cimacio, que se prolonga no muro a modo de asento ó dobre arco.
As basas das columnas, parcialmente ocultas no pavimento, responden ó tradicional esquema ático. O toro superior está decorado con sogueado, e o inferior, máis expandido, presenta unha decoración de díficil descrición, pois presenta un claro desgaste e tampouco se conserva na súa totalidade.
Sobre o arco de triunfo ábrese unha pequena ventá románica con derrame interior. No lado esquerdo do mesmo muro, pódese apreciar unha fornela que debeu ser aberta posteriormente.

Seguir lendo...

Igrexa parroquial de Santa María de Silvela

 A igrexa de Santa María de Silvela é un exemplo máis da enorme difusión da arquitectura románica no rural. Esta enorme actividade construtora concentrouse durante a segunda metade do S. XII e primeiros anos do S. XIII, datas nas que se debeu realizar a igrexa que nos ocupa, hoxe moi transformada pero con visibles trazas románicas no interior. Se ben a construción da catedral de Santiago debeu ser un impulso importante na formación de canteiros, e polo tanto, na difusión do románico, a fórmula máis repetida no rural tende a ser o máis económica posible desde o punto de vista construtivo. Deste xeito, os grupos de canteiros da época repiten receitas eficaces e simples, sendo a máis habitual a de nave única con cabeceira rectangular, como é o caso de Santa María de Silvela. Esta simplicidade arquitectónica non esixe máis cuberta que a de madeira a dúas augas. Esta fórmula ten os seus antecedentes en exemplos prerrománicos ou do románico inicial, como Santo Antoliño de Toques, e tivo tanto éxito que é o que se repite en dous terzos das igrexas románicas galegas. 
O exterior debeu sufrir profundas transformacións, pois xa non son perceptibles as trazas románicas. Non conserva ningún resto no exterior de figuración ou de canzorros. A austeridade decorativa predomina na actual fábrica, de corte planimétrico e acorde con gustos académicos (Neoclasicistas) que arrasaron coa liberdade creativa de séculos anteriores. A portada principal é rectangular e con enmarque liso, acorde cos postulados académicos de finais do XVIII e do S. XIX. A fachada remata en peineta de dobre van con pináculos superiores de ecos barrocos. É probable que moitas destas igrexas, dada a nosa climatoloxía, tiveran primitivos pórticos de madeira que se perderon. Para salvar o desnivel de terreo, o acceso ao interior da igrexa desde a portada principal, resólvese con tres peldaños no interior. Pallares Méndez ("El monasterio de Sobrado: un ejemplo de protagonismo monástico en la Galicia medieval", A Coruña, 1979, páx.207, nota 53) recolle o dato de que a igrexa de Silvela é adquirida polo mosteiro de Sobrado no seu apoxeo (1160-1220). Tamén figura nos Tumbos do mosterio de Sobrado en diversas doacións e vendas en favor de dito mosteiro (recollido por Elena Varela Arias, en "Igrexas románicas de la provincia de Lugo. Papeletas arqueológicas).

Seguir lendo...

01/07/12

Para chorar: crónica dunha desaparición anunciada

Seguir lendo...

15/09/11

Románico rural: Anafreita (I)

O baleiro documental da actividade construtora durante o Románico galego, así como as sucesivas transformacións que as obras románicas experimentaron ó longo da historia, dificultan unha sistematización no estudo do noso Románico. Pilar Carrillo e Ramón Ferrín ("Planimetría de las iglesias románicas de la provincia de A Coruña") apuntan que o Románico galego foi o gran descoñecido ata décadas recentes, e que se daba por suposto que todo el emanaba da influencia exercida pola catedral de Santiago.
En efecto, son moitos os exemplos do noso románico rural afastados dos grandes centros creadores e sen vinculación evidente con outras igrexas do Camiño de Santiago. Os seus anónimos construtores están, polo tanto á marxe de calquera encadramento. Moitas veces eran familias de canteiros que aprenderon o oficio e que se desprazaban en busca de traballo chegando a lugares afastados, como Anafreita, onde o máis habitual era economizar recursos e adoptar solucións eficaces e sinxelas, sen complexidades arquitectónicas e ornamentais. Case sempre, este tipo de igrexas presenta un románico residual, con restos fragmentarios, obxecto de reformas varias e amputacións inimaxinables.
O gran impulso construtor do románico parte de fins do S. XI, intensifícase no XII e continúa con forza no primeiro cuarto do XIII, favorecido por unha conxuntura de estabilidade e prosperidade. A maior parte das nosas igrexas románicas, constrúense na segunda metade do S. XII.
O caso de San Pedro de Anafreita é tamén un exemplo de sucesivas metamorfoses. Perrín ("La arquitectura románica en Lugo". Fundación Pedro Barrié de la Maza) propón unha cronoloxía entre 1225 e 1230. Trátase, polo tanto, dun románico tardío de transición ó gótico, como se aprecia nalgúns elementos que xa analizaremos. Tamén Perrín relaciona este exemplo con outro próximo, como a igrexa de Samede de Nodar.

Seguir lendo...

Románico rural: Anafreita (II)

A solución arquitectónica de Anafreita é de gran sinxeleza: nave única e ábsida rectangulares cubertas con teito de madeira, unha solución que tivo enorme difusión no románico galego e que xa se consagrara durante o prerrománico. Perrín fai fincapé en que a primitiva fábrica románica está case intacta, con aparello de cadeirado granítico de calidade disposto en ringleiras horizontais.
A porta principal presenta un arco de medio punto formado por dúas arquivoltas de sección rectangular, a exterior disposta a pano co muro, e a interior perfila un tímpano liso que descansa sobre mochetas decoradas con figuración humana e das que xa falamos.
No muro sur, ábrese outra porta de arco de medio punto con doelas, que descansa sobre unha imposta de nacela. O tímpano liso susténtase sobre dúas xambas lisas.
A ábsida, parcialmente oculta polo engadido posterior da sancristía, está adornado con canzorros de motivos xeométricos. No ángulo superior do tellado da nave, pódese apreciar unha cruz de Malta con entrelazos cruciformes. Vázquez Saco ("Iglesias románicas de la provincia de Lugo. Papeletas arqueológicas: Santa María de Camporramiro, San Pedro de Anafreita, San Victorio de Ribas de Miño, Santiago de Losada". Boletín de la Comisión provincial de monumentos históricos y artísticos de Lugo. nº 13, 1945. Deputación Provincial de Lugo) ve semellanzas cos entrelazados esculpidos nos tímpanos de Albán, Samos, Friolfe... (un entrelazo semellante atopámolo en Roimil).
Baixo a cruz ábrese unha pequena ventá coroada por un arco semicircular. Outras ventás semellantes iluminaban o interior: unha no muro sur e dúas no muro norte.

Seguir lendo...

Románico rural: Anafreita (III)

A transición ó gótico é visible no arco de triunfo apuntado que dá acceso á ábsida, dobrado e de sección rectangular. O arco interior descansa sobre columnas de fuste liso e basas áticas (segundo Perrín, co esmagamento dos toros típico das obras de cronoloxía avanzada). Os capiteis están decorados e teñen un astrágalo sogueado. O tipo de desbastado aproxímaos ao gótico, cun resultado máis esvelto que nos capiteis de desbastado cúbico do románico clásico.
O capitel da esquerda presenta unha ornamentación de follas estilizadas, polas que, na parte superior, asoman catro cabezas humanas (dúas na cara central e unha en cada unha das laterais). O capitel da dereita adórnase con lazos entrecruzados e perfilados cunha cenefa de pequenas bólas. As esquinas superiores decóranse con avultadas follas con incisións, como un afastado eco do prototipo corintio que durante o románico transforma os acantos en follas que parecen bólas.
Segundo Perrín, capiteis semellantes aparecen en mosteiros do Císter, como Meira e Oseira.

Seguir lendo...

15/10/10

Cruceiro de San Martiño de Condes.

Está situado ao pé da igrexa parroquial. Érguese sobre unha plataforma de tres chanzos cadrados e unha base cúbica. O fuste é cilíndrico, labrado en peza única, con lixeira éntase e estrías, salvo nos extremos. O fuste e o cicelado das estrías segue un esquema moi semellante aos cruceiros Anxeriz, pero é moito menos esvelto. De feito, hai unha acusada desproporción entre o fuste, e o capitel e a cruz, que resultan demasiado pesados. Con todo, o esquema xeral é moi clásico.
O capitel aséntase sobre un sobresaínte collarino e presenta tres corpos ornamentais: o inferior en molduras abertas en abanico, o medio decorado con follas de acanto, e o superior con volutas nas esquinas e cabezas de anxos no medio.
A cruz ten sección cilíndrica e decoración de nós nas arestas. No anverso represéntase a Cristo seguindo a iconografía tradicional: pés cruzados e cabeza ladeada sobre o seu lado dereito. Presenta unha plástica moi elemental, apenas se traballan os detalles anatómicos. No reverso aparece a Dolorosa, que tamén segue un esquema de formas básicas: rasgos elementais no rostro, e mans entrelazadas á altura do peito e que resultan demasiado grandes e pesadas. Está feita en dúas pezas (pódese observar o corte da pedra á altura da cintura). Viste cun manto que lle cobre a cabeza e que debuxa dúas ondas no perfil, e saia longa con pregamentos.
Supoñemos que o cruceiro é do S. XVIII, resultando unha adaptación popular das formas barrocas.

Seguir lendo...

28/06/10

Os teitos de San Xiao do Carballo.

Para completar a análise do teito da capela maior da Rocha (entrada anterior), non podemos evitar publicar dúas imaxes da igrexa de San Xiao do Carballo. A da esquerda correspóndese co teito do altar maior, na que se pode apreciar un traballo moi semellante ó que vimos na Rocha. Os motivos das rocallas do panel cadrado, no centro do teito, son idénticos. Na imaxe da dereita podemos ver a data de execución (1865) destas intervencións. Esta táboa está no arco de acceso á capela esquerda. Na fotografía tamén se aprecian os mesmos motivos decorativos de rocalla. Por iso pensamos que os autores destes teitos son os mesmos que os que traballaron na Rocha.

Seguir lendo...

27/06/10

Os santos médicos da Rocha: Cosme e Damián (II)



A historia destes santos irmáns e sanadores, coñecémola a través de A Lenda Dourada, de Santiago de la Vorágine. Eran xemelgos, nacidos en Arabia no seo dunha familia cristiá. Formáronse como médicos en Siria e exerceron a medicina en Exea (Cilicia), onde acadaron unha enorme sona polas súas capacidades curativas e milagreiras, curando tanto a humanos como a animais. De todas as súas intervencións, a máis coñecida é a amputación dunha perna gangrenada e substituída pola perna dunha persoa de raza negra que acababa de morrer (no retablo dos santos Abdón e Senén, de Huguet, pódese ver unha representación do trasplante). Non cobraban polos seus servizos, polo que lles chamaron "anárgyroi" ou inimigos dos cartos, co que de paso, conseguían atraer a moitos á doutrina cristiá. Tan populares se fixeron que espertaron receos nos seus colegas, que acabaron denunciándoos ao procónsul Lisias en tempos de Diocleciano.
Obrigáronos a render culto a deuses romanos, pero ao negarse son sometidos a todo tipo de tormentos, saíndo ilesos de todos. Finalmente son decapitados no ano 287.
Por todo o dito, Cosme e Damián convertéronse en patróns de médicos, cirurxiáns, boticarios, barbeiros e perruqueiros.
A iconografía destes santos represéntaos coa cabeza cuberta en alusión a súa condición científica como médicos: San Cosme leva un bonete cilíndrico típico da profesión. Polo xeral visten elegantes togas longas: no caso de San Cosme, túnica de azul intenso decorada con flores douradas e reberetes tamén dourados nos extremos, e pola que asoman as mangas vermellas da blusa. No caso de San Damián, vestidura talar azul con cíngulo dourado e cuberto por unha capa vermella de forro branco, e con zapatos de fibela típicos dos séculos XVIII e XIX.
Os atributos que os identifican son a caixa de ungüentos (na man esquerda de San Cosme), o ouriñal ou recipiente para recollida de mostras (na man dereita de San Cosme e na esquerda de San Damián), e a palma de martirio (na man dereita de San Damián).
Na igrexa hai tamén unha pequena figura devocional de San Cosme, situada xunto a un pequeno retablo no lateral esquerdo. É moi semellante á figura que preside o altar maior. Tamén porta a caixa de ungüentos e o ouriñal. Este nunca falta nas representacións históricas de médicos, pois xa desde Hipócrates, a uroscopia tiña enorme protagonismo nos diagnósticos. Incluso, un tratado de medicina do S. XI, "De urinis", de Gilles Corbei, chegaba a describir con detalle as cores, substancia e contido dos ouriños, tratado que se seguiu utilizando en séculos posteriores.
Aínda que Cosme e Damián son considerados xemelgos, é moi habitual que a Cosme se represente máis vello e nunha xerarquía superior: de feito, na Rocha, o titular é San Cosme, e como tal ocupa a fornela central do retablo (San Damián está á esquerda).
O retablo é neoclásico, e supoñemos que do S. XIX. Non sabemos se foi restaurado, pero desde logo, a policromía consérvase en bo estado. Tamén resulta moi vistosa a decoración polícroma da parede do fondo: perfectamente simétrica e equilibrada, de organización xeométrica, e todo enmarcado nunha orla dourada en forma de cadea.
Supoñemos que as tallas (a da dereita é San Antonio de Padua) son tamén da mesma época, se ben na figura de San Damián aínda perduran ecos barrocos nos pregamentos da roupa.
O teito da capela maior está primorosamente traballado, dividido por listóns de madeira en casetóns decorados con flores. A parte central remata nun cadrado de madeira decorado con rocallas rococós. Case diríamos que por aquí pasaron os mesmos artífices que decoraron os teitos da igrexia de San Xiao do Carballo.

Seguir lendo...

09/05/10

Cruceiro de Santa Marta.

O cruceiro está situado no campo da festa da capela de Santa Marta (parroquia de Vilalvite). Aséntase sobre plataforma de tres chanzos. O fuste é monolítico, de sección cadrada nos extremos e no resto coas arestas rebaixadas. Ten un capitel troncopiramidal invertido que remata en tres pequenos banzos que serven de base á cruz. Esta é de sección cuadrangular coas arestas rebaixadas, excepto na base. É unha cruz florenzada, pois os extremos rematan en lóbulos.
No anverso represéntase a Cristo cun inxenuísmo parecido ó que tamén aparece en Vilafiz. Como todos os cruceiros, está concibido para 'disfrute' colectivo, e aínda que comporten unha forte carga espiritual ou simbólica, buscan a funcionalidade inmediata. Por iso prevalece o contido sobre a forma, resultando unha imaxe elemental portadora dunha mensaxe recoñecible por toda a comunidade. Eliminado o superfluo, chegamos a un esquema universal, neste caso a unha imaxe naif, marcadamente frontal e hierática, coas palmas das mans abertas, con nula expresividade no rostro, e con desproporcións anatómicas evidentes (a pesar dun intento torpe de resaltar a musculatura do torso). E con todo, a imaxe resulta enormemente atractiva.
Na base non figura inscrición que nos permita datar a obra, e a atemporalidade da arte popular dificulta calquera datación, se ben o fuste e o capitel parecen relativamente recentes. A nosa proposta, ben ampla, iría desde o último terzo do S. XIX ata o primeiro terzo do XX.

Seguir lendo...

04/05/10

Estudo iconográfico: San Benito de Palermo (Carballo)

A discriminación racial foi (e segue sendo) unha das sinrazóns humanas máis arrepiantes e incomprensibles. E tamén a responsable de que determinadas razas quedasen excluídas de calquera posto honorífico. Por iso chama tanto a atención que, polo menos no santoral, houbese cabida para un santo negro.
San Benito de Palermo entra na categoría destas excepcións, e por iso merece máis atención da que ata agora recibiu, tanto nos estudos iconográficos, como estilísticos, ou sociolóxicos. Curiosamente sobre el, hai moito escrito nos países latinoamericanos, onde a realidade racial deulle un protagonismo comprensible, especialmente, nunha época na que a escravitude da poboación negra era unha realidade.
Pero sobre como, cando e por que se foi difundindo o seu culto en Galicia, segue a ser un tema pendente. Na súa honra celébranse festas en Cambados, Redondela, Covas (Meaño), Baldomar (Begonte), e en Carballo (Friol). Empezou a facerse popular a partir do S. XVIII, pero cobra máis forza no XIX. Non sabemos as razóns, pois as variantes nas prácticas devocionais son evidentes entre parroquias, se ben hai elementos en común: a presenza da fonte como elemento purificador ou salutífero está tamén presente en Baldomar.
No caso de Carballo, celébranse poxas de diferentes alimentos na súa honra. Sabemos que no S. XIX se sucederon diferentes crises de fame e pestes (1852) que poderían aportar algunha pista.
Tamén se vincula a San Benito de Palermo co catálogo de "santos bonitos" (Ferro Ruibal: Diccionarios dos Nomes Galegos. "Ir Indo". Páx. 56). De feito, un estudo publicado en México, conta que o imaxinario popular, acostumado a ver santos brancos, inventou a lenda de que San Benito era branco e enormemente atractivo, polo que era acosado por moitas damas, o que lle facía sentir mortificado. Por iso, nos seus rezos pedía a Deus que o fixese feo. Deus atende a súa pregaria e certo día espertou negro. Curioso.
En todo caso, a historia do santo, da que xa falamos, vincúlao coa escravitude e con África (era fillo de africanos escravos e adopta a relixión dos seu amos, que máis tarde lle conceden a liberdade).
O San Benito de Palermo de Carballo segue a iconografía tradicional franciscana: hábito marrón, cinguido por un cordón. Leva o cabelo curto e rizado. Na man dereita porta o crucifixo, e na dereita o corazón (atributo habitual) de entrega devocional. Os rasgos raciais aparecen moi marcados: arcos supraciliares e pómulos marcados, nariz ancho, labios prominentes e descaradamente vermellos, contrastando cunha pintura radicalmente negra da pel, sen matices.
Trátase dunha figura de vestir (as teas son reais), pero non como as que se facían no barroco, nas que debaixo da roupa só había un armazón. Neste caso, o corpo está enteiramente traballado. Pensamos que é unha talla recente. Hai quen recorda unha talla anterior máis pequena. A actual é máis grande que as tallas tradicionais. Non sabemos cando se fixo. Por un momento pensamos que podía ser do S. XIX. Sen embargo, a factura impersonalizada e industrial, fainos pensar máis ben no S. XX (1º terzo?). De feito, na cabeza apréciase claramente unha sutura en vertical que divide en dúas metades a talla, e que evidencia que se trata dunha figura ensamblada. Segue unha técnica sobria e rigorosa, e unha estética e policromía simplificadas ao máximo. Son, en definitiva, técnicas rápidas e baratas que responden a unha época de estandarización da arte relixiosa, nas que hai unha clara perda da emotividade, que debe ser sempre a fin última da arte.

Seguir lendo...

21/04/10

Curiosa cabeza na Casa da Bouza.

Na casa da Bouza, en Agruñá (Cotá), a fachada ostenta unha curiosa cabeza sobre a que os datos que temos son moi confusos. Tiñamos noticias previas, aínda que contraditorias, entre outras cousas porque a memoria é fráxil e acaba omitindo, modificando ou engadindo datos. Chegamos a ela ao ter noticias (aínda que de boca en boca, pois cada un dá a súa explicación) de que se trataba dunha suposta cabeza protohistórica, pois cando algo chama a atención, por lóxica e por fortuna, nacen as elucubracións. E dicimos por fortuna, porque as elucubracións revalorizan os achados dos que todos nos queremos apropiar, aínda que só sexa polo feito de descubrilos e darlles sona: unha forma sinxela de protexelos e preservalos.
A seguinte noticia que dela recibimos, aínda que de forma indirecta, foi que a cabeza apareceu nos alicerces da casa e decidiron colocala na fachada. Finalmente, achegámonos á casa, e o home que nos recibiu, díxonos que a casa é (ou era) da súa sogra, que foi construída hai case 80 anos, e que a cabeza proviña dunha canteira próxima (que non soubo especificar).
Ata aquí os datos, ben imprecisos. A nós, e despois de examinar case todas as imaxes que se dan por válidas de cabezas castrexas, parécenos difícil aceptar que se trate dunha obra tan antiga. Tamén é certo que datala é imposible, sobre todo se temos en conta as sucesivas transformacións que debeu sufrir. Polo visto, o noso informante, consciente e orgulloso de ter algo distintivo, decidiu "restaurala", aplicándolle un chorro de auga a presión (de aí que os trazos parezan acabados de esculpir), reforzándoa con cemento, e colocándolle esa lousa sobre a cabeza para protexela da chuvia. Boas intencións que, polo menos, aseguran a súa permanencia, reforzada polas visitas de curiosos (nós mesmos) que ata alí se achegan.
Por que non nos parece unha cabeza castrexa? Ten unha plasticidade demasiado actual, a pesar da economía de trazos e deses ollos pechados e amendoados. Esa carnosidade do rostro non ten parangón coas cabezas trofeo castrexas, nin tampouco o elaborado cabelo de deseño xeométrico. As cabezas castrexas non tiñan pelo; como moito, a cabeza de Rubiás, presenta algunha incisión que algún relaciona co perfil dun casco.
En todo caso, a presenza desta cabeza nun lugar visible e preferente (na fachada que dá ao camiño veciñal) é digna de reflexión. As cabezas trofeo castrexas tamén decoraban as paredes das casas, e tiñan un significado de trofeo, apotropaico, ou relixioso. Segundo Calo Lourido, por influencia romana serían "ius imagine" ou representacións de defuntos, pero o mesmo autor di que moitas destas cabezas podían ser entretementos de calquer artesán ou restos de canzorros románicos. Sabemos que o románico aproveitou, asimilou e reinterpretou restos pagáns, ben por cristianizalos, ben por puro sincretismo, ou por todo á vez. En todo caso, o que foi simbólico no pasado, seguiuno sendo, aínda que o contido mute ou se enmascare. E aquí entramos na nosa interpretación desta singular cabeza, seguramente tardía (nin castrexa, nin románica):
O simbolismo apotropaico das antigas cabezas perdurou no devir dos tempos: reutilizando ou reelaborando. Do contrario, que fai unha cabeza casualmente atopada, pero conscientemente colocada nun lugar tan preeminente?. Estamos ante unha peza reelaborada non sabemos cando, probablemente a partir de modelos máis antigos, e reinterpretada e actualizada en tempos recentes, que de forma non tan casual, acaba ocupando o mesmo lugar e coa mesma intención inconsciente. Xa na simboloxía románica, as cabezas humanas eran expresión do noso intelecto e das nosas calidades, a parte máis nobre e máis afastada do pecaminoso, retomando ese sentido de protección que desde tempos ignotos tiveron. Polo mesmo, podemos pensar que protexen as vivendas do maligno. Un interesante traballo que podedes atopar na rede e publicado en Cuadernos de Estudios Galegos, fala desta apropiación simbólica da cultura material castrexa, e aporta un dato curioso sobre unha cabeza (páx. 116) situada á entrada dunha finca. O seu propietario di que "ter iso ahí, é como ter a garda civil". Tamén neste caso, é difícil soster unha adscrición castrexa á peza, pero o trasfondo, demostra un continuismo sorprendente.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.