27/06/10

Os santos médicos da Rocha: Cosme e Damián (II)



A historia destes santos irmáns e sanadores, coñecémola a través de A Lenda Dourada, de Santiago de la Vorágine. Eran xemelgos, nacidos en Arabia no seo dunha familia cristiá. Formáronse como médicos en Siria e exerceron a medicina en Exea (Cilicia), onde acadaron unha enorme sona polas súas capacidades curativas e milagreiras, curando tanto a humanos como a animais. De todas as súas intervencións, a máis coñecida é a amputación dunha perna gangrenada e substituída pola perna dunha persoa de raza negra que acababa de morrer (no retablo dos santos Abdón e Senén, de Huguet, pódese ver unha representación do trasplante). Non cobraban polos seus servizos, polo que lles chamaron "anárgyroi" ou inimigos dos cartos, co que de paso, conseguían atraer a moitos á doutrina cristiá. Tan populares se fixeron que espertaron receos nos seus colegas, que acabaron denunciándoos ao procónsul Lisias en tempos de Diocleciano.
Obrigáronos a render culto a deuses romanos, pero ao negarse son sometidos a todo tipo de tormentos, saíndo ilesos de todos. Finalmente son decapitados no ano 287.
Por todo o dito, Cosme e Damián convertéronse en patróns de médicos, cirurxiáns, boticarios, barbeiros e perruqueiros.
A iconografía destes santos represéntaos coa cabeza cuberta en alusión a súa condición científica como médicos: San Cosme leva un bonete cilíndrico típico da profesión. Polo xeral visten elegantes togas longas: no caso de San Cosme, túnica de azul intenso decorada con flores douradas e reberetes tamén dourados nos extremos, e pola que asoman as mangas vermellas da blusa. No caso de San Damián, vestidura talar azul con cíngulo dourado e cuberto por unha capa vermella de forro branco, e con zapatos de fibela típicos dos séculos XVIII e XIX.
Os atributos que os identifican son a caixa de ungüentos (na man esquerda de San Cosme), o ouriñal ou recipiente para recollida de mostras (na man dereita de San Cosme e na esquerda de San Damián), e a palma de martirio (na man dereita de San Damián).
Na igrexa hai tamén unha pequena figura devocional de San Cosme, situada xunto a un pequeno retablo no lateral esquerdo. É moi semellante á figura que preside o altar maior. Tamén porta a caixa de ungüentos e o ouriñal. Este nunca falta nas representacións históricas de médicos, pois xa desde Hipócrates, a uroscopia tiña enorme protagonismo nos diagnósticos. Incluso, un tratado de medicina do S. XI, "De urinis", de Gilles Corbei, chegaba a describir con detalle as cores, substancia e contido dos ouriños, tratado que se seguiu utilizando en séculos posteriores.
Aínda que Cosme e Damián son considerados xemelgos, é moi habitual que a Cosme se represente máis vello e nunha xerarquía superior: de feito, na Rocha, o titular é San Cosme, e como tal ocupa a fornela central do retablo (San Damián está á esquerda).
O retablo é neoclásico, e supoñemos que do S. XIX. Non sabemos se foi restaurado, pero desde logo, a policromía consérvase en bo estado. Tamén resulta moi vistosa a decoración polícroma da parede do fondo: perfectamente simétrica e equilibrada, de organización xeométrica, e todo enmarcado nunha orla dourada en forma de cadea.
Supoñemos que as tallas (a da dereita é San Antonio de Padua) son tamén da mesma época, se ben na figura de San Damián aínda perduran ecos barrocos nos pregamentos da roupa.
O teito da capela maior está primorosamente traballado, dividido por listóns de madeira en casetóns decorados con flores. A parte central remata nun cadrado de madeira decorado con rocallas rococós. Case diríamos que por aquí pasaron os mesmos artífices que decoraron os teitos da igrexia de San Xiao do Carballo.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.