A igrexa parroquial da Rocha, hoxe moi transformada, aínda conserva visibles trazas románicas no arco de triunfo que dá acceso á cabeceira. Madoz (Diccionario de Madoz, vol. V, páx 1156) di que ten orixes templarias, se ben non hai constatación documental. En todo caso, a advocación da igrexa aos santos médicos Cosme e Damián, remítenos a un cristianismo primitivo, no que os cultos pagáns acababan sendo asimilados e enmascarados en renovadas devocións. Hai autores que sosteñen que Cosme e Damián son a cristianización do culto pagán dos Dióscuros grecolatinos: Cástor e Pólux. Esta cristianización dioscúrica deuse tamén en Inglaterra cos santos Cuthberto e Wilfredo, perpetuando unha antiga tradición de devocións binarias.
Parece que o culto a Cástor e Pólux estivo moi arraigado na España romana, e as súas capacidades curativas serán exercidas despois por Cosme e Damián. Aínda que esta teoría non é aceptada de forma unánime, si é certo que, en Oriente, a partir do S. IV, a Igrexa favorece o culto destes santos médicos, aos que curiosamente, se venera en antigos recintos dedicados a Esculapio (Julia López Campuzano: "Iconografía de los santos sanadores II: San Cosme y San Damián").
Tamén resulta curioso que os lugares consagrados a Cosme e Damián, adoitan ter próximo algún centro de culto a Santa Baia (moi preto da Rocha está Santa Baia de Madelos), relacionada tamén co cristianismo primitivo. De feito, na Gallaecia, en especial no convento xurídico lucense, Santa Baia desempeñou un papel importante na cristianización do territorio nos séculos IV e V.
O culto aos santos Cosme e Damián estendeuse por occidente entre os séculos VI e VII. Son frecuentes as advocacións a estes santos irmáns nas fundacións temperás de moitos mosteiros, en especial durante a época visigoda. Madoz fala de restos na Rocha dunha antiga casa-convento, dato que de momento non está confirmado. Pero será sobre todo no S. XIII, cando a devoción de Cosme e Damián acade a máxima difusión, a raíz da chegada das súas reliquias a occidente desde Xerusalén no ano 1170.
Por outra banda, o culto a estes dous santos estivo moi estendido no camiño de Santiago, converténdose en patróns de moitos hospitais. A eles tamén se acudía en busca de protección contra a peste ou contra influencias malignas. Consagrouse a data do 27 de setembro como a de conmemoración destes santos, data na que en moitos lugares os fieis ían á igrexa na procura dun ungüento milagreiro previamente bendicido ("Iconografía de los santos sanadores...", páx. 257).
0 comments:
Publicar un comentario