Amosando publicacións coa etiqueta Guimarei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Guimarei. Amosar todas as publicacións

02/03/24

Cristina Barreiro Abuín, nova doutora

Onte na Facultade de Humanidades, Campus Terra de Lugo, tivo lugar a defensa da tese doutoral  "La huella renacentista en las edificaciones del obispado de Lugo. Autores y obras" por parte de Cristina Barreiro Abuín.

Esta tese na que a autora leva investigando unha década toca de cheo algúns dos edificios emblemáticos do concello friolés. Desde a Torre de S Paio ata a igrexa de Guimarei o civil e o relixioso entrecrúzanse neste extenso traballo.

Como petisco xa leramos o traballo gañador do primeiro premio de investigación de Friol: "A arquitectura renacentista de índole civil e relixiosa en Friol. Posta en valor e dignificación" que alborexaba os inicios do que posteriormente foi este traballo de investigación.

Desde este caderno dixital só quedar felicitar á nova doutora e desexar que canto antes poidamos fincarlle o dente na segura publicación desta tese que sen dúbida ha ser referente para estudos que se poidan desenvolver nun futuro.

Parabéns Cristina!   

Notas

As ilustracións están collidas do muro de facebook de Jesús Rodríguez Rodríguez 

Por outra parte felicitar tanto a J. Antonio Barreiro ( o noso compañeiro de fatigas adolescentes) e Paquita Abuín ( compañeira de múltiples aventuras creativas) como pais da nova doutora.

Seguir lendo...

15/11/14

A toponimia de Santa María de Guimarei

Iniciamos a entrada sobre a toponimia desta parroquia  con Guimarei que lle dá o seu nome; é un topónimo repetido non só no concello ( parroquia de Nodar), senón tamén por Galicia adiante(visitar Nomenclátor). Ten a súa orixe nunha antiga *villa Wimaredi, propiedade dun Wimaredus antropónimo de orixe xermánica,  ( hai quen cita un Wimaredus como bispo de Lugo alá polo século IX, pero nin cremos teña nada que ver co posuidor do que falamos nin sequera o dato está contrastado suficientemente, quede como apoio á presenza dos Wimaredus nas terras galaicas).
O Abrigueiro viría do latín "apricare" --abrigar-- 'abrigo ou  paraxe defendida dos ventos' seguindo o dicionario de Leandro Carré  Alvarellos.
O Campo da Feira non necesita explicación: campo onde se compran e venden mercancías en datas fixas, neste caso os 26 de cada mes como xa comentamos noutras entradas. Feira  provén do latino feriae (a forma antiga  era "fesiae" por rotacismo (o /s / polo / l /), de aí que tamén sexa esta palabra latina o étimo da galega festa).
A Eirexe, lugar onde está situada a máis que interesante igrexa parroquial, ten a sú orixe no "ecclesia" latino.
Guimarei de Arrriba que queda xa explicado inicialmente e cunha segunda parte nidia facendo constar a diferenza de altitude do lugar con referencia ao primeiro.
E para rematar queda Meigonte. Segundo indica Nicandro Ares tería a súa orixe nunha antiga posuidora xermánica "Manigunda" nome do que dá referencia polas afastadas terras da  Lombardía, indicando que non aparecía tal nome "nos repertorios galegos ou hispánicos medievais".
De todas formas, atopouse unha carta de aforamento deste lugar (Meygonte), xunto con outras terras próximas, de data de 21 de xullo de 1408, nos documentos do Mosteiro de Vilanova de Dozón. No citado aforamento a favor de Xil Fernández e Costanza García. (ver Colección Diplomática do Mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón, pax 185) podemos ler: "...e de Santa María do Paaço de Negral con a herdade do Burgo, e sub signos de Sayoane de Pereegaçón e de San Çibraao e de San Martino dos Condes e de Santiago de Golderiz, et con mays a mĩa parte do casal de Meygonte e de Romaao,..." o que testemuña o mantido por D. Nicandro na hipótese sobre a orixe do topónimo.
Por último, tamén indica este autor que no cemiterio parroquial ten visto unha lápida co nome de "Meigonde" que acreditaría aínda máis a posibilidade  da orixe aquí exposta.

Seguir lendo...

15/04/10

Da fonte das Pardellas á Pena das Verrugas: Un camiño errado

Meter a pata é bastante fácil, e máis se dás creto ao informante pola relación que este ten co feito do que informa. Recoñecer o erro é máis dificultoso e ten menos querenza. Nós metemos a pata e dalgún xeito teremos de sacala dese terreo lamacento.
Tiñamos referencias sobre a Pena das Verrugas; de feito unha das primeiras entradas deste blog tratou da citada pena e os seus poderes curativos. Este ano accedemos a unha información na que se mesturaba o efecto curativo destas pías, cunha fonte que ten características peculiares, situada nas Pardellas. Como a fonte (informativa) era directa, en ningún momento dubidamos da información. ( chamounos a atención que ningún veciño fixese alusión a esas propiedades; pero coa información indirecta duns avós e bisavós dunha alumna do Centro Escolar, quedamos, medianamente tranquilos).Por sorte, a persoa que segundo as informacións curara as súas verrugas na citada fonte achegóusenos e desfixo o malentendido. Onde as perdera realmente fora nas pías da Pena das Verrugas. Hoxe xa temos a seguridade do erro cometido e pedimos desculpas polo mesmo. A oralidade é o que ten, e hai que asumir o que non está ben feito.
Para remedialo diremos, que as pías citadas, segundo se relata na entrada relacionada coas mesmas, están alternativamente cheas de auga …e de moedas.
Aqueles que acompañados (ás veces por algun membro da casa de Carballal de Arriba --Guimarei--, non é doado achegarse ata alí) van ata a citada Pena, ao chegar a esta , metendo a man na pía que teña auga, debe lavar a verruga con esa auga e recitar o seguinte ensalmo:
“ Verrughiñas traio,
verrughiñas vendo.
Déixoas aquí
e voume correndo”.
Ao tempo, é costume, para que produza o efecto desexado, o deixar algunha moeda na pía que estea chea de auga. Xa para rematar o ritual, deberase marchar do lugar sen volver a cabeza cara atrás.
Pola información recollida dos veciños da parroquia, a algúns,  cando menos, resolveulles o problema. Nós fomos estes días na procura do lugar, pero non é de acceso doado pois hai que atravesar un regato e que co inverno que pasamos,  vai cheo, deixamos a excursión para un tempo máis achegado ao estío e acompañados por algún membro da citada casa achegarémonos ata ese lugar máxico e quen sabe se aproveitaremos para perder algunha verruga que nos sobre. Feita a visita daremos conta dela.

Seguir lendo...

19/03/10

A Guerrilla antifranquista en Friol (III)

Relatamos aquí as dúas accións recollidas por Carlos Parrado no seu libro citado anteriormente: "Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco".A Feira de Guimarei, era daquela unha das feiras de máis sona da contorna; celebrábase todos os 26, sendo a de outono a de máis importancia do ano, onde se facían grandes transaccións de todo tipo de gando, a pesares de que as mulas eran os animais con máis demanda.
"O día 25 de outono do ano 1994, a partida guerrilleira fora quedar á taberna que en Guimarei tiña Benigno Cobas Díaz"(xa citado na entrada anterior). "Ao día seguinte, Ánxel Castro Fernández, un mozo de vinte e dous anos da aldea da Cancela (Condes), que se dedicaba a vender roupa polas feiras, acudira a Guimarei para , na Feira das Mulas, vender as súas mercadorías. Contra o remate da feira e de volta cara a súa casa, Ánxel Castro, acompañaba a Carme Fernández Varela, filla do matrimonio formado por Juan de Ramil ( Juan Fernández Blanco) e a curmá do Curuxás (Ramón Rodríguez Varela), María Manuela Varela García, en cuxa casa de Ramil, Vilar de Donas (Palas de Rei), a guerrilla tiña unha das súas bases máis seguras".
Aínda cun cachiño de día, saíronlles ao camiño dous homes encarapuchados e armados con cadansúa pistola do nove longo que baixaron dun altiño que había á beira do camiño, no que quedaron outros tres ou catro homes máis. Os encapuchados mandaron marchar a Carme, e a Ánxel Castro Fernández sacáronlle ao pé de cinco mil pesetas (sic), o importe do que ven
dera na feira.
Ese día, os mesmos protagonistas atracaron a catro ou cinco feirantes máis. Foi Manuel da Blanca, do Rodo do Muíño (Condes), alcumado 'o Volante', o máis desafortunado; xa que, ademais de lle quitaren os cartos que levaba, botáronlle un tiro nunha perna. Proceder que, segundo o que comentaba a xente da zona, obedecía a unhas labazadas, que por lle coller unhas castañas, presuntamente, lle dera o Volante a Domingo de Cancela, cando este era un rapazote."
Días máis tarde , o 1 de novembro, celébrase a Feira de Santos en Monterroso; de regreso da mesma, viña cara á súa casa de Condes, "o tratante de gando Ánxel Blanco Carregal, acompañado polo seu veciño 'o Carpazo', que así alcumaban na zona a Pedro Villar da Blanca. Cerca de Vilamourel (Palas de Rei) os feirantes foron sorprendidos por varios encapuchados armados queq lles esixiron a entrega dos cartos que levaban. A Ánxel Blanco, polo que acudiu Domingo de Cancela, deixárono marchar sen quitar carto ningún; pero ao 'Carpazo'leváronlle algo máis de catrocentas pesetas"
O Curuxás, Ramón Rodríguez Varela, militante da C.N.T. integrante das guerrillas que andaron por estas terras por aqueles anos , non chegou a ser detido polas forzas franquistas, morrendo no seu agocho na casa do Ramiro o Zarato en Irago de Abaixo (Toques) o 14 de maio de 1967. Dada a súa interesentante traxectoria perfectamente descrita por Carlos Parrado, desde estas páxinas aconsellamos a súa repousada lectura.

Nota)A primeira fotografía é da casa natal do Curuxás, a incorporamos hoxe día 13 de xaneiro de 2012, grazas a Castelo de Pambre ao que lle agradecemos a fotografía.

Seguir lendo...

18/03/10

A Guerrilla antifranquista en Friol. ( II )

A III Agrupación do Exército Guerrilleiro estaba "dirixida daquela por Manuel Castro Tellado, militante comunista que loitara na resistencia francesa contra os alemáns", aínda que a dirección máxima da mesma, por actuar na provincia de Lugo e ser man executora das directrices do Partido Comunista, recaía na valorosa militante comunista Enriqueta Otero.
Nesta Agrupación desenvolvía as súas actividades Domingo da Cancela, e un dos labores prioritarios, que recaeu no lombo deste friolés, foi a de crear unha pequena infraestrutura para poder realizar as súas accións: tiña que ter enlaces, informadores e ao tempo contar con lugares "seguros" onde se poder agochar.
Segundo o publicado no libro de Carlos Parrado, citado na anterior entrada, a cobertura das actividades da guerrilla na zona de Condes e Guimarei estaba ben desenvolta. Así podemos ler: "na Casa das Mulas, na aldea de Condes, Xosé Miranda Ares --que fora compañeiro de traballo de Domingo de Cancela nas minas de Fabero--, xenro de Manuel Villar Núñez, o propietario das casas e que descoñecía a situación, nun edificio no que estaba instalado un tear que xa non se usaba, lle facilitara á Guerrilla un lugar no que se acubillar; igual que fixeran , na aldea de Cancela, Manuel Cardeiro e Manuel Castro Ascariz, coñecido por 'Pampallín', ou Josefa e Lola, dúas irmás alcumadas 'as Caravelas', e o taberneiro Benigno Cobas Díaz, fixérano en Guimarei".
Esta era a cobertura e dúas foron as accións desenvoltas pola Guerrilla nesta bisbarra, no outono do ano 1.944, no que participa o "Curuxás" mencionado no comentario que 'Algalia' deixou noutra entrada e que abriu este camiño. Desta dúas accións damos conta na seguinte entrada.

Seguir lendo...

14/03/10

Da Restauración á Guerra Civil (IV) Das feiras

As feiras, xunto coas romarías e festas – sen esquecer os adros das igrexas, os domingos-- eran os lugares de encontro dunha sociedade rural que aproveitaba estes momentos para intercambiar opinións e saber de como ía o mundo ao seu redor. Ir á feira era un feito, de por si, cargado de simbolismo.Non era un día calquera. Íase á feira para tratar de vender ou mercar aquilo que se necesitaba e o “ axustar” era elemento fundamental nas diferentes transaccións comerciais que alí se desenvolvían. Chegábase cedo, mesmo antes do mencer, cadaquén tiña o seu lugar e a súa función. Feito o negocio, algúns— a outros non llo permitía a súa economía-- participaban da parte lúdica da actividade: nas tabernas, mesóns ou cantinas, comíase, bebíase e celebrábanse as boas operacións do día. O que si é certo é que “cada un falaba da feira segundo lle ía nela”.
Os veciños do lugar desexaban que a feira fose concorrida e con bo número de operacións, pois a maior negocio, maior rendibilidade.Que os veciños estaban interesados en manter estes centros económicos e facilitar o acceso aos mesmos queda reflectido no feito , a modo de exemplo, de como a fins do século XIX, insistíase diante da Deputación Provincial na necesidade de construír o que hoxe coñecemos como Ponte de Ombreiro (25-V-1886) "para facilitar o tránsito ás feiras de Cota, Roimil e Guimarei". Ao tempo, os concellos declaraban camiños de utilidade pública a aqueles que levaban directamente ás feiras, coa mesma finalidade.
Ás veces e debido a aglomeración producíanse choque fortuítos entre as cabalerías – o medio de transporte característico-- e pequenos rabaños de gando, o que xeraba pequenas escorrentadas que producían máis dun susto. Despois dunha feira en Cotá (18-XII-1896), o correspondente do diario "El Regional" pedíalle ao alcalde que adoptase as medidas necesarias para que non volvesen a ocorrer feitos como o relatado.
Pequenos e, ás veces, graves incidentes eran o pan de todas as feiras. Na Feira Grande de Guimarei (26-X-1898) , foi tal o altercado, que houbo un morto e dous feridos ( un deles, un dos gardas civís que tentaban calmar os ánimos).
Pelexas e liortas entre veciños do lugar e gandeiros vidos de fóra  tampouco eran raros: Na feira de Cotá 18-VIII-1924) veciños de Cotá e gandeiros chegados do Veral, Esperante e Santa María Alta, tiveron entre eles máis que palabras.
No mesmo ano, na feira do 4 de setembro en Friol, houbo navalladas: Ir á feira sen levar unha navalla era coma ir espido... e despois pasaba o que pasaba.
Sempre había quen facía a feira pola súa conta e facíase cun botín- produto do roubo – con pouco esforzo e menos escrúpulos: Na mesma localidade que antes citamos o 4 de decembro de 1926, un veciño de Vilafiz, Manuel Racamonde, foi obxecto dun roubo de 2.000 pesetas (oito mil reais) produto da venda de dúas vacas. Alá marchou a ganancia, pois do autor, ou autores, nunca máis se soubo.
Segundo ía avanzando o século ían aparecendo os vehículos de motor cos conseguintes accidentes: Na feira de Cotá  de setembro do 1927, un neno de sete anos por se agarrar á roda de reposto dun coche, no momento de arrincar este, sufríu un accidente (o coche, así reza a noticia do xornal, tiña a matrícula LU-930. O rapaz foi atendido polo médico local e o condutor, nun principio, foi detido.
Había quen introducía moeda falsa: Foi o caso dun veciño que na feira do 4-III-1928, en Friol,  foi detido pola Garda Civil, ao collelo “in franganti".
Outros, sen pagar os impostos establecidos, compraban e vendían e acababan sendo denunciados polos que si os pagaban, e eran detidos. O caso de dous veciños da cidade luguesa (Friol, 4 de xuño do 1928) que andaban polas feiras comprando e vendendo ovos e pitas.
Algúns, polas diferentes razóns que poidamos imaxinar, chegaban a perder unha vaca ( Cotá, 18 de xuño do 1928).
Tamén era lugar propicio para a práctica de xogos nos que caían enredados incautos que perdían o pouco que tiñan pensando na posibilidade de saír favorecido nuns xogos que estaban prohibidos e que eran practicados por verdadeiros especialistas.No ano 1935 na primeira feira do ano en Friol foron detidos uns "maleantes por practicar xogos ilícitos".
Quedan moitas cousas das que non temos constancia. Unha mágoa, non ter a posibilidade de recuperar todo o repertorio que, con seguridade, traían ata estas terras os cegos que ao través das súas coplas viñan informando dos sucesos máis notorios do momento

Seguir lendo...

13/01/10

O Abrigueiro: Un proxecto de Arturo Vaquero con premio.

Tiñamos pendente esta entrada, pois o labor que desenvolve Arturo Vaquero no seus Estudos de Gravación do Abrigueiro, é ben coñecido no mundo da produción discográfica e, en xeral,multimedia do país.
Estes días o seu nome está na boca de todos por ser proposto para os Premios Goya "como autor da canción Agallas vs escamas, composta coa colaboración de Xavi Font e a voz de Hugo Silva para a película galega Agallas, de Continental Producións.
Vaquero forma parte do Dummie Project, unha formación de música electrónica na que colabora co DJ vilalbés Marcos Peón.
Ademais, Vaquero e Xavi Font foron os encargados de crear toda música que lle dá vida á longametraxe protagonizada por Hugo Silva e Carmelo Gómez, e centrada no mundo do narcotráfico na comunidade galega." ( extraído de Xornal de Galicia ).
Longa é a traxectoria deste músico de orixes friolesas , aínda que nado en Euskadi ao principio dos setenta.
Nos últimos tempos podemos falar das producións feitas nos seus Estudos por grupos como "Few Days Later", "Nouvelle Cuisine" e "Dr. Gringo".
Desexámoslle toda a sorte que merece e agradecémoslle que o nome de Friol se asocie definitivamente ao mundo audiovisual desde un recuncho da parroquia de Guimarei.

Seguir lendo...

10/07/09

Antiga escola de Guimarei

Situada tamén no campo da feira, ó final da chamada "Calle de la Reina". A antiga escola pechou portas nos anos 70, década na que tamén a feira entra en decadencia ata formar parte do pasado. Sen dúbida, aquí os escolares tiñan un patio de xogos de luxo, a carballeira enteira para eles. O actual dono falounos do caro que lle resulta manter a escola nun estado aceptable, e do seu propósito de impedir que algún día sexa ruína.

Seguir lendo...

Xoias arquitectónicas no campo da feira de Guimarei

A maior parte destas construcións están feitas en cachotería e recercadas con grosos sillares nos vans. Nalgúns casos, estes adórnanse con relevos. Noutros, a pedra é en si mesma expresión de beleza.

Seguir lendo...

Guimarei: o campo da feira

A importancia que esta feira tivo no pasado, xunto coa beleza de todo o conxunto e mesmo o feito de ser un referente na historia de Friol, fai urxente un plan de recuperación deste singular entorno. O campo da feira é atravesado polo camiño de Santiago en dirección á igrexa de Santa María. As construcións que delimitan o recinto, aínda que abandonadas, consérvanse bastante ben e constitúen un precioso catálogo de arquitectura rural. As casas máis antigas, anteriores a 1800, son tamén as máis sinxelas: casas terreas cunha estancia única destinada a vivenda. A maior parte das casas son posteriores a 1800. Teñen dous pisos e ganan en profundidade ó engadírselle novas dependencias.
Ademais das vivendas, son numerosos os pendellos que se conservan e que aínda os veciños utilizan para gardar maquinaria agrícola.

Seguir lendo...

07/02/09

A igrexa de Guimarei: Lendas


Estas lendas están relacionadas coa construción da igrexa da parroquia.
Nunha delas cóntase que a igrexa foi construída nunha soa noite e que a pedra necesaria para a edificación da mesma, foi transportada por unha parella de bois que carrexaban a pedra sen necesidade de ninguén.
Outra é unha mestura de feitos históricos e propiamente lendarios. Chega a nós a través de J.M. Abel Expósito , ao explicar a orixe das armas dos Berbetoros.
No medio das guerras entre Pedro I e Henrique de Trastámara , das que xa falamos en anteriores entradas, D. Gonzalo de Ozores foi feito prisioneiro, ocasión que aproveitou D. Basco Gómez das Seixas para apoderarse das súas propiedades. Liberado D. Gonzalo, mobilizou aos seus homes de armas , entre os que estaban os señores do Castelo de Pena Mourelle, na freguesía de san Miguel de Valvetouros, sendo estes, parentes dos señores de Virís, partidarios, pola contra, do señor de S. Paio.
Sendo os cabezas de cada casa homes afoutados e soberbios, acordaron medir as súas forzas a medio camiño entre os dous castelos. Así decidiron enfrontarse ao pé da calzada que unía Lugo con Sobrado, no lugar de Guimarei onde se celebraban as feiras.
Chegado o día, e xa no fragor da batalla , implorou o señor de Pena Mourelle o amparo da Virxe. Ao pouco deron en medrar as pólas dun piñeiro vello, que alí estaba, de tal xeito e rapidez que alí quedaron os partidarios do de Virís envoltos e entrelazados pola ramaxe, momento no cal apareceu a imaxe da Virxe, que cos seus brazos abertos facía acenos de que se separasen. Cada un marchou para o seu castelo vivindo o resto dos seus días retirados do mundo.
Tal foi a impresión, que despois do suceso cambiaron as armas do seu escudo -- que era un prado onde descansaban dous touros á sombra dun piñeiro--pasando a ser dous touros enfrontados ao piñeiro.
Pero non quedou aí a cousa. Cambiaron tamén o xentilicio e desde tal día pasaron a ser Berbetoros.
A imaxe que ilustra a entrada é o debuxo do escudo dos Berbetoros na igrexa parroquial de Guimarei feito polo autor antes citado.

Seguir lendo...

05/02/09

Santa María de Guimarei: retablo

O deseño do retablo maior, do S.XVIII (tardobarroco-rococó), débese a Benito Rioboo, veciño da cidade de Lugo, e a pintura e decoración floral do retablo, a Manuel Rodríguez Vizcaíno, tamén procedente de Lugo. Está confeccionado en madeira de roble, decorado con estípites (soportes coa basa máis estreita que o fuste e típico da fase final do barroco), con baixo-relevos, dourados, brancos e azuis. O resultado é unha obra de calidade, que algún relaciona cos artífices de Sobrado, de onde saíron os mellores retablos de Galicia da época.
Na parte superior vemos unha pintura sobre táboa de gran valor, debido á escaseza de exemplos pictóricos de arte relixiosa en Galicia. Sobre a táboa, unha figura escultórica exenta dun Cristo crucificado, aínda con vida e implorando cara ó ceo, recolle os cánones da arte relixiosa do barroco hispánico (con tres cravos, mirando cara o ceo, e con pronunciados pregamentos no pano de pureza). A pintura do fondo representa a Xerusalén celeste, tradicionalmente entendida como o lugar idílico onde os elexidos chegan despois da morte. O sol e a lúa aparecen como mudas testemuñas da Crucifixión, pero tamén da creación enteira, que a súa vez se lamenta da morte do seu creador. A presenza dos dous astros, pode ser tamén unha alusión á intemporalidade, a Cristo como o principio e a fin. Con todo, este esquema iconográfico que foi habitual na arte cristiá, empeza a ser infrecuente a partir do S.XV.

Seguir lendo...

Santa María de Guimarei: capela maior

A cabeceira onde se sitúa o altar é de
planta cadrada e está cuberta por unha bóveda de cruzaría estrelada e os nervios descansan sobre ménsulas. Toda a capela ten os muros decorados por un friso de motivos vexetais. Está separada da nave por un arco toral decorado. Foi construída (ou reconstruída, pois pensamos que a fábrica inicial é do S.XVI) baixo o mecenado de Andrés de Berbetoros, señor de Portomarín, e a súa dona Inés de Montenegro Santiso y Meire. Unha inscrición no muro lateral dereito con data de 1689, alude ó seu promotor, Andrés de Berbetoros, así como a lápida funeraria alusiva á orde agostiña, que ten como blasón un corazón atravesado por saetas. A relación de Andrés de Berbetoros co convento dos agostiños que houbo na Praza Maior de Lugo está documentada. Tamén, na cruzaría da capela maior, figuran as armas da liñaxe dos Berbetoros (un piñeiro flanqueado por dous touros afrontados).
Parece que o mestre de canteiría que se encarga da capela maior e da fachada, foi Amaro do Campo, procedente de San Xurxo de Sacos (Cotobade, Pontevedra)

Seguir lendo...

Santa María de Guimarei no interior

A nave está cuberta por bóveda de canón e dividida en tres tramos por arcos perpiaños. Ós pés da igrexa, no último tramo, está o coro, en cuxo arco figura unha inscrición coa data de 1699, que debe ser a data de terminación deste corpo. Parece que o seu artífice foi o mestre Alberto de Castro. A igrexa foi restaurada en setembro de 1997. O resultado da intervención é visible nos tirantes de aceiro que atravesan a nave. A restauración fíxose imprescindible, pois a igrexa presentaba agretamentos e desplomes perceptibles a simple vista. As patoloxías que presentaba a igrexa foron descritas por Santiago Huerta Hernández, e estaban localizadas sobre todo na nave e na súa unión coa cabeceira. Segundo Huerta, estas deficiencias foron xa visibles desde o principio e debidas á escasa pericia do construtor. Este empregou o mesmo sistema de contrarresto para a nave que o que había para a cabeceira, que tiña un sistema construtivo gótico e lixeiro que precisaba pouco contrarresto. Isto foi un grave erro, pois a bóveda de canón exerce moita máis presión que a bóveda de cruzaría da cabeceira, aplicando unha regla gótica para unha estrutura que non o era. É moi probable que os contrafortes que hoxe vemos no exterior foran unha solución inmediata e de emerxencia para un sistema construtivo que resultou fallido.
Tamén foi necesario intervir no arco alintelado do coro, onde a doela central presentaba un preocupante desprazamento descendente, debido a un mal deseño do corte da clave. Huerta apunta incluso a posibilidade de que lixeiros tremores de terra rexistrados na zona no cuarto trimestre de 1995, puidesen acentuar o descenso da doela.
Todo o exposto, xunto cunha cuberta en mal estado, propiciou a entrada de auga na igrexa e nos muros agravando o problema. Finalmente óptase por colocar tirantes de aceiro por ser unha solución económica, fácil, segura, reversible e pouco agresiva. A intervención complétase consolidando os muros e os contrafortes con inxeccións de morteiro para paliar a degradación da mampostería polas filtracións de auga.

Seguir lendo...

Igrexa de Santa María de Guimarei

Igrexa tardogótica, dedicada á Virxe das Angustias e construída en plena ruta xacobea, entre os séculos XV e XVI e con intervencións posteriores nos séculos XVII e XVIII. Dada a escaseza de igrexas rurais neste estilo, é unha valiosa mostra do gótico tardío, estilo tradicionalmente asociado ó crecemento dos burgos e ó auxe comercial. Tamén chama a atención as enormes dimensións do que en realidade era un templo parroquial rural e dunha parroquia que no ano 1753 só tiña 16 casas. Foi fundada pola Irmandade dos devotos da Nosa Señora, da que formaban parte membros da nobreza local. A Irmandade tiña próxima á igrexa a chamada Casa do Auditorio ou "Casa dos devotos da Nosa Señora", onde se redactaban documentos e escrituras notariais da xurisdición. Santa María de Guimarei formaba parte da antiga xurisdición da Torre de San Paio de Narla. No último terzo do S. XVII figura como membro da Irmandade e administrador das obras da igrexa, D. Rodrigo López das Seixas y Ulloa.
A planta da igrexa é basilical, de nave única. Está construída con sillería granítica de calidade. A cuberta é de pizarra a dúas augas na nave, e a catro augas na capela maior. Unha escalinata dá acceso á fachada principal. Esta ten unha porta de arco de medio punto, presenta un rosetón calado e remata en espadaña de dobre van. A fachada está flanqueada por dous contrafortes que rematan en floróns con bola. Os laterais das naves refórzanse con contrafortes.

Seguir lendo...

10/01/09

De Guimarei a Ghimarei, pasando por *Ximarei. Unha reflexión


Na parroquia de Guimarei, o topónimo non xera confusión. Ten a súa orixe no antropónimo visigótico Wimaredus. Ata aí todo en orde.
Pero resulta, que no concello atopámonos, co que deberon ser posesións do mesmo Wimaredus ou doutro señor xermánico co mesmo nome, noutra parroquia, concretamente na de S. Mamede de Nodar: Guimarei.
Trátase de diferenciar os dous lugares e así os da parroquia máis mesetaria falan de Guimarei, mentres que os de Nodar falan de *Ximarei ao referirse ao seu Guimarei.
Esta resolución do topónimo, que non ten defensa etimolóxica, si que a ten polo lado da fonética e por suposto está relacionado coas interferencias fonéticas co castelán. Explicámonos:
Nestas terras temos como variante propia a gheada (pronunciamos o fonema /g/ -oclusivo velar sonoro- como /ħ/ -aspirado xordo-, semellante ao hache aspirado do inglés). Isto orixina que o que vén sendo Guimarei, soe na fala como Ghimarei con toda a naturalidade e dereito do mundo.
Seguramente, para non caer na gheada ( moi mal vista a nivel social), resólvese que efectivamente non é Ghimarei; que ese son, facendo tradución directa do sistema fonético castelán, é en bo galego o /x/(palatal fricativo xordo) e así chegamos a *Ximarei.
Non existe posible dúbida no topónimo e así o fai saber o Nomenclátor Oficial da Toponimia Galega. Ámbolos dous lugares, ao igual que o resto de 'Guimareis' que existen na comunidade galega son iso "Guimarei" respectando, por suposto, as diferentes pronunciacións tan enriquecedoras da nosa lingua.
Hai que lembrar que a gheada ten mala nota - considérase un falar rústico-- cando debemos apreciala como unha característica propia e exclusiva da Lingua Galega con respecto aos outras linguas romances.
Tanto dereito temos a empregar a gheada como a non facelo, polo que este fenómeno fonético non debería ser motivo discriminatorio nas nosas relacións.

Seguir lendo...

16/11/08

O Campo da Feira de Guimarei

Se botásemos unha ollada atrás aínda poderíamos escoitar a barafunda que nos campos da feira íase xerando mentres se realizaban as transaccións económicas, e as posteriores celebracións que cadrasen, propias destes lugares.

Tanto en Roimil os 16 , como en Cotá os 18 , como neste do que imos falar agora de Guimarei os 26 de cada mes celebrábanse feiras que a partir dos anos 70 do século pasado foron perdendo importancia ao darse un xiro nas relacións económicas , mellorarse os acesos ás grandes vilas e cidades e realizarse as transaccións de gando en puntos concretos destinados a tal fin.


Aínda foi quedando o aquel de ir á feira , ligado o feito ao cobro da pensión nas oficinas bancarias, facer o gasto nas cousas necesarias para a casa e aproveitar a viaxe para comer o polbo, a carne ao caldeiro ou á maragata, dependendo do gusto ou das zonas.
O Campo da Feira de Guimarei tiña unha estrutura permanente , aínda hoxe podemos contemplar o que quedan das edificacións e a que os veciños chaman “Calle da Reina” que atravesa o Campo con casas e casetos a ámbolos dous lados.
Na casa do Mesón -aínda mantén o nome-- lembran os veciños, que para dar de comer aos feirantes, matábase un becerro que era comido nos dous días que duraban as actividades. Os feirantes chegaban pola tardiña do día 25 para ir acomodando as súas pertenzas e a feira desenvolvíase o 26. Isto achéganos unha idea do concorrida que chegou a ser esta feira.
Na actualidade o abandono do que foi o recinto é total, aproveitando os veciños os casetos e algunha das vivendas para gardar neles apeiros de labranza, e outros trebellos de uso diario.
Como “cada un fala da feira segundo lle vai nela” seguramente quedan cousas no tinteiro que podedes completar de ter interese e tempo.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.