A historia dos Seixas está ligada á dos Ulloa, con quen estaban emparentados, o cal non impedíu o enfrontamento entre eles. Para entender estas disputas debemos remontarnos ó S.XIV, cando ten lugar unha guerra civil entre Enrique de Trastámara (futuro Enrique II de Castela) e o seu irmán Pedro I. A nobreza galega divídese entre os partidarios dunha facción ou de outra. Así pois, a casa de Ulloa únese á causa de D. Pedro, e os Seixas á de D. Enrique. O conflito remata coa vitoria de D. Enrique na batalla de Montiel, no ano 1369, na que morre Pedro I.
Nesta batalla participa Gonzalo Ozores de Ulloa e cae prisioneiro de Beltrán Duguesclín, quen intervira na campaña en apoio de D. Enrique. Gonzalo Ozores de Ulloa é levado á Rochela, Francia, onde permanece preso varios anos. Este tempo é aproveitado por Vasco Gómez das Seixas para apoderarse das posesións dos Ulloa, como o castelo de Curbián, en Palas de Rei. Cando Gonzalo Ozores de Ulloa regresa, permanece refuxiado no mosteiro de Sobrado, onde vai preparar a reconquista dos seus dominios. Estes enfrontamentos aparecen recollidos por Antonio López Ferreiro na súa obra O castelo de Pambre (do que falaremos en futuras entradas). A campaña definitiva ten lugar no Castro de Ambreixo, onde Vasco Gómez é derrotado. Gonzalo Ozores de Ulloa recupera Curbián e demais dominios, e destrúe algunhas posesións de Vasco Gómez das Seixas, chegando incluso a sitiar o castelo de San Paio de Narla. Finalmente chegan a un acordo de paz e Vasco Gómez devolve as terras da Ulloa ó seu antigo dono. Rematados os enfrontamentos, Gonzalo Ozores de Ulloa inicia a construción do castelo de Pambre (na foto).
1 comments:
Esto das guerras entre nos da arrepíos pero é unha interesante clase de historia. Eu descoñecía ese dato. Cando esta invernía pase teño que ir a Curvián a facer unhas fotos e voltarei aquí para recoller o o voso post.
Publicar un comentario