Amosando publicacións coa etiqueta Feiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Feiras. Amosar todas as publicacións

19/03/24

Memoria da 'cartelería' das Feiras do queixo de Friol e do pan de Ousá

Seguir lendo...

08/02/24

Tres novas, algún considerando e unha addenda


Hoxe xoves de comadres, sen orde de prelación ningunha, facémonos eco de tres (boas)  novas ás que engadimos uns considerandos e unha addenda como reza o título. 


En primeiro lugar celebrar a esperada proxección do vídeo que resume as actividades de “Cóntame un mundo” realizadas na vila friolesa o pasado mes de xullo, da man de Raquel Queizás e Alba Vales e que tan boa acollida tiveran (ver ligazón).
Poderase ver o próximo sábado dezasete de febreiro no centro sociocultural, aínda sen rematar de dixerir o Entroido e en plena xornada de reflexión ( lembrade que o domingo dezaoito podemos optar por seguir co desmantelamento dos servizos públicos ou non. Somos nós quen decidimos).

En segundo lugar celebrar o traslado da feira para o centro da vila. Aínda que máis ben habería que dicir que a feira volve ao lugar de onde nunca debeu saír. 
Corre a lenda entre a veciñanza que fala que o anterior alcalde gabábase de non facer gasto no comercio local. Nós non sabemos se sería certo, pero se cadra ese desleixo foi o que orixinou o desterro da feira ás aforas da vila, deixando esta orfa dun mercado que animaba ao pobo friolés a achegarse e facer algo de gasto nos locais comerciais (que nestes tempos toda achega é pouca). 
Pois ben, aínda que tardou máis do desexado ( este goberno municipal está na súa terceira lexislatura) e non sabemos se aproveitando a coxuntura electoral, devolven a feira á vila.
O que en tempos foi "feira do catro”, (ver ligazón) que no 2006 pasou a celebrarse o primeiro domingo de mes, e que desde hai máis de dez anos levábase a cabo no Mercado gandeiro volve ao seu. 

Por último unhas palabras para o cocido e posterior corrida do Entroido que se desenvolverá este sábado dez de febreiro. Organizada desde tempo atrás pola asociación Carballo Vivo vai collendo xa ton tradicional. Como todos os anos o punto de encontro é o seu local social ( antiga escola de Carballo). Á actividade está convidada toda a veciñanza, non só @s soci@s. 
Cremos que chegou o momento de propoñer un estudo serio e pormenorizado do vello Entroido friolés. Algunha entrada hai neste blog con información textual e mesmo gráfica tanto do Entroido nalgunha parroquia, como do carnaval vilego. Porén, é necesario recoller, revisar e recuperar toda a información que de seguro as persoas de idade teñen na súa memoria dos Entroidos da súa mocidade, ou da dos seus antepasados. 


Entroido 2006

No colexio friolés en tempos de Pepita Regueiro, Teresa Vila, Ana Núñez, Carlos Veiga,... desenvolvéronse actividades no propio centro co correspondente desfile pola vila. 
Nós mesmos temos participado elaborando unidades didácticas sobre este ciclo festivo onde non faltaba as coplas tan típicas destas festas.
O entroido xa está aquí 
darémoslle volta a todo!
Se quedase algo a dereitas 
dirían que estamos tolos. 
Das coplas do Entroido 2001 

Por non falar dos mecos ( xa tradición) elaborados polo alumnado de 4º da ESO na área de Plástica
Devecemos por ver a creación deste ano! 
Meco do Entroido 2007


Pois iso: alguén debería animarse a completar o estudo. 
Dicimos isto porque observamos como en moitos lugares da xeografía galega estase a facer esta recuperación, ben a través dos propios concellos ou pola diferentes asociacións culturais, e pensamos: por que en Friol non ? 
Mercado, Colmeiro

E vai a addenda:
O cartel anunciador do cambio de lugar da feira ( védelo nesta entrada) ) indica “A feira do mes volve ao pobo” 
Ao pobo non pode volver, porque o pobo é a alma máter da feira! Sen el non hai feira! 
Explicámonos: Como temos unha lingua moi rica, pobo en galego é exclusivamente o grupo humano,... de persoas cunhas características propias que o identifican , así falamos (pouco) do xenocidio do pobo palestino, do pobo galego chamado ás urnas, e mesmo podemos falar dun pobo friolés ben guiado. 
Porén se nos queremos referir a unha entidade de poboación, sexa a que sexa, debemos empregar outros substantivos e non trasladar o “pueblo” castelán ao noso “*pobo”.
Así podemos falar da vila de Friol, do concello de Friol, da parroquia de Carballo, da aldea de San Martiño, do barrio da Milagrosa,... Sería máis correcto, entón, que o citado cartel fixese gala de que 
“A feira do mes volve á vila”

Bo Entroido!

Seguir lendo...

11/01/15

Máis sobre as feiras

Onte en "El Progreso" dábase a noticia dos trámites iniciados polo Concello para a construción dun aparcadoiro xunto ao Mercado Gandeiro; lugar ao que foron trasladadas xa hai algún tempo as feiras friolesas. Sen entrarmos na valoración da necesidade do citado aparcadoiro que reflicte, iso si, o gusto das nosas autoridades polo cemento cando se achega calquera proceso electoral, si que aproveitamos para publicar uns pequenos engadidos ao que xa escribimos sobre as feiras neste blog en entradas anteriores.
En primeiro lugar indicar que demos con documentación que acredita a celebración dunha antiga feira mensual na parroquia de Miraz alá pola primeira metade do século XIX. Esta feira celebrábase todos os días 20, ata o ano 1855 data na que o concello friolés determina o cambio para o derradeiro domingo de cada mes. Como no Catastro de Ensenada non hai referencia á mesma, non podemos máis que conxecturar os seus inicios que serían a finais do XVIII ou nos inicios do XIX. Tampouco podemos establecer cando deixaron de celebrarse.
Por outra parte cando falamos do inicio das feiras, na propia capital municipal, do "catro" alá polo ano 1904, descoñeciamos estes datos que incorporamos agora: segundo está testemuñado resulta que xa en Friol antes desa data celebrábanse feiras polo menos na primeira metade do século XIX; concretamente os días 8 de cada mes.No Boletín Oficial da Provincia nº 65 de 2 de xuño de 1856 publícase un edicto da alcaldía cambiando a data de dita feira para os días 5 "continuando en el mismo campo y vega de aquel nombre".
Achegamos tamén un dos múltiples anuncios que a Empresa Montaña insertaba na prensa galega na década dos cincuenta do pasado século, indicando as feiras nas que ofrecía servizo de "ómnibus e camións". No mapa pode apreciarse como aparecen as feiras que se seguían celebrando no concello: Friol, Guimarei, Cotá e Roimil. 
Dicir tamén que, como ben sabedes, a partir do acordo da corporación municipal no verán do 2005 a feira friolesa pasou a celebrarse os primeiros domingos de mes. 
E xa para finalizar deixamos esta copla publicada no Calendario de feiras do ano 1920 e que en boca dun suposto "gaiteiro de Villar"(sic) di así:
"Merquei ista gaita en Sarria 
y-o tambor en Farnadeiros,
as palletas en Friol 
y-en Brántega o punteiro"

Seguir lendo...

28/09/11

4 de agosto de 1935

Nos anos trinta do pasado século a actividade política e cultural da sociedade galega adquiriu un grao de participación que só podería ser equiparable aos derradeiros anos do franquismo e primeiros da Transición.
Nese contexto – estamos falando do período da II República-, concretamente en decembro do ano 1931, fúndase o Partido Galeguista que vai tratar de espallar por toda a xeografía galega as súas propostas de país, ben a través da súa publicación de cabeceira A Nosa Terra, ben a través da mobilización das masas ás que ían dirixidas as súas arengas nos centos e centos de actos políticos que foron organizando por todas as localidades nas que tiñan presenza. Ben é certo que a provincia de Lugo ía na cola desta paixón autonomista, pero non por iso deixou de participar de tal onda nacionalista.
Vén isto a conto, porque no ano 1935, hai constancia documental do intento de celebración dun mitin na carballeira de Santa Marta (Vilalvite) o propio día 29 de xullo –domingo- aproveitando a romaría da citada santa. Este intento propiciado por Fole -don Ánxel-, Gómez Aller e Ramón Piñeiro foi prohibido por orde do Gobernador Civil, daquelas Artemio Precioso García, dado o Estado de Prevención vixente ao abeiro da Lei de Orde Pública de 28 de xullo de 1933.
Porén, días máis tarde, aproveitando a feira do catro da capital do concello, no propio Friol e diante dun numeroso público disertaron os propios Ánxel Fole, Servando Gómez Aller e o estudante Teolindo Corredoira.
Hai que indicar que en Friol, concretamente na parroquia de Cotá hai –había neses días -- unha pequena Agrupación Galeguista propiciada por D. José Vilela Pena – empresario da citada parroquia-.
De Fole xa falamos noutras entradas, Servando Gómez Aller, era avogado e ao tempo un dos fundadores en Lugo das Mocidades Galeguistas, morreu a fins dos setenta en Vigo e Teolindo Corredoira, do que cremos tiña orixes friolesas, faleceu na Guerra Civil no ano 1938.
Neste días nos que A Nosa Terra deixa mesmo a súa edición dixital, quixemos aproveitar esta entrada e facerlle unha pequena homenaxe a unha cabeceira de forte 'raigame' no xornalismo galego, e á que o impredicible momento histórico que estamos a vivir fai desaparecer; esperando que este silencio sexa pasaxeiro e nun futuro próximo podamos vela novamente na rede e nos quioscos.
A imaxe que acompaña esta entrada é a portada de "A Nosa Terra" publicada o día 10 de agosto de 1935, onde se recolle o mitin antes citado.
Só queda agradecer ao blog "Publicacións Galegas" por ternos achegado o citado xornal.

Seguir lendo...

14/06/10

Non chores Sabeliña: Unha das cantigas

A adaptación da letra para a representación friolesa dá pé para facer algúns comentarios:
“Da feira nova,
da feira do catro,
que chova que neve,
da feira non falto.
Ai! San Antoniño
dáme un mozo guapo
ou da feira nova
ou da feira do catro.
Na feira nova,
mais na outra feira
non encontrei moza,
moza que me queira.
Fun a Friol polo San Isidro,
tamén fun polo San Xulián
tiven amores no Campo de Arriba
Onde aqueles amores irán?”

As referencias da cantiga á feira nova, fainos pensar que sería --xa o dixemos-- xaneiro de 1952, a data de presentación da obra. En outubro do ano anterior con gran despregue publicitario, inaugurouse en Friol unha nova feira que se ía celebrar os 21.
Tiñamos constancia documental (BOP do 28 de xaneiro de 1929)de como a Corporación municipal, presidida por Segismundo Grande, aproba, en sesión do 8 de novembro de 1928, a celebración dunha feira "los días 21 de cada mes (...) y cuya feria se inaugurará el 21 de abril del corriente año". Polo que se ve esta disposición municipal debeu de quedar nos despachos e retomouse anos máis tarde.
Neses anos, (40-50) celebrábase tanto o San Isidro , como o San Xulián --S. Xiao, patrón da vila--. Xa hai tempo que só se celebra a primeiros de xullo a Santa Isabel.
Dada a estrutura da localidade temos que pensar que o coñecido como Campo da Torre, quedaba afastado do barrio da Ponte e do Campo da Feira –núcleos da actividade local—polo que o citado espazo era coñecido como Campo de Arriba.
Achegamos outra fotografía da representación e un dos anuncios insertados no diario "El Progreso" en datas previas ao inicio ou reinicio da Feira do "vinteún".



Seguir lendo...

19/03/10

A Guerrilla antifranquista en Friol (III)

Relatamos aquí as dúas accións recollidas por Carlos Parrado no seu libro citado anteriormente: "Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco".A Feira de Guimarei, era daquela unha das feiras de máis sona da contorna; celebrábase todos os 26, sendo a de outono a de máis importancia do ano, onde se facían grandes transaccións de todo tipo de gando, a pesares de que as mulas eran os animais con máis demanda.
"O día 25 de outono do ano 1994, a partida guerrilleira fora quedar á taberna que en Guimarei tiña Benigno Cobas Díaz"(xa citado na entrada anterior). "Ao día seguinte, Ánxel Castro Fernández, un mozo de vinte e dous anos da aldea da Cancela (Condes), que se dedicaba a vender roupa polas feiras, acudira a Guimarei para , na Feira das Mulas, vender as súas mercadorías. Contra o remate da feira e de volta cara a súa casa, Ánxel Castro, acompañaba a Carme Fernández Varela, filla do matrimonio formado por Juan de Ramil ( Juan Fernández Blanco) e a curmá do Curuxás (Ramón Rodríguez Varela), María Manuela Varela García, en cuxa casa de Ramil, Vilar de Donas (Palas de Rei), a guerrilla tiña unha das súas bases máis seguras".
Aínda cun cachiño de día, saíronlles ao camiño dous homes encarapuchados e armados con cadansúa pistola do nove longo que baixaron dun altiño que había á beira do camiño, no que quedaron outros tres ou catro homes máis. Os encapuchados mandaron marchar a Carme, e a Ánxel Castro Fernández sacáronlle ao pé de cinco mil pesetas (sic), o importe do que ven
dera na feira.
Ese día, os mesmos protagonistas atracaron a catro ou cinco feirantes máis. Foi Manuel da Blanca, do Rodo do Muíño (Condes), alcumado 'o Volante', o máis desafortunado; xa que, ademais de lle quitaren os cartos que levaba, botáronlle un tiro nunha perna. Proceder que, segundo o que comentaba a xente da zona, obedecía a unhas labazadas, que por lle coller unhas castañas, presuntamente, lle dera o Volante a Domingo de Cancela, cando este era un rapazote."
Días máis tarde , o 1 de novembro, celébrase a Feira de Santos en Monterroso; de regreso da mesma, viña cara á súa casa de Condes, "o tratante de gando Ánxel Blanco Carregal, acompañado polo seu veciño 'o Carpazo', que así alcumaban na zona a Pedro Villar da Blanca. Cerca de Vilamourel (Palas de Rei) os feirantes foron sorprendidos por varios encapuchados armados queq lles esixiron a entrega dos cartos que levaban. A Ánxel Blanco, polo que acudiu Domingo de Cancela, deixárono marchar sen quitar carto ningún; pero ao 'Carpazo'leváronlle algo máis de catrocentas pesetas"
O Curuxás, Ramón Rodríguez Varela, militante da C.N.T. integrante das guerrillas que andaron por estas terras por aqueles anos , non chegou a ser detido polas forzas franquistas, morrendo no seu agocho na casa do Ramiro o Zarato en Irago de Abaixo (Toques) o 14 de maio de 1967. Dada a súa interesentante traxectoria perfectamente descrita por Carlos Parrado, desde estas páxinas aconsellamos a súa repousada lectura.

Nota)A primeira fotografía é da casa natal do Curuxás, a incorporamos hoxe día 13 de xaneiro de 2012, grazas a Castelo de Pambre ao que lle agradecemos a fotografía.

Seguir lendo...

14/03/10

Da Restauración á Guerra Civil (IV) Das feiras

As feiras, xunto coas romarías e festas – sen esquecer os adros das igrexas, os domingos-- eran os lugares de encontro dunha sociedade rural que aproveitaba estes momentos para intercambiar opinións e saber de como ía o mundo ao seu redor. Ir á feira era un feito, de por si, cargado de simbolismo.Non era un día calquera. Íase á feira para tratar de vender ou mercar aquilo que se necesitaba e o “ axustar” era elemento fundamental nas diferentes transaccións comerciais que alí se desenvolvían. Chegábase cedo, mesmo antes do mencer, cadaquén tiña o seu lugar e a súa función. Feito o negocio, algúns— a outros non llo permitía a súa economía-- participaban da parte lúdica da actividade: nas tabernas, mesóns ou cantinas, comíase, bebíase e celebrábanse as boas operacións do día. O que si é certo é que “cada un falaba da feira segundo lle ía nela”.
Os veciños do lugar desexaban que a feira fose concorrida e con bo número de operacións, pois a maior negocio, maior rendibilidade.Que os veciños estaban interesados en manter estes centros económicos e facilitar o acceso aos mesmos queda reflectido no feito , a modo de exemplo, de como a fins do século XIX, insistíase diante da Deputación Provincial na necesidade de construír o que hoxe coñecemos como Ponte de Ombreiro (25-V-1886) "para facilitar o tránsito ás feiras de Cota, Roimil e Guimarei". Ao tempo, os concellos declaraban camiños de utilidade pública a aqueles que levaban directamente ás feiras, coa mesma finalidade.
Ás veces e debido a aglomeración producíanse choque fortuítos entre as cabalerías – o medio de transporte característico-- e pequenos rabaños de gando, o que xeraba pequenas escorrentadas que producían máis dun susto. Despois dunha feira en Cotá (18-XII-1896), o correspondente do diario "El Regional" pedíalle ao alcalde que adoptase as medidas necesarias para que non volvesen a ocorrer feitos como o relatado.
Pequenos e, ás veces, graves incidentes eran o pan de todas as feiras. Na Feira Grande de Guimarei (26-X-1898) , foi tal o altercado, que houbo un morto e dous feridos ( un deles, un dos gardas civís que tentaban calmar os ánimos).
Pelexas e liortas entre veciños do lugar e gandeiros vidos de fóra  tampouco eran raros: Na feira de Cotá 18-VIII-1924) veciños de Cotá e gandeiros chegados do Veral, Esperante e Santa María Alta, tiveron entre eles máis que palabras.
No mesmo ano, na feira do 4 de setembro en Friol, houbo navalladas: Ir á feira sen levar unha navalla era coma ir espido... e despois pasaba o que pasaba.
Sempre había quen facía a feira pola súa conta e facíase cun botín- produto do roubo – con pouco esforzo e menos escrúpulos: Na mesma localidade que antes citamos o 4 de decembro de 1926, un veciño de Vilafiz, Manuel Racamonde, foi obxecto dun roubo de 2.000 pesetas (oito mil reais) produto da venda de dúas vacas. Alá marchou a ganancia, pois do autor, ou autores, nunca máis se soubo.
Segundo ía avanzando o século ían aparecendo os vehículos de motor cos conseguintes accidentes: Na feira de Cotá  de setembro do 1927, un neno de sete anos por se agarrar á roda de reposto dun coche, no momento de arrincar este, sufríu un accidente (o coche, así reza a noticia do xornal, tiña a matrícula LU-930. O rapaz foi atendido polo médico local e o condutor, nun principio, foi detido.
Había quen introducía moeda falsa: Foi o caso dun veciño que na feira do 4-III-1928, en Friol,  foi detido pola Garda Civil, ao collelo “in franganti".
Outros, sen pagar os impostos establecidos, compraban e vendían e acababan sendo denunciados polos que si os pagaban, e eran detidos. O caso de dous veciños da cidade luguesa (Friol, 4 de xuño do 1928) que andaban polas feiras comprando e vendendo ovos e pitas.
Algúns, polas diferentes razóns que poidamos imaxinar, chegaban a perder unha vaca ( Cotá, 18 de xuño do 1928).
Tamén era lugar propicio para a práctica de xogos nos que caían enredados incautos que perdían o pouco que tiñan pensando na posibilidade de saír favorecido nuns xogos que estaban prohibidos e que eran practicados por verdadeiros especialistas.No ano 1935 na primeira feira do ano en Friol foron detidos uns "maleantes por practicar xogos ilícitos".
Quedan moitas cousas das que non temos constancia. Unha mágoa, non ter a posibilidade de recuperar todo o repertorio que, con seguridade, traían ata estas terras os cegos que ao través das súas coplas viñan informando dos sucesos máis notorios do momento

Seguir lendo...

14/01/10

Outravolta coas feiras

Se xa tiñamos claro a orixe das feiras do 4 en Friol e do 16 en Roimil, quedaba por rastrexar as orixes das feiras do 21 na capital do concello..
Se o principal valedor, no ano 1925, para levar adiante as feiras de Roimil o día 16 de cada mes, foi o alcalde D. José Casanova Cobas ( xa citado noutra entrada), o seu rival e sucesor no cargo D. Segismundo Grande, foi o promotor desta feira do 21 en Friol.
Certo é, que os veciños e entre eles D. Salvador Carballal Palmeiro , mestre da localidade e D. Juan Castrillón, avogado e secretario do xulgado, pedían a celebración dun mercado semanal "por reportar grandes beneficios a los vecinos de este pueblo".
Discutida no pleno ( celebrado o 8 de novembro de 1928) esta proposta, a Corporación Municipal acordou a celebración dunha feira todos os 21 para negociar "con todos los artículos y ganados del país".
Acordouse tamén que a primeira destas feiras habíase celebrar o seguinte 21 de abril do 1.929; como así foi.
Preguntámonos cal sería a reacción dos veciños de Cotá, Guimarei e Roimil, pois sendo do mesmo concello ,estando nun radio non moi distante, e por outro lado a proximidade de datas,  xeraría máis dalgún roce.
Esta feira prolongouse no tempo ata --segundo José Fariñas e Concha Blanco-- ben entrados os anos 80, pero nestes últimos anos carecendo da importancia económica que nun principio parece si tivo; " aínda que sempre foi coñecida como a feira pequena" en contraposición "coa do día 4 que era  a feira grande"

Seguir lendo...

11/12/09

Roimil: A feira

Esta feira comezou celebrándose o día 6 de cada mes. Non sabemos da súa antigüidade, pero non aparece mencionada no Catastro de Ensenada , polo que os seus inicios foron posteriores ao 1749.
O que si temos contrastado, é, que no s. XIX os "Calendarios Gallegos", tan apreciados polos nosos paisanos, si facían referencia á feira de Roimil e situaban a súa celebración o comentado día 6. Isto, cando menos, témolo documentado para o ano 1892.
Esta feira, nun principio, celebrábase nun lugar un pouco máis ao norte do que hoxe é coñecido como Campo da Feira. A, aproximadamente, uns 300 metros hai un campo que leva o nome de Campo das Penas. Aí,  segundo nos relata unha veciña con moitos anos e moi boa memoria, era onde o seu pai falaba de que se celebraban estas feiras.
O curioso do caso é que os veciños polo xeral (e mesmo nun principio esta informante), cando preguntas pola feira de Roimil sitúana no día 16.
Pois ben, isto é unha conxectura: A principios do século XX, deu en celebrarse a feira do 4 na capital do concello. É de supoñer que unha, influíse negativamente na outra. Non é de recibo ir á feira o 4 a Friol, para a continuación, mesmo dous días depois, achegarse a Roimil. As feiras tiñan a finalidade que tiñan, e ou se facían as operacións nunha ou na outra , agás excepcións.
Dado o apoio institucional dada á do 4, supoñemos que a de Roimil iría decaendo e seguramente os veciños tratarían de que o concello lles cambiase a data.
E, aquí xa deixamos os supostos, en novembro de 1925; curiosamente nun xornal da emigración, editado en Bos Aires, "El Heraldo Gallego" (29-XI-1925), publícase a noticia de que a Corporación Municipal de Friol  acordou crear unha feira no campo de Roimil. Para sermos exactos, recóllese no B.O.P do 3 de outubro dese mesmo ano o acordo da Corporación Municipal de data 29 de setembro de 1.925. Presidía o concello D. José Casanova Cobas.
Con todos os parabéns o 16 de novembro dese mesmo ano iniciouse a celebración desta feira da que falamos en Roimil.
A ubicación xa cambiara, ou cambiouse neste momento --non o sabemos--. O que si sabemos é que no chamado Campo da Feira houbo "cinco cantinas que non só daban de comer senón que tamén facían un pouco de tenda, eran tendas mixtas". Alí podíase comprar de todo, desde cravos, ata o aceite, é dicir unha ampla oferta para cubrir as necesidades máis perentorias dos feirantes.
Había pendellos, caseto con báscula para o peso do gando... e temos que pensar que habendo cinco establecementos dedicados á "todería" pois a asistencia debía ser numerosa para manter tanto negocio.
O Campo , de feito, era moito máis grande co da feira de Guimarei, e ocupaba o que hoxe é a praza, pero tamén do outro lado da estrada actual, había unha ampla superficie dedicada ao movemento feiral.
Pouco durou a celebración desta feira. A finais dos anos 50 , deixou de celebrarse. "Só viña un camión da Empresa Montaña" e iso porque os cantineiros forzaban a que viñese para xerar algo de movemento.

Seguir lendo...

30/11/09

Os inicios das "feiras do catro"en Friol.

Nestas terras friolesas houbo de antigo feiras de sona. Xa falamos das do 26 de Guimarei , das que xa hai referencia documentada no século XVIII, e non hai que esquecer as de Cotá ( os 18) pois tamén no Catastro de Ensenada faise referencia á feira como "libre".
Pois ben, rematando o século XIX, e despois duns convulsos anos de vida municipal, aprobouse a construción da estrada que uniría á capital municipal coa capital da provincia.
Corrían os anos 90 e estaba de deputado, representando á provincia lucense, nas Cortes de Madrid o liberal Benigno Quiroga Ballesteros, impulsor e defensor do citado proxecto.
Aproveitando esta nova infraestrutura, os dirixentes locais encabezados polo alcalde do momento D. Ángel Martínez, idearon a realización dunha feira no propio Friol. Así o 4 de xullo de 1.904 comezou a celebración da que sería a "feira do catro".
Cunha boa política de incentivos para promocionar a mesma ( concursos e premios para as mellores cabezas de gando lanar, porcino ou vacún, entre outros) esta feira enraizou rapidamente.
Aínda que, inicialmente, non perderan moito ás outras feiras locais; produciuse certo malestar e algo de envexa, na medida en que o concello miraba máis para a da vila que para as outras. Isto, mesturado co ambiente político do momento xerou fortes controversias, nos primeiros tempos.
Pasado un século, desaparecidas xa hai algún tempo as outras feiras do concello, as autoridades locais decidiron trasladar a feira do catro ao primeiro domingo de mes. Así o 4 de abril de 2006 celébrase a derradeira "Feira do catro".
Para facer promoción do cambio, o concello, usando as mesmas prácticas do seu antecesor, realiza actividades que sirvan como reclamo para que a xente se achegue ata a vila.
Da de Roimil falaremos nunha próxima entrada.

Seguir lendo...

10/07/09

Xoias arquitectónicas no campo da feira de Guimarei

A maior parte destas construcións están feitas en cachotería e recercadas con grosos sillares nos vans. Nalgúns casos, estes adórnanse con relevos. Noutros, a pedra é en si mesma expresión de beleza.

Seguir lendo...

16/11/08

O Campo da Feira de Guimarei

Se botásemos unha ollada atrás aínda poderíamos escoitar a barafunda que nos campos da feira íase xerando mentres se realizaban as transaccións económicas, e as posteriores celebracións que cadrasen, propias destes lugares.

Tanto en Roimil os 16 , como en Cotá os 18 , como neste do que imos falar agora de Guimarei os 26 de cada mes celebrábanse feiras que a partir dos anos 70 do século pasado foron perdendo importancia ao darse un xiro nas relacións económicas , mellorarse os acesos ás grandes vilas e cidades e realizarse as transaccións de gando en puntos concretos destinados a tal fin.


Aínda foi quedando o aquel de ir á feira , ligado o feito ao cobro da pensión nas oficinas bancarias, facer o gasto nas cousas necesarias para a casa e aproveitar a viaxe para comer o polbo, a carne ao caldeiro ou á maragata, dependendo do gusto ou das zonas.
O Campo da Feira de Guimarei tiña unha estrutura permanente , aínda hoxe podemos contemplar o que quedan das edificacións e a que os veciños chaman “Calle da Reina” que atravesa o Campo con casas e casetos a ámbolos dous lados.
Na casa do Mesón -aínda mantén o nome-- lembran os veciños, que para dar de comer aos feirantes, matábase un becerro que era comido nos dous días que duraban as actividades. Os feirantes chegaban pola tardiña do día 25 para ir acomodando as súas pertenzas e a feira desenvolvíase o 26. Isto achéganos unha idea do concorrida que chegou a ser esta feira.
Na actualidade o abandono do que foi o recinto é total, aproveitando os veciños os casetos e algunha das vivendas para gardar neles apeiros de labranza, e outros trebellos de uso diario.
Como “cada un fala da feira segundo lle vai nela” seguramente quedan cousas no tinteiro que podedes completar de ter interese e tempo.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.