Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto_Carballo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto_Carballo. Amosar todas as publicacións

30/04/18

Grupo de teatro Carballo Vivo

Entramos nun maio cargado de actividades no concello friolés. 
Á tradicional romaría do S Benito do Carballo, co correspondente Domingo das Poxas ( 3 e 6 de maio), incorporóuselle xa hai anos as Xornadas que desenvolve a asociación Carballo Vivo na mesma parroquia os días 17, 19 e 26 do mesmo mes.
Por outra parte este ano incorpórase a celebración do 2º Friulio ( celebrado o ano anterior no mes de marzo) na fin de semana do 12 e o 13.
Polo que a nós toca realizaremos a estrea da montaxe teatral “A escola en branco e negro” o mesmo 17 dentro do programa das Xornadas de Carballo.
Tomando o testemuño iniciado o pasado ano por Carballo Vivo, (lembramos a éxitosa representación da Galiña Azul de C. Casares) preparamos unha montaxe "traxicómica" que reflicte a escola duns tempos escuros, cuns monólogos en clave de humor que repasan os feitos nunha hipotética escola de primeiros dos anos sesenta.
Cunha nutrida representación feminina o grupo de teatro leva ensaiando esta montaxe desde primeiros de xaneiro coa mirada posta no Día das Letras Galegas.
Posteriormente faranse máis representacións das que iremos informando no seu momento.
O grupo está formado por Rocío del Río, Marta Fernández, Lucía Cabado, Mar Pérez, Jennifer Morandeira, Antía Iglesias, Ánxela Maneiro, Silvia Loureiro, Ana Hermida, Mª José Lamas e Silvia Cabado.
Esperamos contar coa vosa presenza o 17 de maio.

Seguir lendo...

23/04/18

O 3 de maio na memoria dos nosos maiores

Xa falamos noutras entradas do S. Benito, das Cruces de maio e do S. Marcos da Frieiría.
Deixamos aquí agora uns retallos da sesión do Obradoiro da Memoria celebrado en maio do 2014 en Carballo, e no que a veciñanza da parroquia fai lembranza destas celebracións.
Estes rituais que veñen de antigo e evidentemente foron cristianizados no seu momento, desenvólvense por toda a xeografía galega baixo diferentes advocacións.
Acordamos desta sesión do Obradoiro, que tiñamos arquivada, ao sermos coñecedores dun ritual que se leva a cabo en Laza ( concello ben coñecido polo seu Entroido e os seus peliqueiros) baixo a epígrafe do Santo Cristo que cun gran valor etnográfico seguen a celebrar nestes tempos e que xira sempre ao redor do día 3 de maio, como o noso S Benito, aínda que os tempos actuais obríganos a achegalos á fin de semana máis próxima a esta data.



Nota: A fotografía que ilustra a entrada é da romaría celebrado no ano 1964 e é dun grupo de amigos do barrio da Ponte de Lugo no S Benito dese ano. ( fotografía publicada no diario El Progreso o 3 de maio de 2014

Seguir lendo...

19/11/17

Pagou a pena !

Esta fin de semana participamos en dúas actividades que veñen a simbolizar o tránsito da dinámica desenvolta ata a data, por este caderno, a un novo camiño iniciado polo proxecto que baixo o mesmo nome que o blog, promove a Asociación Carballo Vivo.

O venres fomos convidados pola Facultade de Ciencias da Educación da USC a relatar o que foi o camiño de "Friol: algo máis que pan e queixo" desenvolto ao longo dos cursos 2007/2016 no CPI Dr. López Suárez. Completaba esta nosa exposición o percorrido que o alumnado de 4º de Pedagoxía fixera pola Rede Museística Provincial -- con visita ao Museo de Lugo e ao de S Paio de Narla -- e o coñecemento doutro importante proxecto coordinado por Antonio Reigosa, como é o de Galicia Encantada.

Só agradecer a Suso Rodríguez a invitación a participar nesta actividade e á acollida, que coma sempre, recibimos en San Paio, da man de Paquita, Ana e Carmiña. Grazas.
Por outra parte, o sábado deu inicio o proxecto do que xa informamos nunha entrada anterior e que, como actividade, tiña previsto o percorrido guiado pola parroquia de Anafreita, para por un lado recoñecer e poñer en valor o patrimonio material da citada parroquia, e polo outro recuperar algo do seu patrimonio inmaterial.
A xornada foi un éxito -- achegándonos aos vinte participantes--, que fomos escoitando de vagar as explicacións que nos ía achegando a veciñanza: Marino, Elida e Suso foron debullando pequenas historias das que iremos dando conta desde este caderno; como remate, na Casa da Torre fomos agasallados cun café e cunhas noces cheas de agarimo.
Cansados si, porque a ruta foi longa e con algún desnivel para alpinistas, pero cremos que como inicio, certamente (como encabezamos esta entrada) pagou a pena!

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.