19 novembro 2017

Pagou a pena !

Esta fin de semana participamos en dúas actividades que veñen a simbolizar o tránsito da dinámica desenvolta ata a data, por este caderno, a un novo camiño iniciado polo proxecto que baixo o mesmo nome que o blog, promove a Asociación Carballo Vivo.

O venres fomos convidados pola Facultade de Ciencias da Educación da USC a relatar o que foi o camiño de "Friol: algo máis que pan e queixo" desenvolto ao longo dos cursos 2007/2016 no CPI Dr. López Suárez. Completaba esta nosa exposición o percorrido que o alumnado de 4º de Pedagoxía fixera pola Rede Museística Provincial -- con visita ao Museo de Lugo e ao de S Paio de Narla -- e o coñecemento doutro importante proxecto coordinado por Antonio Reigosa, como é o de Galicia Encantada.

Só agradecer a Suso Rodríguez a invitación a participar nesta actividade e á acollida, que coma sempre, recibimos en San Paio, da man de Paquita, Ana e Carmiña. Grazas.
Por outra parte, o sábado deu inicio o proxecto do que xa informamos nunha entrada anterior e que, como actividade, tiña previsto o percorrido guiado pola parroquia de Anafreita, para por un lado recoñecer e poñer en valor o patrimonio material da citada parroquia, e polo outro recuperar algo do seu patrimonio inmaterial.
A xornada foi un éxito -- achegándonos aos vinte participantes--, que fomos escoitando de vagar as explicacións que nos ía achegando a veciñanza: Marino, Elida e Suso foron debullando pequenas historias das que iremos dando conta desde este caderno; como remate, na Casa da Torre fomos agasallados cun café e cunhas noces cheas de agarimo.
Cansados si, porque a ruta foi longa e con algún desnivel para alpinistas, pero cremos que como inicio, certamente (como encabezamos esta entrada) pagou a pena!

2 comentarios:

Xosé González

Prezados colegas,
Espero que o tránsito da dinámica que indicades sexa para ben e que sigamos contando con estas interesantes publicacións.
Saúdos cordiais,
Xosé González

Terras de Friol

Grazas polos ánimos.
Un saúdo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.