Esta fin de semana participamos en dúas actividades que veñen a simbolizar o tránsito da dinámica desenvolta ata a data, por este caderno, a un novo camiño iniciado polo proxecto que baixo o mesmo nome que o blog, promove a Asociación Carballo Vivo.
O venres fomos convidados pola Facultade de Ciencias da Educación da USC a relatar o que foi o camiño de "Friol: algo máis que pan e queixo" desenvolto ao longo dos cursos 2007/2016 no CPI Dr. López Suárez. Completaba esta nosa exposición o percorrido que o alumnado de 4º de Pedagoxía fixera pola Rede Museística Provincial -- con visita ao Museo de Lugo e ao de S Paio de Narla -- e o coñecemento doutro importante proxecto coordinado por Antonio Reigosa, como é o de Galicia Encantada.
Só agradecer a Suso Rodríguez a invitación a participar nesta actividade e á acollida, que coma sempre, recibimos en San Paio, da man de Paquita, Ana e Carmiña. Grazas.
Por outra parte, o sábado deu inicio o proxecto do que xa informamos nunha entrada anterior e que, como actividade, tiña previsto o percorrido guiado pola parroquia de Anafreita, para por un lado recoñecer e poñer en valor o patrimonio material da citada parroquia, e polo outro recuperar algo do seu patrimonio inmaterial.
A xornada foi un éxito -- achegándonos aos vinte participantes--, que fomos escoitando de vagar as explicacións que nos ía achegando a veciñanza: Marino, Elida e Suso foron debullando pequenas historias das que iremos dando conta desde este caderno; como remate, na Casa da Torre fomos agasallados cun café e cunhas noces cheas de agarimo.
Cansados si, porque a ruta foi longa e con algún desnivel para alpinistas, pero cremos que como inicio, certamente (como encabezamos esta entrada) pagou a pena!
2 comments:
Prezados colegas,
Espero que o tránsito da dinámica que indicades sexa para ben e que sigamos contando con estas interesantes publicacións.
Saúdos cordiais,
Xosé González
Grazas polos ánimos.
Un saúdo
Publicar un comentario