11/11/17

Por feiras e mercados (Friol tamén existe)

No Arquivo Histórico Provincial de Lugo estes días, e ata fins de xaneiro, pódese visitar a exposición "Por feiras e mercados" na que se poden contemplar 60 fotografías que reflicten unha mostra da actividade feiral, como elemento dinamizador tanto da vida económica como da vida social, desenvolta na provincia de Lugo ao longo de todo o século XX.
Na mesma podemos contemplar diferentes instantáneas de feiras como a de Monterroso, San Froilán, O Páramo, Monforte,...  quedando coas gañas de ver algunha fotografía, das importantes feiras, que no seu momento, se desenvolveron no concello de Friol. 
O Arquivo do fotógrafo Jose Luis Vega, asturiano que dende o ano 1940 ata a súa xubilación no 1978 percorreu a provincia coa súa cámara recollendo todo o que en Lugo sucedeu neses tempos, é o eixo fundamental, que non o único, sobre o que se apoia esta exposición.
Vega, frecuentaba Friol, e de feito hai algunha fotografía das feiras de Friol, publicadas no diario "El Progreso"  (como a que ilustra a entrada ) que ben podía estar incorporada á citada mostra.
De todas formas, algún problema  puntual coa catalogación dos fondos deste fotógrafo asturiano debe haber porque noutra exposición "Mujeres del s. XX: Luces y sombras"aparecía unha imaxe dun grupo realizando unha exhibición ximnastica infantil da Sección Feminina que sitúan no noso concello, cando realmente tal acto levárase a cabo no concello do Saviñao, na parroquia de Fión.
Pese ao dito hai que felicitar o Arquivo polo labor feito nestes últimos tempos, dando a coñecer mediante diferentes exposicións e mesmo nas redes sociais innumerables fotografias e documentos que axudan a entender mellor a nosa sociedade lucense.
Ao tempo esta entrada dá pé para ir pensando en tratar de facer un arquivo gráfico especificamente friolés.
Seguro existen fondos fotográficos, e contando coa boa vontade por parte da veciñanza propietaria dos mesmos, podería dar pé para  chegar a artellarse un Fondo Fotográfico Común de acceso libre. Experiencias deste tipo somos coñecedores de concellos onde se están desenvolvendo.
Esta idea está integrada no proxecto que lideran os de Carballo Vivo do que falamos na anterior entrada e sería unha ferramenta que permitiría reunir nun mesmo fondo as fotografías deste amplo concello.
Nota A fotografía de Vega saiu publicada o día 31 de decembro de 1970 no diario El Progreso

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.