31/01/09

Febreiro

Febreiro é o segundo mes do ano. É o máis curto de tódolos meses. Agás os anos bisestos, conta nada máis que con 28 días. Nunha ocasión e por axustes do calendario chegou a ter 30 días, pero isto ocorreu cando os avós dos nosos avós non foran nados.
Februarius ( que é como lle chamaban os romanos) recibe o seu nome da deusa Februa, nai de Marte.
Era o mes das purificacións. É neste mes cando se  celebra o día da da Purificación (cristianización do rito) que é o día da Candeloria.
Sei que unha vella no monte díxolle ao mes:
Vaite, febreiriño corto
cos teus días vinteoito,
que se duraras máis catro
non quedaba can nin gato
Algúns aseguran que a vella continuou dicíndolle:
nin ratiño no burato,
nin ovella rabela,
nin pastor para ir con ela
nin cornos no carneiro
nin orellas ó pregoeiro.
A principios deste mes celébrase, como xa dixemos, a Candeloria ( o día 2) e o san Brais ( o día 3)
Se a Candeloria chora
medio inverno vai fóra.
Que chore ou deixe de chorar
medio inverno está por pasar.
Di o refraneiro que "polo san Brais unha hora máis" - informándonos do medrar imparable dos días-- e que "se xea polo San Brais, sesenta xeadas máis". Hai que lembrar que este santo é o avogado especializado nas doenzas da gorxa.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.