Amosando publicacións coa etiqueta Carballo Vivo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carballo Vivo. Amosar todas as publicacións

19/11/24

Xornadas: O segredo do humor

Este próximo sábado, 23 de novembro, o venres 29 e os dous primeiros domingos de decembro, desenvolveranse en Carballo ( o sábado) e Friol (ovenres e os domingos de decembro) unhas actividades que a asociación determinou encabezar como Xornadas: "O segredo do humor", cunha, máis que evidente, chiscadela ao ensaio de Cilistro Fernández de la Vega.
O sábado 23 a sesión será dobre: pola mañá unhas lambiscadas científicas que tratarán sobre o perigo das enfermidades producidas polas carrachas, e xa cun ton máis humorístico ofertarase un monólogo dirixido polo sempre exitoso Celso Sanmartín.
O venres 29, pola tarde o grupo Bátega teatro porá en escena "O pano".
Os domingos 1 e 8, tamén en sesións de tarde representaranse dúas obras: unha por parte do grupo de teatro Falcatrueiros de Monterroso: "O asasinato en Brooke Manor" e outra o grupo de Sarria, Rebuldeira teatro que escenificará unha versión de "Os vellos non deben namorarse".
Deixamos aquí ligazón informativa sobre os grupos de teatro e as súas montaxes.

Seguir lendo...

16/05/24

Carballo Vivo celebra o Día das Letras Galegas

 


Este sábado 18 ás cinco da tarde no Centro sociocultural terá lugar o acto central do Día das Letras Galegas na vila friolesa.
Actividade organizada por Carballo Vivo, presentada por David Espiño e que contará coa presenza de Mercedes Queixas que desenvolverá o relatorio "Nos pasos de Luísa Villalta"
Luísa Villalta é a persoeira a quen se lle dedica o Día das Letras este ano.
Falar de Luísa Villalta é falar de compromiso, falar de presente , do seu e do noso, e de futuro. Tedes aquí unha ligazón para coñecer máis polo miúdo a vida e obra desta poliédrica profesora de galego, escritora, violinista e sobre todo activista en todo aquilo que supuxese defensa de dereitos e avances no social, no político, no cultural... unha muller do seu tempo, do noso tempo.
Como mostra de todo o antedito queda aquí un pequeno fragmento do poema Debilidade que forma parte do volume "Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina" que publicou no ano 2003 a Fundación Araguaney.

Porque non son soldado nin suicida,
confeso que son débil 
e que na miña debilidade
vin os ollos da morte,
e tiñan o meu nome, Xerusalén,
un nome maullado pola destrución.
Confeso que son débil 
e que vivo ofuscada polo vicio da razón 
que me fai ensoñar un mundo poderoso de xustiza 
(...) 
Eu confeso que son débil, 
que son moito máis débil que o odio 
máis débil que a pobreza ante a riqueza innegociábel 
máis estraña que o hábito vencido da represión. 
Por iso pido a paz 
pido a paz e un estado popular 
para o pobo pobre
débil coma min en Palestina 

Fachada da Facultade de Xeografía e Historia con bandeiras en apoio ao pobo palestino



Seguir lendo...

06/05/24

Friulio 2024

Esta próxima fin de semana celébrase na vila friolesa a xa asentada festa de recreación histórica, Friulio.
Aquí queda o programa desta sexta edición no que queremos destacar a declaración como persoeiro de honra a Asociación Carballo Vivo.
Esta asociación xa ten un longo percorrido; foi creada no ano 2012 por activos comuneiros dos montes de Carballo, encabezados por Ángel Buján (Lito) (primeiro secretario) e José Manuel Espiño (primeiro presidente).
Destacar tamén a rápida incorporación de socios e socias con moitas gañas de traballar o que impulsou unha chea de actividades das que todos os frioleses son coñecedores cando non partícipes.
Nós, como Algo máis que pan e queixo participamos nos primeiros pasos da asociación achegando o noso gran de area nas primeiras Xornadas de Interpretación e Dinaminación do Medio Rural, ben con algunha exposición, ben con algunha montaxe teatral. Experiencias ambas persoalmente enriquecedoras.
Celebramos este recoñecemento que A Castronela  ten con Carballo Vivo e xa só queda desexar que estas dúas asociacións sigan medrando.
Programa do VI Friulio (2024)


Seguir lendo...

08/02/24

Tres novas, algún considerando e unha addenda


Hoxe xoves de comadres, sen orde de prelación ningunha, facémonos eco de tres (boas)  novas ás que engadimos uns considerandos e unha addenda como reza o título. 


En primeiro lugar celebrar a esperada proxección do vídeo que resume as actividades de “Cóntame un mundo” realizadas na vila friolesa o pasado mes de xullo, da man de Raquel Queizás e Alba Vales e que tan boa acollida tiveran (ver ligazón).
Poderase ver o próximo sábado dezasete de febreiro no centro sociocultural, aínda sen rematar de dixerir o Entroido e en plena xornada de reflexión ( lembrade que o domingo dezaoito podemos optar por seguir co desmantelamento dos servizos públicos ou non. Somos nós quen decidimos).

En segundo lugar celebrar o traslado da feira para o centro da vila. Aínda que máis ben habería que dicir que a feira volve ao lugar de onde nunca debeu saír. 
Corre a lenda entre a veciñanza que fala que o anterior alcalde gabábase de non facer gasto no comercio local. Nós non sabemos se sería certo, pero se cadra ese desleixo foi o que orixinou o desterro da feira ás aforas da vila, deixando esta orfa dun mercado que animaba ao pobo friolés a achegarse e facer algo de gasto nos locais comerciais (que nestes tempos toda achega é pouca). 
Pois ben, aínda que tardou máis do desexado ( este goberno municipal está na súa terceira lexislatura) e non sabemos se aproveitando a coxuntura electoral, devolven a feira á vila.
O que en tempos foi "feira do catro”, (ver ligazón) que no 2006 pasou a celebrarse o primeiro domingo de mes, e que desde hai máis de dez anos levábase a cabo no Mercado gandeiro volve ao seu. 

Por último unhas palabras para o cocido e posterior corrida do Entroido que se desenvolverá este sábado dez de febreiro. Organizada desde tempo atrás pola asociación Carballo Vivo vai collendo xa ton tradicional. Como todos os anos o punto de encontro é o seu local social ( antiga escola de Carballo). Á actividade está convidada toda a veciñanza, non só @s soci@s. 
Cremos que chegou o momento de propoñer un estudo serio e pormenorizado do vello Entroido friolés. Algunha entrada hai neste blog con información textual e mesmo gráfica tanto do Entroido nalgunha parroquia, como do carnaval vilego. Porén, é necesario recoller, revisar e recuperar toda a información que de seguro as persoas de idade teñen na súa memoria dos Entroidos da súa mocidade, ou da dos seus antepasados. 


Entroido 2006

No colexio friolés en tempos de Pepita Regueiro, Teresa Vila, Ana Núñez, Carlos Veiga,... desenvolvéronse actividades no propio centro co correspondente desfile pola vila. 
Nós mesmos temos participado elaborando unidades didácticas sobre este ciclo festivo onde non faltaba as coplas tan típicas destas festas.
O entroido xa está aquí 
darémoslle volta a todo!
Se quedase algo a dereitas 
dirían que estamos tolos. 
Das coplas do Entroido 2001 

Por non falar dos mecos ( xa tradición) elaborados polo alumnado de 4º da ESO na área de Plástica
Devecemos por ver a creación deste ano! 
Meco do Entroido 2007


Pois iso: alguén debería animarse a completar o estudo. 
Dicimos isto porque observamos como en moitos lugares da xeografía galega estase a facer esta recuperación, ben a través dos propios concellos ou pola diferentes asociacións culturais, e pensamos: por que en Friol non ? 
Mercado, Colmeiro

E vai a addenda:
O cartel anunciador do cambio de lugar da feira ( védelo nesta entrada) ) indica “A feira do mes volve ao pobo” 
Ao pobo non pode volver, porque o pobo é a alma máter da feira! Sen el non hai feira! 
Explicámonos: Como temos unha lingua moi rica, pobo en galego é exclusivamente o grupo humano,... de persoas cunhas características propias que o identifican , así falamos (pouco) do xenocidio do pobo palestino, do pobo galego chamado ás urnas, e mesmo podemos falar dun pobo friolés ben guiado. 
Porén se nos queremos referir a unha entidade de poboación, sexa a que sexa, debemos empregar outros substantivos e non trasladar o “pueblo” castelán ao noso “*pobo”.
Así podemos falar da vila de Friol, do concello de Friol, da parroquia de Carballo, da aldea de San Martiño, do barrio da Milagrosa,... Sería máis correcto, entón, que o citado cartel fixese gala de que 
“A feira do mes volve á vila”

Bo Entroido!

Seguir lendo...

30/05/19

As mulleres do Narla en Friol

Dada a boa acollida da representación, na Torre de San Paio, da obra "Mulleres do Narla: cambiemos o conto" e que houbo quen que quedou sen poder vela, decidimos facer unha nova representación, nesta ocasión no Centro sociocultural de Friol o próximo domingo día 9 de xuño.
Esperámosvos

Seguir lendo...

13/05/19

Mulleres do Narla: cambiemos o conto

Este venres ás 18.30 horas na Fortaleza de S Paio de Narla da Rede Museística Provincial estrearase a montaxe “Mulleres de Narla: cambiemos o conto”, do grupo de teatro Carballo Vivo. 
Nesta ocasión viaxaremos desde o afastado século XVI - partindo do lendario-- ata os nosos días, tendo como eixo transversal  a vida e pensamentos de diferentes mulleres de diferentes épocas e diferentes sensibilidades que reflicten o que foi e segue a ser unha cosmogonía patriarcal que inundaba e inunda o día a día.
De aí ese desexo que desprende o título e que reflicte a necesidade de deixar esas actitudes paternalistas e posesivas que impiden o pleno desenvolvemento da metade da poboación, tan só por cuestión de xénero.
A obra en clave de humor pretende ser inicio dunha necesaria reflexión colectiva sobre o papel que desenvolveu e desenvolve a muller nunha sociedade tradicional como a nosa, e que esa reflexión sexa motor de inicio que permita aos poucos cambiar o conto.
As risas podemos aseguralas, as reflexións xa son cousa de cadaquén, esperamos xerar algunha incomodidade.
Esperámosvos

Seguir lendo...

25/03/19

Teatro de Friol en Santiago

Dentro das V Xornadas de Innovación Educativa Rural organizadas pola Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC, que se van desenvolver esta semana en Santiago de Compostela, no Campus Norte da citada Facultade, o grupo de teatro Carballo Vivo vai representar de novo "Unha escola en branco e negro".
Estes días paramos os ensaios da nova obra que andamos preparando para maio e, ás ordes dunha moi severa dona Virtudes e baixo a atenta mirada do señor alcalde, a vixilancia moral do señor cura e a supervisión da señora inspectora, as alumnas realizaron uns novos ensaios a xeito de recordatorio para que este mércores volvan colleitar os mesmos éxitos que até o de agora.
Así que xa sabedes se vos cadra achegarvos seredes ben recibidas.
O programa das xornadas é este que deixamos aquí enlazado.


Seguir lendo...

10/06/18

Para espallar



Onte desenvolveuse no Centro sociocultural friolés, por un lado a entrega dos premios de investigación convocados, por segundo ano consecutivo, pola asociación cultural Carballo Vivo coa colaboración da USC e do propio Concello.
Xa comentamos na entrada anterior quen eran os premiados e a satisfacción que en nós xeraba que o segundo premio recaese nunha exalumna nosa.
No acto protocolario de entrega dos premios, tanto o representante da Universidade, como o da propia asociación convocante, fixeron fincapé na importancia de espallar a existencia destes premios como os mesmos traballos, que en definitiva, repercuten nun maior coñecemento do noso patrimonio municipal e polo mesmo na necesaria esixencia dun maior compromiso na súa conservación.
Na quenda dos premiados non queremos esquecer as cariñosas palabras de Ana Fariñas cos coordinadores do que foi Friol: algo máis que pan e queixo,  proxecto que hoxe ten continuidade nas mans de Carballo Vivo.
Despois da presentación por parte de Xabier Moure do primeiro premio, Mámoas e petróglifos de Friol, traballo feito en colaboración con Brais Rodríguez, este último puxo voz pública a unha queixa que xa escoitaramos en diferentes ocasións no concello, sempre en voz queda: A lóxica recuperación do espazo feiral tradicional para a celebración da feira que se vén facendo os primeiros domingos de cada mes; petición que foi acompañada dunha estrondosa ovación. Habería que tomar nota.
A segunda parte do acto, breve, foi a presentación da segunda ruta polas parroquias do concello, en concreto por Cotá, que se desenvolverá o próximo día 23 de xuño. 
Por último, o grupo de teatro da asociación representou novamente "Unha escola en branco e negro" obtendo un novo éxito, tanto  de interpretación por parte das actrices como de público, do que esperamos que entre as risas xeradas pola posta en escena da montaxe, quedase o pouso das mensaxes críticas que a mesma destila.
Rematou a xornada cunha cea. 
Queremos agradecer a toda a veciñanza que participou nas actividades programadas a súa asistencia ás mesmas. En definitiva é ela a encargada de poñer en valor isto que é noso, que debemos coñecer e defender.
Xa para rematar queremos permitirnos felicitar especialmente as mulleres que restando tempo do seu tempo, co cariño e dedicación da que son capaces -- que non é pouco--  foron quen de artellar unha montaxe teatral dinámica e divertida que esperamos sexa a primeira dunha longa serie.
Parabéns 

Seguir lendo...

27/05/18

Entrega do II Premio de investigación sobre Friol

Onte remataron as Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural cunha serie de charlas relacionadas coa produción agrogandeira e co consabido debate sobre o mundo do lobo e posterior ruta nocturna polo monte da parroquia.
Mais a actividade da asociación Carballo Vivo continúa.
Esta semana déronse a coñecer os premiados no II Premio de investigación Concello de Friol 
Xabier Moure e Brais Rodríguez foron os gañadores cun traballo sobre as mámoas e petróglifos do concello friolés. O segundo premio foi para a veciña do concello e exalumna nosa Ana Fariñas con un estudo sobre a prehistoria.
Os premios faranse entrega no acto que terá lugar o próximo sábado día 9 de xuño no centro sociocultural de Friol
No mesmo acto presentarase a segunda ruta do proxecto,"Friol: algo máis que pan e queixo" e representarase a montaxe teatral "Unha escola en branco e negro" a cargo do Grupo de Teatro Accidental Carballo Vivo que foi estreada con notable éxito o pasado Día das Letras Galegas na escola de Carballo.
A hora de inicio das actividades é as 19.30 horas.

Seguir lendo...

20/05/18

Homenaxe a Celestino Fernández de la Vega

Na tarde de onte e dentro das Xornadas que Carballo Vivo desenvolve por sexto ano consecutivo, tivemos a sorte de escoitar a Ramón López Vázquez e María Xesús Vázquez Lobeiras, verdadeiros coñecedores da vida e obra de Celestino Fernández de la Vega (CVF); a isto engadir o luxo de contar coa participación da viúva Mª Luisa Maceda e o fillo do filósofo Alberto Fernández de la Vega.
O que iniciou sendo unha merecida homenaxe ao pensador friolés, ao pouco converteuse en plataforma vindicativa da súa figura e proxección, no só no concello senón no ámbito galego.
Despois de realizar un pormenorizado paseo pola vida e obra do Cilistro e lembrar  (Concha Blanco) anteriores iniciativas que tentaban recuperar a memoria de CFV no seu concello natal, iniciativas fracasadas polo desinterese dos mandatarios municipais do momento, fíxose un chamamento para tratar de que CFV teña o recoñecemento que merece.
Así, por un lado saíuse coa idea clara de promover a candidatura para o Día das Letras Galegas ( lembrar que no 2014 quedou fóra por un só voto) e pola outra seguir vindicando un espazo público ou local municipal que leve o seu nome e visibilice a súa importancia. 
A todo isto habería que lle engadir a proposta de creación de grupos de traballo que poñan en valor a importancia deste galeguista e europeísta do que tivemos a sorte de que fose nado en Friol.
Agora só queda pór en marcha todas as iniciativas que quedaron perfiladas.
A traballar !

Seguir lendo...

18/05/18

Estreamos as Xornadas e a montaxe teatral

Onte, 17 de maio, botaron a andar as 6ª Xornadas de interpretación e dinamización do mundo rural cunha sesión vespertina intensa.
Despois da consabida presentación das mesmas e entre a lectura de fragmentos da obra da autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, Mª Victoria Moreno a cargo do alumnado do CPI Dr. López Suárez e a actuación musical do grupo de Monterroso "25 xastres", tivo lugar a representación teatral "Unha escola en branco e negro" a cargo do grupo de teatro da propia asociación que promove estas xornadas.
Cun local social ateigado, estreouse a montaxe na que o grupo leva traballando arreo desde hai tempo.
A actuación se a temos que valorar pola entrega do público, foi todo un éxito; pero non era para menos pois o desenvolvemento da obriña foi levada con verdadeiro entusiasmo e bo facer por parte de todas as actrices que saíron a escena.
"Unha escola en branco e negro" é unha análise crítica da educación dos tempos da ditadura franquista, con diferentes escenificacións dunha escola daqueles tempos en clave de humor e pequenas reflexións críticas das que se poden tirar ensinanzas válidas para o tempo presente.
Só queda agradecer a todas as persoas que, dun ou doutro xeito, fixeron que esta montaxe fose posible, sen esquecermos dar as grazas pola agarimosa acollida do público presente.

Nota: Lembrar que as Xornadas continúan este sábado 19, coa mañá dedicada a unha charla sobre saúde e a tarde á homenaxe a Celestino Fernández de la Vega e a actuación do narrador oral Lois Pérez

Seguir lendo...

23/04/18

O 3 de maio na memoria dos nosos maiores

Xa falamos noutras entradas do S. Benito, das Cruces de maio e do S. Marcos da Frieiría.
Deixamos aquí agora uns retallos da sesión do Obradoiro da Memoria celebrado en maio do 2014 en Carballo, e no que a veciñanza da parroquia fai lembranza destas celebracións.
Estes rituais que veñen de antigo e evidentemente foron cristianizados no seu momento, desenvólvense por toda a xeografía galega baixo diferentes advocacións.
Acordamos desta sesión do Obradoiro, que tiñamos arquivada, ao sermos coñecedores dun ritual que se leva a cabo en Laza ( concello ben coñecido polo seu Entroido e os seus peliqueiros) baixo a epígrafe do Santo Cristo que cun gran valor etnográfico seguen a celebrar nestes tempos e que xira sempre ao redor do día 3 de maio, como o noso S Benito, aínda que os tempos actuais obríganos a achegalos á fin de semana máis próxima a esta data.



Nota: A fotografía que ilustra a entrada é da romaría celebrado no ano 1964 e é dun grupo de amigos do barrio da Ponte de Lugo no S Benito dese ano. ( fotografía publicada no diario El Progreso o 3 de maio de 2014

Seguir lendo...

17/04/18

6ª Xornadas de interpretación e dinamización do mundo rural

Un ano máis e van polo 6º, a asociación friolesa Carballo Vivo, propón outros tres días de actividades nas que se mesturan temas relacionados co sector agrogandeiro, co mundo propiamente cultural da vila e por extensión da comunidade galega, sen deixar de lado os temas estrela das xornadas como veñen sendo o lobo e os aspectos sociosanitarios da poboación rural.
Desenvolveranse no local social de Carballo os días 17, 19 e 26 de maio, agás a tarde do 19 no que as actividades trasládanse ao Centro Sociocultural de Friol, e claro está a saída nocturna do día 26 que percorrerá o monte da parroquia,
Queremos destacar este ano a figura homenaxeada : Celestino Fernández de la Vega, filósofo friolés maiormente ignorado na súa vila natal, e que recibirá da man desta activa Asociación a homenaxe que se merece con, cremos,  algunha sorpresa agochada. Nesta sesión contarase coa presenza de estudosos da súa figura e mesmo algún familiar.
Indicar tamén que seguindo coa proposta teatral iniciada o pasado ano, a asociación presenta a montaxe "Unha escola en branco e negro" que seguro non vai deixar a ninguén indiferente.
O lobo, a saúde mental, actuacións musicais, monólogos a cargo de Lois Pérez , especialistas na xestión do lobo, coñecedores da agricultura ecolóxica, e mesmo alumnado do colexio do concello, completan unhas xornadas que coma sempre seguro acadan o éxito que se merecen.

Seguir lendo...

04/12/17

Obradoiros da memoria (I)

Dentro do proxecto desenvolvido estes anos atrás, fixeramos un oco para escoitar a voz dos nosos maiores, contando coa colaboración da Asociación Carballo Vivo
En sesións distendidas nas que se mesturaban cafés e lembranzas, a propia veciñanza da parroquia de Carballo foi achegando os seus recordos e vivencias que foron recollidos e serviron para documentar algunha das sesións das Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural e nalgún caso para publicar pequenos vídeos no blog Ao pé do Carballo.
A día de hoxe consideramos que estes vídeos deben ocupar un  espazo neste caderno pois , sen dúbida son parte importante da memoria do concello.
Hoxe incorporamos este primeiro que no seu momento foi publicado baixo o título de "O meu outono" ( publicado o 28 de marzo de 2014)

Seguir lendo...

09/11/17

Un novo proxecto de Carballo Vivo

Un novo proxecto da man de Carballo Vivo ten previsto botarse a andar o próximo sábado día 18 de novembro. Co título de "Algo máis que pan e queixo" iníciase o que pretende ser unha serie continuada de visitas guiadas polas diferentes  parroquias do concello.
Como por algún lado había que comezar, escolleuse Anafreita como primeira parroquia a visitar. 
A actividade consiste nunha andaina que nos permitirá coñecer ou recoñecer os diferentes elementos significativos que conforman o conxunto da parroquia visitada. Aquí entran elementos arquitectónicos, medio natural, tradición oral, historia,... en resume un paseo para recoñecer o valor patrimonial material e inmaterial que cada lugar nos ofreza.
A idea final é recoller todas, as seguras, achegas e poñelas a dispor de toda a veciñanza, a través de  reportaxes gráficas, escritas, sonoras ou audivisuais, (irase vendo) que condensen todo o que de interese tiremos da visita.
O resultado final quedaría publicado neste blog que inicia así unha nova etapa na que pretende seguir fiel aos principios do proxecto que deu pé a esta publicación alá polo ano 2008.
Só queda animar a quen se queira animar a facer a Ruta que como indica o cartel será este sábado 18 de novembro pola mañá.

Seguir lendo...

18/05/17

Remataron as Xornadas de Carballo Vivo


Onte remataron as V Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural organizadas por Carballo Vivo. Despois de dúas fins de semanas consecutivas nas que se abordaron a problemática do lobo e a enfermidade do Alzheimer entre outras actividades, onte levouse a cabo a terceira sesión das Xornadas facéndoa coincidir coa celebración do Día das Letras Galegas.
Así puidemos asistir á montaxe teatral de Isabel Risco, que se a temos que xulgar polo interese do público e os aplausos recibidos  foi todo un éxito, e  á non menos exitosa presentación do incipiente grupo de teatro que a propia asociación friolesa está poñendo en marcha.
Aínda que a peza foi moi breve, puidemos constatar que hai madeira e que coa afouteza e valentía que caracteriza á xente de Carballo Vivo, seguro que se vai consolidar como outro eixo de traballo da citada asociación.
Rematou a sesión con música tradicional a cargo do grupo A Fonte de Merlán.
Non nos toca a nós avaliar o resultado das xornadas pero, desde logo, o que si podemos dicir é que lembrando o Imagine de Lennon que soou nunha das sesións non poderiamos imaxinar a día de hoxe o concello friolés sen Carballo Vivo.
Nota: As imaxes reflicten diferentes momentos da sesión de onte.

Seguir lendo...

20/04/15

As Xornadas de Carballo ( III )

Dentro das Xornadas de Carballo presentouse tamén, baixo o título "A escola do concello: un achegamento" un pequeno percorrido polo concello friolés tendo como referente a creación de unidades escolares publicas a partir da posta en vigor da Lei Moyano de 1857.
Iniciamos o citado percorrido cos datos recollidos por Pascual Madoz no seu Diccionario geográfico publicado no ano 1845 que é o primeiro documento que se atopou que faga mención ás escolas nas diferentes parroquias do concello. 
A partir de aí e rematando o camiño no ano 1950 fíxose un paseo acompañados pola memoria dun bo número de mestres e mestras que puxeron escola nestas terras ao longo deses cen anos.
Deixamos aquí a presentación que serviu de soporte gráfico para a citada exposición.


Seguir lendo...

18/04/15

Xornadas de Carballo Vivo ( I )

Hoxe pola mañá no marco das 3ª Xornadas de Dinamización do Medio Rural, desenvolvéronse as sesións relacionadas coa escola en tempos pretéritos.
Nas mesmas perfilamos as características sobranceiras  que explican desde unha perspectiva socio-política o contexto no que se desenvolveu o mundo da educación,  facendo sobre todo fincapé no período da II República , a sublevación militar franquista e os primeiros anos da posguerra coas súas tráxicas consecuencias.Por outro lado realizamos unha andaina pola escola friolesa dende mediados do século XIX ata mediados do século XX.
Falar deste período é falar entre outras cuestións da innumerable presenza das escolas de ferrado: Á sociedade friolesa cumpríalle unha instrución básica á que a escola pública era incapaz de darlle resposta; de aí a proliferación de escolantes de ferrado. Escolas que coexistiron coas públicas ata ben entrado o século XX.
Non seriamos capaces de facer un listado das citadas escolas: temos referencia da d'A Laxe e o Albeiro na parroquia do Carballo; a de Samede, Torre de San Paio, Torre da Luz, Caspardo, Suouteiro e Rétede, na parroquia de Xiá; Macedo en Condes,e tantas e tantas outras que multiplicaron con seguridade as doce primeiras que aparecen recollidas no "Diccionario geográfico" de Pascual Madoz do ano 1845.
En próximas entradas deixaremos colgadas as presentacións que serviron de apoio ao exposto, pero nesta deixamos unha pequena entrevista feita a María Penas Varela- veciña na actualidade de Paredes (Carballo)- que nos relatou a súa experiencia como mestra de ferrado alá pola década dos corenta e primeiros anos dos cincuenta do pasado século, cando María era unha mociña alentada pola mestra da escola pública de Xiá ,Vicenta Puga Castro.
Cremos paga a pena pararse dez minutos e escoitala. 


Nota: As fotografías que ilustran a entrada foron feitas por Xesús Rodríguez e Ana Isabel Castro

Seguir lendo...

04/03/15

Carballo Vivo: Obradoiro da memoria

O próximo venres día 13 ás catro e media da tarde, no local social (antiga escola de Carballo) terá lugar unha nova sesión dos Obradoiros da Memoria que a Asociación Carballo Vivo puxo en marcha tempo atrás.
Xa en marcha a organización das próximas III Xornadas que se desenvolverán ao longo do mes de abril, e cara a elas, nesta ocasión falarase dos tempos das vellas que agochan nos seus muros, lembranzas e inquedanzas que se pretenden recuperar nesta sesión.
Todos nós lembramos con maior ou menor fidelidade pasaxes da nosa infancia escolar que ás veces saen a relucir cando os fillos ou netos contan as súas vivencias da escolaridade presente.
Desde aquí convidamos a todos e todas as que queiran participar na sesión do próximo venres na que, coma sempre, Carballo Vivo asegura o café, algunha lambetada e un par de boas historias.
Vémonos.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.