10/06/18

Para espallar



Onte desenvolveuse no Centro sociocultural friolés, por un lado a entrega dos premios de investigación convocados, por segundo ano consecutivo, pola asociación cultural Carballo Vivo coa colaboración da USC e do propio Concello.
Xa comentamos na entrada anterior quen eran os premiados e a satisfacción que en nós xeraba que o segundo premio recaese nunha exalumna nosa.
No acto protocolario de entrega dos premios, tanto o representante da Universidade, como o da propia asociación convocante, fixeron fincapé na importancia de espallar a existencia destes premios como os mesmos traballos, que en definitiva, repercuten nun maior coñecemento do noso patrimonio municipal e polo mesmo na necesaria esixencia dun maior compromiso na súa conservación.
Na quenda dos premiados non queremos esquecer as cariñosas palabras de Ana Fariñas cos coordinadores do que foi Friol: algo máis que pan e queixo,  proxecto que hoxe ten continuidade nas mans de Carballo Vivo.
Despois da presentación por parte de Xabier Moure do primeiro premio, Mámoas e petróglifos de Friol, traballo feito en colaboración con Brais Rodríguez, este último puxo voz pública a unha queixa que xa escoitaramos en diferentes ocasións no concello, sempre en voz queda: A lóxica recuperación do espazo feiral tradicional para a celebración da feira que se vén facendo os primeiros domingos de cada mes; petición que foi acompañada dunha estrondosa ovación. Habería que tomar nota.
A segunda parte do acto, breve, foi a presentación da segunda ruta polas parroquias do concello, en concreto por Cotá, que se desenvolverá o próximo día 23 de xuño. 
Por último, o grupo de teatro da asociación representou novamente "Unha escola en branco e negro" obtendo un novo éxito, tanto  de interpretación por parte das actrices como de público, do que esperamos que entre as risas xeradas pola posta en escena da montaxe, quedase o pouso das mensaxes críticas que a mesma destila.
Rematou a xornada cunha cea. 
Queremos agradecer a toda a veciñanza que participou nas actividades programadas a súa asistencia ás mesmas. En definitiva é ela a encargada de poñer en valor isto que é noso, que debemos coñecer e defender.
Xa para rematar queremos permitirnos felicitar especialmente as mulleres que restando tempo do seu tempo, co cariño e dedicación da que son capaces -- que non é pouco--  foron quen de artellar unha montaxe teatral dinámica e divertida que esperamos sexa a primeira dunha longa serie.
Parabéns 

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.