Amosando publicacións coa etiqueta Megalitismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Megalitismo. Amosar todas as publicacións

26/10/10

Túmulos en Friol: as medorras de Monteirón e da Reigosa.

O concello de Friol pode presumir de ter un rico patrimonio en depósitos megalíticos. Con 270 túmulos inventariados, calcúlanse 0’92 túmulos por Km2, o que supón case o dobre da media. Con todo, aínda non foron obxecto dun estudo sistemático (análise do substrato, dos elementos que a compoñen…) que aporten algunha luz sobre as tipoloxías, periodización, posibles enxovais…, pois os traballos feitos son de momento de prospección. O que si se aprecia é que as medorras de Friol posúen tamaños superiores á media (un claro exemplo é a medorra de Monteirón, fotografía esquerda), se ben resulta moi difícil unha datación precisa cando os expertos aínda non se poñen de acordo. (Para unha proposta de periodización, véxase “Cronología y periodización del fenómeno megalítico en Galicia a la luz de las dataciones por carbono 14”, de Alonso Matthías e Bello Diéguez). Para algúns, o tamaño é correlativo ás diferentes etapas do fenómeno tumular; outros autores, en cambio, din que o tamaño vén condicionado polas propias características edáficas. Tampouco hai acordo sobre a periodización dos túmulos en función das tipoloxías, pois hai túmulos con cámara ou sen cámara con diferentes datacións en moitas publicacións, e o fenómeno complícase cando polo visto, moitos túmulos foron reutilizados en periodos diferentes. Polo dito, e para non meternos en “camisas de once varas”, diremos nun sentido amplo que o megalitismo abarca un amplo período que vai desde contextos neolíticos ata o Bronce Final (desde finais do V milenio a.C. ata II milenio a.C.).
Sábese que moitos túmulos desapareceron por diversas razóns: prácticas agrícolas, trazados de pistas, ou vítimas de saqueos. Estes saqueos foron sistemáticos no S. XVII, cando o licenciado e sacerdote Vázquez de Orjas, señor do Couto de Recemil, recibe a Real Cédula de 1609, firmada por Filipe III, que o autorizaba a excavar as tumbas dos “xentiles y paganos galigrecos” para apoderarse do ouro que se cría que alí se gardaba, a cambio de que a coroa quedase cunha porcentaxe. Esa crenza da existencia de ouro, rodeada de maxia e lendas, tivo un amplo eco nas lendas locais, e considerábase que eses tesouros estaban encantados, e que se perdían se non se rescataban. A Real Cédula creou unha febre do ouro que animou a moitos labregos a abrir máis de 3.000 túmulos, iniciándose un longo episodio de innumerables xuízos, recompilados nun groso libro xudicial no que tamén hai referencias a pelexas, insultos, ameazas de forca, e anecdotarios varios de encontros sobrenaturais con seres míticos, supostos novos ricos e achados inverosímiles. (Véxase A. Martínez Salazar, “Sobre apertura de mámoas a principios del S. XVII”; tamén, sobre o proceso xudicial posterior á apertura de mámoas: Martinón-Torres e Rodríguez Casal).
Os exemplos que mostramos na foto seguen a tipoloxía común de medorra: túmulos en forma de casquete, de planta circular. Ámbalas dúas son fácilmente perceptibles na paisaxe, pero o tamaño difire. A medorra aberta de Monteirón é monumental (de feito, das máis grandes de Galicia: diámetro superior aos 50 m, cando a media é de cerca de 20 m). Na parte superior presenta unha forma de embude, o que se chama cono de violación (fotografía esquerda), claro síntoma de saqueo (non é de extrañar; o seu monumental tamaño facíaa apetecible aos ollos dos profanadores). Como dixemos nunha entrada anterior, forma parte dunha ruta arqueolóxica (Gándaras de Narla) e foi obxecto dunha limpeza da vexetación que a cubría.
A medorra da Reigosa está situada nun piñeiral á saída de Friol (estrada de Roimil), nas inmediacións do campo de fútbol, e no medio de dúas pistas forestais (fotografía dereita). O tamaño é sensiblemente inferior, máis acorde á media. Aparentemente parece intacta, aínda que é difícil determinar o seu estado por estar cuberta de piñeiros, que seguramente alteran o depósito. A vexetación circundante tamén impide facer unha análise máis detallada (presencia ou non de aneis basais de pedra, composición do túmulo…). Aínda que na fotografía non se aprecia, o seu perfil é moi nítido.
Para rematar, diremos que moitos autores fan fincapé na relación entre estes túmulos e camiños históricos (en case todos os casos, os túmulos que visitamos están rodeados de camiños) que no seu día serviron de tránsito para a explotación económica do territorio. Tampouco está claro se só tiveron función funeraria (individual ou colectiva: a acidez do solo galego impide a conservación de ósos), ou tamén delimitaban territorios e sinalizaban rutas.

Seguir lendo...

26/11/08

Gándaras de Narla

As Gándaras de Narla están situadas preto de Vilapedre, entre as parroquias de Narla, Cotá e A Devesa. Destacan pola súa monumentalidade, pois trátase de mámoas excepcionalmente grandes, cun volume superior ós 2.000 metros cúbicos, cando a maioría das mámoas lucenses oscilan entre os 100 e 300 metros cúbicos. Á luz dos datos que na actualidade temos, na provincia de Lugo só tres exemplares máis acadan este tamaño: a mámoa de Rita en Cospeito, a de Monte Modorrón en Sarria, e a de Monte Madorra en Paradela. Este tamaño excepcional pódese deber ás características edáficas da base sobre as que están construídas, en solos profundos e ubicados en zonas sedimentarias de val aberto, pois hai túmulos, como os de Guldriz, que son necesariamente máis pequenos, ó estar asentados sobre a propia rocha, cun nivel edáfico case inexistente. Ademáis diso, as Gándaras de Narla son fácilmente visibles desde a paisaxe que as rodea. (Datos extraídos de "O Neolítico Atlántico e as orixes do Megalitismo". Actas do Coloquio Internacional de Santiago de Compostela, abril, 1996).
Xunto co dolmen da Muruxosa (Cotá) e as Medorras de Monteirón (Devesa), as Gándaras de Narla están en proceso de ser declaradas Ben de Interese Cultural e estase a acondicionar unha ruta arqueolóxica.

Seguir lendo...

13/10/08

Dolmen da Muruxosa

Situado na parroquia de Cotá. Para chegar a el, na estrada Lugo-Friol e pasado o cruce de Cotá, hai que coller un camiño á dereita onde está unha casa abandonada e seguir cara ó río. A uns 200 metros, á esquerda do camiño, podedes atopar este magnífico exemplar de arquitectura megalítica do noso país. De todo o concello de Friol é o mellor conservado, pois conserva a tapa da cámara. A cámara está formada por cinco laxes que posiblemente manteñen a súa posición orixinal, mentres que a sexta laxe que hoxe se apoia sobre a tapa, está probablemente desprazada da ubicación orixinal. A cámara megalítica mide 1'70 m por 1'50 m. O conxunto conserva resto da estrutura tumular.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.