Esa especie de caseto de cemento... que sentido ten?. Non lle vemos nin funcionalidade nin moito menos finalidade estética. Cremos que o peto de ánimas de Cotá, se falase pediría que o liberasen canto antes deste 'bochornoso' desacerto para recuperar a dignidade que merecen estes pequenos monumentos que tan populares foron en Galicia. Moitos desapareceron nos novos trazados de estradas, outros, sinxelamente morreron no esquecemento.
O peto de ánimas de Cotá está situado nunha praza fronte á igrexa. Trátase dun peto de cantaría moi sinxelo, cun corpo central rectangular composto por dous elementos: na parte baixa está o peto, pechado cunha lámina de ferro coa súa pechadura e bisagras; sobre el figura unha lápida de mármore cunha inscrición (ESTE PETO DE ÁNIMAS É DA PARROQUIA DE COTÁ PREGADE POLOS SEUS DIFUNTOS). Pensamos que este elemento foi un engadido posterior bastante desafortunado. Nin sequera se coida a factura (obsérvese o corte da lápida na base e a asimetría xeral, ou os apliques metálicos de titánicas proporcións). Parece como se houbese que encaixala nunha cavidade preexistente que tal vez tivo algún relevo ou pinturas. Era habitual que estes elementos desaparecesen en roubos intencionados ou por outras razóns.
Sexa como sexa, pensamos que polo menos o caseto hai que quitalo.