30 decembro 2010

De xullo do 1928 a agosto do 1936 ( e II )

Dentro da mesma lista electoral que presentara a Fronte Popular, estaba Jesús Corral Vigo, veciño da parroquia de Narla, nacido no ano 1897, e naqueles momentos vicepresidente de Izquierda Republicana en Friol.
Chegado o momento do golpe militar franquista, aproveitando este, Segismundo Grande aparece xa como alcalde o 1 de agosto do 1936. Ao tempo "Segas" e o anteriormente citado Corral Vigo ( coñecido polos coñecidos como Carrolo) aparecen achegados ao que logo sería o partido único F.E.T- J.O.N.S. ,ocupando este último a Xefatura Local do Movemento.
Dado o papel pacificador do alcalde G.Rosón, nos primeiros momentos do golpe, en Friol non houbo que relatar --cando menos oficialmente-- actos violentos, o que non impediu que algúns veciños fosen detidos ou expedientados polas súas responsabilidades políticas ou civís nos anos da guerra 36-39. Entre eles o propio alcalde e o citado Jesús Corral Vigo.
Segundo puidemos contrastar, os expedientes abertos aos diferentes concelleiros legais, para seren instruídos necesitaban o informe do Xefe Local do Movemento, que como sabemos era un dos encausados, e quedaron todos sen sanción, agás o alcalde que foi o único sancionado.
(Este dato quixemos completalo e pedimos información ao Centro Documental da Memoria Histórica que a pesar de ter rexistrado o expediente, contestaron á nosa petición que " consultados nuestros instrumentos de descripción, no hemos encontrado ninguna referencia fichada relativa a José González - Rosón Losada".)
O que si sabemos é que José González Rosón y Losada retirouse da actividade pública e pasou o resto dos seus días entre Lousende e a súa vivenda, na antiga General Mola,18 (hoxe Castelao) en Lugo, ata que faleceu no ano 1946.
Segismundo Grande seguiu de alcalde ata os anos cincuenta nos que foi relevado por D. Enrique Camoira.
D. Jesús Corral Vigo faleceu no ano 1964.
Na fotografía que acompaña á entrada, aparece á dereita a casa dos Grande.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.