A primeiros de setembro, no diario “El País”, saiu publicada unha reportaxe sobre o albergue de peregrinos de Santiago de Miraz. Este albergue, xestionado pola Confraternity of Saint James, está situado a escasos metros da igrexa parroquial. Non é o único albergue desta Confraría, no Camiño -- usamos o que teñen no Burgo Ranero - León- a principios do noventa como camiñantes.
O peregrino que escolle o chamado Camiño Norte entra no concello pola parroquia de San Paio do Seixón e despois de atravesar a de Miraz e Nodar (A Cabana), deixa o mesmo pola parroquia de Silvela ( Corteporcos e Pedramaior) para entrar na provincia da Coruña e dirixir os seus pasos cara a Sobrado. Dentro das tantas cousas que temos pendente de facer unha delas é percorrelo para ver as condicións nas que se atopa.
Tamén toca ao concello o Camiño Primitivo. Concretamente a parroquia do Pacio ve pasar peregrinos cara a Ponte Ferreira , xa en Palas de Rei. Precisamente á beira desta vía atópase a Casa do Fidalgo á que xa fixemos alusión noutras entradas.
Só dicir que, segundo testemuñou aulloaenfotos no km. 76,600 o seu paso está cortado. Descoñecemos as razóns, que deben ser certamente poderosas, pois o feito está denunciado pero... segue cortado. No blog citado, nesta entrada que podedes ler aquí , hai unha referencia gráfica ao feito coa súa correspondente e xusta crítica.
0 comments:
Publicar un comentario