08/10/10

De exoplanetas e extraterrestres

Días atrás saiu publicada nos xornais, unha noticia que falaba do descubremento por parte dun grupo de astrónomos da NASA, dun novo planeta extrasolar “Gliese 581g” cunhas características semellantes ao noso.
Deixando voar a imaxinación non é difícil aventurar que na infinidade de galaxias descoñecidas por nós, exista a posibilidade de atopármonos nun futuro vindeiro con outras formas de vida intelixente da que de momento non somos quen de intuír forma e estado.
Publicamos isto neste blog, porque no ano 1996, aquí no concello de Friol, máis concretamente na parroquia de Vilalvite, nas Ferrerías, uns veciños foron testemuñas dun suceso do que hai constancia documental e fotográfica e mesmo un atestado levantado pola Garda Civil ata alí desprazada.
Bruno Cardeñosa ( presentador do programa radiofónico "La Rosa de los Vientos" --Onda Cero--), no seu libro El misterio OVNI : Un alto secreto al descubierto: investigaciones y evidencias, relata polo miúdo  o acontecido.
Nel deixa constancia da peregrinaxe de investigadores e medios de comunicación ao lugar,na procura de información de primeira man. Os feitos ocorreron a noite do seis ao sete de marzo do ano citado e os veciños que avistaron "os alieníxenas" e a súa nave, foron Mª Fe Pena Ceide e Jose Manuel Castro.
Na mesma publicación aparece unha fotografía das pegadas dos supostos visitantes ( a que acompaña á entrada).
No enlace que vos deixamos podedes ler con detemento os feitos. A nós quédanos a dúbida de se estas personaxes marcharon ou houbo algunha que quedou entre nós.
A fotografía da esquerda está recollida do libro citado de Bruno Cardeñosa

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.