Amosando publicacións coa etiqueta Centenario Cilistro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Centenario Cilistro. Amosar todas as publicacións

16/02/15

O Sport Club de Friol (II)

Aproveitando a fotografía dunha formación do equipo de fútbol da sociedade Sport-Club de Friol da que xa falamos noutra entrada, engadimos novos datos sobre a mesma. 
Se ben é certo que é o ano 1933 a data de autorización e posta en marcha oficial desta sociedade, hai que dicir que os primeiros pasos-- que están documentado grazas a Higinio.M.F.V-- déronse con anterioridade. De feito hai constancia da realización de diferentes asembleas nos veráns de 1930 e 1931 e en novembro de 1932; precisamente esta última tiña como obxecto --entre outros-- o de elaborar o proxecto de regulamento da sociedade para a súa posterior inscrición no rexistro provincial.

Destes primeiros anos temos noticias da celebración de enfrontamentos futbolísticos entre o equipo de Friol cos de outras localidades da provincia: co equipo Cultura F.C. de Taboada, e o C. F. de Baamonde no verán do ano 1930. Á confrontación deportiva engadíaselle a participación nas actividades festivas coas que coincidían os citados encontros. nas que non faltaban nin ágapes nin bailes, polo que se organizaban verdadeiras excursións festivas acompañando aos equipos. Hai que lembrar o perfil deportivo e cultural que tiñan a maioría deste tipo de sociedades que agromaron por toda Galicia no primeiro terzo do século XX (o libro  "Historia social do deporte en Galicia- 1850-1920" de Andrés Domínguez Almansa é unha máis que recomendable lectura para comprender en profundidade todo o relacionado coa práctica deportiva destes anos en Galicia)  
Xa por estas datas a sociedade friolesa contaba cun campo adaptado para a práctica do fútbol na Reigosa. De feito nas festas da Santa Isabel do ano 1931 (19 de xullo) celebrouse un partido contra o equipo de fútbol de Chantada, que serviu para inaugurar o campo deportivo ( nunha asemblea posterior a directiva do Sport-Club pon en coñecemento aos seus asociados dos actos vandálicos que sufriu o citado campo de Deportes ao que lle foron cortados a maioría das oitenta e catro moreiras plantadas pola sociedade no recinto).
A fotografía non sabemos exactamente cando foi tomada, pero inclinámonos a pensar que é bastante probable fose feita ese día polo simbólico do acto -- pero é unha mera conxectura que non podemos, de momento, acreditar ao cen por cen--
O partido celebrado na Reigosa contou coa aliñación inicial seguinte por parte do Sport-Club: Antonio López Díaz, Ángel Bóveda, Manolo Rodríguez, José Bóveda, Francisco Rodríguez, José Fernández, Celestino Fernández de la Vega ( con camisola branca), Luis Méndez, Manolo López Díaz, José Carballal e Santiago López   

Seguir lendo...

28/09/14

Castronela dedicada a Cilistro no seu centenario

Higinio M. F. dela Vega en plena exposición
Onte á tarde no Museo de San Paio desenvolveuse o nº 3 da revista oral Castronela cunha asistencia de público maior da esperada.A revista estivo dedicada integramente a Celestino Fernández de la Vega conmemorando así o centenario do nacemento do pensador friolés .
As diferentes intervencións zumegaban o agarimo que lle tiñan ao homenaxeado os diferentes oradores; ben por razóns de familiaridade, amizade ou simple coñecemento do autor ou da súa obra. As mesmas foron festonadas coa música da violonchelista  Paula Rancaño e os relatos humorísticos  ben acaídos de Lois Pérez.
Tanto Ramón  López Vázquez, estudoso da figura de Cilistro como deixou ver na súa maxistral intervención, como o anecdotario xuvenil que nos achegou Higinio M.F. de la Vega, transportaron ao público asistente ao Lugo que viviu e conformou a existencia de Celestino. 
Pola súa banda, Alfonso Blanco Torrado percorreu os inicios de Xermolos - asociación guitiricense-- e a axuda, colaboración e ánimos que desde o seu posto no daquela Goberno Cívil lles prestou o homenxeado.
A guinda púxoa María Luisa Maceda, viúva do autor que visiblemente emocionada completou o retrato perfilado polos oradores anteriores.
Como resumo só queda felicitar tamén aos organizadores: un luxo de revista.
As fotografías correspóndense coas intervencións de Higinio Martínez F dela Vega, Lois Pérez e Ramón López Vázquez

Seguir lendo...

14/02/14

Centenario de Celestino Fernández de la Vega (1914- 1986)

Este ano conmemórase o centenario do nacemento deste egrexio friolés. Neste caderno xa lle dedicamos varias entradas. Iniciado este ano, de momento deixamos aquí a entrevista que Xulio Xiz lle fixo a Celestino Fernández de la Vega, na Radio Galega no programa "Amigos", emitida no ano 1986, precisamente o ano do seu falecemento.
Na mesma podemos escoitar na súa voz un resumo do seu pensamento e da súa vida. A verdade é que non ten perda. 



Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.