Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións

30/05/19

As mulleres do Narla en Friol

Dada a boa acollida da representación, na Torre de San Paio, da obra "Mulleres do Narla: cambiemos o conto" e que houbo quen que quedou sen poder vela, decidimos facer unha nova representación, nesta ocasión no Centro sociocultural de Friol o próximo domingo día 9 de xuño.
Esperámosvos

Seguir lendo...

13/05/19

Mulleres do Narla: cambiemos o conto

Este venres ás 18.30 horas na Fortaleza de S Paio de Narla da Rede Museística Provincial estrearase a montaxe “Mulleres de Narla: cambiemos o conto”, do grupo de teatro Carballo Vivo. 
Nesta ocasión viaxaremos desde o afastado século XVI - partindo do lendario-- ata os nosos días, tendo como eixo transversal  a vida e pensamentos de diferentes mulleres de diferentes épocas e diferentes sensibilidades que reflicten o que foi e segue a ser unha cosmogonía patriarcal que inundaba e inunda o día a día.
De aí ese desexo que desprende o título e que reflicte a necesidade de deixar esas actitudes paternalistas e posesivas que impiden o pleno desenvolvemento da metade da poboación, tan só por cuestión de xénero.
A obra en clave de humor pretende ser inicio dunha necesaria reflexión colectiva sobre o papel que desenvolveu e desenvolve a muller nunha sociedade tradicional como a nosa, e que esa reflexión sexa motor de inicio que permita aos poucos cambiar o conto.
As risas podemos aseguralas, as reflexións xa son cousa de cadaquén, esperamos xerar algunha incomodidade.
Esperámosvos

Seguir lendo...

04/05/19

7ª Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural

Chega maio e canda el chegan as Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural organizadas por Carballo Vivo. Desenvólvense, este ano, o 17 e 18 de maio, rematándoas o 1 de xuño.
Dentro destas sétimas xornadas, destaca a homenaxe a Xan de Forcados, na que intervirán Henrique Hervés Saiar e J Antonio Quiroga Díaz, e a presenza de Marcos Pantoja e Concha López Llamas na xornada dedicada ao lobo, que como de costume rematará coa ruta a pé polo monte de Carballo.
Non esquecendo o tema da saúde que este ano versará sobre a educación sexual enfocada cara os pais e nais, subliñamos as actividades a desenvolver o Día das Letras Galegas nas que haberá unha conferencia sobre Antonio Fraguas, ditada por Antonio Prado, acompañado de lecturas do autor realizadas polo alumnado do colexio de Friol e a actuación do grupo Arrincadeira folk.
Mención aparte merece a estrea da obra do grupo de teatro da propia asociación que representará ese mesmo 17 de maio, a obra “Mulleres do Narla: cambiemos o conto”, unha montaxe que non vai deixar indiferente a ninguen.
Esperamos contar coa vosa presenza.

Seguir lendo...

25/03/19

Teatro de Friol en Santiago

Dentro das V Xornadas de Innovación Educativa Rural organizadas pola Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC, que se van desenvolver esta semana en Santiago de Compostela, no Campus Norte da citada Facultade, o grupo de teatro Carballo Vivo vai representar de novo "Unha escola en branco e negro".
Estes días paramos os ensaios da nova obra que andamos preparando para maio e, ás ordes dunha moi severa dona Virtudes e baixo a atenta mirada do señor alcalde, a vixilancia moral do señor cura e a supervisión da señora inspectora, as alumnas realizaron uns novos ensaios a xeito de recordatorio para que este mércores volvan colleitar os mesmos éxitos que até o de agora.
Así que xa sabedes se vos cadra achegarvos seredes ben recibidas.
O programa das xornadas é este que deixamos aquí enlazado.


Seguir lendo...

01/11/18

Nova representación de Unha escola en branco e negro...

Dentro da VI invernada de cine organizada pola Asociación de Veciños  de Cabreiros (Xermade), convidados pola organización, o próximo día 17 de novembro, sábado ás seis da tarde o Grupo de Teatro Accidental Carballo Vivo representará "Unha escola en branco e negro" montaxe estreada no mes de maio en Carballo (Friol).

Este divertimento recrea o día a día dunha escola pública do rural galego, no que se intercalan monólogos cargados do mesmo humor crítico que impregna toda a representación.

Tanto os diferentes cadros como os monólogos repasan o que foi unha escola tradicional ben aproveitada polo nacional-catolicismo imperante ao longo da ditadura franquista.
Achéganos ao que foi, para moitos, un ensino xerador de súbditos no que importaba máis o memorístico e a repetición de consignas que agradasen ao réxime, cá formación de verdadeiros cidadáns e cidadás con capacidade crítica.
A relixión, a lingua, o leite americano, os cánticos patrióticos, o desleixe co próximo na aprendizaxe, o desigual trato do alumnado, o patriarcado presente na educación das nenas,… mestúranse coa frescura dunhas alumnas que non esquecen o seu e, sen seren conscientes, defenden unha cultura deturpada polo réxime a través de xogos e cancións de noso. Exemplo claro do proceso dialéctico que acabou derrubando os muros desta escola anquilosada.
Distinguir o real do ficticio é un exercicio que o grupo deixa na man dos espectadores. É a primeira experiencia interpretativa fóra do ámbito municipal (haberá máis) e esperamos acadar a mesma acollida e o mesmo éxito que tivemos nas nosas anteriores actuacións.

Seguir lendo...

10/06/18

Para espallar



Onte desenvolveuse no Centro sociocultural friolés, por un lado a entrega dos premios de investigación convocados, por segundo ano consecutivo, pola asociación cultural Carballo Vivo coa colaboración da USC e do propio Concello.
Xa comentamos na entrada anterior quen eran os premiados e a satisfacción que en nós xeraba que o segundo premio recaese nunha exalumna nosa.
No acto protocolario de entrega dos premios, tanto o representante da Universidade, como o da propia asociación convocante, fixeron fincapé na importancia de espallar a existencia destes premios como os mesmos traballos, que en definitiva, repercuten nun maior coñecemento do noso patrimonio municipal e polo mesmo na necesaria esixencia dun maior compromiso na súa conservación.
Na quenda dos premiados non queremos esquecer as cariñosas palabras de Ana Fariñas cos coordinadores do que foi Friol: algo máis que pan e queixo,  proxecto que hoxe ten continuidade nas mans de Carballo Vivo.
Despois da presentación por parte de Xabier Moure do primeiro premio, Mámoas e petróglifos de Friol, traballo feito en colaboración con Brais Rodríguez, este último puxo voz pública a unha queixa que xa escoitaramos en diferentes ocasións no concello, sempre en voz queda: A lóxica recuperación do espazo feiral tradicional para a celebración da feira que se vén facendo os primeiros domingos de cada mes; petición que foi acompañada dunha estrondosa ovación. Habería que tomar nota.
A segunda parte do acto, breve, foi a presentación da segunda ruta polas parroquias do concello, en concreto por Cotá, que se desenvolverá o próximo día 23 de xuño. 
Por último, o grupo de teatro da asociación representou novamente "Unha escola en branco e negro" obtendo un novo éxito, tanto  de interpretación por parte das actrices como de público, do que esperamos que entre as risas xeradas pola posta en escena da montaxe, quedase o pouso das mensaxes críticas que a mesma destila.
Rematou a xornada cunha cea. 
Queremos agradecer a toda a veciñanza que participou nas actividades programadas a súa asistencia ás mesmas. En definitiva é ela a encargada de poñer en valor isto que é noso, que debemos coñecer e defender.
Xa para rematar queremos permitirnos felicitar especialmente as mulleres que restando tempo do seu tempo, co cariño e dedicación da que son capaces -- que non é pouco--  foron quen de artellar unha montaxe teatral dinámica e divertida que esperamos sexa a primeira dunha longa serie.
Parabéns 

Seguir lendo...

27/05/18

Entrega do II Premio de investigación sobre Friol

Onte remataron as Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural cunha serie de charlas relacionadas coa produción agrogandeira e co consabido debate sobre o mundo do lobo e posterior ruta nocturna polo monte da parroquia.
Mais a actividade da asociación Carballo Vivo continúa.
Esta semana déronse a coñecer os premiados no II Premio de investigación Concello de Friol 
Xabier Moure e Brais Rodríguez foron os gañadores cun traballo sobre as mámoas e petróglifos do concello friolés. O segundo premio foi para a veciña do concello e exalumna nosa Ana Fariñas con un estudo sobre a prehistoria.
Os premios faranse entrega no acto que terá lugar o próximo sábado día 9 de xuño no centro sociocultural de Friol
No mesmo acto presentarase a segunda ruta do proxecto,"Friol: algo máis que pan e queixo" e representarase a montaxe teatral "Unha escola en branco e negro" a cargo do Grupo de Teatro Accidental Carballo Vivo que foi estreada con notable éxito o pasado Día das Letras Galegas na escola de Carballo.
A hora de inicio das actividades é as 19.30 horas.

Seguir lendo...

18/05/18

Estreamos as Xornadas e a montaxe teatral

Onte, 17 de maio, botaron a andar as 6ª Xornadas de interpretación e dinamización do mundo rural cunha sesión vespertina intensa.
Despois da consabida presentación das mesmas e entre a lectura de fragmentos da obra da autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, Mª Victoria Moreno a cargo do alumnado do CPI Dr. López Suárez e a actuación musical do grupo de Monterroso "25 xastres", tivo lugar a representación teatral "Unha escola en branco e negro" a cargo do grupo de teatro da propia asociación que promove estas xornadas.
Cun local social ateigado, estreouse a montaxe na que o grupo leva traballando arreo desde hai tempo.
A actuación se a temos que valorar pola entrega do público, foi todo un éxito; pero non era para menos pois o desenvolvemento da obriña foi levada con verdadeiro entusiasmo e bo facer por parte de todas as actrices que saíron a escena.
"Unha escola en branco e negro" é unha análise crítica da educación dos tempos da ditadura franquista, con diferentes escenificacións dunha escola daqueles tempos en clave de humor e pequenas reflexións críticas das que se poden tirar ensinanzas válidas para o tempo presente.
Só queda agradecer a todas as persoas que, dun ou doutro xeito, fixeron que esta montaxe fose posible, sen esquecermos dar as grazas pola agarimosa acollida do público presente.

Nota: Lembrar que as Xornadas continúan este sábado 19, coa mañá dedicada a unha charla sobre saúde e a tarde á homenaxe a Celestino Fernández de la Vega e a actuación do narrador oral Lois Pérez

Seguir lendo...

30/04/18

Grupo de teatro Carballo Vivo

Entramos nun maio cargado de actividades no concello friolés. 
Á tradicional romaría do S Benito do Carballo, co correspondente Domingo das Poxas ( 3 e 6 de maio), incorporóuselle xa hai anos as Xornadas que desenvolve a asociación Carballo Vivo na mesma parroquia os días 17, 19 e 26 do mesmo mes.
Por outra parte este ano incorpórase a celebración do 2º Friulio ( celebrado o ano anterior no mes de marzo) na fin de semana do 12 e o 13.
Polo que a nós toca realizaremos a estrea da montaxe teatral “A escola en branco e negro” o mesmo 17 dentro do programa das Xornadas de Carballo.
Tomando o testemuño iniciado o pasado ano por Carballo Vivo, (lembramos a éxitosa representación da Galiña Azul de C. Casares) preparamos unha montaxe "traxicómica" que reflicte a escola duns tempos escuros, cuns monólogos en clave de humor que repasan os feitos nunha hipotética escola de primeiros dos anos sesenta.
Cunha nutrida representación feminina o grupo de teatro leva ensaiando esta montaxe desde primeiros de xaneiro coa mirada posta no Día das Letras Galegas.
Posteriormente faranse máis representacións das que iremos informando no seu momento.
O grupo está formado por Rocío del Río, Marta Fernández, Lucía Cabado, Mar Pérez, Jennifer Morandeira, Antía Iglesias, Ánxela Maneiro, Silvia Loureiro, Ana Hermida, Mª José Lamas e Silvia Cabado.
Esperamos contar coa vosa presenza o 17 de maio.

Seguir lendo...

18/05/13

Éxito de "A serpe da cova"

Hoxe como colofón das "Iª Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural" que se desenvolveron estes sábados pasados na parroquia de Carballo, tivo lugar na Torre de San Paio a representación da montaxe "A serpe da cova" do grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo".
E hai que dicilo ben alto: os rapaces e rapazas fixeron unha moi boa interpretación, á que axudou a clara sintonía co numeroso público asistente. Pensamos que foi a obra que máis público achegou a San Paio, nunha data tan sinalada como "O Día Internacional dos Museos".
Público e actrices e actores-- é a primeira montaxe mixta--  quedaron máis que satisfeitos da actividade, o que nos dá azos para continuarmos co noso traballo que, aos poucos, vai acadando novas metas. 
Xa só quedan as representacións para o IES de Guitiriz (este martes) e para o CPI de Guntín (xoves) que esperemos resulten tan exitosas coma esta de hoxe.

Seguir lendo...

01/05/13

A serpe da cova

Entramos no mes de maio e con el o mes que destinamos á presentación da montaxe anual que estes últimos anos facemos na Torre de San Paio.
Este ano no que o Día das Letras Galegas está dedicado a  Roberto Vidal Bolaño, representante xenuíno do mundo teatral galego, non podemos senón que aledarnos por compartir dedicación --evidentemente nunha esfera completamente distinta-- con este homenaxeado que levaba o teatro no seu sangue.
Nós dun xeito máis modesto, aínda que non menos intenso, argallamos este ano a reposición de "A Serpe da Cova", primeira montaxe do noso grupo ( maio 2009).
Aínda que o fío condutor da obra segue sendo a lenda emblemática do noso concello, introducimos pequenas variacións, novos personaxes e novas situacións que lle dan á montaxe un novo aire e que se non erramos nas nosas perspectivas van significar un salto cualitativo das nosas producións.
Aparte das habituais funcións destinadas aos compañeiros do noso centro, este ano representaremos a obra para o alumnado do CPI de Guntín -- repiten despois da experiencia do ano pasado-- e tamén para os do IES de Guitiriz, que será a primeira vez que asistan a unha nosa representación.
Por outro lado, o día 18 de maio --sábado ás seis da tarde-- Día Internacional dos Museos, faremos unha sesión aberta que estará dedicada especialmente para os asistentes ás 1ª Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural que empezaron a celebrarse este pasado sábado 27 de abril.
Agradecer a colaboración da Rede Museística e en especial ao persoal da Torre de San Paio. Sen a súa axuda e colaboración este conto non sería posible.
Esperámosvos !.
   
  

Seguir lendo...

25/01/13

Deixémonos de dindirindainas

Hoxe estreamos a montaxe que para os habituais xa son " As dindirindainas" e que nós seguimos representando co título desta entrada.
Imos pola cuarta edición, xa catro anos !, e semella que lle imos tomando o pulso ao persoal, pois a verdade é que hoxe a sensación, ao rematar a función, era de quen sae dun espectáculo ao que inicialmente se ve obrigado a asistir pero que ao final resulta do seu agrado. De feito rapazas e rapaces comentaron con interese as diferentes intervencións dos membros do grupo.
Como ben sabedes, temos rapazas con moita experiencia e iso nótase un montón; pero non é menos certo que as novas incorporacións fixeron un papel non menos digno que nos permite afirmar que a montaxe resultou moito máis exitosa do esperable.
Agradecemos particularmente a  Silvia Cabado a súa achega, pois a pesar de estar nun proceso vírico-gripal que non favorece este tipo de actividades, realmente mantivo o tipo cunha actuación máis que destacada.
Mañá recuncamos e esperamos rematar coas mesmas sensacións.

Seguir lendo...

18/06/12

O domingo en San Paio

Pechando a actividade teatral deste curso, este domingo representamos para toda a Comunidade Educativa, a montaxe que nos ocupou este ano.
Aínda que a tarde era de pura invernía, e animaba a permanecer na casa abeirados da choiva impenitente que acompañou toda a representación, foi bastante nutrida a sesión, na que non quedaron practicamente cadeiras baleiras.
Como era de esperar as rapazas fixérono estupendamente e non queda máis que deixar o enlace correspondente para quen queira ver a obra en vídeo. Premendo aquí accededes aos tres vídeos nos que está dividida a montaxe.

Seguir lendo...

14/06/12

Nova representación de "Non o creo!"

Achéganse as vacacións, pero o grupo de teatro aínda ten pendente unha representación á que convidamos a todos os membros da comunidade educativa e a todos aqueles que , aínda non pertencendo á mesma, desexen pasar un tempo con nós botando, con seguridade unhas risas. Neste tempos que corren non é pequena a oferta que facemos... 
Así que xa sabedes, se queredes, este domingo --si ledes ben !-- día 17 ás cinco e media da tarde na Torre de San Paio representamos "Non o creo!"
Esperámosvos

Seguir lendo...

25/05/12

Non o creo! (2)

Hoxe rematamos a primeira quenda de representacións da montaxe "Non o creo!". Se ao principio estabamos temerosos sobre os resultados do divertimento, podemos dicir que, unha vez máis, o éxito coroou o traballo que levamos facendo dende hai uns meses. 
A verdade é que estamos satisfeitos co traballo realizado e cos resultados obtidos. Só queda esperar uns días para facer a representación aberta para toda a comunidade, da que avisaremos con tempo suficiente. De momento, só queda felicitar ao elenco de actrices das que podemos dicir, sen esaxerar, que con seguridade teñen futuro no mundo teatral. Ánimo e desde aquí os nosos parabéns. 
Deixamos este pequeno repaso fotográfico da segunda sesión de hoxe. Máis adiante colgaremos un vídeo coa obra. 

Seguir lendo...

13/05/12

Non o creo!

Xa pouco falta para a estrea da montaxe que, este curso, o grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo" está preparando, cumprindo co seu compromiso anual. 
Este ano o título da montaxe "Non o creo!", ao contrario do que sucedía en cursos pasados, non dá moitas pistas sobre o seu contido. 
Podemos dicir, que respectamos a norma por nós autoimposta de ser un guión propio, basado en feitos históricos ou lendarios que teñan que ver coas terras friolesas. 
Pois ben, "Non o creo!" cumpre este perfil, ao mesturarmos feitos reais con feitos da memoria popular todos ocorridos nestas terras e --este ano -- nas terras de Guntín de Pallares. 
Explicámonos: Os feitos ocorren a fins do século XIX, concretamente no ano 1873. Neses tempos, os enfrontamentos entre liberais e carlistas tocaron de cheo a Galicia, e por suposto non quedaron á marxe estas terras, que sufriron a presenza das partidas dos carlistas, das que hai recollidos testemuños dos seus feitos -vía hemeroteca-. 
A montaxe, posteriormente dá un chimpo de cen anos e aproveita a publicación dunha nova recollida no diario provincial "El Progreso" que dá conta do achado dunha cazola con máis de oitocentas moedas de ouro e prata que permitiron --diso somos sabedores por un demanchiño que nolo achegou á orella-- a adquisición dun tractor da máis alta gama daqueles momentos-- estamos falando de 1973-. 
Pois ben, todo isto mesturado con algo de imaxinación, e da man dun trasno ao que non lle afecta, claro está, o paso do tempo, deu como resultado esta obra que estrearemos o 23 de maio no lugar habitual para estas montaxes. 
Este ano faremos unha representación extra para o alumnado de ESO do CPI Tino Grandío de Guntín, que se achegarán á Torre de San Paio o día 24 de maio. Nos enlaces que vos deixamos podedes completar a información histórica na que se apoia a montaxe para ter unha comprensión máis doada da mesma. 
Xa por último, indiar que agochamos algunha que outra sorpresa que non desvelaremos pero que seguro vai dar que falar.
Neste enlace da Rede Museística Provincial tedes unha pequena sinopse da montaxe.
Vémonos!.

Seguir lendo...

17/12/11

Éxito das Dindirindainas!

Que o grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo" vaise asentando é un feito. Aos poucos, sen montar moito balbordo, vai conseguindo, por unha parte, achegar máis público ás súas actuacións, e pola outra mellorar a posta en escena das representacións que monta.
Despois da sesión de onte para os compañeiros da ESO do CPI de Friol, que resultou altamente exitosa, hoxe repetiuse a montaxe para o público friolés que encheu máis da metade do Centro Socicultural; que en Friol, co día frío e desapacible que estaba, e con matanzas en moitos lugares, non é pouco.
As rapazas que participaron na terceira vegada de "Deixémonos de Dindirindainas!" fixérono, se cabe, aínda mellor ca en anos anteriores.
Desde aquí só nos queda felicitalas e animalas para a próxima montaxe que estrearán alá polo mes de maio.
Parabéns.
Para ver as fotos das dúas sesións premede aquí

Seguir lendo...

10/12/11

Deixémonos de Dindirindainas (III)

Achégase a posta en escea da montaxe que o grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo" do CPI Dr. López Suárez, presenta por estas datas.
"Deixémonos de dindirindainas" vai pola terceira entrega. Cun reducido e anovado plantel de rapazas, -os rapaces non se atreven a dar o paso e participar nas actividades teatrais-- enfrontamos o reto de manter o monólogo como elemento esencial da montaxe, na que introducimos algunha novidade que esperemos sexa do agrado dos espectadores.
O traballo foi moito e os nervios, a estas alturas, moitos. Só queda que o resultado sexa o esperado.
As sesións previstas son dúas:
Unha destinada ao alumnado da ESO:
Venres 16 ás 12.45 h.
A segunda aberta a todos e todas os que queiran asistir será o
Sábado 17 ás 17 h.
Ambas as dúas representacións, como ben indican os carteis, serán no Centro Sociocultural de Friol.
Esperámosvos !

Seguir lendo...

11/06/11

"Algo máis que pan e queixo" nas VII Xornadas Interxeracionais Rurais

Hoxe desenvólveronse na Torre de San Paio,ao longo de todo o día, as actividades previstas nas VII Xornadas Interxeracionais Rurais organizadas pola Asociación de Veciños de Cabreiros, o Concello de Xermade e a Universidade de Santiago de Compostela.
Como xa fixeramos mención tempo atrás, fomos convidados para facermos a presentación deste blog e escenificar a montaxe teatral "De serpes e segas".
Calquera das dúas actividades foron moi ben acollidas polos participantes. Dicir que nunca viramos tan cheo o salón como esta tarde na representación da obra.
A xornada completouse tal como estaba previsto con diferentes actividades relacionadas co liño.
Aproveitamos esta entrada para agradecer á organización, que tivo a deferencia de contar con nós, e ao tempo expresar a nosa envexa sa ao ver a capacidade de convocatoria que hoxe demostraron.
A fotografía reflicte un momento da presentación de terrasdefriol.

Seguir lendo...

29/05/11

De serpes e segas

Onte tivo lugar na Torre de San Paio a representación para os pais da obra "De serpes e segas". Dado o éxito da convocatoria houbo que habilitar máis espazo para o acomodo do público que encheu a sala de escenificación.
Boa actuación das rapazas e éxito da montaxe entre os asistentes.
Non podemos resumir mellor a sesión de onte.
Aproveitar esta entrada para dar as grazas á Rede Museística Provincial por facilitarnos as dependencias deste Museo de San Paio como lugar de representación do noso traballo.
Neste enlace poderedes ver as fotografías da sesión deste sábado.

Seguir lendo...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.