Xa pouco falta para a estrea da montaxe que, este curso, o grupo de teatro "Algo máis que pan e queixo" está preparando, cumprindo co seu compromiso anual.
Este ano o título da montaxe "Non o creo!", ao contrario do que sucedía en cursos pasados, non dá moitas pistas sobre o seu contido.
Podemos dicir, que respectamos a norma por nós autoimposta de ser un guión propio, basado en feitos históricos ou lendarios que teñan que ver coas terras friolesas.
Pois ben, "Non o creo!" cumpre este perfil, ao mesturarmos feitos reais con feitos da memoria popular todos ocorridos nestas terras e --este ano -- nas terras de Guntín de Pallares.
Explicámonos:
Os feitos ocorren a fins do século XIX, concretamente no ano 1873. Neses tempos, os enfrontamentos entre liberais e carlistas tocaron de cheo a Galicia, e por suposto non quedaron á marxe estas terras, que sufriron a presenza das partidas dos carlistas, das que hai recollidos testemuños dos seus feitos -vía hemeroteca-.
A montaxe, posteriormente dá un chimpo de cen anos e aproveita a publicación dunha nova recollida no diario provincial "El Progreso" que dá conta do achado dunha cazola con máis de oitocentas moedas de ouro e prata que permitiron --diso somos sabedores por un demanchiño que nolo achegou á orella-- a adquisición dun tractor da máis alta gama daqueles momentos-- estamos falando de 1973-.
Pois ben, todo isto mesturado con algo de imaxinación, e da man dun trasno ao que non lle afecta, claro está, o paso do tempo, deu como resultado esta obra que estrearemos o 23 de maio no lugar habitual para estas montaxes.
Este ano faremos unha representación extra para o alumnado de ESO do CPI Tino Grandío de Guntín, que se achegarán á Torre de San Paio o día 24 de maio.
Nos enlaces que vos deixamos podedes completar a información histórica na que se apoia a montaxe para ter unha comprensión máis doada da mesma.
Xa por último, indiar que agochamos algunha que outra sorpresa que non desvelaremos pero que seguro vai dar que falar.
Neste enlace da Rede Museística Provincial tedes unha pequena sinopse da montaxe.
Neste enlace da Rede Museística Provincial tedes unha pequena sinopse da montaxe.
Vémonos!.
0 comments:
Publicar un comentario